luns, 20 de novembro de 2023

(Caixón 4) - Ferreiros e muiñeiros de Ponte Ambía

 

Artesáns na nosa parroquia:

Gerardo Gavilanes na Voz de Galicia en 1993


Segundo se desprende da pouca documentación á que podemos achegarnos, dende antigo a nosa parroquia sempre tivo algún tipo de artesán dedicado a fabricación de apeiros e útiles varios para poder desempeñar as operacións que vimos de ver nos distintos cultivos.

No catastro de Ensenada (1752) faise unha relación de “todos los oficios artes y facultades de la Feligresía de Puente Ambía y sus Barrios” incluídos por separado os “Cotos del Pazo”. Nesa listaxe vemos que todos os habitantes son agricultores, pero varios de eles compaxinan as tarefas do campo con algunha outra ocupación. Varios xornaleiros, carpinteiros, comerciantes de aceite, revendedores, estambreiros, cardadores, zapateiros, tecedoras, muiñeiros, un “raspador de cueros” e ata un arrendatario da metade do “portazgo” da Ponte da Pedra.

En canto á fabricación dos apeiros necesarios nas labores do campo, cando eran de madeira, cada un adoitaba facelos para si, aínda que uns eran máis mañosos que outros. Cando o apeiro era de ferro, xa se acostumaba a ir ó ferreiro ou mercalo na feira.

A continuación veremos unha relación de ferreiros da parroquia, dos que nos queda algún recordo, con unha pequena mención a cada un, sempre co risco de deixar a algún esquecido polo que pido desculpas, e se me avisades, intentarei engadir o seu recordo.

Tamén citaremos a aqueles comerciantes que vendían nas feiras os produtos feitos por estes artesáns.

Por último daremos un repaso ós nosos muiñeiros, que puxeron o seu traballo para que os veciños puideran moer o gran producido polas súas colleitas, para poder facer o pan e acomodar ó gando.

Alfredo Cid Rumbao o cronista de Allariz e despois de Ourense, nun dos seus estudos fálanos de que Ponte Ambía nun tempo foi famoso polos seus ferreiros.

O tema ferreiros na nosa parroquia, e cousa de clans familiares, na maioría de casos, en época mais ou menos moderna, destacan dúas de estas familias de ferreiros. Unha en Ponte Ambía de Abaixo e outra no Pazo.

Na de Ponte Ambía de Abaixo temos vagos recordos dos comezos do primeiro dos fillos de Benita Conde e Genaro Fernandez, tiña a forxa a escasos metros da casa familiar, hoxe en ruínas. Fálannos sobre as virtudes do Sindo, que se fartou a facer romanas que logo vendía nas feiras de Ourense, na Plaza da Trinidad. Con el aprenderon o oficio os seus irmáns JoséBerardoDomicilio e o Saturio. Estes ferreiros que loitaban co ferro, antes da chegada da electricidade e polo tanto da soldadura, que facilitou o traballo, pero fixo perder a artesanía.

Tanto Sindo como Domicilio e Saturio, emigraron cara ó País Vasco, Berardo estableceuse en Cardueiro e José que tiña o taller na Petada, morreu moi novo, con 30 anos.

Berardo Fernandez Conde

Rudesindo Fernandez Conde (Sindo)



















Saturio Fernandez Conde

Domicilio Fernandez Conde





















José Fernandez Conde


Logo xa recordamos mellor a Antonio Cid Ferreiro, que xa trouxo o oficio aprendido de San Pedro, de onde era orixinario. O mesmo facía un carro ou ferraba un rodeiro que armaba unha cancela. Seica facía romanas, fiables unhas e con trampas outras, a gusto do consumidor. Chegou a facerlles ós Padres Paúles dos Milagros unha que podía pesar ata 300kg. Tamén lle daba á madeira, para botar un eixe, recuperar unha roda en mal estado ou faiar unha casa. Varios dos seus fillos seguiron no oficio, aínda que adaptado ós tempos máis modernos.

Antonio Cid Ferreiro e seu fillo José


A Antonio non lle facía falta o metro para tomar medidas, bastáballe un anaco de unha palla centea para facer algo á medida usando a súa gran habilidade.

Teño na cabeza a imaxe de cando ferraba os carros na aira do pobo, axudado polos seus fillos. Ou cando domeaba a rella na pedra que tiña na palleira para tal fin.

Na foto vémolo ó carón de seu fillo José Cid Airas, que despois de aprender e traballar co pai, decidiuse a montar unha carpintería de aluminio na capital.





No Pazo tiñamos a outra familia de ferreiros, ós irmáns DelfínAdelino e Sergio Lorenzo Conde, que aprenderon o oficio preto da capela do Pazo, na forxa que tiña na casa o Señor Claudino, ferreiro famoso polos seus finos acabados, moi coidadoso á hora de temperar.

Delfín estendeu a súa saga ata Baños de Molgas, os seus fillos continuaron ca profesión na capital do concello. Adelino no seu taller do Pazo, preto do Cruceiro, que lle deixou o afecto pola profesión a seu fillo, aínda que nunha vertente modernizada. Sergio que tiña a forxa chegando ó Viñal.

Eran uns virtuosos na fragua, facían calquera apeiro de ferro, aixadas, fouces, fouciños, coitelos. Reparábanos tamén, como calzar ou apuntar unha rella gastada ou as gallas de unha aixada. Fixeron moreas de eles, que logo eran vendidos nas feiras da contorna.


Delfín Lorenzo Conde

Adelino Lorenzo Conde


















Sergio Lorenzo Conde


Teño o recordo de pequeno, estando polo Barreiro e ver pasar a Sergio de camiño cara a forxa no seu 2cv furgoneta e penso que algunha vez na moto.

 

Así como subir polo Pazo cara Vilar e ver as moreas de pezas feitas por Adelino, guichando pola porta aberta cando pasaba de diante da fragua.






En Vilar tivemos a outro ferreiro, Arturo Balboa Coello, irmán de Benito, que casou en Salgueiros e pasou anos como emigrante por Francia.

Xuventude de Ponte Ambía, a mediados dos anos 60


Na foto podemos ver a meu pai agarrando polo pescozo a Arturo, tendo á súa dereita a Domicilio ca súa filla Carmén.






Amador Cid Fernandez


Non podemos deixar de comentar que na nosa parroquia e máis concretamente en Cachagonza, tivemos un artesán dedicado principalmente a un produto relacionado co liño, pois era o fuseiro Amador Cid Fernandez que nos podía facer un fuso no torno, dos que tiña moreas de pedidos. Compaxinaba esa paixón con algún outro traballiño na fragua, aínda sen ser un ferreiro propiamente dito, podía facernos un coitelo unha fouce ou reparar una rella.






Na actualidade mantense na parroquia algún ferreiro, pero dedicado maiormente á carpintería de aluminio, os irmáns Manuel e Rafael Gavilanes Lorenzo.


Despois do traballo dos ferreiros, tivemos na parroquia innumerables emprendedores que se dedicaban a vender polas feiras e mercados o froito do traballo dos nosos ferreiros, de non ser eles mesmos os que o fixeran no seu propio negocio.

Tivemos en Villar ó señor Benitono Pazo tivemos ós irmáns Alfonsina e Pepe e a filla de este, Marisa mais o seu home JuanEn Ponte Ambía de Arriba o Lino e o Paco Mangueras.



Outra das profesións que perduraron no tempo en Ponte Ambía relacionada con este traballo é a de muiñeiro. No nosa zona os muiños eran de maquía na ribeira do Arnoia. Tradicionalmente os nosos muiñeiros exerceron nos 2 muiños que están na nosa parroquia e nos da contorna

Temos o muiño do Burato, tamén coñecido como o muiño do Marcial, que posiblemente sexa o único da parroquia con posibilidade de recuperalo. Rio abaixo temos o da Ponte da Pedra ou do Piepito, que a min tócame de perto xa que pertenceu á miña familia no pasado.

Aínda que non pareza Ponte Ambía foi tamén terra de muiñeiros. Digo que non pareza, pois solo temos eses dous muíños no noso territorio. 


Muiño do Burato: http://patrimoniogalego.net/index.php/107615/2020/08/muino-do-marcial/


Muiño da Ponte da Pedra: http://asherdanzasdotempo.blogspot.com/2016/01/o-muino-do-piepito.html


Especialmente no Pazo semella que houbo varios, temos oído falar do señor Domingos que parece podería ter sido muiñeiro na Ponte da Pedra e do señor José e a súa filla Emilia que foron muiñeiros no muiño do Burato. 

 

Muiño do Burato ou do Marcial


Marcial Rodriguez Fernandez antes de mercar o muiño do Burato, pasara unha longa tempada no muiño do Dositeo preto da Ponte das Cepas ata mediados dos anos 60 de século XX, momento no que pasou a estar uns catro anos no muiño do Valeriano, xa na zona da Presa. Foi a comezos dos 70 cando xa mercou o muiño que dende entón se coñecería como o muiño do Marcial. Nos 90 deixouno xa nas mans do seu xenro Eligio Rodriguez Perez que estaría ata o 2010 aproximadamente. 


Teño a imaxe de ver ó señor Marcial indo cara o muiño, nunha man o “caiado” e na outra colgada a latiña ca comida para o gato.


Marcial Rodriguez Fernandez

Eligio Rodriguez Perez



















Vemos un vídeo do 1992 do muiño do Marcial, neste caso atendido por Eligio RodriguezPerez :


Muiño do Burato ou do Marcial


O seguinte e último muiño e o do Piepito, foi comprado polo meu bisavó Antonio Gavilanes Fernandez no 1939, grazas a uns cartiños que fixo cando vendeu o seu capital de Cardueiro e pode que algo en Ambía. Para polo a funcionar botaron unha man o Sr. Domingos do Pazo e o tío Matulete de Ambía, que xa eran muiñeiros reputados.

Muiño do Piepito ou da Ponte da Pedra


O bisavó Antonio foino deixando en mans dos seus fillos, sendo José, o que se quedou finalmente con el comprando a parte dos irmáns. Pero a seguinte xeración viña puxando con forza e Manolo, que era un emprendedor, dedicouse de pleno a este cometido, e aínda sendo moi novo, conseguiu afianzarse a fronte do muíño, conseguindo unha gran clientela e chegando a moer día e noite.

Despois do paso polo servicio militar, tiña xa novos horizontes, polo que foi pondo ó tanto á súa irmá Benita e ó seu irmán Gerardo, meu pai.


Manuel Gavilanes Fernandez

Gerardo Gavilanes Fernandez


















O muíño por herdanza, pasaría a mans de Benita á quen máis tarde llo compraría Manolo, que xa andaba polo Brasil. Tralo paso inicial de BenitaGerardo tomou o coidado da herdanza do seu irmán, como se fose a propia, conseguindo mellorar aínda máis algunha das usuais tarefas do muiñeiro, facéndoa mais doada.

Sendo el quen o atendería finalmente ata o peche definitivo cando deixou de ser xa un negocio rendible, pondo sempre en práctica a súa habilidade para mellorar os diversos mecanismos.

Benita Gavilanes Fernandez, xunto ó Barbeiro, ó Pepe das pieles e ó carteiro de San Pedro


Os muiñeiros  (Manolo o primeiro da saga familiar e Gerardo o derradeiro)


























Quedan no recordo aquelas noitiñas que aproveitaba para picar a roda á luz do candil de carburo, ou de aceite, xa que comezaba a tempada do millo verde e tiña que estar todo a punto.


Debido a escaseza de auga no tramo final do verán e comezos de outono, que coincidía ca época en que máis moía a xente, xa que era cando se colleitaba o centeo e despois o millo. A auga que soltaba o rodicio do Marcial, era xuntada na presa é empregada xusto despois, non deixando que marchara en balde da vaira, podendo así abrir as comportas e moer unha saqueta mais para algún cliente da Esperela, quizais de Pumares ou da Pousa.

Recordo de neno cando o pai me mandaba baixar a xirar o rodicio lentiño para poder aliñar ben o eixo ca pedra. Aquelas épocas que queríamos ser “grandes” demostrando que podíamos xuntar a fariña de todas as artesas e cargar algún burro con un saco que nos costaba levantar do chan. Cobrar a maquía contando co copelo segundo a cantidade de tegas que traía o saco que se vertía na moxega.



Espero non ter esquecido a ninguén, se acaso se me pasou algún dos nosos veciños, avisade que corriximos. Desculpas polo meu atrevemento publicando fotos e vídeos, que pode que non sexan do agrado de todos, intentei ter permiso en todos os casos de alguén dos familiares.

Serva de pequena homenaxe da memoria a estes veciños de Ponte Ambía que traballaron nunhas condicións moi distintas ás nosas, para sacar adiante as súas familias.


Termos para non esquecer sobre os ferreiros e muiñeiros:

Temperar: poñer un metal no punto adecuado de dureza e elasticidade.

Forxa: lugar de traballo do ferreiro, onde se traballa o ferro. Arte e técnica de forxar.

Fragua: fogón onde se quentan os metais para despois traballalos ou forxalos. Taller onde se traballa o ferro.

Presa: muro con que se corta o curso dun rio para embalsar a auga acumulándoa, normalmente para usala para regar ou aproveitar nun muiño.

Vaira: encoro nun rio, onde se acumula auga, na parte superior da presa. Tanque de auga antes de entrar no muiño.

Rodicio: peza do muíño semellante a unha nora, que xira ao recibir a auga da canle, pondo en movemento a moa.

Comporta: prancha de madeira ou metal que se move a vontade para cortar ou regular o paso da auga nas canles ou nas presas. Utilízase para por a funcionar a roda do muiño.

Artesa: especie de arca de madeira con catro patas que serve para amasar o pan. No muiño e onde cae a fariña despois de ser moída.

Maquía: porción de gran ou fariña que se lle paga ó muiñeiro por cada vez que se moe. Medida de capacidade para grans, legumes etc., de valor variable segundo os lugares, e que equivale habitualmente á sexta parte dun ferrado. Medida de superficie equivalente á vixésima parte de unha fanega.

Copelo: recipiente normalmente de madeira, que utiliza o muiñeiro para cobrar a maquía. Porción de gran, fariña e ás veces aceite, que se lle paga ao muiñeiro por cada vez que se moe. Medida de superficie que equivale a trinta varas cadradas.

Moxega: peza do muíño, en forma de pirámide truncada e invertida, situada sobre a moa e onde se bota o gran para que vaia caendo á quenlla.


Candil de carburo



Candil de carburo: é un dispositivo de iluminación a gas. O aparello permite obter unha chama moi luminosa producida coa ignición do gas acetileno que é xerado pola reacción química exotérmica entre o carburo de calcio e a auga.











Candil de aceite



Candil de aceite: lámpada composta por un recipiente con aceite, graxa ou outra substancia combustible que se acende por medio dunha torcida depositada no seu interior, e unha asa para podela colgar e transportar.










Apuntar a rella: aguzar, dar punta a rella do arado, quentándoa na fragua e logo golpeando sobre a zafra.

Calzar a rella: reforzar con aceiro a punta desgastada da rella do arado.

 Zafra: peza de ferro, polo xeral con punta cónica nun dos lados, na que se traballan os metais.


Refraneiro do ferreiro e do muiñeiro:

  •    Na casa do ferreiro, coitelo de pau.
  •  Na casa do ferreiro coitelo de pau e na do carpinteiro a porta no chau.
  •  Na casa do ferreiro, non tentar e, na botica, non probar.
  •  Pró muíño e pró ferreiro non busques compañeiro.
  •  No san Martiño bebe o viño e deixa a auga pró muiño.
  •  As que ao muíño van, si son bonitas, logo as moerán.
  • Con augas pasadas non moe o muíño.
  •  A muller e o muíño, queren uso continuo.
  •  Andando gaña o muíño, que parando está perdido.
  •  Cada un tira da auga pro seu muíño, inda que deixe seco o do veciño.
  •  Con quen ten muíño que coidar non te poñas a enredar.
  •  En saco de liño non lévela fariña ó muíño.
  •  Non fíes en maquía de muiñeiro, nin creas en comida de despenseiro.




O remate

Como non podía ser de outra forma, tivemos un pequeno recordo de varios loitadores da nosa parroquia. Vimos de ver unha relación de ferreiros e muiñeiros que levaron o nome da nosa parroquia polo mundo adiante. Grazas á súa pelexa fronte á adversidade, lograron facerse un oco na pequena historia de Ponte Ambía. Con elo lograron, ademais de erguer a propia familia, axudar a que a vida dos seus conveciños tivera unha mellora da calidade.  

Todo esforzo será pouco, para intentar preservar estas herdanzas case esquecidas, que durante séculos foron pasando de pais a fillos, logrando así que non fosen parte do esquecemento que agora si está a piques de chegar, se non pomos remedio para elo.

Espero non ter esquecido a ninguén, se acaso se me pasou algún dos nosos veciños, avisade que corriximos. Desculpas polo meu atrevemento publicando fotos e vídeos, que pode que non sexan do agrado de todos, intentei ter permiso en todos os casos de alguén dos familiares.

Serva de pequena homenaxe da memoria a estes veciños de Ponte Ambía que traballaron nunhas condicións moi distintas ás nosas, para sacar adiante as súas familias.

 Polo menos intentarémolo, a ser posible “Que non se esquezan”.




Agradecementos:

Como non pode ser menos, teño que agradecer a axuda recibida de moitos de vos. Xa fose compartindo información para poder realizar esta achega, que fixemos con moito agarimo, cedendo fotos ou recordando a aqueles veciños cos que compartimos vivencias non fai tanto tempo. Principalmente a varios dos familiares de estes, e en especial debo agradecer neste caso o ter topado con Juan Fernandez (Fillo do inesquecible Domicilio) que ten no seu poder autenticas xoias da memoria de Ponte Ambía en tempos pasados. Captadas ca súa cámara nos seus anos mozos.

Os persoeiros que vimos de recordar, aínda andaban pola nosa maltreita memoria, pero tivemos que botar a man da vosa inestimable axuda, para que eses recordos case esquecidos puideran tomar forma de este xeito. Tentando de esa maneira que non cheguen a esquecerse da memoria colectiva, como o está facendo na niña.
A idea orixinal de todo isto foi de Benxamín Blanco Simón, veciño de Guamíl, que tirou a pedra e caeu no meu tellado. Como cada vez, espero os vosos comentarios, correccións e sobre todo compartir, repartir, partillar..... “Que non se esquezan”


Gavilanes67__________ Novembro 2023


domingo, 24 de setembro de 2023

(Caixón 3) – O ciclo, da sementeira á colleita



Sementar sementarei...


Gerardo Gavilanes no muiño

Co descubrimento da agricultura, os antigos poboadores puxeron en marcha distintos métodos cos que sacarlle á terra o seu zume. A agricultura foise estendendo, domesticáronse plantas e empezáronse a realizar ciclos de cultivo de inverno e de verán. Principalmente as dúas tempadas de sementeira son outono e primavera.

Leira volteada.

Cando se dividiron os cultivos por tempadas trouxo consigo a necesidade de saber cando se debía de sementar e cando colleitar, o que obrigou a establecer datas límite. Así, foi como tamén se comezou a medir o tempo. O solsticio de verán marcaba o momento no que os cultivos de inverno debían estar recollidos e os de verán estar sementados. A cerimonia neste intre máxico da celebración pola fertilidade da terra, adquiriu a importancia de ser un agradecemento ó Sol polas boas colleitas e petición de fortaleza e produtividade para as vindeiras sementeiras.

Astronomicamente, o solsticio é o momento no que o Sol alcanza o seu maior afastamento, en latitude, do ecuador. Os solsticios ten lugar dúas veces ò ano: o 21 ou 22 de decembro e o 21 ou 22 de xuño. O nome provén do latín solstitium (sol sistere ou sol quieto).

O solsticio de inverno tivo unha grande importancia, avisando de que se aveciñaban tempos difíciles durante o inverno, tendo que prepararse para resistilos. Na actualidade non ten moito sentido celebrar a noite máis longa do ano, pero si o tiña para os nosos antepasados. Ata hai poucos séculos, as culturas ancestrais celebraban que o sol vencía á escuridade e que, despois de meses con días minguantes e noites crecentes, este proceso invertíase pasando a ter máis luz e máis calor, esenciais para que todas as plantas reinicien o seu ciclo.


Millo e patacas en Pardeconde

A fame era común no inverno, entre xaneiro e abril, tamén coñecida como os meses da fame negra. Cando chegaba o frío, varios dos animais eran sacrificados para non ter que alimentalos durante o inverno, polo que practicamente era o único momento do ano para amorear carne fresca disponible.




Eido traballado despois da colleita e volto a sementar.


Cando chegou o cristianismo, a maioría de ritos e festexos asimiláronse baixo o xugo dunha relixión que pretendía impoñerse ata nas festas máis arraigadas. Así foi como se fixo coincidir a festa do San Xoán co solsticio de verán e o Nadal co de inverno. A arraigada crenza na maxia do solsticio fixo que nin a propia Igrexa fose quen de suprimir esta festa, así que, como con tantas outras, o mellor que puido facer foi aproveitala no seu beneficio. “Se non podes co teu inimigo, únete a el”, deberon de pensar. Como cada ano o solsticio coincidía en diferente día, entón decidiuse que fose o 25 de decembro.


Horta plantada

Para a festividade do San Xoán apoiouse nunha pasaxe do Evanxeo de Lucas no que narra que Zacarías, pai de San Xoán Bautista, sentiu tanta alegría ao nacer o seu fillo, da súa muller xa anciá e estéril, que se dedicou a acender cacharelas nos arredores da súa casa para que todos os veciños fosen coñecer o milagre da boa nova. Só faltaba establecer unha data. A imperfección do calendario lunar, con anos bisestos para readaptar o desfase de días, fai que os cambios de estación varíen dun ano a outro. Así, ante a imposibilidade de fixar a festa do santo Bautista ligada ao solsticio de verán debido a esa variación, impúxose a celebración do San Xoán o 24 de xuño. En resumidas contas o San Xoán é unha mestura de ritos ancestrais procedentes de diferentes culturas, as cales, simplemente, adoraban este día polo seu gran valor astronómico, xa que era unha axuda fundamental para poder proverse dos seus tan prezados alimentos iniciando as colleitas.


A sementeira.

A sementeira dos cultivos está supeditada a diversos factores; entre todos eles un dos mais determinantes é a climatoloxía, que pode influír por exemplo na lentura do terreo no momento da sementeira.

Cando sementamos, o estado do solo, e de novo as condicións climáticas, son fundamentais para ter éxito no cultivo. Toda planta, para xerminar, precisa da confluencia de tres factores: osíxeno, auga e temperatura.

Os tres son indispensables, e deben estar en equilibrio, polo que un solo con moita auga desprazaría o osíxeno e non se produciría a xerminación; o mesmo que, nas condicións ideais de auga e osíxeno, se a temperatura é inferior á requirida, tampouco xerminará, ou esta será moi lenta, orixinado unha densidade e un crecemento de plantas irregulares.

Leira recen sementada e plantada.


Pódese sementar, botar, poñer ou plantar. Estas son as accións de estender ou distribuír as sementes ou colocar as novas plantas para que poidan desenvolverse. Ás veces usámolas como sinónimos, pero sementar e botar son operacións que se adoitan a facer con sementes, e poñer e plantar úsanse cando se traballa con outras partes da planta ou con plantas novas.




Semente: gran, froito ou parte dun froito dunha planta onde está o embrión que, en condicións favorables, pode xerar una nova planta.

Sementeira: acción e efecto de sementar. Época do ano en que se sementa.

Sementeiro: lugar onde se crían as sementes antes de transplantalas.

Sementar: esparexer ou estender a semente manualmente sobre a terra preparada para tal fin. Seméntanse os nabos, o pan (centeo) e as leitugas.

Botar: distribuír a semente ordenadamente, normalmente en ringleiras, regos ou sucos. Bótanse as patacas e o millo.

Poñer ou Plantar: asentar no terreo plantas, un gromo ou un gallo,  normalmente usando sachos, paus aguzados (plantadores) ou con arado. Póñense ou plántanse as coellas (verzas), os bacelos ou as tomateiras.


Arando (Facebook-Santiagodecerreda) 


Lentura: cantidade de humidade que ten o terreo. Que contén ou conserva un certo grao de humidade.









Despois de sementar, botar, poñer ou plantar, os cultivos precisan de mantemento e coidados, a procura.

Coidar, cultivar: atender as plantas para eliminarlle competidores e satisfacer as súas necesidades.

Cavar ou sachar: traballar superficialmente a terra para removela, sacar as herbas que saen entre os cultivos ou preparala para sementala. Abrir unha gabia ou un buraco profundo na terra. Faise con sacho ou eixada.

Arrendar: dar unha segunda cava para eliminar as herbas que nacen entre os cultivos, arrimando a terra ó pé de estes, principalmente na pataca.

Rarear: entresacar plantas do cultivo para eliminar a competencia entre elas e mellorar o desenvolvemento das que quedan.

Colleitar ou apañar: recoller as partes útiles das plantas unha vez que completaron o seu ciclo de desenvolvemento. Usaríanse sachos, aixadas ou arado para desenterrar partes subterráneas. A fouce, gadaña ou fouciño para cortar talos lixeiros. O angazo para xuntar o que está espallado. A forquita ou a forcada para cargar. Cestos e cestas para xuntar e transportar o recollido.

Para transportar as colleitas cara as vivendas ou palleiras, sóense cargar directamente sobre un mesmo. As mulleres adoitaban facelo sobre a cabeza e os homes ó lombo en feixes, ou en presas, brazados, mollos, mañizos, mangados ou puñados, axudados con vencello, vincallo, grañoá ou corra. Ou metendo en recipientes, cestos, cestas e canastras ca axuda de varios aparellos. Se o volume e o peso eran grandes, facíase con animais de carga, burros, cabalos ou mulas en angarillas e atar ca reata. Ou tamén no carro de vacas.

Sacho: instrumento de labranza formado por unha pa de ferro por un extremo e un ollo onde se insire o mango, que se usa para cavar.

Aixada: utensilio de labranza para remover a terra, con dous ou tres dentes segundo os lugares e que pode ter ou non crista na parte de atrás.

Arado: aparello agrícola movido por tracción animal ou mecánica, que se utiliza para arar ou labrar a terra e que se caracteriza fundamentalmente por levar unha prancha de ferro ou rella que se crava na terra e abre regos.

Arado de pau ou romano

O arado de pau ou romano, foi o máis empregado ata que se deixou de utilizar a xugada.




Fouce - (facebook.com/O.Ciclo.do.Pan.en.Allariz) 



Fouce: 
instrumento de labranza coa folla curva e mango curto, que se utiliza maiormente para segar. Pode ser de diferentes formas e tamaños, dependendo para o tipo de elemento a cortar. Pode ser para coller a herba, segar o centeo, cortar unas silvas etc.









Fouciños





Fouciño: apeiro de labranza de folla curva, grosa e forte co mango máis longo que o da fouce, que se utiliza para rozar ou cortar pólas e arbustos de talo duro. Como o toxo, a xesta, o carpazo ou o codeso.







Gadaña e corno con pedra de afiar – (propiedade de Pepe Tesouro) 





Gadaña:
 instrumento para segar a herba, que ten unha folla moito máis longa e larga que a do fouciño, con forma de triángulo curvo e suxeita a un mango longo con dúas asas. Manéxase cas dúas mans.



Distintos tipos de cestos (Aser Alvarez) 

Cesto ou cesta: recipiente feito de vimbios, vergas ou varas entretecidos de distintas formas e tamaños segundo os usos, que pode ter ou non asas ou un aro polo medio. Serve para transportar todo tipo de obxectos pequenos, maiormente para productos da colleita.






Angazo e forquita de pau, (propiedade de Josefa Gavilanes) 


Angazo: apeiro formado por un mango longo rematado nun dos extremos por un pau atravesado que ten dentes de madeira ou de ferro formando unha especie de peite. O de ferro utilizase para xuntar a folla ou desfacer terróns e achanzar a terra, o de madeira úsase para xuntar a herba seca.




Forcada: útil de labranza con mango longo que remata en dúas ou máis gallas inferiores con unha superior, e pode ser todo de madeira ou ben ter as gallas de ferro. Utilizada para xuntar e cargar a herba, os toxos etc.


Forquita de ferro (Propiedade de Gumersinda Blanco)



Forquita: apeiro de labranza con mango longo que remata en dúas ou máis gallas e pode ser todo de madeira ou ben ter as gallas de ferro. Normalmente mais pequena que a forcada. Utilizada para esparexer a herba ou o esterco.











Puñado: cantidade que colle nunha ou nas dúas mans.

Brazado: cantidade que se pode transportar debaixo do brazo ou entre os dous brazos.

Mañizo ou mañiza: conxunto de cousas que se poden levar nos brazos dunha soa vez.

Mangado: conxunto de cousas que se poden coller con unha man ou abarcar entre os brazos e o peito.

Presa: o que se apreixa dunha soa vez coas mans.

Feixe: cantidade atada cun vincallo, que pode transportar una persoa.

Mollo: pequeno feixe de cereais ou vides que se atan co mesmo elemento. Con eles facíanse as medas. Pódese transportar na man, collido pola atadura.

Vincallo: atadura xeralmente de xuncos, para un feixe de herba ou outono.

Vencello: atadura de xesta ou piorno normalmente retorcida, utilizada para atar feixes de distintas cousas.

Grañoá: atadura ou ligadura curta de palla, xeralmente para atar os mollos.

Corra: piorno vido ou vimbio longo que se utiliza para recoller a palla do centeo ó saír da malladora e levala á palleira. Fáiselle un nó no extremo para poder agarrar con mais comodidade.

Reata: corda longa cun gancho empregada para atar as cargas nas cabalerías.

Angarillas de madeira



Angarillas: aparello que se pon enriba da albarda das bestas de carga formado por dous soportes, un a cada costado do animal, e que se emprega para colocar a carga equilibrada a cada lado. Poden ser de madeira ou metálicas.







Canastra: cesto de vimbio de forma cadrada ou redonda, largo e de pouco alto, que pode levar ou non asas.

Carro das vacas ou galego: vehículo de tracción animal destinado ao transporte de moi diversas cargas e materiais, que consta de un rodeiro formado por dúas rodas e un eixe, e un chedeiro, estrutura de táboas rematada nunha cabezalla por onde se une ao xugo para que os animais poidan tirar.

Carro galego

Rodeiro: e a parte que permite que o carro rode, está formado principalmente polas seguintes pezas, así chamadas na nosa zona. Eixe, mión, camba, ollal, ferra e espigo.

Chedeiro: é a plataforma na que se deposita a carga, formado principalmente polas seguintes pezas, pinallo ou cabezallo, chedas, cadeas, calouqueira, latado e apeladoiros.

 No noso territorio, temos dous tipos de terreo moi diferenciados, os de sequeiro, que precisan de unha rotación de cultivos e os de regadío nos que se pode facer todos os anos a mesma produción.

Sequeiro ou barbeito: terreo de cultivo moi seco, que non é regado, que precisa rotar os cultivos de un ano para outro. Descansando así a terra, non tendo unha produción intensiva ano a ano, para que naturalmente se poida restaurar o equilibrio dos elementos que compoñen a terra.

Regadío: Terreo que se pode regar por haber auga preto e no cal se cultivan plantas que precisan ser regadas con frecuencia. Non facendo falta rotar os cultivos.


Atopamos no refraneiro alusións á sementeira e colleita.

  • · Polo San Clemente bota a túa semente.
  • · O que sementa sen semente, sega sen fouciña.
  • · Horta de San Martiño, mantén ó seu dono e mais ó veciño.
  • · Polo San Pedro (Xuño) abre o rego.
  • · No Outubro, a terra esterca e cubre.
  • · Labrador sen Horta, fame á porta.
  • · Por Santa Mariña, deixa o sacho e colle a fouciña.
  • · Cando canta a bubela, a faba na terra.


Sendo dende sempre Galicia unha sociedade maiormente labrega, o que influíu nas manifestacións da cultura da nosa terra, deixando a súa pegada inmaterial. Como o tema de Fuxan os Ventos Sementeira

https://www.youtube.com/watch?v=EFpCNJmUX5w&ab_channel=folmusica




E de grande importancia estercar e regar para unha boa colleita:

O esterco

Pódese estercar a leira con esterco curtido na corte ou con estrume traído directamente da poula. O esterco é o resultado da mestura dos excrementos dos animais domésticos e mais da cama de estrume e palla que se estra na corte. Utilízase para fertilizar os cultivos, sobre todo nos cultivos tradicionais. O estrume está formado pola vexetación propia do monte, que se roza e apáñase cara as cortes para estrar e facerlle a cama ó gando.

O valor do esterco débese á achega de materia orgánica para recuperar os nutrientes da terra extraídos polos cultivos. Na agricultura emprégase principalmente o esterco procedente das cortes

Todo isto comeza ca roza na poula, que se realiza con fouciño, xuntando o material en gavelas. Principalmente rózanse as zonas de monte baixo que teñen toxo, xestas, fentos, carqueixas, codesos e carpazos. Cortando polo pé e xuntando primeiro en pequenos mangados, que logo se xuntan para formar as gavelas.

Rematada a roza, vanse cargando as gavelas no carro axudándose de forcadas e forquitas de ferro, átanse co sedeño e tráense para a casa. Parte desta roza ou estrume bótase na corte, o que sobra amoréase onda a casa ou nunha esquina da corte, para ir arranxando as zonas que se van estragando da cama do gando. Normalmente e sobre todo se o material está formado maiormente por toxo, cóbrese con unha capa de palla centea, para que non se piquen os animais. Tamén se pode cubrir con folla, que se recolle nas zonas de carballeira no outono e comezos do inverno.

Esterco repartido en montóns.


Os excrementos dos animais vanse mesturando co estrume, desfacéndose ó trepar e durmir a facenda enriba, ata pórse en condicións de servir de esterco. Cando este é moito e molesta na corte, ou chega o tempo da sementeira, arríncase co rastro e lévase no carro cara as leiras onde se descarga ca rastra. Ás veces amoréase en pequenos montóns e outras esparéxese pola superficie da terra a sementar, axudándose das rastras ou de forquitas.





Estrume espallado pola terra en Formigoso.



O estrume pódese traer directamente dende a poula e estendelo pola terra, isto acontece cando xa está moi desfeito ou se trata de materia de pouco calibre, como pode ser folla ou outros restos vexetais semellantes, que se recollen con angazo de ferro e apáñanse no carro cara á leira.

Tamén se adoita facer, atugando en gabias feitas a tal fin para algún tipo de cultivo, como pode ser unha horta ou unha viña.



Nomes relacionados con estas labores:

Estrume: vexetación propia do monte baixo como toxos, xestas, carpazos, fentos, herba etc., que se aproveita principalmente para estrar a corte ou estercar directamente os eidos.

Esterco: conxunto de materias orgánicas como excrementos dos animais mesturados coa palla, toxo etc., que se saca das cortes e se lle bota á terra para que sexa máis fértil.

Estercar: botar na leira o esterco sacado da corte, ou o estrume recollido na poula. Estendese pola superficie do terreo, para que se mesture ca terra cando se are.

Rozar: cortar polo pé o estrume no monte baixo, principalmente toxo, xesta, fento e carpazo, xuntando en pequenos montóns, chamados gavelas, e que se apañan ca forcada ou forquita.

Estrar: botar unha camada, estendendo estrume, na corte onde dormen os animais para mantelos secos e, ó mesmo tempo, que fagan esterco. Sóese cubrir con unha capa de palla.

Poula: terreo sen cultivar poboado por maleza, arbustos e pequenas árbores, que se rozarán antes de que medren en exceso.

Fouciño: instrumento de labranza de folla curva, grosa e forte co mango máis longo ca o da fouce, que se utiliza para rozar ou cortar pólas e arbustos de talo duro. Como o toxo, a xesta, o carpazo ou o codeso.

Gavela: pequenos montóns de estrume que se xuntan na roza, para facilitar a súa carga no carro por medio da forcada ou forquita.


Forcada e sacho




Forcada: Instrumento de labranza con mango longo que remata en dúas ou máis gallas inferiores con unha superior, e pode ser todo de madeira ou ben ter as gallas de ferro. Utilizada para xuntar e cargar a herba, as gavelas de estrume, a folla etc.









Rastro para arrincar o esterco na corte.


Rastro: utensilio de labranza para arrincar e cargar o esterco, que ten formas e tamaños diversos, segundo os lugares. Formada por un mango de madeira unido mediante un ollo circular ó corpo de ferro e que pode ter tres ou catro gallos.




Rastra para estender o esterco (Jesús Crespo)


Rastra: apeiro de labranza semellante ó rastro, pero de dimensións máis reducidas., o corpo de ferro normalmente ten dous gallos. Emprégase para descargar, o esterco do carro, na leira e despois para estendelo.








Gabias: abertura longa e estreita que se fai nun terreo para plantar e así facilitar o estercado, podería ser na horta ou na viña. Tamén pode ser para levantar un valado, pór os cimentos, conducir a auga etc.


A rega

A rega consiste en proporcionar auga ós cultivos a través do solo para satisfacer as súas necesidades hídricas que non foron cubertas polas precipitacións, ou para aumentar a produción agrícola transformando as zonas agrícolas de secaño en regadíos. Utilízase na agricultura e na xardinería.

A finalidade da rega é proporcionar ao solo, nos momentos que sexa máis necesaria, as cantidades de auga precisa para obter a humidade do solo máis adecuada para o desenvolvemento dos cultivos.

Este sistema, utilízase normalmente nos cultivos en solos inadecuados, dificultada ás veces pola súa excesiva pendente ou a pouca profundidade da terra e sobre todo por razóns climáticas, na que a incidencia da seca estival, especialmente severa en zonas do interior de Galicia, limita a produtividade dos cultivos de verán.

Aínda que en Ponte Ambía non se mantén zonas de regadío, en tempos anteriores estas eran de gran axuda para conseguir boas colleitas.

As zonas próximas ós pobos, onde estaban os cabazais,  adoitaban ter lagas ou pequenas fontes para ser utilizadas na rega de eses pequenos terreos. Por outro lado, a zona baixa do Cimbro ten varios mananciais, entre Villar e Cachagonza que se aproveitaban para a rega ata a Ponte Ambía de Abaixo, principalmente para o liño.

Nos últimos anos do século XX estas regas fóronse perdendo, quedando unicamente o uso da auga para regar os lameiros. Aínda queda algún resto das zonas onde se empozaba a auga para logo utilizala.

Antiga Laga en Mondelos.

Na zona baixa da parroquia esta auga perdeuse cando se fixo o ferrocarril, que cortou o paso da auga.

Outra zona de rega que utilizaban algúns veciños da parroquia eran as Cortiñas da Acea, na que se aproveitaba a auga que baixaba da Ambiela, empozándoa no Pontón. Nesta zona seguíase unha rigorosa listaxe de quendas con días e horarios repartidos atendendo á superficie de cada eido. Esas quendas repetíanse cada 15 dias aproximadamente.


O traballo comezaba nos días anteriores, nos que se facían as madas, que eran os regos para encamiñar a auga repartidos uniformemente polo terreo. Facíase unha canle principal dende o lugar da entrada da auga na leira pola que se levaba esta encamiñada ata a parte máis baixa. Dende esta canle preparábanse uns ramais secundarios e paralelos para ir encamiñando a auga ata o fin do terreo. Estes ramais íanse utilizando sucesivamente, dirixindo a auga dende cada un e repartíndoa polos regos normalmente de millo. Para esta tarefa utilizábase un sacho de tamaño medio, tanto para ir tornando e dirixindo a rega, como para facer as madas.

Corrente de auga da Ambiela. 


Dias antes de comezar a época das regas, reuníase o concello despois da misa en Santo Estevo de Ambía, para decidir que día se xuntarían para limpar a baixante dende a Ambiela ata a zona onde se encoraba a auga. Mandando recado cara os veciños de Ponte Ambía, para que se uniran ás labores de limpeza. O día indicado, acercábase cada veciño ataviado ca súa ferramenta, fouces e sachos maioritariamente. Repartindo entre eles as distintas tarefas ó largo do percorrido da auga. 




Nas zonas próximas as casas, acostumábase a ter o cabazal, aproveitando terreos de boa calidade, do cal se abastece cada familia. Eran pequenos terreos nos que se cultivaban produtos da horta, maiormente no verán.

Adoitaba ter algún tipo de rega, podía ser un pozo ou fonte propio ou compartido por varios veciños que tradicionalmente establecían quendas para regar. Este período de tempo que lle tocaba a cada un, chamábase veceira.

Laga: represa ou pozo natural ou artificial onde nace ou se embalsa auga para regar.

Mada: Canle secundaria para regar, que se facían de forma equidistante polo terreo a regar, pola que se encamiñaba a auga entre o millo ou as patacas.

Encorar ou empozar: deter a auga nun lugar formando un encoro, para logo utilizala na rega.

Encoro: depósito que se forma nun curso de auga e que pode ser natural ou artificial.

Veceira, rolda: período de tempo durante o que lle corresponde a alguén, segundo repartición, o uso dalgún elemento común ou unha obrigación. Pode ser da auga para a rega, coidar o gando no monte, enfornar no forno comunal, etc

Cabazal: terreo non moi extenso e de boa calidade onde se sementan principalmente leitugas, tomates, pementos, acelga, cenorias e cabazos. Adoitan estar preto das vivendas.

A rega no refraneiro

  • -        O día de san Miguel torna a rega do teu terreo.
  • -        Quen en san Miguel esterca, desde a casa rega
  • -        A rega na horta e o sol na porta.
  • -        Non hai mala terra con esterco e rega.
  • -        Como sementares e estercares, así collerás cando regares
  • -        Hai auga que queima e sol que rega.
  • -        Quen rega millo antes de ter pavón, non colleita grans de estimación.
  • -        Si queres ter bo liño, bótalle a rega ó pé.
  • -        Cando o gato quenta o traseiro, escusas regar o Lameiro.


A serpe, señora do tempo.

O ciclo anual da sementeira galego divídese en dúas metades, seguindo o ciclo natural da serpe. O primeiro período comeza ca sementeira do centeo o 29 de Setembro, festa do San Miguel, e remata o 7 de Outubro, Nosa Señora do Rosario. Pódese dicir que os mortos e mais a serpe están apartados dos vivos e ocultos nos seus lugares de residencia.

O segundo período empeza a finais de abril ou o día de S. Pedro Mártir, a noite do 29 ao 30 de Abril, ca saída da serpe e a recollida dos froitos.

En outubro seméntamos o centeo, no primeiro ciclo anual. As patacas plántanse en marzo e o millo a finais de abril ou en maio. 

A influenza da lúa na leira

A lúa e o satélite da Terra, visible desde esta solo en parte e baixo formas distintas, chamadas fases, segundo a posición que teña respecto á Terra e o lado por onde reciba a luz do Sol.

Lúa Período de tempo en que a Lúa dá unha volta completa arredor da Terra. Ese xiro faino tardando 29 días, 12 horas e 44 minutos en completar o que se chama revolución lunar sinódica. No seu percorrido vaise encarando ou opoñendo ó sol, dende a terra apreciamos varios cambios na súa iluminación que chamamos fases lunares e divídense, en catro fases ou cuartos.

Aínda que os efectos da lúa sobre os cultivos, non están cientificamente demostrados, “habelos hainos”. Os antigos agricultores observaron as influencias positivas e negativas que exercía nas plantas. En base a esa experiencia, concibiron un calendario lunar da agricultura. A crenza do influxo das fases lunares no comportamento biolóxico das plantas, está moi arraigado no medio rural. A lúa ten moito poder na agricultura. Moitas persoas aínda hoxe non fan as súas sementeiras sen respectar as fases da lúa e os seus efectos nas mesmas.

As fases lunares son importantes en moitas cousas. A lúa exerce incidencia sobre as mareas e esta fai que o zume das plantas ascenda. Parece ser que o plenilunio e a súa luz axuda ó crecemento en altura das plantas. A luz da lúa tamén intervén na fotosíntese e na xerminación, xa que os raios lunares teñen a capacidade para penetrar no chan.

As patacas, as cebolas, os allos e todo o que medra baixo terra hai que plantalo en cuarto minguante para que dea moito froito e pouca rama. O que medra sobre a terra seméntase con lúa nova para que dea moito gran e pouca palla.

Co aumento da luz nocturna aportada pola lúa, as plantas ven estimulada a súa vitalidade e fertilidade, polo que as fases crecente e chea son as mellores para sementar e traballar a terra para aquelas plantas que queremos unha gran frutificación. As plantas teñen máis forza para loitar contra parasitos e enfermidades. As flores cortadas aguantan máis tempo nos floreiros, e as plantas aportan máis vitalidade a quen as consuma. Cando diminúe a luz da lúa, a vitalidade das plantas mingua, pero as cores, aromas e sabores son máis apreciables. As propiedades dietéticas ou medicinais son máis acusadas. A conservación da planta en fresco tórnase máis difícil.

Cada fase da lúa inflúe de unha forma sobre as persoas e as plantas, iso axudou a establecer cando é o momento máis adecuado para sementar e para optimizar a nosa saúde, ademais de mellorar a eficacia e o crecemento que terán os nosos cultivos.

Tanto o zume como a auga do mar, vense afectados polas fases da lúa. O zume ascende no cuarto crecente, amoréase nas follas na lúa vella, volve descender no cuarto minguante e acumúlase nas raíces e partes baixas na lúa nova. Se podamos unha árbore en cuarto minguante sangrará menos e cicatrizará mellor. Polo contrario un enxerto debería de facerse en cuarto crecente cando hai mais zume.

A luminosidade é evidente que na lúa vella hai mais luz e iso afecta tanto ao crecemento vexetativo da planta, como a proliferación de insectos, vermes e demais aínda que algúns prefiren a escuridade. Tamén se fala da penetración da luz no chan. Así podemos xustificar que as leitugas sexa mellor sementalas en cuarto minguante, para que xerminen con pouca luz, o que parece repercutir en que despois teñan menos disposición a saírse e facerse inservibles.

Lúa (yosoitu.com/)


Fases da lúa

Lúa crecente: neste caso é máis empregado cuarto crecente ou o crecente. Chámase así porque cada día é visible máis superficie lunar. A lúa é crecente no período que vai dende lúa nova ata a lúa chea, cada día aumenta a luz que reflexa.

Faise a sementeira de produtos de desenvolvemento aéreo agás aquelas que se poidan espigar ou saír a causa da calor.

Basicamente, pódese sementar calquera tipo de planta que teña unha curta vida útil e que se queira cultivar as súas sementes, froitos ou flores. Ademais, é un momento ideal se queres usar fertilizantes líquidos, podar ou facer enxertos, porque o aumento do fluxo do zume permite desenvolver un crecemento novo e moito máis rápido. Este período estimula as plantas que ten moito desenvolvemento vexetativo, plantas que producen froitos, sementes e flores, por exemplo tomates, chícharos e cabazas.


Lúa chea: estado da Lúa en que se ve desde a Terra todo o disco da cara visible. Plenilunio. Abarca desde o momento no que o círculo lunar está completamente iluminado polo sol, hasta que soamente vemos a metade esquerda iluminada. Nesta fase teñen mais zume os tecidos dos produtos agrícolas, é recomendable para a recolección de froitos e a preparación da terra. Esta é a fase ideal para sementar ou plantar algúns cultivos de raíz. Tamén é perfecto para plantar plantas perennes tanto decorativas como frutíferas, como espárragos, tomates, pementos, mazairas e pereiras. Serve para a colleita e sacar o esterco.

Fases da Lúa (www.rios-galegos.com) 



Lúa minguante: esta e a fase da Lúa que vai desde a lúa chea ata a nova. Igual que no caso da lúa crecente, son máis empregadas as denominacións, cuarto minguante ou o minguante, a minguante da lúa. A lúa mingua, ou decrece, no período que vai de lúa chea á lúa nova seguinte. O zume acumúlase nas partes subterráneas, é recomendable para enxertos, podas, as ramas vides e canas son mais resistentes cortándoas nesta fase.

Cando a luz comeza a diminuír de tamaño, ao pasar da fase de lúa crecente á fase de lúa nova, tamén se diminúe o fluxo do zume. E por esta razón concentra toda a súa enerxía nas raíces, por esta razón é o momento ideal se queres plantar esas plantas perennes, tamén é ideal para plantar aquelas plantas que teñan unha vida útil superior a 2 anos.

Ademais, é o momento perfecto para empregar fertilizantes sólidos, podar esas plantas adormecidas e realizar a colleita, porque durante esta fase hai menos posibilidades de que o que sementaches podreza.

É un bo momento para realizar labores non solo, para a asimilación dos fertilizantes, para sementar raíces e tubérculos e produtos dos que se consume a parte subterránea como allos, remolachas, cenorias, patacas. A sementeira de hortalizas das que se consume a parte aérea pero que se quere evitar o seu espigado ou que se saian, leitugas, espinacas, coles.


Lúa nova: esta e a fase na que a lúa está iluminada polo Sol na cara oposta á Terra, polo que non se ve máis que a súa sombra.

Período de repouso, baixo crecemento tanto de raíces coma de follaxe. Ideal para realizar diversas tarefas do campo que comporten un cambio nas condicións da planta, xa que ó estar en período de baixa actividade a súa adaptación será mellor. Esta é a fase máis axeitada se quere plantar ou transplantar algunhas plantas de crecemento anual, das que consumirá as súas follas e talos, é dicir, plantas como espinacas, apio, verza, repolo e leituga. Os toxos rózanse na forza da lúa nova.

A lúa nova é unha fase pouco indicada para facer traballos na horta, pero si boa para quitar as malas herbas.

Popularmente, para recoñecer si a lúa medra ou mingua, dise que a lúa é mentireira, xa que debuxa unha “D” cando crece e unha “C” cando decrece (isto acontece así no noso hemisferio, no sur non é mentireira). Tamén para simplificar as fases, coloquialmente coñécese como lúa vella a suma de lúa chea e cuarto minguante. Así mesmo a lúa nova e a suma de lúa nova mais cuarto crecente.

Para sementar ou plantar, dependendo do cultivo que sexa, faise nunha fase da lúa ou noutra.



A vida labrega na Galicia antiga

Podemos ver nestes vídeos como era a vida dos labregos galegos ata pasados os anos 60 do século XX, Galicia (Carlos Velo 1936) e Galicia agrícola (1962).

Galicia (Carlos Velo 1936)



Galicia agrícola (1962)

Cultivos tradicionais en Ponte Ambía

Despois de comprobar tanto o “Catastro de Ensenada 1752” como o “Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Santa María de Puente Ambía 1761” vemos que daquela os cultivos mais importantes na nosa terra eran o centeo, o trigo, os nabos, a ferraia, as fabas, os garavanzos, o liño, as castañas e o “mijo grueso o maiz” como se coñecía o millo, para diferencialo do millo miúdo ou paínzo. 

Como curiosidade debemos anotar, que aínda non chegara ata aquí o cultivo da pataca. Estenderíase uns anos despois, debido a unha gran crise cerealeira nos anos 1768 e 1769. No 1800 estaba totalmente estendida por todo o territorio de Galicia.

Facemos un resumo das faenas feitas nun ano, no ciclo continuo de sementeira e colleita dos produtos cotiáns do noso campo, e o emprego de distintos apeiros:

Veremos cultivo a cultivo, vendo as distintas fases para o seu cultivo.

1-    Preparar a terra: distintas operacións para labrar a terra, acondicionándoa para a sementeira.

2-  Sementar: espallar ou depositar semente nunha terra de cultivo para que se reproduza.

3-  Procurar: conxunto de actividades para coidar ben un cultivo, dende a sementeira ata a colleita.

4-  Colleitar: labor que consiste en recoller os froitos da terra ó chegar a época, normalmente unha vez ó ano.

5-  Manipular e almacenar: conxunto de accións realizadas para xuntar ou amorear os froitos dos cultivos, nun lugar axeitado para tal fin, conservándoo para consumir durante o ano. 

6-     Procesar: someter un produto colleitado a un proceso de elaboración ou transformación para adaptalo ó consumo, ben sexa humano ou do gando.

Canastro para almacenar o millo. 








Pota na lareira. 











Comezamos coa sementeira de centeo, con ela damos inicio ó primeiro ciclo da serpe. O millo mailo centeo, foron durante moito tempo o pan dos pobres.


Centeo ou Pan

Leira de centeo (O ciclo do pan, Allariz)

O centeo (Secale cereale) é unha gramínea que se cultiva polo seu gran e como planta forraxeira. É un membro da familia do trigo e relaciónase estreitamente co orxo ou cebada. O gran do centeo utilízase para facer fariña, sendo a fariña do centeo unha das máis empregadas noutrora para facer pan.






Este cereal é o cultivo máis propicio da montaña galega “e das terras pobres en xeral”, segundo Xaquín Lorenzo, sendo moi abondoso en Lugo e Ourense. De probable orixe prerromana, o centeo dáse en todo tipo de terras e era o cereal escollido para poñer en produción un terreo inculto. A planta pode acadar ata 2 m. de altura e dos seus finos talos saen follas tamén moi finas. As flores forman espigas alongadas conformadas por dúas ringleiras de “espiguiñas” mais pequenas. O gran, alongado e estreito, e de cor castaña clara.

O centeo era a base da alimentación humana e os traballos relacionados con el, son significativos no segundo período. Seméntase en outubro, dependiendo do tempo. 

1-     Preparar a terra:

Tradicionalmente cultivábase en barbeitos, e dicir, sementábase un ano si e outro non na mesma terra, en rotación bienal coa pataca ou o millo, unha vez recollidos.

Unha vez se colleitan millo e patacas e antes de arar a terra, cómpre estercar para favorecer a súa fertilización, librando así as cortes, para o xa próximo inverno.

Logo viña a decrúa, que consistía en romper a terra con unha pasada co arado, normalmente o de madeira ou “romano”, pero en ocasións podería ser a vertedeira, dependendo da cantidade de herba que tivese a terra. O arado vólvese pasar pero entón en sentido cruzado. Isto era a entravesa e con ela conseguíase desfacer ben a terra.

O seguinte paso era pasar o carrasco ou canizo, para deixar a terra ben aplanada, despois de labrala.

Unha vez preparada a terra, riscábase arrastrando un mangado de palla, facendo parcelas ou embelgas do ancho que botariamos o gran manualmente en cada brazada. 

2-    Sementar:

A finais de setembro ou outubro, o centeo sementábase a man, esparexendo o gran  pola superficie antes acondicionada. Dependendo da zona a esta operación chámase sementar á vóeo sementar á manta ou sementar ó chou, o mesmo pasa cá sementeira dos nabos. A variedade tremesiño, sementase na primavera, xa que madura en pouco tempo.

Logo facíanse os sucos, polo que o gran queda depositado nas partes mais elevadas do terreo, entre cada dous regos. Na actualidade xa non se sementa no suco, faise no terreo chan, para facilitar a sega con colleitadora.

 

3-  Procurar:

Quedaba así ata febreiro ou marzo, en que se realizaba a arica ou limpeza dos sucos arrincando as malas herbas. Adoitaban usar o arado de madeira ou “romano” para esta tarefa, pasando pola quelle, limpando os laterais do suco. Para que a pasada do arado fose máis efectiva, púñaselle un mangado de palla ben atado por enriba das abiecas. Aínda se podía facer unha nova arada en abril ou maio e era daquela, cando o centeo comezaba a espigar.

4-  Colleitar:

Coñécense popularmente variedades, como o centeo común ou de outono grandal, o centeo de primavera ou tremesiño, que medra en pouco tempo.

A seitura (O ciclo do pan, Allariz)

A seitura tiña lugar a finais de xullo ou agosto, era unha operación manual, na que o centeo cortábase cas fouces. A man que agarraba a palla, protexíase das súas erosións con un dedíl enfundado en cada dedo. Cada segador levaba dous regos, depositando a palla en mangados cos que logo se facían uns feixes chamados mollos. Os cales se ataban con unha pequena presa de palla xuntada polas espigas, chamada grañoá.

Feitos os mollos, agrúpanse en medoucos con forma de cono con entre 15 e 25 unidades, para o que se comezaba entrecruzando catro de eles como base sobre os que se apoiaban os seguintes.

Carreta (Raul Coelho)

Uns días despois facíase a carreta, transpórtanse os mollos no carro cara as airas, onde se amorean en medas grandes para protexelas da posible chuvia, en espera da malla. Situando sempre os mollos cas espigas cara o interior de estas. Para enmedar precisábase unha habilidade especial da que dispuña algún veciño, para facelas da forma axeitada e que non se esborrallasen as medas.




Este traballo adoitaba facerse en conxunto entre varios veciños, que se puñan de acordo. Un dos motivos era facelo axiña, para que unha posible tronada non pillara a meda a medio facer, mollando e estragando a colleita.

A malla podíase facer ben na aira propia, ou ben na comunal que se usaba por quendas. Acudían gran parte dos veciños que non facía falta que foran convidados polo dono do centeo.

5-  Manipular e almacenar:

Mallo

A malla comezaba estendendo os mollos en ringleiras con tódalas espigas na mesma dirección agás as que quedaban na beira da aira que se poñían coas espigas cara dentro. Isto había que facelo cedo para que o centeo fora quecendo co sol e as espigas abrirán coa calor.





Os homes púñanse en dúas ringleiras enfrontadas cos mallos e ían batendo no centeo alternativamente. Primeiro daban unha pasada devagar e logo unha segunda máis forte ou boureo.

Malla en Boiro.

Unha vez ben mallado dábaselle a volta ó centeo e repetíase a operación para logo recoller a palla ou colmo en mangadas que se levaban ó palleiro. Neste traballo participaban os nenos e as mulleres e eran estas as que se encargaban de limpar a aira e recoller o gran con vasoiras. A continuación había que aventar o gran, o que se facía erguendo co cribo e deixándoo caer para que o vento levara a muíña, pequenas partículas de palla como as arganas.

Logo recollíase cos cribos para medilo despois co ferrado ou a tega e gardalo nas arcas ou tullas. A palla gorécese ó acollido nas palleiras ou en palleiros no exterior.

A palla serve coma forraxe, alimento e cama do gando así como para cubrir os palleiros, ven sexan de herba ou da propia palla do centeo, e protexelos da intemperie. Nalgunhas comarcas a palla ou colmo emprégase para a cubrición das vivendas (colmados). Tamén se utilizaba para alumado nas escuras noites, facendo un fachón (presa de palla atada fortemente) o cal ardía lentamente. Outra das utilidades da palla do centeo era que se utilizaba para chamuscar o porco na matanza.

Malladora (Campeva)

Xa en épocas mais actuais, a malla comezouse a facer con maquinaria, que co paso dos anos foise modernizando. Nos inicios eran unha malladora mecánica, que funcionaba co empuxe de un motor externo, que a través de unha correa transmitía o movemento circular necesario para mover o cilindro interior. A limpeza do gran, realizábase cá limpadora, as primeiras eran accionadas manualmente. Logo virían as malladoras compactas, todo no mesmo corpo, malladora, limpadora e motor.



Estas nova maquinaria fixo que os traballos se simplificaran, sobre todo o traballo principal que era mallar co mallo, e a limpeza do gran, que pasaron a ser realizados pola máquina. Saíndo por un lateral a palla xa sen o gran, recolléndose na corra e trasladándoa ás costas ben á palleira ou ben ó palleiro. Por outro lado saía o gran xa limpo que se transportaba xa cara ás arcas. O resto de operación, tamén con algún cambio, permanecían de xeito parecido.

Vemos unha das últimas mallas, con esas malladoras, Rexosende (Vilardevós) 1992 e Queiroás da Igrexa (Allariz), durante a Festas Etnográficas do Ciclo do Pan de Allariz 2015.

Malla en Rexosende 1992 parte I

Malla en Rexosende 1992 parte II

Malla en Rexosende 1992 parte III

Malla en Queiroás 2015 (Allariz)

Unha das poucas oportunidades dos nosos antepasados para gañar uns “pesos” era “ir á sega a Castilla”.  O capataz levaba un grupo con un equipo de segadores e algúns rapaces que facían os traballos máis doados como atar os mollos, recoller restrollos e carrexar auga ou alimentos. Na viaxe levaban poucos cartos polo que a miúdo pedían prestado a outro acompañante ou ao propio capataz que logo llo descontaría do seu xornal.

As condicións de traballo eran moi duras, sen comodidades, soportando unha calor extrema, sen escatimar esforzos para acadar maiores ingresos. Nos días de lúa chea mesmo aproveitaban a claridade para seguir segando. Por iso a lúa chea no tempo da seitura coñecese como lúa mata galegos, nesa zona de Castela. Xa no último cuarto do século XX cambiouse Castela por Caldelas, esa emigración temporal, pois en Castela xa se modernizaran con maquinaria.

Na Ponte Ambía, a varios veciños tocoulle experimentar esa experiencia, mesmo era común buscar unha recomendación para conseguir que os capataces os chamaran.

6-     Procesar:

O muiño do Piepito

O ciclo do centeo continúa no muíño, o gran levábase a moer segundo se fose precisando, xa que se conserva mellor o gran que a fariña. Parte da moenda iría para o consumo da xente, para facer o pan. Unha vez moída a fariña pasábase pola peneira, para sacarlle a casca ou farelos e deixala máis fina. O peneirado facíase nalgún muíño de forma case mecánica, ou manualmente. Outra parte da fariña centea, destinábase a consumo animal, polo que non era preciso peneirala.


Pan centeo



Damos por rematado o ciclo do centeo cando facemos a fornada do pan feito ca súa fariña, que normalmente se mestura con unha parte de fariña triga. Como non todas as casas tiñan forno, cada veciño cocía no forno comunal, en quendas establecidas para tal fin.




Ás veces o pan e o forno dan orixe a expresións como as seguintes:

“Non esta o forno para bolos” ou “Fornos vellos e homes borrachos pola boca se quentan” Tamén dicimos cando algo nos parece doado que “é pan comido”, ou cando se fala mal de alguén que “estáselle pondo a pan pedir”.

Ferraia (Sindo Sorga)



Cando xa se rematan os traballos da malla, comeza a prepararse a terra para a nova sementeira. Onde estivo o centeo sementaranse os nabos. Cando se aran as restrebes, o gran que se degrañou nas tarefas da seitura, máis algún que se engade, quedan enterrados, iso fai que xerminen e nace o que chamamos ferraia, que se utiliza de forraxe para os animais antes de que espigue.






O cornicelo

Cornicelo (Wikipedia.org)



O centeo vese afectado por un fungo parasito, o cornicelo (Claviceps purpurea), é un fungo do grupo dos ascomicetos que parasita diversos cereais, especialmente o centeo. Aparece adherido ás espigas coa forma dunha excrecencia alongada de 1 a 5 cm e de cor negra ou púrpura, unha ou dúas por espiga infectada. cuxo consumo accidental xunto co cereal era a causa do ergotismo, con alucinacións. Tamén é chamado caruncho, cornecello, cornello, cornizó, cornilló, cornizolo, dente de can, dentón, gornicelo ou gran de corvo. En Ponte Ambía coñecíase como gornicelo.




Tradicionalmente usouse o cornicelo polas súas propiedades oxitócicas e vasoconstritoras, por exemplo para acelerar os partos lentos ou para coutar as hemorraxias posparto; mesmo, noutras ocasións, como abortivo. En calquera caso, o seu uso en mans inexpertas é moi perigoso. Noutra liña terapéutica, tamén se usou como fonte de LSD, droga alucinóxena. Isto fixo que estivera ben pagado e podíase ver a algún veciño paseando as leiras en busca do fungo.


 O pan un invento

Parece ser que á civilización exipcia non só hai que atribuírlle as pirámides, a creación dos xeroglíficos e dun calendario moi preciso, tamén é cousa deles o descubrimento do pan. Como moitas outras veces, foi de forma accidental. Un exipcio estaba a mesturar cereais e sementes que medraban nas beiras do Nilo e esqueceu nun recipiente esta mestura, cando volveu atopouse a primeira bola de pan. Co paso do tempo os gregos melloraron a técnica, e os romanos continuadores da cultura grega, melloraron os fornos.

Podemos atopar no refraneiro, alusións ó centeo ou pan:

  •         A choiva no abril dá millo e dá pan.
  •         A chuvia por san Xoán, tolle o viño e non dá pan.
  •         Agosto fáiselle maio ó que non ten pan sementado.
  •         Ano hortelán, máis palla que gran.
  •         As tormentas por san Xoán tollen o viño e levan o pan.
  •         Ata curto, esterca amodo, ara xusto e fondo, e collerás pan dabondo.
  •         Auga de maio, pan para todo o ano.
  •         Auga por agosto, nin pan nin mosto.
  •         Sementa cedo e poda tardío, collerás pan e viño.
  •         O centeo basto na hucha e non no terreo.


Arredor do centeo e do seu cultivo, atopamos varias palabras relacionadas con el e o seu cultivo.

Ferrado (www.campogalego.gal)


Ferrado: medida de capacidade para grans, legumes, sementes etc., de valor moi variable segundo os lugares ou segundo o que se mida que pode ir dos doce aos vinte quilos. Especie de caixón trapezoide con esa capacidade. Medida de superficie (semente) que segundo os lugares varía. O ferrado en Baños de Molgas equivale a 639m2





Tega: medida de capacidade para grans, legumes, sementes etc., de valor variable segundo os lugares e segundo o que se mida, equivalente a un ferrado ou á quinta parte dunha fanega. Medida de superficie, de valor variable, que equivale a un ferrado. Recipiente de madeira usado para a medida de cereais.

Fanega: medida de capacidade para grans, legumes, sementes etc., de valor moi variable segundo os lugares, e segundo o que se mida, que corresponde habitualmente a catro ou cinco ferrados ou tegas. Medida de superficie cun valor que oscila, segundo os lugares entre os catro e os seis ferrados.

Esterco: conxunto de materias orgánicas como excrementos dos animais mesturados coa palla, toxo etc., que se saca das cortes e que se lle bota á terra para que sexa máis fértil.

Estercar: acción de botar o esterco na terra.

Decrúa: arar unha terra a primeira vez, para preparala para sementar. Normalmente ca vertedeira.

Vertedeira: arado con rella curva de ferro, utilizado para voltear o terreo atugando as herbas..

Entravesa: segunda arada de un terreo, que se fai transversalmente, para romper mellor os terróns feitos na decrúa. Faise en sentido transversal á primeira arada, co arado de pau.

Xugo da arica (propiedade de Genaro Cid) 

Arica, abica, achega ou refenda: operación de arar superficialmente o centeo, o millo ou patacas, para arrincar as malas herbas. Acumulando a terra arredor do tronco dos cereais, conseguindo ao mesmo tempo eliminar as herbas perniciosas. No centeo faise para sacar as herbas que saen na quelle e polo lateral dos sucos. Neste caso faise co arado de pau ou “romano”. A xugada para esta operación está xunguida con un xugo especial para este traballo, o xugo da arica. Este permite adaptar o ancho da xugada ó dos sucos, para non trepar a colleita.

Barbeito: terra de secaño onde se cultiva, segundo as zonas de Galicia, o centeo, trigo, millo e patacas. Alternando os cultivos de un ano para outro, para que descanse a terra.

Quelle: a parte mais fonda do rego ou suco.

Riscar: facer riscos na terra, arrastrando un mangado de palla centea, para facer as embelgas.

Embelga: cada unha das partes en que se divide un terreo para traballalo ou sementalo.

Muíña: conxunto de desperdicios formado polas arganas das espigas e pequenas partículas de palla.

Argana: filamento ríxido que se prolonga da casca do gran de varios cereais ou plantas gramíneas.

Tremesiño: cereal que nace e madura en tres meses.

A seitura, corta ou sega: era un traballo tradicional do agro galego que consistía en segar a planta de centeo con fouces.

Dedís e fouces (O ciclo do pan, Allariz) 

Fouce: instrumento de labranza de folla curva, menos grosa e forte que a do fouciño, que se utiliza para segar cereais ou herba.

Dedíl: funda de pel, grosa e tesa, ou cana, con que se protexen os dedos para segar.

Á vóeo, á manta ou ó chou: modo de sementeira na que as sementes son lanzadas ó aire a puñados para que se estendan por unha superficie o máis ampla posible. Faise con sementes pequenas como o centeo, o trigo ou os nabos.

Atando o mollo – (https://fr-fr.facebook.com

/groups/santiagodecerreda)


Mollo: feixe de centeo, trigo ou cebada que se fan na seitura, átanse ca grañoá, xúntanse no eido en medoucos. Logo lévanse á aira e fanse as medas, quedando á espera de facer a malla.

Medouco: grupo de poucos mollos de centeo, trigo etc., colocados de pé uns contra os outros, que se fai na leira despois dá seitura.

Grañoá: atadura ou ligadura curta de palla, xeralmente para atar os mollos.


Corra: piorno vido ou vimbio longo que se utiliza para recoller a palla do centeo ó saír da malladora e levala á palleira. Fáiselle un nó no extremo para poder agarrar con máis comodidade.

Enmedando (Jesús Faílde) 


Carreta: xuntanza de varios veciños cós seus carros, que se unían para transportar os mollos, cara as airas.

Meda: morea grande de mollos de cereal colocados ordenadamente, de forma circular e cónica, que se fai no lugar onde despois se van mallar, polo xeral na aira.

Enmedar: operación de facer unha meda empregando os mollos, colocados de forma ordenada, cada un a continuación do anterior, facendo de forma circular. Aferrando un ó anterior e situando a parte da espiga cara ó centro da meda.


Malla 1932 (www.pinterest.es) 


Malla: operación de bater nun cereal coa finalidade de separar a semente ou grans da palla. No pasado era unha operación manual na que se facía uso dun sinxelo aparello denominado mallo e mais dun solo preparado para a malla, chamado aira. Logo fíxose cá malladora. Tempo do ano no que se realiza ese traballo.

Mallo:
é un apeiro agrícola usado para mallar (é dicir, bater con mallo), para separar o gran da palla e outras envolturas que recobren o gran.

Carrasco ou canizo: estrutura rectangular con canas, varas ou vimbios entretecidos que se usa para achaiar a terra arada.

Malla (www.rubillon.es) 


Malladora: máquina que se emprega para mallar cereais como o centeo ou o trigo.


Aira: é un sitio chan de proporcións variables, achegado á vivenda, feito de terra firme ou lousado con pedra, onde se mallan os cereais, bótanse a secar os legumes etc.



Vasoiras - (Facebook - O ciclo do pan) 


Vasoira: Instrumento formado por un pequeno feixe de ramas xeralmente de xesta ou doutro material flexible, que se emprega para varrer. E moi utilizada para xuntar o gran que cae na malla. Tamén pode ser de codeso escalambrón e de fentos.

Restrebe: terreo onde se acaba de facer a seitura, que queda cuberto de canas de cereal.

Ferraia: centeo, que se sega verde, antes de que espigue, e que se utiliza como forraxe para os animais.

Peneira ou cribo 



Peneira ou cribo: instrumento circular de madeira ou metal, con fondo en trama de metal ou outro material, por onde pasa a fariña moída. Separando as partes máis grosas, como os farelos, das máis finas. Tamén se utiliza para limpar varios tipos de sementes, separándoas daquelas partículas máis grosas que interesa apartar.








Arca: caixa grande con tampa plana, usada para gardar roupa ou outras cousas, como cereais. Adoita ser de madeira de castiñeiro

Farelo: casca esmiuzada do gran moído, separada da fariña cando se peneira.

Fachón: presa de palla atada fortemente que se acende para alumar.

Palleira en Nogueira de Arriba

Palleira:
construción onde se garda a herba seca ou a palla e tamén os apeiros e o carro. Pode ter tellado amparado por catro paredes, das que algunha de elas pode ser de madeira.

Palleiro: morea de palla ou de herba seca en forma de cono que se fai na aira a intemperie, de tal xeito que non se molle coas chuvias. Para elo está cuberto con colmo feito con palla escollida de centeo.



Na nosa contorna celébranse varias festas relacionadas co centeo como son “O ciclo do pan en Allariz” e tamén os “fachós de Castro Caldelas”.

O ciclo do pan de Allariz, como o nome o di, os veciños de Queiroás levan anos reproducindo fielmente os traballos do ciclo do pan. Estes comezan ca sementeira, seguen ca seitura e a carrexa, pasando pola malla e a moenda no muíño e rematando no forno, ca formada do pan.

O ciclo do Pan (Allariz) 

A Festa dos Fachós de Castro Caldelas celébrase o 19 de xaneiro na véspera do día de san Sebastián, comeza coa caída do sol e prolóngase durante a noite. Esta celebración converteuse nunha das tradicións de culto ó lume máis representativas de Galicia.

Festa dos Fachós (Castro Caldelas 2018) 

Consiste a festa nunha procesión na que se portan centos de fachóns, feitos con palla de centeo, arredor do castelo de Castro Caldelas, partindo da igrexa dos Remedios e facendo un percorrido en plena escuridade tralo facho principal (de varios metros de longo), que precede a imaxe do santo, feita de palla ó igual que os fachóns. Finaliza a procesión no adro da igrexa onde se queiman os fachóns nunha gran fogueira, culminando o rito do lume purificador no medio do repenicar das campás. Os preparativos da festa comezan dende a sementeira do centeo, pasando pola seitura ou a malla ata chegar a facer os fachóns.

Manuel María O centeo 


Por último imos ver uns vídeos sobre a sega e a malla na nosa parroquia, concretamente

 vemos a veciños de Cachagonza no ano 1991. Cedidos por Juan Fernandez (Fillo do Domicilio)


Sega en Cachagonza no ano 1991

Malla en Cachagonza no ano 1991




Trigo:

Na actualidade o trigo e o cereal mais estendido no mundo, pero en Galicia, onde se xeneralizou o seu cultivo no século IV a. C. , non foi tan abondoso coma o millo ou o centeo e cultivábase en areas mais ben restrinxidas.

Leira de trigo

O seu cultivo era, en moitos aspectos, parecido ó do centeo e, segundo as zonas, podíase plantar a finais de outono (trigo grandal ou temperan) ou na primavera nas zonas de montaña (serodio, tremesiño ou marciño). A sementeira do trigo facíase en terreos que antes tiveran millo ou en rotación coa pataca. O trigo e un cereal que non quere humidade, polo que unha vez preparada a terra, ademais dos sucos feitos co arado para a semente, facíanse outros paralelos e mais fondos que tiñan por obxecto recoller a auga sobrante para que esta non afectara ás plantas.




Espigas de trigo

En Ponte Ambía era pouca a cantidade que se sementaba, usábase para producir fariña para consumo humano, para mesturala cá do centeo e así mellorar o seu sabor.

Cando o trigo comezaba a medrar, dábaselle dúas aradas para eliminar as malas herbas que medraban ó seu arredor. A malla era como a do centeo, so que nos lugares onde a colleita era pequena realizábana os da casa sen precisar máis axuda.




O trigo co refraneiro:

·        Cando o trigo está nos campos é de Deus e máis dos santos.
·        Maio frío moito trigo, maio pardo, ano farto.
·        Nin viña no baixo, nin trigo no cascallo.
·        Cebada, a que eu quixera; e trigo, o que Dios me dera.
·        Maio fai o trigo, e agosto o viño
·        O pan de trigo fíxoo Dios, e o de millo mandouno facer.
·        Pan de trigo ou de centeo, quéroo máis no meu ventre que no alleo.





Millo:

O millo, traído de América no século XVI tivo, no entanto, unha tardía introdución en Galicia, xa que ata o século XVII non comezou o seu cultivo. Deseguida se impuxo levando a case total desaparición do millo miúdo ou paínzo (Paniculum Miliaceum), cereal predominante ata entón e do que tomou o nome. A vez que o millo, introduciuse tamén a pataca, o que supuxo unha renovación do sistema agrario galego xa que a rotación do cultivo do millo, outros cereais e a pataca fixo posible aumenta-lo rendemento da terra. Os cambios que xurdiron deste novo sistema tiveron como consecuencia unha mellora na produción de alimentos que derivou nun aumento da poboación.


Millo do país



A importancia que rapidamente adquiriu o seu cultivo e uso alimentario levárono a un espallamento social só comparable ó da pataca. Un síntoma da súa omnipresenza é o famoso poema Adeus ríos, adeus fontes de Rosalía de Castro, onde se laia da paisaxe que vai deixar atrás por ir á emigración, paisaxe onde aparece o millo.



A planta do millo pode chegar a alcanzar os 3 m. de altura, e ten un talo macizo do que parten longas follas lanceoladas. A mesma planta ten flores masculinas e femininas. As masculinas nacen na parte superior, e conforman o que chamamos pendón ou candea. As femininas florecen mais tarde e nacen entre as follas situadas a media altura. Son as que darán lugar ás espigas. Das flores femininas saen unhas barbas de cor vermella que van ser fecundadas polo pole que cae das flores masculinas. Deste xeito comezaran a medrar os grans nas espigas que, unha vez maduras, estarán compostas de follas, gran e carozo. Existen diversas variedades de millo do que o máis difundido tradicionalmente era o chamado do país. Agora a maior parte do millo cultivado en Galicia e hibrido, e dicir, cruzado con outras variedades para mellorar as súas características. Ademais, o millo diferenciase tamén polo momento en que se sementa, de xeito que temos millo temperán ou de cedo, que se sementa en inverno, e millo tardío ou restrebeiro, que se sementa en verán. Este último emprégase como forraxe xa que non chega a desenvolver a espiga. O millo sementado no ciclo normal e o que se denomina millo do tempo ou da sazón.

Leira sementada de millo


Co millo de ciclo normal os traballos comezaban en abril ou maio coa sementeira. Axudándonos da xugada para arar de distintas maneiras, estercar e agradar. Falaremos xenericamente de xugada, pero a maioría de traballos tamén se facían con cabalarias ou con una soa vaca.









1- Preparar a terra:

Na terra onde se recolleron os nabos e a ferraia, sementaremos o millo. Comezamos por arar cá vertedeira, sería a decrúa, para atuar os restos vexetais e que podrezan. Días despois, pasamos a agrade, para desfacer os terróns e achanzar a terra. Deseguido axudados do carro das vacas, sacaremos o esterco da corte cara á terra, cubrindo por igual o terreo.

Logo ven a entravesa, segunda arada que se lle dá á terra, en sentido transversal ou oblicua á primeira, desfacendo os terróns. Faise co arado de pau, conseguindo que o esterco se mesture cá terra.


2- Sementar:

A sementeira propiamente dita, comézase facendo os sucos (Asucar) co arado de pau ou “romano”, mentres que outra persoa pinga tras del a semente, arroxándoa ó fondo do suco de unha forma mais ou menos ordenada. Logo dáselle outra pasada co arado, mais casqueira, cá que cubrimos as sementes. Esta operación e a asoma.

Millo medrando


Nalgunha zona non tan distante da nosa, a sementeira faise de forma manual, á pitada. Que consiste en marcar con un angazo a distancia entre sucos e despois ir picando co sacho e pingando dous ou tres grans en cada oco feito a unha distancia equidistante e tapando co mesmo sacho ou cos pés.





 3-  Procurar:

Ós poucos días o millo comeza a saír, entón pásase o canizo ou carrasco para baixar a terra das partes elevadas do suco, achanzando a terra, pero sen cubrir as pequenas plantas. No momento en que as plantas sobresaen da terra uns centímetros, faise a primeira arada co arado de pau, para arrincar as malas herbas e arrimar a terra ás plantas recen brotadas.

Millo


Deixando o millo no centro de dous sucos. Dando unha primeira cava, para aconchegar, arrimando a terra arredor das plantas, con sacho ou aixada, eliminando as pequenas herbas que intentan medrar máis que o propio millo.

Cando a planta mida algo máis de unha cuarta, o que adoita ocorrer no mes de xuño, faise co arado de mosquito a segunda arada, a arica

Estas aradas adoitábase facelas ca xugada, ben fose de vacas ou bois. Tamén era moi común que se fixesen con unha cabalería ou unha soa vaca, con un arado adaptado a tal fin.

Despois débese rarear e cavar, e dicir, quítase o exceso de plantas e transplántanse nas zonas onde non naceron. Elimínanse as malas herbas, todo isto axudados do sacho ou aixada.

Xa no mes de xullo, cávase de novo para volver quitar as malas herbas e arrimar terra ó pe da  planta. Nese momento comezaban as regas, onde eran posibles, que continúan en agosto. Mes no que tamén se sementaban entre o millo os nabos. Isto facíase nas terras que non se cultivaban en barbeito, senón que todos os anos producen o mesmo, conseguindo así enlazar cá seguinte tempada.


Millo madurando

A comezos de agosto pódense cortar os pendóns que se usaban como alimento para o gando. Seguidamente tamén se cortaba a parte superior da planta, deixando as espigas á luz do sol, para que maduren. Esa parte do talo utilízase como alimento do gando, nunha época en que escasea o verde polo rigor da calor. É tamén o tempo de colocar os espantallos. Na leira do millo poñíanse uns espantallos e unhas tarabelas para espantar os paxaros, principalmente os corvos, para que non foran comelo e tamén queimábanse trapos vellos nos balados da leira para que o porco teixo non se achegara, pois non soportaban o cheiro que producían.

4- Colleitar:

Cando o millo está xa maduro, entre setembro e outubro, os membros da casa realizan a colleita, que se pode facer de dous modos: cortando as plantas enteiras con fouces, ou recollendo so as espigas, deixando os talos no campo como esterco.

Unha vez cortado o millo, cargaríase no carro para levalo cara á casa ou algún lugar próximo, que podería ser a aira, un patio ou un pendello.

 

5- Manipular e almacenar:

Á colleita séguelle a esfolla, que nalgunhas zonas chámase escapulla. Se o tempo o permite a esfolla podíase facer na propia leira. Para realizar esta tarefa xúntanse varias persoas que van sacando coas mans, os follatos que rodean a mazaroca. As espigas do millo do país, separábanse segundo as cores, as negras ou moradas, por seren máis escasas, eran chamadas raíñas.

Logo almacenábanse na nosa zona no canastro en outros lugares facían restras tecidas coas follas grandes das espigas. Se había algunha espiga partida ou danada, esas aproveitábanse para o gando. Se o millo estaba algo húmido, púñano ó sol ou unha vez no canastro, este tíñase aberto para que se aireara mellor e secase ben antes da chegada das chuvias.


O canastro do Piepito

           

Dicían que para facer as papas que era mellor a fariña do millo máis verde. Segundo a necesidade as espigas íanse debullando á man co carozo doutra espiga xa debullada, con máquinas debulladoras ou rozando as espigas contra unha ferra posta nun caixón para esa operación.







6- Procesar:

Debullando o Millo (La Voz de Galicia) 

O millo unha vez debullado, lévase metido en sacos a moer ó muíño. Con esa fariña ademais de darlla o gando, facíase pan de broa mesturándoo con algo de centeo, papas de millo, empanada de millo que tamén se mesturaba con algo de centeo ou trigo así como a bica de millo, que se facía preferiblemente con millo blanco, que se cociñaba sobre as brasas da lareira.

Na actualidade o millo case en exclusiva recollese para darllo ós animais, pode ser cos grans enteiros ou tronzados.

Despois de mediados do século XX comezouse a colleitar millo para ensilar, para o que se sementaba bastante basto e cortábase cando aínda estaba a medio criar.

Na nosa zona o ensilado non tivo moito éxito, despois de un comezo de proba, foise abandonando esta técnica.

Na novela Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, o autor sinala as preocupacións de Balbino ao comer pan de millo, á súa nai "sentáballe mal a broa", mentres os nenos de familias máis adiñeiradas podían mercar "pantrigo".

Pan de millo (broa)

O millo e o centeo foron durante moito tempo o pan dos pobres...

Ca introdución nos anos 70 de variedades híbridas, con rendementos máis elevados, foise abandonando o cultivo de variedades do país, poñendo en perigo a súa supervivencia.

Outra utilidade que se sacaba ca folla da espiga do millo, era para descansar, xa que con el se facían xergóns para as camas. Facían unhas fundas de tea e enchíanas de follas de millo secas. Para facer un xergón precisábanse moitas follas. Dun ano para outro as follas gastábanse, de deitarse no xergón, e entón o que facían era mesturar a folla vella ca nova.


No agro galego tamén se distinguen as variedades que seguen:

Millo branco: o máis utilizado para o consumo humano.

Millo da revoltiza: millo que constitúe a colleita de outono. O millo da revoltiza dáselle ao gando.

Millo pego ou espigas namoradas: millo que se dá en mazarocas con algúns grans doutras cores. Isto pasa porque ao seu lado se cultivaba outra variedade e acabaron cruzándose.

Millo rei: millo que se dá en mazarocas de cor entre a do viño e a encarnada, en Ponte Ambía chámaselle así ás máis escuras ou negras.

Millo corvo: e un tipo de millo que debe o seu nome á súa color negra. Conten una maior concentración de antioxidantes que outros millos.

O millo, e máis san canto máis escuro. Unha vez máis, a ciencia entra en contradición con algunha das crenzas máis habituais.

Tamén daba boa sorte cando aparecían varias espigas agrupadas dentro dun mesmo follato. Chamábanse "Espigas das Ánimas".

O millo fixo evolucionar o canastro galego. Deulles unha monumentalidade que non teñen noutras rexións de Europa.

E por último, cos carozos ou “capullos” tamén se aproveitaban para facer un lume rápido, en moitos lugares utilízanse para asar as sardiñas. Tamén se xogaba con eles, a facer torres.


Atopamos no refraneiro, alusións ó millo:

  •         O millo mesto, no cesto; o millo raro, na leira e non no carro.
  •         O millo polo San Marcos (23 de marzo) nin nado, nin no saco.
  •         Á porta do rezador, non botes o millo ó sol.
  •         Quen aos paxaros recea, millo miúdo non sementa.
  •         Ata a folliña do millo sabe tamén picardía. Garda o orballo da noite, para beber polo día.
  •         O millo rascado enche a cesta e o ferrado.
  •         Cando a ruliña veña a rular, colle o millo e vai sementar.
  •         Non caves o millo con néboa, que como está, así queda.
  •         O primeiro millo é dos paxaros.


Sobre o millo temos os seguintes termos para non esquecer:

Achanzar: igualar unha superficie ou un terreo de xeito que quede chan.

Cavar: traballar a mao a terra para removela, sacar as herbas ou preparala para cultivala. Faise con sacho ou aixada.

Sacho: instrumento de labranza formado por unha pa de ferro unida a un mango de madeira mediante un ollo circular e formando un ángulo recto ou oblicuo, pode ter unha crista na parte de atrás, úsase para cavar.

Aixada: utensilio de labranza para remover a terra, que ten formas e tamaños diversos segundo os lugares, formada por un mango de madeira unido mediante un ollo circular e que pode ter dúas ou tres gallas e unha crista ou peta na parte de atrás.

Aconchegar: Aproximar a terra a planta, pode ser co arado ou a man con sacho ou aixada.

Arada: acción e efecto de arar. Que ven sendo traballar a terra abrindo sucos ou regos co arado, preparando a terra para a sementeira ou entre o cultivo xa medrado para arrincar as malas herbas.

Broa: pan de millo.

Cana: talo do millo.

Carrasco ou canizo: estrutura rectangular con canas, varas ou vimbios entretecidos que se usa para achaiar a terra arada.

Carozo, capullo: parte interior que queda da espiga do millo logo de quitarlle os grans.

Bica de millo: torta de millo cocida no forno, que pode ser feita tamén na lareira con masa sen fermentar, dándolle forma de bola e tapándoa con calquera vasilla de barro, cuberta con brasas de pequeno tamaño.

Empanada de millo: Empanada semellante á de centeo ou trigo, pero con fariña de millo.

Papas: alimento que se obtén cocendo fariña, sobre todo de millo, en auga ou leite.

Debullar ou degrañar: sacar os grans de millo da mazaroca.

Escotela: a corta do que queda dun pé de millo despois de cortarlle o pendón.

Esfolla ou escapulla: nome que se dá á operación de quitarlle as follas á mazaroca para poñela a secar (acción de desfollar).

Esfollador: utensilio que remata en forma de gancho, que se emprega para esfollar.

Espantallo: boneco que se pon nas leiras, etc., para espantar os paxaros e evitar que coman os froitos e as sementes.

Follatos: follas que recobre a mazaroca ou espiga do millo.

Forraxe: palla do millo que se emprega para a alimentación do gando.

Fouce: instrumento de labranza de folla curva e con mango que se utiliza para segar os cereais.

Agrade: instrumento de labranza en forma de grella grande, de madeira ou de ferro, con dentes na parte interior, co que se achanda a terra e se desfán os terróns despois de labrada.

Palleiro: amoreamento de canas de millo con forma cónica que se fai na leira ou a carón da casa.

Pendón: flor masculina do millo.

Curuto: parte máis elevada do planta do millo. Dende a espiga cara arriba.

Espiga: froito alongado das gramíneas, composto de grans ou sementes dispostos ó redor dun eixe. A do millo tamén se lle chama mazaroca.

Rarear entresacar ou entrecoller: deixar entre pé e pé de millo unha separación de 30 a 50 cm, eliminando outros pés que naceran máis cerca.

Seitura: operación que consiste en facer a sega de calquera cereal.

Vertedeira: arado con rella curva de ferro, utilizado para voltear o terreo atugando as herbas..

Decrúa: arar unha terra por primeira vez para preparala para a sementeira. Primeira sachadura que se dá ao millo ou ás patacas.

Angazo: apeiro formado por un mango longo rematado nun dos extremos por un pau atravesado que ten dentes de madeira ou de ferro formando unha especie de peite. Utilízase para xuntar a herba, a folla ou achanzar a terra.

Á pitada: forma manual de sementar o millo, que consiste en marcar con un angazo a distancia entre sucos e despois ir picando co sacho e pingando dous ou tres grans en cada oco feito a unha distancia equidistante e tapando co mesmo sacho ou cos pés

Arado de mosquito: arado que ten boa parte de ferro excepto o temón, e que ten a mesma forma que o de madeira, podendo axustar a profundidade da rella con un torno, así como a anchura das abiecas.

Entravesa: segunda arada que se lle dá á terra, en sentido transversal ou oblicua á primeira, desfacendo os terróns e mesturando o esterco.

Quelle: a parte mais fonda do rego.

Suco, rego: fenda que se fai na terra co arado.

Asucar: facer sucos para a sementeira, normalmente das patacas, do millo, centeo, trigo ou cebada.

Asomar: forma especial de arar na sementeira do centeo, trigo ou cebada, deixando o suco reforzado. Na sementeira do millo ou da pataca era a forma e cubrir as sementes, xa que era unha arada menos profunda, soterrando a semente de forma máis casqueira.

Arica, abica ou achega: operación de arar superficialmente o centeo, o trigo ou o millo, para arrincar as malas herbas. Acumulando a terra arredor do tronco dos cereais, conseguindo ao mesmo tempo eliminar as herbas perniciosas. No millo faise co arado de mosquito.

Baixar o suco, baixar o rego, baixar a terra: acción de protexer as plantas recen saídas, arrimándolle a terra para protexelas e deixándoas de paso centradas no medio de dous sucos. Esta operación pódese facer con arado de pau máis o carrasco ou canizo, ou soamente con isto último. Cando se sementou o millo, as sementes quedaron nun lateral e na zona baixa do rego, cando se asomou. Ó baixar o suco, estas pasan a estar na zona elevada e protexidas ca terra. Con esta operación tamén se eliminan as primeiras herbas que intentan medrar máis que o propio millo.

Pingar: acción de deixar caer pinga a pinga, grao a grao o millo.

Terróns: anaco de terra cuberto de herba, coma o que levanta o arado.

Xergón: colchón feito cunha funda chea de follatos das espigas do millo, herba, etc.

Silo ou ensilado: é un proceso de conservación da forraxe baseado nunha fermentación láctica do vexetal ensilado. Permite conservar moito mellor as calidades nutricionais da herba ou millo orixinal que o secado.

Canastro aberto para secar o millo

Canastro, hórreo, cabaceiro: celeiro que consiste nunha construción de pedra, de madeira ou a mestura de ambos, feita ordinariamente sobre columnas de pedra para illar o grao da terra, apartando este da humidade da terra e permitindo unha mellor aireación.

Restra: trenza que se fai cos allos, coas cebolas, coas mazarocas do millo, etc, para penduralos e polos a secar.

Pendello: pequena construción, normalmente pegada á casa labrega, polo xeral só cuberta polo tellado, que serve de almacén para gardar a leña, o carro, as ferramentas de traballo e outros utensilios.

Patio: espazo descuberto, cerrado polos laterais, ben no interior ou a carón dunha edificación, ben entre varias construcións.




Pataca:

A pataca, baloca, castaña ou castaña da terra é o tubérculo da planta da pataca ou pataqueira (Solanum tuberosum), unha planta da familia das solanáceas, orixinaria de América do Sur e cultivada en case todo o mundo polo seu tubérculo comestible.

Cultivada no Perú desde o VIII milenio a.C., o berce da pataca estivo na fronteira peruano-boliviana pero a man e intelixencia incaicas tiveron moito que ver na multiplicación das súas variedades. Foron tamén eles os que desenvolveron a técnica para deshidratala, e apreciárona máis porque resiste moito tempo de almacenamento.

Meu pai Gerardo na sementeira da pataca 

A primeira referencia do cultivo da pataca en Galicia remóntase a 1607, ano no que foron sementadas na horta do mosteiro de Herbón (Herbón, Padrón), tal e como aparece rexistrado nas memorias do arcebispado de Santiago, do cardeal Jerónimo de Hoyo, o cultivo xeneralizado da pataca non tomaría importancia ata a segunda metade do século XVIII.

Leira sementada de patacas

O catastro de Ensenada (1749 - 53) reduce o seu cultivo a un feixe de parroquias da provincia de Ourense. Cara a 1800 Lucas Labrada sinala que o cultivo das patacas estendeuse amplamente a raíz da crise cerealeira, gravísima de 1768 - 69. A pataca comezou a substituír paulatinamente á castaña como un dos alimentos básicos da alimentación dos galegos, especialmente no mundo rural, e por iso nalgúns sitios comezou a chamarse castaña da terra.




1- Preparar a terra:

Tanto a preparación inicial do terreo, como a propiamente chamada sementeira semellase á do millo. Sería igualmente onde se recolleron os nabos e a ferraia, sementaremos as patacas nos meses de marzo ou abril. Comezamos por arar cá vertedeira, sería a decrúa, para atuar os restos vexetais e que podrezan. Días despois, pasamos a agrade, para desfacer os terróns e achanzar a terra. Deseguido axudados do carro das vacas (nalgún caso de cabalería), sacaremos o esterco da corte cara á terra, cubrindo por igual o terreo.

Logo ven a entravesa, segunda arada que se lle dá á terra, en sentido transversal ou oblicua á primeira, desfacendo os terróns. Faise co arado de pau, conseguindo que o esterco se mesture cá terra.

 

2- Sementar: 

Sementamos a finais de marzo ou primeiros de abril. A mellor fase da lúa para a plantación das patacas é finais de lúa chea e, sobre todo, a minguante. Deixando uns 40 centímetros entre patacas e entre 60 e 70 centímetros entre liñas. A separación é importante para evitar a propagación de enfermidades e para que a pataca teña espazo para desenvolver as súas raíces.

A sementeira tamén se realiza de xeito similar á do millo. Quizais a maior diferencia sexa. que cando se botan as patacas no fondo do suco, adoita acompañarse con unha capa de mineral” (fertilizante granulado de orixe mineral).

Pataca comezando a saír (Sindo Sorga)



A sementeira propiamente dita, comézase facendo os sucos (Asucar) co arado de pau ou “romano”, mentres que outra persoa deposita as pequenas patacas da semente, arroxándoas ó fondo do suco de unha forma mais ou menos ordenada. Segundo as bota, trepa cada unha co pé, para que non se mova do sitio. Logo dáselle outra pasada co arado, mais casqueira, cá que cubrimos as sementes. Esta operación e a asoma










3- Procurar:

Patacas acabadas de arar – (Toño Ferreira) 

Pasados uns días as patacas comezan a saír, entón toca baixar o suco. Isto consiste en dar unha arada co arado de pau, deixando as patacas entre dous sucos e protexidas ca terra, logo pásase o canizo ou carrasco para baixar a terra das partes elevadas do suco, achanzando a terra, pero sen cubrir as pequenas plantas. Esta operación da baixada do suco, pódese facer solo co canizo ou carrasco, deixando a primeira arada para mais adiante.


Podendo ser no momento en que as plantas sobresaen da terra uns centímetros, faise unha arada, co arado de pau, para arrincar as malas herbas e arrimar a terra ás plantas recen brotadas. Deixando os brotes da pataca no centro de dous sucos. Dando unha primeira cava arredor das plantas, con sacho ou aixada, eliminando as pequenas herbas que intentan medrar máis que as propias patacas.

Cando a planta xa teña a altura suficiente, faise co arado de mosquito a segunda arada, a arica. Logo manualmente elimínanse as malas herbas axudados do sacho ou eixada, arrimando a terra ó pé das patacas. Esta operación chámase arrendar as patacas.

Se fose necesario aínda se faría outra cava, para volver quitar as malas herbas e arrimar terra ó pe da  planta.


4- Colleitar:

Apañando Patacas- (Aldeia Vila Nova) 

A colleita realízase podendo ser na lúa minguante de setembro, aínda que cada vez se adianta mais a data, por mor do cambio climático. Unha vez aberto o rego que ou ben se fai a man con eixadas ou con un arado acondicionado con unha rella a tal fin, que faga que as patacas queden na superficie. Logo recóllense con cestos, normalmente separando as de maior tamaño, destinadas ó consumo humano e as pequenas ou as mancadas que se apartan para os animais. 




5- Manipular e almacenar:


Rella do mosquito, específica para

 coller as patacas


Recóllense en sacos e apáñanse cara á casa no carro das vacas. En ocasións as patacas levábanse entre os ladrais, sen sacos logo apáñanse con cestos ata o lugar destinado para almacenalas.

De xeito tradicional o almacenamento da pataca faise en zonas secas e sen humidade, a resgardo da luz, nun proceso chamado conservación por deshidratación.

Unha vez ou dúas ó ano débense repasar as patacas almacenadas para sacarlle os gromos que poden comezar a querer saír, para evitar que lle medren e estraguen as patacas.





6- Procesar:

A pataca dende a súa introdución, foi de grande axuda para a alimentación dos nosos antepasados. Dende sempre consumíronse de dous xeitos principalmente, cocidas en cachelos, ou fritidas na tixola. Pero ben certo e que combinan con calquera comida, ben sexa integradas con outro ingrediente ou como acompañamento de este.

O único traballo de preparación e o de pelalas, aínda que ás veces se preparen ca pel, sobre todo se son asadas. Ultimamente proliferan os negocios en torno á pataca, arredor da zona da Limia, as patacas fritas de bolsa, utilizando para elo a variedade agria.

 

A pataca é un cultivo esixente que detrae moitos nutrientes do solo. Por iso require un terreo ben aboado con materia orgánica, ben cavado e non encharcadizo.

Patacas novas recen arrincadas (Sindo Sorga)


Desde 1996 existe en Galicia a Denominación Específica Pataca de Galicia, que ampara a producida nas zonas de Bergantiños (A Coruña), Terra Chá-A Mariña (Lugo), Lemos (Lugo) e A Limia (Ourense).

A pataca galega é de carne branca e ten unha presenza de ollos superficiais e unha pel fina e lisa de cor amarelo. Unha característica importante é que ten un textura en boca firme, lixeiramente fariñenta. Esta consistencia fai que a pataca galega sexa moi apreciada para cocer, son os populares ‘cachelos’. En cocido, esta pataca acada unha calidade excelente que a diferencia doutras, aínda que tamén é apropiada para consumir doutros xeitos. Ademais, a pataca galega cando se cociña mantén intactas as súas calidades de cor, aroma e sabor.

As variedades que se cultivan na nosa zona son, principalmente kennebec en carne branca e Baraka e Agria en carne marela.


Pataca madurando

Sendo un cultivo de raíz é unha planta que demanda tamén potasio, o que favorecerá o crecemento dos tubérculos e unha boa colleita. Agora recoméndase aplicalo como fertilizante granulado, máis efectivo e doado de aplicar e que está permitido en agricultura ecolóxica.

Ó igual que o resto de vexetais, non é recomendable repetir o cultivo da pataca no mesmo terreo dous anos seguidos.



Escaravello da pataca – (Wikipedia) 

Un dos maiores esforzos que ten o labrego cá pataca e a loita co escaravello da pataca, que estraga as colleitas se non se combaten. Xunto a este, a outra gran besta negra de calquera campo de cultivo da pataca e o mildio. Este fungo foi importado de México alá pola década dos corenta no século vinte. A súa chegada a Europa causou, principalmente na Irlanda un éxodo masivo de xente fuxindo da fame. Esta enfermidade aféctalle tamén a outros vexetais, principalmente ó tomate e á vide.



A pataca na cultura popular galega.

Pataca xusto antes de florecer. 


Non se deben poñer as patacas en martes e con lúa de forza en cuarto crecente, porque senón grelan. Tampouco se deben almacenar nun sitio onde dea a lúa porque poranse verdes.

Unha moza pode adiviñar o nome do futuro marido deixando na ventá unha pela de pataca durante a noite de San Xoán. Á mañá estará engurrada debuxando a letra pola que comeza o seu nome.



Os gromos novos da rama da pataca, aplicados en cataplasmas, alivian a dor das escordaduras dos pés ou mans, así como nas queimaduras. Tamén resulta eficaz con este mesmo fin a polpa cocida da pataca. A fécula, seca e en po, alivia o proído da pel nos nenos.

O zume de pataca é lixeiramente espasmolítico e antiácido, polo que tamén se emprega na medicina tradicional contra as gastrites e úlceras.

Levar unha pataca crúa no peto serve para previr a reuma

Para aliviar a dor das queimaduras ou das cortaduras dos pés ou mans, é bo poñer cataplasmas feitas cos vástagos (gromos) novos da rama da pataca ou feitas coa polpa cocida.


Termos relacionados cá pataca para non esquecer.

Arrendar: cavar por segunda vez as patacas, arrimando terra ao pé de estas.

Gromo: vástago ou pequeno vulto que lle sae ós vexetais no talo ou nas pólas e que se transformará en novas pólas follas raíces ou flores.

Mineral: fertilizante granulado de orixe mineral, achega principalmente potasio ó terreo.

Baixar o suco, baixar o rego, baixar a terra: acción de protexer as patacas recen saídas, arrimándolle a terra para protexelas e deixándoas de paso centradas no medio de dous sucos.

Esta operación pódese facer con arado de pau máis o carrasco ou canizo, ou soamente con isto último. Cando se sementaron as patacas, estas quedaron nun lateral e na zona baixa do rego, cando se asomou. Ó baixar o suco, estas pasan a estar na zona elevada e protexidas ca terra. Con esta operación tamén se eliminan as primeiras herbas que intentan medrar máis que as propias patacas.

Ladrais: táboas delgadas e curvas que se colocan unha enriba de cada cheda do carro galego, por entre os estadullos e que se emprega para soster a carga, cando esta é pequena, sendo complicado suxeitala de outra maneira.

Cesta ou cesto, segundo a zona 


Cesto ou cesta: recipiente feito de vimbios, vergas ou varas entretecidos de distintas formas e tamaños segundo os usos, que pode ter ou non asas ou un aro polo medio. Serve para transportar obxectos pequenos. Utilízase tanto para sementar como para colleitar.





Cocidas en cachelos: patacas cortadas en anacos grandes, que se cocen en auga con sal.

Fritidas na tixola: son patacas cortadas en anacos e cociñadas en aceite quente nunha tixola.

Sacho




Sacho: instrumento de labranza formado por unha pa de ferro unida a un mango de madeira mediante un ollo circular e formando un ángulo recto ou oblicuo, pode ter unha crista na parte de atrás, úsase para cavar.








Escaravello da pataca: o escaravello da pataca (Leptinotarsa decemlineata) é un insecto coleóptero da familia dos crisomélidos. É un praga importante para os cultivos de pataca. Mide uns 10 mm, ten un dorso de cor amarela/laranxa con cinco raias negras lonxitudinais en cada unha das ás.

Mildio: a enfermidade coñecida como tizón da pataca ou mildio é causada polo fungo Phytophtora infestans. É a enfermidade criptogámica máis importante que afecta ao cultivo da pataca, producindo grandes perdas económicas en todo o mundo.

Aixada de dúas gallas 


Aixada: utensilio de labranza para remover a terra, que ten formas e tamaños diversos segundo os lugares, formada por un mango de madeira unido mediante un ollo circular e que pode ter dúas ou tres gallas e unha crista ou peta na parte de atrás.

 

 






Arado de mosquito: arado que ten boa parte de ferro excepto o temón, e que ten a mesma forma que o de pau, podendo axustar a profundidade da rella con un torno, así como tamén a anchura das abiecas.

Arica, abica ou achega: operación de arar superficialmente o centeo, o trigo ou o millo, para arrincar as malas herbas. Acumulando a terra arredor do tronco dos cereais, conseguindo ao mesmo tempo eliminar as herbas perniciosas. No millo faise co arado de mosquito.

Carrasco ou canizo: estrutura rectangular con canas, varas ou vimbios entretecidos que se usa para achaiar a terra arada.

Arado de pau: aparello agrícola movido por tracción animal ou mecánica, que se utiliza para arar ou labrar a terra e que se caracteriza fundamentalmente por levar unha prancha de ferro ou rella que se crava na terra e abre regos.

Este arado consta das seguintes partes: rabela, cano, temón, chavella, rella, teiroá, abieca, ameixelo, cuñas.

O arado de pau ou romano, foi o máis empregado ata que se deixou de utilizar a xugada.


A pataca no refraneiro:

  • As patacas de xaneiro van na cesta e veñen no sombreiro.
  • Bótesme tarde, bótesme cedo, ata o maio non me ves o pelo.
  • Entre Loiro i Ventraces, patacas novas.
  • Goberna Saturno, ano de patacas.
  • Se queres comer patacas por San Xoán, seméntaas cando o pan.
  • Val máis bocado de vaca que catro de pataca.
  • Onde non hai mata non hai pataca.
  • Canta a bubela, pataca a terra, canta o cuco, pataca ó suco.


Nabos:


Burro con nabos, (Exp. A vida lenta) 

O nabo (Brassica rapa L.), é unha planta da familia das crucíferas ou brasicáceas (a familia das coles e os repolos) cultivada comunmente como hortaliza nos países de climas temperados de todo o mundo pola súa suculenta raíz napiforme (nos chamámoslle “perola”), e tamén para o consumo das súas follas.




Esta parte superior desenvólvese e permanece soldada á raíz, que é practicamente esférica, de ó redor de 5–15 cm de diámetro, chamada perola. A raíz principal (que se encontra por debaixo da raíz engrosada) é delgada e duns 10 cm de lonxitude.

Nabos na súa primeira fase, a nabiza 

As follas segundo a idade e a época, pasan por tres fases: as primeiras mais ternas son as nabizas, logo ven o nabo propiamente dito e as do rebento floral, son os grelos. Estes últimos medran directamente sobre a parte superior sen apenas colo. Son tamén comestibles, e moi populares en Galicia e outras zonas do noroeste da península Ibérica (Asturias, o Bierzo, norte de Portugal) e deben consumirse moi frescas. A raíz e mailas follas serven de alimento ó gando, e as follas cando son nabizas ou grelos tamén para consumo humano.



Nabos na súa segunda fase

de crecemento

Como hortaliza típica de Galicia, é un dos ingredientes básicos para a realización dalgúns dos pratos máis representativos da nosa cociña, como o caldo, o pote galego, o cocido e o lacón con grelos e constitúe un elemento diferenciado con respecto da cociña tradicional doutras rexións. Ademais, os grelos son unha referencia continua na cultura popular, a través de cantigas, refráns, frases feitas e adiviñanzas.

Poucos produtos da horta están tan arraigados na cultura galega coma os grelos. Debido á súa adecuación a climas fríos e húmidos, adaptáronse á perfección ás características de Galiza e, ó longo dos séculos, as referencias ó seu cultivo e consumo son numerosas.

A nabiza, é a folla tenra do nabo, son as primeiras follas, tenras, que produce o nabo.

O grelo chámase exclusivamente ó gromo do nabo. O grelo é comestíbel mentres está tenro. Cando abrocha a flor, o grelo endurécese e xa non é posible o seu consumo, pois non amolece por moito que se coza.

Un bo sistema para saber se o grelo está bo, consiste en darlle un corte transversal no seu extremo. Se o centro está moi branco o grelo xa non é comestíbel pola súa dureza.

Ademais de posuír un alto contido en vitaminas, os grelos axudan a previr o cancro.

1- Preparar a terra:

     

Nabos na súa terceira fase, o grelo (lahuertoteca.es)

Empréganse como cultivo de cobertura para as terras logo de recoller outras colleitas. Seméntase primeiramente entre o millo nas zonas de regadío. Nas terras onde se segou o centeo ou recolleron as patacas, son aquelas onde se adoitan a sementar os nabos. Polo tanto seméntase entre xullo e agosto, en secaño ou regadío, previo arado e estercado, a semente chámase nabiña.

Ó sementalo entre o millo, a única preparación e ter a terra sen moita herba, para darlle unha cava lixeira e así cubrir a semente. Nos outros casos, das restrebes ou ó coller as patacas, a preparación da terra non e moi diferente á de outros cultivos, arando primeiramente co arado de pau e estercando, logo volvería ararse para atugar o esterco. Isto podería variar, ás veces estercase antes de arar e así poderíase aforrar unha arada. Dependendo da condición da terra e da herba que tivera.

Seguidamente pasaríamos a agrade, que puidera ser antes da primeira arada ou no caso de estar a terra moi traballada, sería o carrasco ou canizo para achanzar a terra.


2- Sementar:

Como xa dixemos anteriormente, o nabo seméntase en agosto cando se fai na restrebe do centeo ou entre o millo. Preferiblemente na lúa chea para que non se saian pronto. Ou en setembro onde collemos as patacas.

A sementeira do nabo realizase segundo a maneira de sementar de dúas formas, “á manta” ou “ó rego”, distintas maneiras de sementar as sementes, chamadas nabiña.

Á manta: as sementes son espalladas no chan en terreo aberto, libre de outros cultivos. Adóitase facer a man e en forma de abanico, lanzando a un lado e ó outro, procurando que sexa o máis uniforme posible. Para ter controlada a zona onde xa sementamos, sóese riscar a terra con un mangado de palla centea, dividindo o terreo en parcelas do ancho que nos dan as brazadas ó ir sementando.

Cando xa teñamos a semente estendida, quedan na superficie, polo que hai que cubrila axiña cunha capa de terra para que non sexan movidas polo vento nin pola choiva. Esa operación faise co carrasco ou canizo.

Ó rego: e unha variante da anterior, a diferencia está en que en vez de ser en terreo aberto e libre de outros cultivos, esta faise entre os regos do millo ou patacas.

Así mesmo os tres principais escenarios da sementeira do nabo, diferéncianse drasticamente na forma en que se realiza dita sementeira, ben sexa á manta ou ó rego.

-Na restrebe do centeo, primeiramente debese agradar para romper o terrón, logo pasamos a romper o rego onde se segou o centeo, arando co arado de pau. Pódese estercar antes ou despois de arar. Chegados a este punto decidimos se xa botamos á manta a nabiza ou non, dependendo do estado da terra. Se a sementamos, solo nos quedaría pasar o carrasco para cubrir a semente. Se non o facemos, debemos volver a arar ou pasar a agrade e sería nese momento no que ciscamos a nabiña e despois pasamos o carrasco para cubrila. Polo que este sería un caso dos supostos nos que se sementa á manta.

- Na terra que deu a pataca, se a pataca e de cedo, seméntanse os nabos de xeito semellante ó dito no punto anterior, diferenciando en que solo se faría unha arada a mais da propia do levantamento do tubérculo, en algún caso solo se pasaría o carrasco ou canizo. Polo que sería tamén unha sementeira á manta.  

Se a pataca e de tarde, poderíase sementar incluso antes da súa colleita, arando ou cavando polo medio dos dous sucos, entre os pés das patacas. Por iso este sería un caso de sementeira ó rego. Se esperamos a recollelas, faríamos algo semellante ó feito para as patacas do cedo.

-Entre o millo, no mes de agosto xa non e posible arar ca xugada, polo grande do millo, o que nos obriga a facer a sementeira cavando a mao con sacho ou eixada, para cubrir a semente, despois de tela botado á manta como nos casos anteriores. Sería un caso de sementeira ó rego.

Sementeira á vóeo, á manta ou ó chou


Para os dous tipos de sementeira descritas anteriormente, a nabiza espállase sobre toda a superficie da leira, lanzadas ó aire a puñados para que se estendan por unha superficie o máis ampla posible, en calquera dos casos anteriores.

Dependendo da zona a esta operación chámase sementar á vóeo sementar á manta ou sementar ó chou, o mesmo pasa cá sementeira do centeo ou pan.



3- Procurar:

Cando os nabos xa son grandiños, fáiselle unha arada lixeira para facer uns sucos moi espraiados entre os nabos, conseguindo desaugar o exceso de auga de chuvia e que os nabos ó seu arredor fosen de mellor calidade. Esta operación e a resaca ou arroiado.

O nabo posiblemente sexa un dos cultivos que precise de menos coidados para lograr unha boa colleita, mais ben depende de outros factores como a climatoloxía que pode alterar a lentura do terreo no momento da sementeira. Se cando sementamos a terra está moi seca, iso impedirá que moita da semente xermine e non cheguen a nacer moitas de elas.

 

4-  Colleitar:

Consúmese, toda a planta, durante os meses de novembro a maio, tanto para alimento da xente como para o gando. As nabizas ou os grelos úsanse para facer o caldo, ou ben se cocen con patacas e lacón. A raíz ou perola, o nabo propiamente dito, o máis usual é darllo ós porcos ou a outro gando, cocidos con fariña.



Pote no que se cocían os nabos 

Nos últimos meses da ceba do porco, os nabos son o alimento fundamental. Estes cócense no pote, e acompáñanse con fariña. Algunha cociña de ferro tiña nun dos seus laterais un pote interior ó que se lle facía lume por debaixo para cocer.

Como alimento importante en Galiza, o nabo deixou unha profunda pegada na cultura popular galega. Manténdose principalmente dous grandes referentes na cociña, o caldo galego e o lacón con grelos.



Nabos floridos 


Normalmente as nabizas, consúmense dende outubro a decembro. Estas teñen un sabor máis suave mentres que nos grelos e máis forte e peculiar, dificilmente comparable ó de outras verduras que consumimos de forma habitual. Os grelos témolos nos meses mais fríos, dende decembro a marzo.

Unha vez que o nabo florece o seu consumo pasa a ser exclusivamente animal.




5-  Manipular e almacenar:

Nabos reservados para a nabiña

É de costume resgardar uns cantos exemplares dos mellores nabos cando florecen, para procurar a nabiña e poder sementar no vindeiro ano.

Cando se recollen, ponse a secar e despois mállase, ou trépase, para sacar os pequenos grans da súa funda. Finalmente límpanse ó vento, axudados da peneira ou cribo. Para eliminar as partículas de  muiña.



6- Procesar:

O procesado que ten o nabo nas súas diferentes versións (nabiza, nabo, grelo) para consumilos sería o cociñado (cocido).

Para poder desfrutar sobre todo do grelo durante todo o ano, pódese conservar no conxelador, previo cocido lixeiro para quitarlle o exceso de acidez. Tamén se comercializa en conserva, ven sexa o grelo soamente ou o nabo enteiro.


O nabo no refraneiro

  •         As nabizas piden unto; e os grelos, lacón ao punto.
  •         As nabizas queren unto, aceite e allos, todo xunto.
  •         Cada cousa no seu tempo, e os nabos no advento.
  •         Nabo, nabiza e grelo, trindade do galego.
  •         Nabos e coles, comer de señores.

Os grelos na cultura popular galega

Lacón con grelos




Caldo galego



Nabo,
nabiza e grelo,
trindade do galego.

Probou a vella os grelos
e lambeuse os dedos.


Non chas quero, non chas quero,
nabizas do teu nabal;
non chas quero, non chas quero,
que me poden facer mal.


Patacas novas,
lacón con grelos,
repolo de Betanzos
e máis xurelos.


Do nabo sal a nabiza,
Da nabiza sal o grelo,
son tres persoas distintas
e un solo Dios verdadeiro.


Carro de nabos (Facebook - PazoSabadelle) 


En Galiza xogábase ao arríncate-nabo ou arrinca nabos.

Aproveitábanse as perolas mais grandes para facer carros, cortando porcións da forma axeitada e uníndoas con caxatos, para xogar os rapaces nas noitiñas en que no inverno non había que facer.



Nomes a non esquecer relativos ó nabo:

Nabiza: son as primeiras follas, tenras, que produce o nabo.

Grelo: follas e talos tenros e comestibles do nabo antes de florecer e sacar a semente.

Resaca ou arroiado: facer uns sucos moi espraiados entre os nabos, conseguindo desaugar o exceso de auga de chuvia e que os nabos se osixenen ó seu arredor e fosen de mellor calidade.

Nabiña: Semente do nabo.

Perola: raíz do nabo, que é grosa, carnosa e de cor amarela.

Á vóeo, á manta ou ó chou: modo de sementeira na que as sementes son lanzadas ó aire a puñados para que se estendan por unha superficie o máis ampla posible. Faise con sementes pequenas como o centeo, o trigo ou os nabos.

Agrade: é un instrumento agrícola tradicional constituído por unha armazón de trabes de madeira que se entrecruzan en ángulo recto, que está dotado de dentes metálicos, máis ou menos próximos uns ós outros, e situados na súa parte inferior, e que permite traballar a terra superficialmente, achairándoa, rompendo os terróns e recubrindo o solo, de xeito que quede preparada para a sementeira e a xerminación. Adoita ser arrastrada pola xugada e cargado con pedras.

Carrasco ou canizo: trátase do apeiro de agradar mais antigo, feito con polas trenzadas, en xeral de carballo. Utilizase para nivelar a terra despois de arada. Usado tamén para baixarlle a terra as patacas ou ó millo, cando están a punto de brotar, eliminando así as herbas que tamén están saíndo. Algún era de forma triangular.

Caldo galego: prato típico da gastronomía galega. Os seus principais ingredientes son os grelos ou verzas ou repolo xunto con patacas, unto ou graxa de porco, para dar substancia, fabas e ocasionalmente algún ingrediente máis, como chourizo, lacón ou touciño entrefebrado cocido. Sérvese moi quente, a diario como primeiro prato.

Lacón con grelos: é un dos pratos máis representativos deste país. É unha variedade de cocido, con lacón (ás veces tamén cachucha, ou con orella de porco, ou costelas deste animal) chourizos, patacas cocidas enteiras e grelos.

Pote: Recipiente de ferro coa barriga en forma de esfera, con tres pés, dúas asas e un aro para penduralo da gramalleira, que se empregaba para cociñar na lareira.

Cocerlle ós porcos: acción de cocer no pote nabos, verza, patacas etc para darlle ó porco na época da ceba. Mestúrase con fariña milla e centea.

Ceba do porco: alimentación que se lle dá o porco para o engorde. Os nabos son o alimento fundamental para a ceba dos porcos.

Rego, suco: fenda que se fai na terra co arado para sementar ou regar.

Peneira ou cribo: instrumento circular de madeira ou metal, con fondo en trama de metal ou outro material, por onde pasa a fariña moída. Separando as partes máis grosas, como os farelos, das máis finas. Tamén se utiliza para limpar varios tipos de sementes, separándoas daquelas partículas máis grosas que interesa apartar.




O liño:

Este cultivo, non sendo como os anteriores, que de eles se dependía para dar de comer, ben fose os humanos ou ó gando. Tivo a súa importancia en tempos anteriores ó actual, pois grazas a el podíanse facer algunha prenda de roupa ou sacar un peso cando era algo complicado por falta de outros medios para polo menos intentalo. Vendíase a liñaza até un cobertor ou algunha saba para a cama, quedando o imprescindible para cubrir as necesidades da casa.

Por estas diferencias sobre os anteriores (centeo, trigo, millo, patacas, nabos) non o clasificaremos como estes outros, por apartados segundo a operación, senón que o faremos simplemente de unha forma cronolóxica. Neste caso non contaremos cas pequenas aportacións de vivencias propias, senón utilizando esa sabedoría acumulada nos nosos veciños mais maduros mais a información atopada “aquí e acolá”.

O liño ou liñaceira (Linum usitatissimum) é unha planta herbácea que chega a atinxir un metro de altura e pertence á familia das lináceas. Componse basicamente dunha substancia fibrosa, da cal se extraen as fibras longas para a fabricación de tecidos e dunha substancia leñosa. Produce sementes oleaxinosas e a súa fariña é utilizada para cataplasmas, usadas con fins medicinais.

Flor do liño

Non se coñece a data e o lugar nos que o home utilizou por primeira vez as fibras flexíbeis do liño para confeccionar o tecido, nin cando a planta comezou a ser cultivada. Desde 2.500 anos a.C. o liño era cultivado no Exipto, e o Libro de Moisés refírese á perda dunha colleita de liño como unha “praga” ou desgraza, tal era a súa importancia na vida das poboacións. As roupas de Aarón como oficiante eran en “liño fino retorcido” e a túnica de Cristo era de liño sen costuras.



Tipos de liño

-        Liño de fibras ou liño para debullar, para a obtención de fibras téxtiles;

-        Liño da semente, para a obtención de aceite de liñaza, base da pintura ao óleo.

-        Liño de cruzamento, conseguido polo cruzamento do liño de fibras co de aceite; foi desenvolvido para dar un rendemento suficiente de fibras e aceite.

O liño foi a fibra tradicional cultivada en Galiza e aínda que o seu cultivo case desapareceu, foi recuperado nos anos oitenta por iniciativa dos deseñadores galegos, especialmente por Adolfo Domínguez, pero a súa presenza segue a ser testemuñal.


Proceso de elaboración do Liño:

A continuación indicaremos de forma resumida cal era o proceso tradicional da elaboración do fío do liño, ata o momento de chegar ó tear.

Preparación da liñaza para sementar: despois de uns días ó sol, a bagaña ábrese deixando saír a semente ou liñaza. Logo críbase separando o cascallo da semente, quedando así limpa para sementala.

Sementado: a finais de abril sementase o liño. A terra prepárase como para sementar cereais, hai que arala e agradala, sementase a liñaza á manta ou vóeo, como se fosen os nabos ou o centeo. Despois mentres medra débese sacar as malas herbas e regalo. As terras onde se sementa o liño, tradicionalmente chámanse Liñar.

En Ponte Ambía de Abaixo o liño sementábase na zona sur do pobo, na zona do Liñar, cara a Pumares, no Carreiro e na Fabariza, así como nos Freixos. Regábase ca auga que baixaba dende Vilar, ata que se fixo o ferrocarril e perdeuse esa auga de regadío.

Arrincado: por xullo cando o liño está xa de cor amarelo recóllese arrincando coa man facendo pequenos mañizos tendo coidado de non estragar a raíz quitándolle a terra batendo as plantas contra as pernas. Logo transportase en feixes ou no carro para a casa.


Ripo propiedade de Vitorino Guede  


Ripado: ás veces faise na mesma leira e outras na eira. Quítaselle a semente, degrañando os grans de liñaza batendo as plantas contra os dentes do ripo ou banco de ripar para que solten os grans que se recollen nunha tea. Logo amarrase formando feixes. Os grans gárdanse para varios usos, entre eles, para sementar o ano seguinte.





Empozado: tamén chamado enriado. Os feixes lévanse ó río ou a unha laga para macerar, fermentar e abrandar o liño, co obxecto de que logo se poida separar a fibra da casca. Somérxese na auga e póñenselle pedras por riba para que non o leve a corrente. Deixándose desta maneira entre oito e corenta días dependendo da clase de liño ou das zonas onde se cultive.

Secado: pasado o tempo de empozado o liño sácase da auga e ponse a secar estendéndoo nun campo ou eira durante varios días, dándolle voltas de vez en cando para que seque ben. Unha vez seco recóllese facendo feixes.


Mazando o liño. Beating the flax, ca. 1932


Mazado ou trillado: hai varias formas de facelo. Normalmente mázase á man golpeando cun mazo de madeira sobre a pedra de mazar ou mazadoiro. Ás veces mazábase na aira co mallo de mallar o centeo. Pódese trillar pasando por enriba as vacas. Despois deluvase e dicir refrégase coas mans para separar a palla ou parte leñosa da fibra. Co liño mazado fanse as estrigas ou madeixas.







Espadela propiedade de Vitorino Guede   


Espadelado ou tascado: realízase nos últimos meses do ano, consiste en separar ben a casca  da febra. O liño táscase no espadeleiro ou tascón, banco que ten no medio unha táboa vertical afiada no remate, sobre el póñense as estrigas e golpéanse coa espadela ata que se separa a casca deixando o liño limpo, o resto máis basto é a estopa que aínda pode sufrir varias limpezas para usala na fabricación de teas máis bastas.







Restrelo propiedade de Vitorino Guede   

Restrelado ou asedado: polo inverno restrelase co restrelo que ten a forma de cepillo con puntas finas de ferro. Pásanse as estrigas polo restrelo para separar totalmente as partes grosas das finas, o cerro da estopa, e deixar o liño listo para fiar. Hai que darlle despois un asedado (alisado). Con esta tarefa sacábanse tres tipos de febras, unha grosa (cabezos), outra mediana (estopa) e finalmente o liño fino. Con cada presa asedada facían unha estriga, manela, cerro ou rocada, porción lista para suxeitar na roca e ser fiada. As estrigas gardábanse en atados chamados afusais.


Fusos propiedade de Vitorino Guede   


Fiado: o liño hai que fialo e dicir facer o fío. Esta é tarefa das mulleres que fían o liño coa roca e o fuso. Coller un mañuzo de fibra de liño e polo na cabeza da roca amarrándoa para que non se desfaga e ponse o pé da roca no lado esquerdo da cintura prendéndoa cunha cinta que pode ser a do mandil. Logo vaise collendo a febra coa man esquerda e coa dereita vaise retorcendo facendo o fío e envolvéndoo no fuso. Cando o fuso está cheo o fío sácase pola parte estreita do fuso e así queda feita una mazaroca.



Sarillo propiedade de Vitorino Guede   


Ensarillar: despois de fiado, con varias mazarocas ensarilladas faise unha madeixa (mea, meada, maraña). Vaise unindo o fío de varias mazarocas poñéndoo no sarillo; útil formado por catro aspas xiratorias sobre as que se van enredando o fío ata rematar formando a madeixa.




Branqueado: o liño sae escuro e xeralmente branquease cá operación que se chama encolada. Para branquear o liño hai que cocelo no pote. Prepárase unha tina con auga e cinza de toxo ou pino ben cribada e xabón, logo remóllanse ben as madeixas na tina e métense a cocer con auga ea cinza no pote. Despois de cocidas lávanse quitándolle a cinza que poida quedar e ponse a secar a clareo. Esta operación pódese facer varias veces ata acadar a brancura desexada.

Debandado: antes de levar o fío ó tear fanse os nobelos. Coa maraña ou madeixa o fío pásase pola debadoira ou debandoira que vai facendo os nobelos. A última fase é o tecido no tear que xa corresponde a outro proceso.

Sen dúbida a etapa máis florecente do liño en Galicia deuse entre finais do século XVIII e principios do XIX.

Vemos un vídeo dos traballos de recuperación das tarefas do liño en Parada de Outeiro en Vilar de Santos.

O liño en Parada de Outeiro (Vilar de Santos)



Como xa dixemos hai varias especies de liño, a variedade máis cultivada en Galicia é o liño manso (linun usitatissimum). Os froitos (liñaza) son as sementes, grans elipsoides de cor agrisada que teñen varios usos, entre eles, son utilizados para producir por presión aceite de liñaza de moito uso para a elaboración de pinturas, vernices, linóleo, etc. Botadas as sementes en auga, forman unha disolución de moita aplicación na industria. En medicina popular utilízanse as sementes e a fariña en cataplasmas emolientes e como remedio para diversos males. Para uns investigadores o liño é orixinario do Cáucaso europeo e para outros de Oriente Medio (Mesopotamia), créese que despois da cestería é a máis antiga febra téxtil. Foi empregado polos caldeos pero sobre todo polos exipcios que hai 3.000 anos montaron unha importante industria económica e cultural. Aparece varias veces citado na Biblia. Gregos, romanos, celtas e árabes traballaron o liño e Roma expandiu o cultivo por todo o imperio, no que o liño peninsular acadou moito renome.

Na Galicia castrexa de hai 2.000 anos quedaron testemuñas documentais de Estrabón e Plinio falando da boa sona e refinada calidade liñeira do NO, en concreto citase “Zoela que é unha cidade da Gallaecia que se atopa xunto ó Océano” e detallan ademais o proceso de elaboración da planta, a maceración, e mazado no mazadoiro de pedra onde é golpeado con martelos grosos e pesados.

Existen fontes escritas do cultivo do liño na zona litoral, no século XVI (1532) unha ordenanza da vila de Viveiro prohibe acaparar liño nas casas debido os incendios a que daba lugar. No século XVII no Catastro de Marques de la Ensenada indica que a produción non cubría a demanda; e a partir do século XVIII en Galiza plántase o liño nas mellores fincas sendo o principal motor da economía rural e considérase que na maioría das casas había un tear. Cultívase máis na zona litoral galega e nos vales próximos. Son famosos os lenzos de Viveiro, Padrón e Verín. Fonsagrada e Ordes son os centros colleitadores comerciais máis importantes nos mellores tempos.

Na Idade Media toda Europa cultivaba o liño en maior ou menor proporción, pero é a finais do século XVIII durante a Revolución Industrial (1760 - 1830) cando o liño acada un maior desenrolo e relevancia económica mellorando as técnicas da súa elaboración. Coa chegada do algodón, planta barata que ten moita febra e que require escasa man de obra e cultivo moi simple; o cultivo do liño comeza a desaparecer pouco a pouco case na súa totalidade. Na primeira metade do século XX o principal cultivador en Europa era a antiga URSS, seguido de Holanda, Bélxica Francia, Italia e Alemania e fora: Exipto, Canada e Arxentina. Houbo pequenos rexurdimentos en situacións económicas precarias ou debido á escaseza de materias primas sobre todo na I Guerra Mundial (1914), e durante a guerra civil algunhas familias retomaron temporalmente o cultivo, pero o retroceso e continuo ata os anos 60 (1960) no que se pode dar por rematada a cultura do liño en Galicia.

Existen museos en moitos países dedicados ó liño, dada a gran importancia que acadou no pasado. Hoxe en día os veciños de algúns concellos rememoran e recuperan a tradición liñeira e fan celebracións cultivando leiras de liño e revívense vellos tempos, realizando todo o proceso da súa elaboración, sobre todo coa participación da xente maior que aínda acorda outros tempos pasados. Houbo proxectos en Galicia de cultivo para tecidos comerciais como é o caso de deseñadores de roupa galegos de primeira liña.

No período invernal, cando non era posible traballar os campos, era frecuente que a veciñanza das aldeas se congregase para realizar traballos colectivos. Un de eses traballos era o fiado do liño ou a la. Nas xuntanzas, que eran tamén un xeito de socialización, xogábase, contábanse contos, cantábase e bailábase, o que permitía á mocidade da contorna o cortexo e a busca de parella. Todo isto amenizado pola escasa iluminación do candil. Así naceron os chamados fiadeiros que se facían con regularidade. Era a denominación común das festas populares na zona de Ourense.

A comezos do século XX as foliadas comezaron a facerse simplemente por diversión, adoitábanse a facer nas cortes primeiramente e logo en lugares axeitados para tal fin. Finalizada a Guerra Civil española estas festas populares foron prohibidas polo franquismo. Este feito, unido á migración masiva da mocidade cara as cidades, provocou o seu  esmorecemento e a práctica desaparición na década de 1960.

Relativas ó liño temos:

Asedado: acción de pasar varias veces o liño polo restrelo, co que se consegue asedar a madeixa ou estriga.

Sarillo: peza do para facer madeixas ou meadas de liño, formada por varias aspas de madeira que viran con rapidez accionadas por un eixe.

Liñar: terreo sementado de liño.

Liñaza: semente do liño.

Bagaña: cápsula que envolve a liñaza ou semente do liño.

Estriga: madeixa de liño que se pasa varias veces polo restrelo para limpala da estopa. Despois ponse na roca para fiar. Tamén chamada rocada.

Fuso: instrumento, xeralmente de madeira, de forma arredondada e alongada, que estreita nas puntas e que serve para fiar facéndoo virar por un dos extremos de maneira que retorce a febra.

Espadela: utensilio de madeira con forma de coitelo, empregado para espadelar o liño separando a fibra da casca.

Estopa: parte máis grosa que queda do liño despois de limpalo co restrelo.

Restrelo: instrumento de madeira de forma máis ou menos rectangular, con dentes de ferro nun dos seus extremos ou no medio, sobre os que se pasa o liño para separarlle a estopa.

Ripo: útil como un peite, cos dentes de ferro ou de madeira, que se chanta na terra ou se encaixa nunha mesa ou banco, sobre o que se pasa o liño para quitarlle a bagaña.

Roca: Pau delgado cun extremo convexo onde se enrola a la, o liño etc., co que se vai fiar.

Mazaroca: porción de fío enrolado no fuso. Rolo de fiado que sae do fuso para formar a meada no sarillo.

Encolada: operación de branquear a fibra do liño.

Nobelo: Bola de fío enrolado sobre si mesmo. O fío da madeixa pásase pola debandoira que vai facendo os nobelos.

Debandoira: aparello xiratorio en que se coloca a madeixa ou meada para debandala e facer novelos. Unha armazón de aspas horizontais con listóns verticais que xirando arredor, segundo tiraban do fío, ían desembeleñando este, mentres coas mans envolvíano facendo un novelo. A miúdo, suplíase este polos brazos dos homes.


Mazadoiro ó pé da porta da casa (Pardeconde)

Mazadoiro: pedra sobre a que se maza o liño. Tamén polo común serve de asento. Adoita estar preto da porta da casa.


Mazo ou maza: ferramenta de madeira ou doutro material, que consta dunha peza maciza de formas e tamaños diferentes, que se suxeita por un lateral cun mango, utilizada para pisar, machucar, golpear ou mazar en especial o liño.



Fiadeiro: reunión con certa frecuencia que se facía para fiar e que remataba con cantos e bailes. Xeralmente os fiadeiros facíanse de noite á luz dos candís.

Espadeleiro ou tascón: instrumento constituído por unha táboa cravada perpendicularmente noutra, co bordo superior algo afiado e sobre o que se colocan as estrigas de liño para bater nelas coa espadela.

Estriga ou rocada: madeixa de liño que se pasa por dous ou tres restrelos para limpala da estopa. Que despois se pon na roca para fiar.

Tecer: enlazar unha serie de fíos paralelos de unha fibra téxtil, con outra serie colocada perpendicularmente, formando un tecido ou unha tea. Facer unha tela no tear.

Tear: aparello ou máquina para facer tecidos, tapetes, panos, etc. Fábrica de tecidos.

Tecido: Acción de tecer. Material consistente nun conxunto de fíos de fibra téxtil tecidos regularmente. Tela ou material resultante da tecedura de fíos, que se emprega para a confección de roupa.

O liño no refraneiro:

  •         Liño bo e liño malo florecen en maio
  •         O xullo e agosto troupelear que este é o tempo do liño mazar.
  •         Liño de Holanda pesa e non anda.
  •         Auga en san Xoán quita liño e non dá pan.
  •         Liño floreado, medio medrado.
  •         O liño de san Xoán, nin é liño nin é la
  •         Sementa no crecente, arranca no minguante e terás un liño como un bermante.
  •         Si queres ter bo liño, bótalle a rega ó pé.
  •         Si se colle o liño a carros, o pan a brazados.
  •         Para o liño, sete voltas de rella e a cagalla da ovella.





O remate


Limpando o gran ca peneira ou cribo (Virxilio Vieitez)

Isto foi o que conseguimos “ilustrar” sobre os principais cultivos na nosa zona, sen esquecer que outros mais minoritarios tamén tiveron a súa importancia noutrora, como foron as fabas os garavanzos ou a remolacha. Estes cultivos foron moi relevantes ata a chegada sobre todo da pataca, a partir de ese momento foron reconvertidos en secundarios. Antano sementábanse leiras enteiras de estes produtos, pasando despois a cultivarse pequenos anacos ou incluso a facerse mesturados entre o millo e patacas.

Teríamos que ter falado tamén de outros produtos da nosa terra, como poden ser os típicos da horta, ou mesmo a castaña. Iso tocará noutro caixón.

Mesmo tivemos un pequeno recordo de varios loitadores da nosa parroquia.




Todo esforzo será pouco, para intentar preservar estas herdanzas case esquecidas, que durante séculos foron pasando de pais a fillos, logrando así que non fosen parte do esquecemento que agora si está a piques de chegar, se non pomos remedio para iso.

Sempre haberá quen diga “Non entendo para que fas isto, perder tanto tempo, se non che aporta nada” será referido a cartos, que iso xa o sabemos. Faise difícil poder explicar o motivo que te levou a facer algo así, é como un deber cumprido, sen pedircho ninguén, do que te sentes orgulloso. Polo menos intentarémolo, a ser posible  “Que non se esquezan”.




Agradecementos:

Como non pode ser menos, teño que agradecer a axuda recibida de moitos de vos. Xa fose compartindo información para poder realizar esta achega, que fixemos con moito agarimo, cedendo fotos ou recordando aquelas cousas xa case esquecidas. En especial debo agradecer neste caso o ter topado con Juan Fernandez (Fillo do inesquecible Domicilio) que ten no seu poder autenticas xoias da memoria de Ponte Ambía en tempos pasados. Captadas ca súa cámara nos seus anos mozos.

Algunha das labores que vimos de relatar, aínda andaban pola nosa maltreita memoria, pero tivemos que botar a man da vosa inestimable axuda, para que esas cousas case esquecidas puideran tomar forma de este xeito. Tentando de esa maneira que non cheguen a esquecerse da memoria colectiva, como o está facendo na miña.


A idea orixinal de todo isto foi d eBenxamín Blanco Simón, veciño de Guamíl, que tirou a pedra e caeu no meu tellado. Como cada vez, espero os vosos comentarios, correccións e sobre todo compartir, repartir, partillar..... “Que non se esquezan”


Referencias bibliográficas:

https://omnivoraz.com/gl/artigos/curiosidades-historicas-o-solsticio-de-veran/

https://www.rios-galegos.com/venasglua.htm

https://omnivoraz.com/gl/artigos/curiosidades-historia-orixe-do-nadal/

https://www.youtube.com/watch?v=EFpCNJmUX5w Fuxan Os Ventos - Sementeira

http://ostrebellos.blogspot.com/2012/12/para-trabajar-la-tierra.html

https://gl.wikipedia.org/wiki/Solsticio

https://gl.wikipedia.org/wiki/Barbeito_(terra)

https://www.campogalego.gal/consellos-para-o-cultivo-da-pataca/

https://gl.wikipedia.org/wiki/Solsticio_de_ver%C3%A1n

https://gl.wikipedia.org/wiki/Solsticio_de_inverno

https://gl.wikipedia.org/wiki/Noite_de_san_Xo%C3%A1n

https://gl.wikipedia.org/wiki/Semente

https://gl.wikipedia.org/wiki/Sementeira

https://galicia.swred.com/cultura_percepcion_tempo.htm

http://cronicasdearteixo.blogspot.com/2015/10/etnografia.html millo

https://www.youtube.com/watch?v=rkAydYMgR9k&ab_channel=GalefasNlcampolongo  Traballo sobre o millo

http://osdesempresalceda.blogspot.com/2009/05/sementeira.html

https://gl.wikipedia.org/wiki/Rotaci%C3%B3n_de_cultivos

http://www.fao.org/3/x3996p/x3996p14.htm

http://hortagalega.eu/lua-na-horta/

https://www.jardineriaon.com/gl/calendario-siembra-lunar.html

https://www.youtube.com/watch?v=Au1DOGg1TW0&ab_channel=Sebasti%C3%A1nArmesto

https://gl.wikipedia.org/wiki/Refraneiro_galego_sobre_o_pan

http://puxedo.gal/assets/files/img/sementeira-gal.pdf

http://museodopobo.gal/sites/default/files/2021-03/O%20pan.pdf

http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipsofiacasanova/?q=system/files/MILLO.pdf

https://gl.wikipedia.org/wiki/O_millo_na_cultura_popular_galega

https://gl.wikipedia.org/wiki/Centeo

https://gl.wikipedia.org/wiki/Pataca

https://gl.wikipedia.org/wiki/Nabo

https://www.campogalego.gal/a-pataca-galega-e-excelente-para-coccion-o-que-a-diferencia-da-do-resto-de-espana/    Pataca

https://www.youtube.com/watch?v=1DpDdwQHuJk&ab_channel=AlenP%C3%A9rez

https://www.youtube.com/watch?v=w7w5fxvnVWc&ab_channel=TelevinteChantada

https://www.slowfoodcompostela.es/2020/01/o-millo-na-cultura-galega.html

https://www.wikiwand.com/gl/Malla

https://gl.wikipedia.org/wiki/Corniz%C3%B3

https://www.diariodotamega.es/articulo/a-mezquita/proximo-domingo-mezquita-realizarase-malla-maquina-do-ano-65/20200731151159009924.html

https://www.sociedadecolumba.com/articulo/o-lino-en-covas

https://www.youtube.com/watch?v=AcuxK45_IKc&ab_channel=TsompiBDN  Rexosende I

https://www.youtube.com/watch?v=_M3XTvSKa30&ab_channel=TsompiBDN Rexosende II

https://www.youtube.com/watch?v=lmYjH3Nf8Qg&ab_channel=TsompiBDN Rexosende III

https://www.youtube.com/watch?v=SqxZMK5DoeA&ab_channel=AinetConsulting Queiroás

https://arumeservicios.com/alma-pan-galego/

https://www.youtube.com/watch?v=1DpDdwQHuJk&ab_channel=AlenP%C3%A9rez   malla Boiro

https://www.youtube.com/watch?v=w7w5fxvnVWc&ab_channel=TelevinteChantada  O Centeo Manuel María

https://www.youtube.com/watch?v=wpXMIoMNYA4&ab_channel=CasadoPatron   malla Lalin

https://www.youtube.com/watch?v=laWbvmgFEJk&ab_channel=VictoriaMontenegro  O liño 1

https://www.youtube.com/watch?v=sG3_8XcBpSQ&ab_channel=CasadoPatron  O liño 2

https://www.youtube.com/watch?v=DpJZzNX0zqs&ab_channel=FernandoFresco  O liño 3

https://gl.wikipedia.org/wiki/Li%C3%B1o Liño

http://www.fecomgalicia.com/ca/empresa/index.php?id=370 Liño

https://www.youtube.com/watch?v=uF3sPFZNFLk Galicia agrícola. 1962

https://www.youtube.com/watch?v=qPyc_I-vW2Y Galicia - Carlos Velo (1936)

https://parderrubias.com/201una/06/e27-la-manufacturacion-del-lino-en-parderrubias-por-avelino-sierra-fernandez/  Liño

http://museoetnografico.net/hilado-del-lino/ Liño

https://gl.wikipedia.org/wiki/Festa_dos_Fach%C3%B3s Os fachós

https://www.youtube.com/watch?v=2dYiQFqd3ak O ciclo do pan

https://www.campogalego.gal/o-ferrado-medida-galega-de-superficie-orixe-e-canto-mide-en-cada-concello/  Ferrado

http://www.rubillon.es/articulos/articulo/agricultura/centeno_maja_o_malla.html

https://www.youtube.com/watch?v=G4oP2juO_4s A sementeira e a lúa

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2022/10/17/mulleres/0003_202210C17C8994.htm?utm_source=facebook.com&utm_medium=referral&utm_campaign=share&utm_content=0003_202210C17C8994 Foto desgrañando millo

https://fundacionmatrix.es/cultivo-de-millo-en-galicia-importancia-estratexica-e-caracterizacion-pioneira-de-variedades-tradicionais/ Millo

https://www.lahuertinadetoni.es/lunas-para-sembrar/

https://gl.wikipedia.org/wiki/Foliada

https://gl.wikipedia.org/wiki/Lac%C3%B3n_con_grelos

https://gl.wikipedia.org/wiki/Caldo_galego

Dialnet-OCanastro-5960726.pdf

http://www.fillos.org/biblioteca/2004/05/24/especial-xocas-estrume-e-esterco/

http://www.fillos.org/biblioteca/2004/05/24/especial-xocas-castes-de-fincas/

http://soteloblanco.com/index.php?option=com_content&view=article&id=271:os-traballos-agricolas-2&catid=56:entra-no-museo&Itemid=164

https://www.youtube.com/watch?v=p2B8tW6KQWQ&t=11s Muiño do Marcial

https://www.youtube.com/watch?v=SWnu1XCbZe8&t=216s Malla en Cachagonza

https://www.youtube.com/watch?v=7SuLMGLjc48&t=65s Sega en Cachagonza



Gavilanes67 _________ Setembro 2023