Gerardo Gavilanes no muiño |
Leira volteada. |
Astronomicamente, o solsticio é o momento no que o Sol alcanza o seu maior afastamento, en latitude, do ecuador. Os solsticios ten lugar dúas veces ò ano: o 21 ou 22 de decembro e o 21 ou 22 de xuño. O nome provén do latín solstitium (sol sistere ou sol quieto).
O solsticio de inverno tivo unha grande importancia, avisando de que se aveciñaban tempos difíciles durante o inverno, tendo que prepararse para resistilos. Na actualidade non ten moito sentido celebrar a noite máis longa do ano, pero si o tiña para os nosos antepasados. Ata hai poucos séculos, as culturas ancestrais celebraban que o sol vencía á escuridade e que, despois de meses con días minguantes e noites crecentes, este proceso invertíase pasando a ter máis luz e máis calor, esenciais para que todas as plantas reinicien o seu ciclo.
Millo e patacas en Pardeconde |
Horta plantada |
A sementeira.
A sementeira dos cultivos está supeditada a diversos factores; entre todos eles un dos mais determinantes é a climatoloxía, que pode influír por exemplo na lentura do terreo no momento da sementeira.
Cando sementamos, o estado do solo, e de novo as condicións climáticas, son fundamentais para ter éxito no cultivo. Toda planta, para xerminar, precisa da confluencia de tres factores: osíxeno, auga e temperatura.
Leira recen sementada e plantada. |
Pódese sementar, botar, poñer ou plantar. Estas son as accións de estender ou distribuír as sementes ou colocar as novas plantas para que poidan desenvolverse. Ás veces usámolas como sinónimos, pero sementar e botar son operacións que se adoitan a facer con sementes, e poñer e plantar úsanse cando se traballa con outras partes da planta ou con plantas novas.
Semente: gran, froito ou parte dun froito dunha planta onde
está o embrión que, en condicións favorables, pode xerar una nova planta.
Sementeira: acción e efecto de sementar. Época do ano en que
se sementa.
Sementeiro: lugar onde se crían as sementes antes de transplantalas.
Sementar: esparexer ou estender a semente manualmente sobre a terra
preparada para tal fin. Seméntanse os nabos, o pan (centeo) e as leitugas.
Botar: distribuír a semente ordenadamente, normalmente en
ringleiras, regos ou sucos. Bótanse as patacas e o millo.
Poñer ou Plantar: asentar no terreo
plantas, un gromo ou un gallo, normalmente usando sachos, paus aguzados
(plantadores) ou con arado.
Póñense ou plántanse as coellas (verzas), os bacelos ou as tomateiras.
Arando (Facebook-Santiagodecerreda) |
Despois de sementar, botar, poñer ou plantar, os cultivos precisan de mantemento e coidados, a procura.
Coidar, cultivar: atender as plantas para eliminarlle competidores e
satisfacer as súas necesidades.
Cavar ou sachar: traballar superficialmente a terra para removela, sacar as herbas que saen entre os cultivos ou preparala para sementala. Abrir unha gabia ou un buraco profundo na terra. Faise con sacho ou eixada.
Arrendar: dar unha segunda cava para eliminar as herbas que
nacen entre os cultivos, arrimando a terra ó pé de estes, principalmente na
pataca.
Rarear: entresacar plantas do cultivo para eliminar a
competencia entre elas e mellorar o desenvolvemento das que quedan.
Colleitar ou apañar: recoller as partes útiles das plantas unha vez
que completaron o seu ciclo de desenvolvemento. Usaríanse sachos, aixadas ou arado para
desenterrar partes subterráneas. A fouce, gadaña ou fouciño
para cortar talos lixeiros. O angazo para xuntar o que está espallado. A
forquita ou a forcada para cargar. Cestos e cestas
para xuntar e transportar o recollido.
Para transportar as
colleitas cara as vivendas ou palleiras, sóense cargar directamente sobre un
mesmo. As mulleres adoitaban facelo sobre a cabeza e os homes ó lombo en feixes,
ou en presas, brazados, mollos, mañizos, mangados
ou puñados, axudados con vencello, vincallo, grañoá ou corra.
Ou metendo en recipientes, cestos, cestas e canastras ca axuda de
varios aparellos. Se o volume e o peso eran grandes, facíase con animais de
carga, burros, cabalos ou mulas en angarillas
e atar ca reata. Ou tamén no carro de vacas.
Sacho:
Aixada: utensilio de labranza para remover a terra, con dous ou tres dentes segundo os lugares e que pode ter ou non crista na parte de atrás.
Arado: aparello agrícola movido por tracción animal ou mecánica, que se utiliza para arar ou labrar a terra e que se caracteriza fundamentalmente por levar unha prancha de ferro ou rella que se crava na terra e abre regos.
Arado de pau ou romano |
Fouce - (facebook.com/O.Ciclo.do.Pan.en.Allariz) |
Gadaña e corno con pedra de afiar – (propiedade de Pepe Tesouro) |
Distintos tipos de cestos (Aser Alvarez) |
Cesto ou cesta: recipiente feito de vimbios, vergas ou varas entretecidos de distintas formas e tamaños segundo os usos, que pode ter ou non asas ou un aro polo medio. Serve para transportar todo tipo de obxectos pequenos, maiormente para productos da colleita.
Angazo e forquita de pau, (propiedade de Josefa Gavilanes) |
Forquita de ferro (Propiedade de Gumersinda Blanco) |
Puñado:
Brazado:
Mañizo ou mañiza: conxunto de cousas que se poden levar nos brazos dunha soa vez.
Mangado:
Presa: o que se apreixa dunha soa vez coas mans.
Feixe:
Vincallo: atadura xeralmente de xuncos, para un feixe de herba ou outono.
Vencello: atadura de xesta ou piorno normalmente retorcida, utilizada para atar feixes de distintas cousas.
Corra: piorno vido ou vimbio longo que se utiliza para recoller a palla do centeo ó saír da malladora e levala á palleira. Fáiselle un nó no extremo para poder agarrar con mais comodidade.
Reata: corda longa cun gancho empregada para atar as
cargas nas cabalerías.
Angarillas de madeira |
Canastra: cesto de vimbio de forma cadrada ou redonda, largo e de pouco alto, que pode levar ou non asas.
Carro das vacas ou galego: vehículo de tracción animal destinado ao transporte de moi diversas cargas e materiais, que consta de un rodeiro formado por dúas rodas e un eixe, e un chedeiro, estrutura de táboas rematada nunha cabezalla por onde se une ao xugo para que os animais poidan tirar.
Carro galego |
Rodeiro: e a parte que
permite que o carro rode, está formado principalmente polas seguintes pezas,
así chamadas na nosa zona. Eixe, mión, camba, ollal, ferra e espigo.
Chedeiro: é a plataforma na
que se deposita a carga, formado principalmente polas seguintes pezas, pinallo
ou cabezallo, chedas, cadeas, calouqueira, latado e apeladoiros.
Sequeiro ou barbeito: terreo de cultivo moi seco, que non é regado, que
precisa rotar os cultivos de un ano para outro. Descansando así a terra, non tendo
unha produción intensiva ano a ano, para que naturalmente se poida restaurar o
equilibrio dos elementos que compoñen a terra.
Regadío: Terreo que se pode regar por haber auga preto e
no cal se cultivan plantas que precisan ser regadas con frecuencia. Non facendo
falta rotar os cultivos.
Atopamos no refraneiro alusións á sementeira e colleita.
- · Polo San Clemente bota a túa semente.
- · O que sementa sen semente, sega sen fouciña.
- · Horta de San Martiño, mantén ó seu dono e mais ó veciño.
- · Polo San Pedro (Xuño) abre o rego.
- · No Outubro, a terra esterca e cubre.
- · Labrador sen Horta, fame á porta.
- · Por Santa Mariña, deixa o sacho e colle a fouciña.
- · Cando canta a bubela, a faba na terra.
Sendo dende sempre
Galicia unha sociedade maiormente labrega, o que influíu nas manifestacións da
cultura da nosa terra, deixando a súa
pegada inmaterial. Como o tema de Fuxan os Ventos –
Sementeira
https://www.youtube.com/watch?v=EFpCNJmUX5w&ab_channel=folmusica
E de grande importancia estercar e regar para unha boa colleita:
O esterco
Pódese estercar a
leira con esterco curtido na corte ou
con estrume traído directamente da poula.
O esterco é o resultado da mestura dos excrementos dos animais domésticos e
mais da cama de estrume e palla que se estra na corte. Utilízase para
fertilizar os cultivos, sobre todo nos cultivos tradicionais. O estrume está
formado pola vexetación propia do monte, que se roza e apáñase cara as
cortes para estrar e facerlle a cama ó gando.
O valor do esterco débese
á achega de materia orgánica para recuperar os nutrientes da terra extraídos
polos cultivos. Na agricultura emprégase principalmente o esterco procedente
das cortes
Todo isto comeza ca roza
na poula, que se realiza con fouciño, xuntando o material en gavelas.
Principalmente rózanse as zonas de monte baixo que teñen toxo, xestas, fentos,
carqueixas, codesos e carpazos. Cortando polo pé e xuntando primeiro en
pequenos mangados, que logo se xuntan para formar as gavelas.
Rematada a roza, vanse
cargando as gavelas no carro axudándose de forcadas e forquitas de ferro,
átanse co sedeño e tráense para a casa. Parte desta roza ou estrume bótase na
corte, o que sobra amoréase onda a casa ou nunha esquina da corte, para ir
arranxando as zonas que se van estragando da cama do gando. Normalmente e sobre
todo se o material está formado maiormente por toxo, cóbrese con unha capa de
palla centea, para que non se piquen os animais. Tamén se pode cubrir con
folla, que se recolle nas zonas de carballeira no outono e comezos do inverno.
Esterco repartido en montóns. |
Estrume espallado pola terra en Formigoso. |
Tamén se adoita facer, atugando en gabias feitas a tal fin para algún tipo de cultivo, como pode ser unha horta ou unha viña.
Nomes relacionados con estas labores:
Estrume: vexetación propia do monte baixo como toxos, xestas, carpazos, fentos, herba etc., que se aproveita principalmente para estrar a corte ou estercar directamente os eidos.
Esterco: conxunto de materias orgánicas como excrementos dos animais mesturados coa palla, toxo etc., que se saca das cortes e se lle bota á terra para que sexa máis fértil.Estercar: botar na leira o esterco sacado da corte, ou o estrume recollido na poula. Estendese pola superficie do terreo, para que se mesture ca terra cando se are.
Rozar: cortar polo pé o estrume no monte baixo, principalmente toxo, xesta, fento e carpazo, xuntando en pequenos montóns, chamados gavelas, e que se apañan ca forcada ou forquita.
Estrar: botar unha camada, estendendo estrume, na corte onde dormen os animais para mantelos secos e, ó mesmo tempo, que fagan esterco. Sóese cubrir con unha capa de palla.
Poula: terreo sen cultivar poboado por maleza, arbustos e pequenas árbores, que se rozarán antes de que medren en exceso.
Fouciño: instrumento de labranza de folla curva, grosa e forte co mango máis longo ca o da fouce, que se utiliza para rozar ou cortar pólas e arbustos de talo duro. Como o toxo, a xesta, o carpazo ou o codeso.
Gavela: pequenos montóns de estrume que se xuntan na roza,
para facilitar a súa carga no carro por medio da forcada ou forquita.
Forcada e sacho |
Forcada: Instrumento de labranza con mango longo que remata en dúas ou máis gallas inferiores con unha superior, e pode ser todo de madeira ou ben ter as gallas de ferro. Utilizada para xuntar e cargar a herba, as gavelas de estrume, a folla etc.
Rastro para arrincar o esterco na corte. |
Rastro: utensilio de labranza para arrincar e cargar o
esterco, que ten formas e tamaños diversos, segundo os lugares. Formada por un
mango de madeira unido mediante un ollo circular ó corpo de ferro e que pode
ter tres ou catro gallos.
Rastra para estender o esterco (Jesús Crespo) |
Rastra: apeiro de labranza semellante ó rastro, pero de
dimensións máis reducidas., o corpo de ferro normalmente ten dous gallos.
Emprégase para descargar, o esterco do carro, na leira e despois para
estendelo.
Gabias: abertura longa e estreita que se fai nun terreo
para plantar e así facilitar o estercado, podería ser na horta ou na viña.
Tamén pode ser para levantar un valado, pór os cimentos, conducir a auga etc.
A rega
A rega consiste en
proporcionar auga ós cultivos a través do solo para satisfacer as súas
necesidades hídricas que non foron cubertas polas precipitacións, ou para
aumentar a produción agrícola transformando as zonas agrícolas de secaño en
regadíos. Utilízase na agricultura e na xardinería.
A finalidade da rega é
proporcionar ao solo, nos momentos que sexa máis necesaria, as cantidades de
auga precisa para obter a humidade do solo máis adecuada para o desenvolvemento
dos cultivos.
Este sistema, utilízase
normalmente nos cultivos en solos inadecuados, dificultada ás veces pola súa
excesiva pendente ou a pouca profundidade da terra e sobre todo por razóns
climáticas, na que a incidencia da seca estival, especialmente severa en zonas
do interior de Galicia, limita a produtividade dos cultivos de verán.
Aínda que en Ponte Ambía
non se mantén zonas de regadío, en tempos anteriores estas eran de gran axuda
para conseguir boas colleitas.
As zonas próximas ós
pobos, onde estaban os cabazais,
adoitaban ter lagas ou pequenas fontes para ser utilizadas na
rega de eses pequenos terreos. Por outro lado, a zona baixa do Cimbro ten
varios mananciais, entre Villar e Cachagonza que se aproveitaban para a rega
ata a Ponte Ambía de Abaixo, principalmente para o liño.
Nos últimos anos do
século XX estas regas fóronse perdendo, quedando unicamente o uso da auga para
regar os lameiros. Aínda queda algún resto das zonas onde se empozaba a auga
para logo utilizala.
Antiga Laga en Mondelos. |
Na zona baixa da parroquia
esta auga perdeuse cando se fixo o ferrocarril, que cortou o paso da auga.
Outra zona de rega que
utilizaban algúns veciños da parroquia eran as Cortiñas da Acea, na que se
aproveitaba a auga que baixaba da Ambiela, empozándoa no Pontón. Nesta
zona seguíase unha rigorosa listaxe de quendas con días e horarios repartidos
atendendo á superficie de cada eido. Esas quendas repetíanse cada 15 dias
aproximadamente.
O traballo comezaba nos días anteriores, nos que se facían as madas, que eran os regos para encamiñar a auga repartidos uniformemente polo terreo. Facíase unha canle principal dende o lugar da entrada da auga na leira pola que se levaba esta encamiñada ata a parte máis baixa. Dende esta canle preparábanse uns ramais secundarios e paralelos para ir encamiñando a auga ata o fin do terreo. Estes ramais íanse utilizando sucesivamente, dirixindo a auga dende cada un e repartíndoa polos regos normalmente de millo. Para esta tarefa utilizábase un sacho de tamaño medio, tanto para ir tornando e dirixindo a rega, como para facer as madas.
Corrente de auga da Ambiela. |
Dias antes de comezar a
época das regas, reuníase o concello despois da misa en Santo Estevo de Ambía,
para decidir que día se xuntarían para limpar a baixante dende a Ambiela ata a
zona onde se encoraba a auga. Mandando recado cara os veciños de Ponte
Ambía, para que se uniran ás labores de limpeza. O día indicado, acercábase
cada veciño ataviado ca súa ferramenta, fouces e sachos maioritariamente.
Repartindo entre eles as distintas tarefas ó largo do percorrido da auga.
Nas zonas próximas as
casas, acostumábase a ter o cabazal,
aproveitando terreos de boa calidade, do cal se abastece cada familia. Eran
pequenos terreos nos que se cultivaban produtos da horta, maiormente no verán.
Adoitaba ter algún tipo
de rega, podía ser un pozo ou fonte propio ou compartido por varios veciños que
tradicionalmente establecían quendas para regar. Este período de tempo que lle
tocaba a cada un, chamábase veceira.
Laga: represa ou pozo natural ou artificial onde nace ou
se embalsa auga para regar.
Mada: Canle secundaria para regar, que se facían de
forma equidistante polo terreo a regar, pola que se encamiñaba a auga entre o
millo ou as patacas.
Encorar ou empozar: deter a auga nun lugar formando un encoro,
para logo utilizala na rega.
Encoro: depósito que se forma nun curso de auga e que
pode ser natural ou artificial.
Veceira, rolda: período de tempo durante o que lle corresponde a
alguén, segundo repartición, o uso dalgún elemento común ou unha obrigación.
Pode ser da auga para a rega, coidar o gando no monte, enfornar no forno
comunal, etc
Cabazal: terreo non moi extenso e de boa calidade onde se
sementan principalmente leitugas, tomates, pementos, acelga, cenorias e
cabazos. Adoitan estar preto das vivendas.
A rega no refraneiro
- -
O día de san
Miguel torna a rega do teu terreo.
- - Quen en san Miguel esterca, desde a casa rega
- - A rega na horta e o sol na porta.
- - Non hai mala terra con esterco e rega.
- - Como sementares e estercares, así collerás cando regares
- - Hai auga que queima e sol que rega.
- - Quen rega millo antes de ter pavón, non colleita grans de estimación.
- - Si queres ter bo liño, bótalle a rega ó pé.
- - Cando o gato quenta o traseiro, escusas regar o Lameiro.
A serpe, señora do
tempo.
O ciclo anual da
sementeira galego divídese en dúas metades, seguindo o ciclo natural da serpe.
O primeiro período comeza ca sementeira do centeo o 29 de Setembro, festa do
San Miguel, e remata o 7 de Outubro, Nosa Señora do Rosario. Pódese dicir que
os mortos e mais a serpe están apartados dos vivos e ocultos nos seus lugares de
residencia.
O segundo período empeza a
finais de abril ou o día de S. Pedro Mártir, a noite do 29 ao 30 de Abril, ca
saída da serpe e a recollida dos froitos.
En outubro seméntamos o
centeo, no primeiro ciclo anual. As patacas plántanse en marzo e o millo a
finais de abril ou en maio.
A influenza da lúa
na leira
A lúa e o satélite da
Terra, visible desde esta solo en parte e baixo formas distintas, chamadas
fases, segundo a posición que teña respecto á Terra e o lado por onde reciba a
luz do Sol.
Lúa Período de tempo en
que a Lúa dá unha volta completa arredor da Terra. Ese xiro faino tardando 29
días, 12 horas e 44 minutos en completar o que se chama revolución lunar
sinódica. No seu percorrido vaise encarando ou opoñendo ó sol, dende
a terra apreciamos varios cambios na súa iluminación que chamamos
fases lunares e divídense, en catro fases ou cuartos.
Aínda que os efectos da
lúa sobre os cultivos, non están cientificamente demostrados, “habelos hainos”.
Os antigos agricultores observaron as influencias positivas e
negativas que exercía nas plantas. En base a esa experiencia, concibiron
un calendario lunar da agricultura. A crenza do influxo das fases
lunares no comportamento biolóxico das plantas, está moi
arraigado no medio rural. A lúa ten moito poder na agricultura. Moitas persoas
aínda hoxe non fan as súas sementeiras sen respectar as fases da lúa e os seus
efectos nas mesmas.
As fases lunares son
importantes en moitas cousas. A lúa exerce incidencia sobre as mareas e esta fai
que o zume das plantas ascenda. Parece ser que o plenilunio e a súa
luz axuda ó crecemento en altura das plantas. A luz da lúa tamén intervén na
fotosíntese e na xerminación, xa que os raios lunares teñen a capacidade para
penetrar no chan.
As patacas, as cebolas,
os allos e todo o que medra baixo terra hai que plantalo en cuarto minguante
para que dea moito froito e pouca rama. O que medra sobre a terra seméntase con
lúa nova para que dea moito gran e pouca palla.
Cada fase da lúa inflúe de
unha forma sobre as persoas e as plantas, iso axudou a establecer cando é o
momento máis adecuado para sementar e para optimizar a nosa saúde, ademais de
mellorar a eficacia e o crecemento que terán os nosos cultivos.
Tanto o zume como a auga
do mar, vense afectados polas fases da lúa. O zume ascende no cuarto crecente,
amoréase nas follas na lúa vella, volve descender no cuarto minguante e
acumúlase nas raíces e partes baixas na lúa nova. Se podamos unha árbore en
cuarto minguante sangrará menos e cicatrizará mellor. Polo contrario un enxerto
debería de facerse en cuarto crecente cando hai mais zume.
A luminosidade é evidente que na lúa vella hai
mais luz e iso afecta tanto ao crecemento vexetativo da planta, como a
proliferación de insectos, vermes e demais aínda que algúns prefiren a
escuridade. Tamén se fala da penetración da luz no chan. Así podemos xustificar
que as leitugas sexa mellor sementalas en cuarto minguante, para que xerminen
con pouca luz, o que parece repercutir en que despois teñan menos disposición a
saírse e facerse inservibles.
Lúa (yosoitu.com/) |
Fases da lúa
Lúa crecente: neste caso é máis empregado cuarto crecente ou o crecente. Chámase así porque cada día é visible máis superficie lunar. A lúa é crecente no período que vai dende lúa nova ata a lúa chea, cada día aumenta a luz que reflexa.
Faise a sementeira de produtos de desenvolvemento aéreo agás aquelas que se poidan espigar ou saír a causa da calor.
Basicamente, pódese sementar calquera tipo de planta que teña unha curta vida útil e que se queira cultivar as súas sementes, froitos ou flores. Ademais, é un momento ideal se queres usar fertilizantes líquidos, podar ou facer enxertos, porque o aumento do fluxo do zume permite desenvolver un crecemento novo e moito máis rápido. Este período estimula as plantas que ten moito desenvolvemento vexetativo, plantas que producen froitos, sementes e flores, por exemplo tomates, chícharos e cabazas.
Lúa chea: estado da Lúa en que se ve desde a Terra todo o disco da cara visible. Plenilunio. Abarca desde o momento no que o círculo lunar está completamente iluminado polo sol, hasta que soamente vemos a metade esquerda iluminada. Nesta fase teñen mais zume os tecidos dos produtos agrícolas, é recomendable para a recolección de froitos e a preparación da terra. Esta é a fase ideal para sementar ou plantar algúns cultivos de raíz. Tamén é perfecto para plantar plantas perennes tanto decorativas como frutíferas, como espárragos, tomates, pementos, mazairas e pereiras. Serve para a colleita e sacar o esterco.
Fases da Lúa (www.rios-galegos.com) |
Lúa minguante: esta e a fase da Lúa que vai desde a lúa chea ata a nova. Igual que no caso da lúa crecente, son máis empregadas as denominacións, cuarto minguante ou o minguante, a minguante da lúa. A lúa mingua, ou decrece, no período que vai de lúa chea á lúa nova seguinte. O zume acumúlase nas partes subterráneas, é recomendable para enxertos, podas, as ramas vides e canas son mais resistentes cortándoas nesta fase.
Cando a luz comeza a diminuír de tamaño, ao pasar da fase de lúa crecente á fase de lúa nova, tamén se diminúe o fluxo do zume. E por esta razón concentra toda a súa enerxía nas raíces, por esta razón é o momento ideal se queres plantar esas plantas perennes, tamén é ideal para plantar aquelas plantas que teñan unha vida útil superior a 2 anos.
Ademais, é o momento perfecto para empregar fertilizantes sólidos, podar esas plantas adormecidas e realizar a colleita, porque durante esta fase hai menos posibilidades de que o que sementaches podreza.
É un bo momento para realizar labores non solo, para a asimilación dos fertilizantes, para sementar raíces e tubérculos e produtos dos que se consume a parte subterránea como allos, remolachas, cenorias, patacas. A sementeira de hortalizas das que se consume a parte aérea pero que se quere evitar o seu espigado ou que se saian, leitugas, espinacas, coles.
Lúa nova: esta e a fase na que a lúa está iluminada polo Sol na cara oposta á Terra, polo que non se ve máis que a súa sombra.
Período de repouso, baixo crecemento tanto de raíces coma de follaxe. Ideal para realizar diversas tarefas do campo que comporten un cambio nas condicións da planta, xa que ó estar en período de baixa actividade a súa adaptación será mellor. Esta é a fase máis axeitada se quere plantar ou transplantar algunhas plantas de crecemento anual, das que consumirá as súas follas e talos, é dicir, plantas como espinacas, apio, verza, repolo e leituga. Os toxos rózanse na forza da lúa nova.
A lúa nova é unha fase pouco indicada para facer traballos na horta, pero si boa para quitar as malas herbas.
Popularmente, para recoñecer si a lúa medra ou mingua, dise que a lúa é mentireira, xa que debuxa unha “D” cando crece e unha “C” cando decrece (isto acontece así no noso hemisferio, no sur non é mentireira). Tamén para simplificar as fases, coloquialmente coñécese como lúa vella a suma de lúa chea e cuarto minguante. Así mesmo a lúa nova e a suma de lúa nova mais cuarto crecente.
Para sementar ou plantar, dependendo do cultivo que sexa, faise nunha fase da lúa ou noutra.
A vida labrega na Galicia antiga
Podemos ver nestes vídeos como era a vida dos labregos galegos ata pasados os anos 60 do século XX, Galicia (Carlos Velo 1936) e Galicia agrícola (1962).
Galicia (Carlos Velo 1936)
Galicia agrícola (1962)
Cultivos tradicionais
en Ponte Ambía
Despois de comprobar
tanto o “Catastro de Ensenada 1752” como o “Expediente de comprobación de
bienes, rentas y cargas de la feligresía de Santa María de Puente Ambía 1761”
vemos que daquela os cultivos mais importantes na nosa terra eran o centeo, o
trigo, os nabos, a ferraia, as fabas, os garavanzos,
o liño, as castañas e o “mijo grueso o maiz” como se coñecía o millo, para
diferencialo do millo miúdo ou paínzo.
Como curiosidade debemos
anotar, que aínda non chegara ata aquí o cultivo da pataca. Estenderíase uns
anos despois, debido a unha gran crise cerealeira nos anos 1768 e 1769. No 1800
estaba totalmente estendida por todo o territorio de Galicia.
Facemos un resumo das
faenas feitas nun ano, no ciclo continuo de sementeira e colleita dos produtos
cotiáns do noso campo, e o emprego de distintos apeiros:
Veremos cultivo a
cultivo, vendo as distintas fases para o seu cultivo.
1- Preparar a terra: distintas operacións
para labrar a terra, acondicionándoa para a sementeira.
2- Sementar: espallar ou depositar semente nunha terra de cultivo para que se reproduza.
3- Procurar: conxunto de actividades para coidar ben un cultivo, dende a sementeira ata a colleita.
4- Colleitar: labor que consiste en recoller os froitos da terra ó chegar a época, normalmente unha vez ó ano.
5- Manipular e almacenar: conxunto de accións realizadas para xuntar ou amorear os froitos dos cultivos, nun lugar axeitado para tal fin, conservándoo para consumir durante o ano.
6- Procesar: someter un produto colleitado a
un proceso de elaboración ou transformación para adaptalo ó consumo, ben sexa
humano ou do gando.
Canastro para almacenar o millo. |
Pota na lareira. |
Comezamos coa sementeira de centeo, con ela damos inicio ó primeiro ciclo da serpe. O millo mailo centeo, foron durante moito tempo o pan dos pobres.
Centeo ou Pan
Leira de centeo (O ciclo do pan, Allariz) |
O centeo (Secale cereale)
é unha gramínea que se cultiva polo seu gran e como planta forraxeira. É un
membro da familia do trigo e relaciónase estreitamente co orxo ou cebada. O
gran do centeo utilízase para facer fariña, sendo a fariña do centeo unha das
máis empregadas noutrora para facer pan.
Este cereal é o cultivo
máis propicio da montaña galega “e das terras pobres en xeral”, segundo Xaquín
Lorenzo, sendo moi abondoso en Lugo e Ourense. De probable orixe prerromana, o
centeo dáse en todo tipo de terras e era o cereal escollido para poñer en produción
un terreo inculto. A planta pode acadar ata 2 m. de altura e dos seus finos
talos saen follas tamén moi finas. As flores forman espigas alongadas
conformadas por dúas ringleiras de “espiguiñas” mais pequenas. O gran, alongado
e estreito, e de cor castaña clara.
O centeo era a base da
alimentación humana e os traballos relacionados con el, son significativos no
segundo período. Seméntase en outubro, dependiendo do tempo.
1- Preparar a terra:
Tradicionalmente
cultivábase en barbeitos, e dicir, sementábase un ano si e outro non na
mesma terra, en rotación bienal coa pataca ou o millo, unha vez recollidos.
Unha vez se colleitan
millo e patacas e antes de arar a terra, cómpre estercar para favorecer
a súa fertilización, librando así as cortes, para o xa próximo inverno.
Logo viña a decrúa,
que consistía en romper a terra con unha pasada co arado, normalmente o de
madeira ou “romano”, pero en ocasións podería ser a vertedeira,
dependendo da cantidade de herba que tivese a terra. O arado vólvese pasar pero
entón en sentido cruzado. Isto era a entravesa e con ela conseguíase
desfacer ben a terra.
O seguinte paso era pasar
o carrasco ou canizo, para deixar a terra ben aplanada, despois
de labrala.
Unha vez preparada a
terra, riscábase arrastrando un mangado de palla, facendo parcelas ou embelgas
do ancho que botariamos o gran manualmente en cada brazada.
A finais de setembro ou
outubro, o centeo sementábase a man, esparexendo o gran pola superficie antes acondicionada. Dependendo da zona a esta operación chámase sementar á
vóeo sementar á manta ou sementar ó chou, o mesmo pasa cá
sementeira dos nabos. A variedade tremesiño, sementase na primavera, xa que
madura en pouco tempo.
Logo facíanse os sucos,
polo que o gran queda depositado nas partes mais elevadas do terreo, entre cada
dous regos. Na actualidade xa non se sementa no suco, faise no terreo chan,
para facilitar a sega con colleitadora.
3- Procurar:
Quedaba así ata febreiro
ou marzo, en que se realizaba a arica ou limpeza dos sucos arrincando as
malas herbas. Adoitaban usar o arado de madeira ou “romano” para esta tarefa,
pasando pola quelle, limpando os laterais do suco. Para que a pasada do
arado fose máis efectiva, púñaselle un mangado de palla ben atado por enriba
das abiecas. Aínda se podía facer unha nova arada en abril ou maio e era
daquela, cando o centeo comezaba a espigar.
Coñécense popularmente
variedades, como o centeo común ou de outono grandal, o centeo de
primavera ou tremesiño, que medra en pouco tempo.
A seitura (O ciclo do pan, Allariz) |
Carreta (Raul Coelho) |
Este traballo adoitaba
facerse en conxunto entre varios veciños, que se puñan de acordo. Un dos
motivos era facelo axiña, para que unha posible tronada non pillara a meda a
medio facer, mollando e estragando a colleita.
A malla podíase facer ben
na aira propia, ou ben na comunal que se usaba por quendas. Acudían gran
parte dos veciños que non facía falta que foran convidados polo dono do centeo.
Mallo |
Malla en Boiro.
Unha vez ben mallado dábaselle a volta ó centeo e repetíase a operación para logo recoller a palla ou colmo en mangadas que se levaban ó palleiro. Neste traballo participaban os nenos e as mulleres e eran estas as que se encargaban de limpar a aira e recoller o gran con vasoiras. A continuación había que aventar o gran, o que se facía erguendo co cribo e deixándoo caer para que o vento levara a muíña, pequenas partículas de palla como as arganas.
Logo recollíase cos cribos para medilo despois co ferrado ou a tega e gardalo nas arcas ou tullas. A palla gorécese ó acollido nas palleiras ou en palleiros no exterior.
A palla serve coma
forraxe, alimento e cama do gando así como para cubrir os palleiros, ven sexan
de herba ou da propia palla do centeo, e protexelos da intemperie. Nalgunhas
comarcas a palla ou colmo emprégase para a cubrición das vivendas (colmados).
Tamén se utilizaba para alumado nas escuras noites, facendo un fachón
(presa de palla atada fortemente) o cal ardía lentamente. Outra das utilidades
da palla do centeo era que se utilizaba para chamuscar o porco na matanza.
Malladora (Campeva) |
Estas nova maquinaria
fixo que os traballos se simplificaran, sobre todo o traballo principal que era
mallar co mallo, e a limpeza do gran, que pasaron a ser realizados pola
máquina. Saíndo por un lateral a palla xa sen o gran, recolléndose na corra
e trasladándoa ás costas ben á palleira ou ben ó palleiro. Por
outro lado saía o gran xa limpo que se transportaba xa cara ás arcas. O resto
de operación, tamén con algún cambio, permanecían de xeito parecido.
Malla en Rexosende 1992 parte I
Malla en Rexosende 1992 parte II
Malla en Rexosende 1992 parte III
Malla en Queiroás 2015 (Allariz)
Unha das poucas
oportunidades dos nosos antepasados para gañar uns “pesos” era “ir á sega a
Castilla”. O capataz levaba un grupo con
un equipo de segadores e algúns rapaces que facían os traballos máis doados
como atar os mollos, recoller restrollos e carrexar auga ou alimentos. Na viaxe
levaban poucos cartos polo que a miúdo pedían prestado a outro acompañante ou
ao propio capataz que logo llo descontaría do seu xornal.
As condicións de traballo
eran moi duras, sen comodidades, soportando unha calor extrema, sen escatimar
esforzos para acadar maiores ingresos. Nos días de lúa chea mesmo aproveitaban
a claridade para seguir segando. Por iso a lúa chea no tempo da seitura
coñecese como lúa mata galegos, nesa zona de Castela. Xa no último cuarto do
século XX cambiouse Castela por Caldelas, esa emigración temporal, pois en
Castela xa se modernizaran con maquinaria.
Na Ponte Ambía, a varios veciños tocoulle experimentar esa experiencia, mesmo era común buscar unha recomendación para conseguir que os capataces os chamaran.
O muiño do Piepito |
Pan centeo |
Ás veces o pan e o forno dan
orixe a expresións como as seguintes:
“Non esta o forno para
bolos” ou “Fornos vellos e
homes borrachos pola boca se quentan” Tamén dicimos cando algo nos parece
doado que “é pan comido”, ou cando se fala mal de alguén que “estáselle
pondo a pan pedir”.
Ferraia (Sindo Sorga) |
Cando xa se rematan os traballos da malla, comeza a prepararse a terra para a nova sementeira. Onde estivo o centeo sementaranse os nabos. Cando se aran as restrebes, o gran que se degrañou nas tarefas da seitura, máis algún que se engade, quedan enterrados, iso fai que xerminen e nace o que chamamos ferraia, que se utiliza de forraxe para os animais antes de que espigue.
O cornicelo
Cornicelo (Wikipedia.org) |
Tradicionalmente usouse o cornicelo polas súas propiedades oxitócicas e vasoconstritoras, por exemplo para acelerar os partos lentos ou para coutar as hemorraxias posparto; mesmo, noutras ocasións, como abortivo. En calquera caso, o seu uso en mans inexpertas é moi perigoso. Noutra liña terapéutica, tamén se usou como fonte de LSD, droga alucinóxena. Isto fixo que estivera ben pagado e podíase ver a algún veciño paseando as leiras en busca do fungo.
Parece ser que á
civilización exipcia non só hai que atribuírlle as pirámides, a creación dos
xeroglíficos e dun calendario moi preciso, tamén é cousa deles o descubrimento
do pan. Como moitas outras veces, foi de forma accidental. Un exipcio estaba a
mesturar cereais e sementes que medraban nas beiras do Nilo e esqueceu nun
recipiente esta mestura, cando volveu atopouse a primeira bola de pan. Co paso
do tempo os gregos melloraron a técnica, e os romanos continuadores da cultura
grega, melloraron os fornos.
Podemos atopar no refraneiro, alusións ó centeo ou pan:
- A choiva no abril dá millo e dá pan.
- A chuvia por san Xoán, tolle o viño e non dá pan.
- Agosto fáiselle maio ó que non ten pan sementado.
- Ano hortelán, máis palla que gran.
- As tormentas por san Xoán tollen o viño e levan o pan.
- Ata curto, esterca amodo, ara xusto e fondo, e collerás pan dabondo.
- Auga de maio, pan para todo o ano.
- Auga por agosto, nin pan nin mosto.
- Sementa cedo e poda tardío, collerás pan e viño.
- O centeo basto na hucha e non no terreo.
Arredor do centeo e do seu cultivo, atopamos varias palabras relacionadas con el e o seu cultivo.
Tega: medida de capacidade para grans, legumes, sementes etc., de valor variable segundo os lugares e segundo o que se mida, equivalente a un ferrado ou á quinta parte dunha fanega. Medida de superficie, de valor variable, que equivale a un ferrado. Recipiente de madeira usado para a medida de cereais.
Fanega: medida de capacidade para grans, legumes, sementes etc., de valor moi variable segundo os lugares, e segundo o que se mida, que corresponde habitualmente a catro ou cinco ferrados ou tegas. Medida de superficie cun valor que oscila, segundo os lugares entre os catro e os seis ferrados.
Esterco: conxunto de materias orgánicas como excrementos dos animais mesturados coa palla, toxo etc., que se saca das cortes e que se lle bota á terra para que sexa máis fértil.
Estercar: acción de botar o esterco na terra.
Decrúa: arar unha terra a primeira vez, para preparala para sementar. Normalmente ca vertedeira.
Vertedeira: arado con rella curva de ferro, utilizado para voltear o terreo atugando as herbas..
Entravesa: segunda arada de un terreo, que se fai transversalmente, para romper mellor os terróns feitos na decrúa. Faise en sentido transversal á primeira arada, co arado de pau.
Xugo da arica (propiedade de Genaro Cid) |
Barbeito: terra de secaño onde se cultiva, segundo as zonas de Galicia, o centeo, trigo, millo e patacas. Alternando os cultivos de un ano para outro, para que descanse a terra.
Quelle: a parte mais fonda do rego ou suco.
Riscar: facer riscos na terra, arrastrando un mangado de palla centea, para facer as embelgas.
Embelga: cada unha das partes en que se divide un terreo para traballalo ou sementalo.
Muíña: conxunto de desperdicios formado polas arganas das espigas e pequenas partículas de palla.
Argana: filamento ríxido que se prolonga da casca do gran de varios cereais ou plantas gramíneas.
Tremesiño: cereal que nace e madura en tres meses.
Dedís e fouces (O ciclo do pan, Allariz) |
Dedíl: funda de pel, grosa e tesa, ou cana, con que se protexen os dedos para segar.
Á vóeo, á manta ou ó chou: modo de sementeira na que as sementes son lanzadas ó aire a puñados para que se estendan por unha superficie o máis ampla posible. Faise con sementes pequenas como o centeo, o trigo ou os nabos.
Atando o mollo – (https://fr-fr.facebook.com/groups/santiagodecerreda) |
Mollo: feixe de centeo, trigo ou cebada que se fan na seitura, átanse ca grañoá, xúntanse no eido en medoucos. Logo lévanse á aira e fanse as medas, quedando á espera de facer a malla.
Medouco: grupo de poucos mollos de centeo, trigo etc., colocados de pé uns contra os outros, que se fai na leira despois dá seitura.
Grañoá: atadura ou ligadura curta de palla, xeralmente para atar os mollos.
Corra: piorno vido ou vimbio longo que se utiliza para recoller a palla do centeo ó saír da malladora e levala á palleira. Fáiselle un nó no extremo para poder agarrar con máis comodidade.
Enmedando (Jesús Faílde) |
Carreta: xuntanza de varios veciños cós seus carros, que se unían para transportar os mollos, cara as airas.
Meda: morea grande de mollos de cereal colocados ordenadamente, de forma circular e cónica, que se fai no lugar onde despois se van mallar, polo xeral na aira.
Enmedar: operación de facer unha meda empregando os mollos, colocados de forma ordenada, cada un a continuación do anterior, facendo de forma circular. Aferrando un ó anterior e situando a parte da espiga cara ó centro da meda.
Malla 1932 (www.pinterest.es) |
Mallo: é un apeiro agrícola usado para mallar (é dicir, bater con mallo), para separar o gran da palla e outras envolturas que recobren o gran.
Carrasco ou canizo: estrutura rectangular con canas, varas ou vimbios entretecidos que se usa para achaiar a terra arada.
Malla (www.rubillon.es) |
Malladora: máquina que se emprega para mallar cereais como o centeo ou o trigo.
Aira: é un sitio chan de proporcións variables, achegado á vivenda, feito de terra firme ou lousado con pedra, onde se mallan os cereais, bótanse a secar os legumes etc.
Vasoiras - (Facebook - O ciclo do pan) |
Vasoira: Instrumento formado por un pequeno feixe de ramas xeralmente de xesta ou doutro material flexible, que se emprega para varrer. E moi utilizada para xuntar o gran que cae na malla. Tamén pode ser de codeso escalambrón e de fentos.
Restrebe: terreo onde se acaba de facer a seitura, que queda cuberto de canas de cereal.
Ferraia: centeo, que se sega verde, antes de que espigue, e que se utiliza como forraxe para os animais.
Peneira ou cribo |
Arca: caixa grande con tampa plana, usada para gardar roupa ou outras cousas, como cereais. Adoita ser de madeira de castiñeiro
Farelo: casca esmiuzada do gran moído, separada da fariña cando se peneira.
Fachón: presa de palla atada fortemente que se acende para alumar.
Palleira en Nogueira de Arriba |
Palleiro: morea de palla ou de herba seca en forma de cono que se fai na aira a intemperie, de tal xeito que non se molle coas chuvias. Para elo está cuberto con colmo feito con palla escollida de centeo.
Na nosa contorna
celébranse varias festas relacionadas co centeo como son “O ciclo do pan en
Allariz” e tamén os “fachós de Castro Caldelas”.
O ciclo do pan de Allariz, como o nome o di, os veciños de Queiroás levan anos reproducindo fielmente os traballos do ciclo do pan. Estes comezan ca sementeira, seguen ca seitura e a carrexa, pasando pola malla e a moenda no muíño e rematando no forno, ca formada do pan.
O ciclo do Pan (Allariz)
A Festa dos Fachós de
Castro Caldelas celébrase o 19 de
xaneiro na véspera do día de san Sebastián, comeza coa caída do sol e
prolóngase durante a noite. Esta celebración converteuse nunha das tradicións
de culto ó lume máis representativas de Galicia.
Festa dos Fachós (Castro Caldelas 2018)
Manuel María O centeo
Por último imos ver uns vídeos
sobre a sega e a malla na nosa parroquia, concretamente
vemos a veciños de Cachagonza no ano 1991. Cedidos
por Juan Fernandez (Fillo do Domicilio)
Trigo:
Na actualidade o trigo e
o cereal mais estendido no mundo, pero en Galicia, onde se xeneralizou o seu
cultivo no século IV a. C. , non foi tan abondoso coma o millo ou o centeo e cultivábase
en areas mais ben restrinxidas.
Leira de trigo |
Espigas de trigo |
Cando o trigo comezaba a medrar,
dábaselle dúas aradas para eliminar as malas herbas que medraban ó seu arredor.
A malla era como a do centeo, so que nos lugares onde a colleita era pequena realizábana
os da casa sen precisar máis axuda.
O trigo co refraneiro:
· Maio frío moito trigo, maio pardo, ano farto.
· Nin viña no baixo, nin trigo no cascallo.
· Cebada, a que eu quixera; e trigo, o que Dios me dera.
· Maio fai o trigo, e agosto o viño
· O pan de trigo fíxoo Dios, e o de millo mandouno facer.
· Pan de trigo ou de centeo, quéroo máis no meu ventre que no alleo.
Millo:
O millo, traído de América
no século XVI tivo, no entanto, unha tardía introdución en Galicia, xa que ata
o século XVII non comezou o seu cultivo. Deseguida se impuxo levando a case
total desaparición do millo miúdo ou paínzo (Paniculum
Miliaceum), cereal predominante ata entón e do que tomou o nome. A vez que o
millo, introduciuse tamén a pataca, o que supuxo unha renovación do sistema
agrario galego xa que a rotación do cultivo do millo, outros cereais e a pataca
fixo posible aumenta-lo rendemento da terra. Os cambios que xurdiron deste novo
sistema tiveron como consecuencia unha mellora na produción de alimentos que
derivou nun aumento da poboación.
Millo do país |
Leira sementada de millo |
Co millo de ciclo normal
os traballos comezaban en abril ou maio coa sementeira. Axudándonos da xugada
para arar de distintas maneiras, estercar e agradar. Falaremos xenericamente de
xugada, pero a maioría de traballos tamén se facían con cabalarias ou con una soa vaca.
1- Preparar a terra:
Na terra onde se recolleron os nabos e a ferraia, sementaremos o millo. Comezamos por arar cá vertedeira, sería a decrúa, para atuar os restos vexetais e que podrezan. Días despois, pasamos a agrade, para desfacer os terróns e achanzar a terra. Deseguido axudados do carro das vacas, sacaremos o esterco da corte cara á terra, cubrindo por igual o terreo.
Logo ven a entravesa, segunda arada que se lle dá á terra, en sentido transversal ou oblicua á primeira, desfacendo os terróns. Faise co arado de pau, conseguindo que o esterco se mesture cá terra.
2- Sementar:
A sementeira propiamente dita, comézase facendo os sucos (Asucar) co arado de pau ou “romano”, mentres que outra persoa pinga tras del a semente, arroxándoa ó fondo do suco de unha forma mais ou menos ordenada. Logo dáselle outra pasada co arado, mais casqueira, cá que cubrimos as sementes. Esta operación e a asoma.
Millo medrando |
Nalgunha zona non tan distante da nosa, a sementeira faise de forma manual, á pitada. Que consiste en marcar con un angazo
a distancia entre sucos e despois ir picando co sacho e pingando dous ou tres
grans en cada oco feito a unha distancia equidistante e tapando co mesmo sacho
ou cos pés.
3- Procurar:
Ós poucos días o millo comeza a saír, entón pásase o canizo ou carrasco para baixar a terra das partes elevadas do suco, achanzando a terra, pero sen cubrir as pequenas plantas. No momento en que as plantas sobresaen da terra uns centímetros, faise a primeira arada co arado de pau, para arrincar as malas herbas e arrimar a terra ás plantas recen brotadas.
Millo |
Deixando o millo no centro de dous sucos. Dando unha primeira cava, para aconchegar, arrimando a terra arredor das plantas, con sacho ou aixada, eliminando as pequenas herbas que intentan medrar máis que o propio millo.
Cando a planta mida algo
máis de unha cuarta, o que adoita ocorrer no mes de xuño, faise co arado de mosquito
a segunda arada, a arica.
Estas aradas adoitábase
facelas ca xugada, ben fose de vacas ou bois. Tamén era moi común que se
fixesen con unha cabalería ou unha soa vaca, con un arado adaptado a tal fin.
Despois débese rarear e cavar, e
dicir, quítase o exceso de plantas e transplántanse nas zonas onde non naceron.
Elimínanse as malas herbas, todo isto axudados do sacho ou aixada.
Xa no mes de xullo, cávase de novo para volver quitar as malas herbas e arrimar terra ó pe da planta. Nese momento comezaban as regas, onde eran posibles, que continúan en agosto. Mes no que tamén se sementaban entre o millo os nabos. Isto facíase nas terras que non se cultivaban en barbeito, senón que todos os anos producen o mesmo, conseguindo así enlazar cá seguinte tempada.
Millo madurando |
4- Colleitar:
Cando o millo está xa
maduro, entre setembro e outubro, os membros da casa realizan a colleita, que se
pode facer de dous modos: cortando as plantas enteiras con fouces, ou
recollendo so as espigas, deixando os talos no campo como esterco.
Unha vez cortado o millo,
cargaríase no carro para levalo cara á casa ou algún lugar próximo, que podería
ser a aira, un patio ou un pendello.
5- Manipular
e almacenar:
Á colleita séguelle a esfolla,
que nalgunhas zonas chámase escapulla. Se o tempo o permite a esfolla
podíase facer na propia leira. Para realizar esta tarefa xúntanse varias
persoas que van sacando coas mans, os follatos
que rodean a mazaroca. As espigas do millo do país, separábanse segundo
as cores, as negras ou moradas, por seren máis escasas, eran chamadas raíñas.
Logo almacenábanse na
nosa zona no canastro en outros lugares facían restras tecidas
coas follas grandes das espigas. Se había algunha espiga partida ou danada,
esas aproveitábanse para o gando. Se o millo estaba algo húmido, púñano ó sol
ou unha vez no canastro, este tíñase aberto para que se aireara mellor e secase
ben antes da chegada das chuvias.
O canastro do Piepito |
Dicían que para facer as papas que era mellor a fariña do millo máis verde. Segundo a necesidade as espigas íanse debullando á man co carozo doutra espiga xa debullada, con máquinas debulladoras ou rozando as espigas contra unha ferra posta nun caixón para esa operación.
6- Procesar:
Debullando o Millo (La Voz de Galicia) |
O millo unha vez
debullado, lévase metido en sacos a moer ó muíño. Con esa fariña ademais de
darlla o gando, facíase pan de broa mesturándoo con algo de centeo, papas
de millo, empanada de millo que tamén se mesturaba con algo de
centeo ou trigo así como a bica de millo, que se facía
preferiblemente con millo blanco, que se cociñaba sobre as brasas da lareira.
Na actualidade o millo
case en exclusiva recollese para darllo ós animais, pode ser cos grans enteiros
ou tronzados.
Despois de mediados do
século XX comezouse a colleitar millo para ensilar, para o que se sementaba
bastante basto e cortábase cando aínda estaba a medio criar.
Na nosa zona o ensilado
non tivo moito éxito, despois de un comezo de proba, foise abandonando esta
técnica.
Na novela Memorias dun
neno labrego, de Xosé Neira Vilas, o autor sinala as preocupacións de
Balbino ao comer pan de millo, á súa nai "sentáballe mal a broa",
mentres os nenos de familias máis adiñeiradas podían mercar
"pantrigo".
Pan de millo (broa) |
O millo e o centeo foron
durante moito tempo o pan dos pobres...
Ca introdución nos anos
70 de variedades híbridas, con rendementos máis elevados, foise abandonando o
cultivo de variedades do país, poñendo en perigo a súa supervivencia.
Outra utilidade que se
sacaba ca folla da espiga do millo, era para descansar, xa que con el se facían
xergóns para as camas. Facían unhas fundas de tea e enchíanas de follas de
millo secas. Para facer un xergón precisábanse moitas follas. Dun ano
para outro as follas gastábanse, de deitarse no xergón, e entón o que facían
era mesturar a folla vella ca nova.
No agro galego tamén
se distinguen as variedades que seguen:
Millo branco: o máis utilizado para o consumo humano.
Millo da revoltiza: millo que constitúe a colleita de outono. O millo
da revoltiza dáselle ao gando.
Millo pego ou espigas
namoradas: millo que se dá en
mazarocas con algúns grans doutras cores. Isto pasa porque ao seu lado se
cultivaba outra variedade e acabaron cruzándose.
Millo rei: millo que se dá en mazarocas de cor entre a do
viño e a encarnada, en Ponte Ambía chámaselle así ás máis escuras ou negras.
Millo corvo: e un tipo de millo que debe o seu nome á súa color
negra. Conten una maior concentración de antioxidantes que outros millos.
O millo, e máis san canto
máis escuro. Unha vez máis, a ciencia entra en contradición con algunha das
crenzas máis habituais.
Tamén daba boa sorte
cando aparecían varias espigas agrupadas dentro dun mesmo follato. Chamábanse
"Espigas das Ánimas".
O millo fixo evolucionar
o canastro galego. Deulles unha monumentalidade que non teñen noutras
rexións de Europa.
E por último, cos carozos
ou “capullos” tamén se aproveitaban para facer un lume rápido, en moitos
lugares utilízanse para asar as sardiñas. Tamén se xogaba con eles, a facer torres.
Atopamos no refraneiro,
alusións ó millo:
- O millo mesto, no cesto; o millo raro, na leira e non no carro.
- O millo polo San Marcos (23 de marzo) nin nado, nin no saco.
- Á porta do rezador, non botes o millo ó sol.
- Quen aos paxaros recea, millo miúdo non sementa.
- Ata a folliña do millo sabe tamén picardía. Garda o orballo da noite, para beber polo día.
- O millo rascado enche a cesta e o ferrado.
- Cando a ruliña veña a rular, colle o millo e vai sementar.
- Non caves o millo con néboa, que como está, así queda.
- O primeiro millo é dos paxaros.
Sobre o millo temos os
seguintes termos para non esquecer:
Achanzar: igualar unha superficie ou un terreo de xeito que
quede chan.
Cavar: traballar a mao a terra para removela, sacar as
herbas ou preparala para cultivala. Faise con sacho ou aixada.
Sacho: instrumento de labranza
formado por unha pa de ferro unida a un mango de madeira
mediante un ollo circular e formando un ángulo
recto ou oblicuo, pode ter unha crista na parte de atrás, úsase para cavar.
Aixada: utensilio de labranza para
remover a terra, que ten formas e tamaños diversos segundo os lugares, formada
por un mango de madeira unido mediante un ollo circular e que pode ter dúas ou
tres gallas e unha crista ou peta na parte de atrás.
Aconchegar: Aproximar a terra a planta, pode ser co arado ou
a man con sacho ou aixada.
Arada: acción e efecto de arar. Que ven sendo traballar
a terra abrindo sucos ou regos co arado, preparando a terra para a sementeira
ou entre o cultivo xa medrado para arrincar as malas herbas.
Broa: pan de millo.
Cana: talo do millo.
Carrasco ou canizo: estrutura rectangular con canas, varas ou vimbios
entretecidos que se usa para achaiar a terra arada.
Carozo, capullo: parte interior que queda da espiga do millo logo
de quitarlle os grans.
Bica de millo: torta de millo cocida no forno, que pode ser
feita tamén na lareira con masa sen fermentar, dándolle forma de bola e tapándoa
con calquera vasilla de barro, cuberta con brasas de pequeno tamaño.
Empanada de millo: Empanada semellante á de centeo ou trigo, pero con
fariña de millo.
Papas: alimento que se obtén cocendo fariña, sobre todo
de millo, en auga ou leite.
Debullar ou degrañar: sacar os grans de millo da mazaroca.
Escotela: a corta do que queda dun pé de millo despois de cortarlle o pendón.
Esfolla ou escapulla: nome que se dá á operación de quitarlle as follas
á mazaroca para poñela a secar (acción de desfollar).
Esfollador: utensilio que remata en forma de gancho, que se
emprega para esfollar.
Espantallo: boneco que se pon nas leiras, etc., para espantar
os paxaros e evitar que coman os froitos e as sementes.
Follatos: follas que recobre a mazaroca ou espiga do millo.
Forraxe: palla do millo que se emprega para a alimentación
do gando.
Fouce: instrumento de labranza de folla curva e con mango
que se utiliza para segar os cereais.
Agrade: instrumento de labranza en forma de grella
grande, de madeira ou de ferro, con dentes na parte interior, co que se achanda
a terra e se desfán os terróns despois de labrada.
Palleiro: amoreamento de canas de millo con forma cónica
que se fai na leira ou a carón da casa.
Pendón: flor masculina do millo.
Curuto: parte máis elevada do planta do millo. Dende a
espiga cara arriba.
Espiga: froito alongado das gramíneas, composto de grans
ou sementes dispostos ó redor dun eixe. A do millo tamén se lle chama mazaroca.
Rarear entresacar ou
entrecoller: deixar entre pé e pé
de millo unha separación de 30 a 50 cm, eliminando outros pés que naceran máis
cerca.
Seitura: operación que consiste en facer a sega de calquera
cereal.
Vertedeira: arado con rella curva de ferro, utilizado para voltear o terreo atugando as herbas..
Decrúa: arar unha terra por primeira
vez para preparala para a sementeira. Primeira sachadura que se dá ao millo ou ás
patacas.
Angazo: apeiro formado por un mango
longo rematado nun dos extremos por un pau atravesado que ten dentes de madeira
ou de ferro formando unha especie de peite. Utilízase para xuntar a herba, a
folla ou achanzar a terra.
Á pitada: forma manual de sementar o
millo, que consiste en marcar con un angazo a distancia entre sucos e despois
ir picando co sacho e pingando dous ou tres grans en cada oco feito a unha
distancia equidistante e tapando co mesmo sacho ou cos pés
Arado de mosquito: arado que ten boa parte de ferro excepto o temón,
e que ten a mesma forma que o de madeira, podendo axustar a profundidade da
rella con un torno, así como a anchura das abiecas.
Entravesa: segunda
arada que se lle dá á terra, en sentido transversal ou oblicua á primeira, desfacendo
os terróns e mesturando o esterco.
Quelle: a parte mais fonda do rego.
Suco, rego: fenda que se fai na terra co arado.
Asucar: facer sucos para a sementeira, normalmente das
patacas, do millo, centeo, trigo ou cebada.
Asomar: forma especial de
arar na sementeira do centeo, trigo ou cebada, deixando o suco reforzado. Na
sementeira do millo ou da pataca era a forma e cubrir as sementes, xa que era
unha arada menos profunda, soterrando a semente de forma máis casqueira.
Arica, abica ou achega: operación
de arar superficialmente o centeo, o trigo ou o millo, para arrincar as malas
herbas. Acumulando a terra arredor do tronco dos cereais, conseguindo ao mesmo
tempo eliminar as herbas perniciosas. No millo faise co arado de mosquito.
Baixar o suco, baixar
o rego, baixar a terra: acción de
protexer as plantas recen saídas, arrimándolle a terra para protexelas e
deixándoas de paso centradas no medio de dous sucos. Esta operación pódese
facer con arado de pau máis o carrasco ou canizo, ou soamente con isto último.
Cando se sementou o millo, as sementes quedaron nun lateral e na zona baixa do
rego, cando se asomou. Ó baixar o suco, estas pasan a estar na zona elevada e
protexidas ca terra. Con esta operación tamén se eliminan as primeiras herbas que
intentan medrar máis que o propio millo.
Pingar: acción de deixar caer
pinga a pinga, grao a grao o millo.
Terróns: anaco de terra cuberto de herba, coma o que
levanta o arado.
Xergón: colchón feito cunha funda chea de follatos das
espigas do millo, herba, etc.
Silo ou ensilado: é un proceso de conservación da forraxe baseado
nunha fermentación láctica do vexetal ensilado. Permite conservar moito mellor
as calidades nutricionais da herba ou millo orixinal que o secado.
Canastro aberto para secar o millo |
Canastro, hórreo,
cabaceiro: celeiro que consiste
nunha construción de pedra, de madeira ou a mestura de ambos, feita
ordinariamente sobre columnas de pedra para illar o grao da terra, apartando
este da humidade da terra e permitindo unha mellor aireación.
Restra: trenza que se fai cos allos, coas cebolas, coas mazarocas do millo, etc, para penduralos e polos a secar.
Pendello: pequena construción, normalmente pegada á casa labrega, polo xeral só cuberta polo tellado, que serve de almacén para gardar a leña, o carro, as ferramentas de traballo e outros utensilios.
Patio: espazo descuberto, cerrado polos laterais, ben no interior ou a carón dunha edificación, ben entre varias construcións.
Pataca:
A pataca, baloca, castaña
ou castaña da terra é o tubérculo da planta da pataca ou pataqueira (Solanum
tuberosum), unha planta da familia das solanáceas, orixinaria de América do Sur
e cultivada en case todo o mundo polo seu tubérculo comestible.
Cultivada no Perú desde o
VIII milenio a.C., o berce da pataca estivo na fronteira peruano-boliviana pero
a man e intelixencia incaicas tiveron moito que ver na multiplicación das súas
variedades. Foron tamén eles os que desenvolveron a técnica para deshidratala,
e apreciárona máis porque resiste moito tempo de almacenamento.
Meu pai Gerardo na sementeira da pataca |
A primeira referencia do
cultivo da pataca en Galicia remóntase a 1607, ano no que foron sementadas na
horta do mosteiro de Herbón (Herbón, Padrón), tal e como aparece rexistrado nas
memorias do arcebispado de Santiago, do cardeal Jerónimo de Hoyo, o cultivo
xeneralizado da pataca non tomaría importancia ata a segunda metade do século
XVIII.
Leira sementada de patacas |
O catastro de Ensenada (1749 - 53) reduce o seu
cultivo a un feixe de parroquias da provincia de Ourense. Cara a 1800 Lucas
Labrada sinala que o cultivo das patacas estendeuse amplamente a raíz da crise
cerealeira, gravísima de 1768 - 69. A pataca comezou a substituír
paulatinamente á castaña como un dos alimentos básicos da alimentación dos
galegos, especialmente no mundo rural, e por iso nalgúns sitios comezou a
chamarse castaña da terra.
Tanto a preparación inicial do terreo, como a propiamente chamada sementeira semellase á do millo. Sería igualmente onde se recolleron os nabos e a ferraia, sementaremos as patacas nos meses de marzo ou abril. Comezamos por arar cá vertedeira, sería a decrúa, para atuar os restos vexetais e que podrezan. Días despois, pasamos a agrade, para desfacer os terróns e achanzar a terra. Deseguido axudados do carro das vacas (nalgún caso de cabalería), sacaremos o esterco da corte cara á terra, cubrindo por igual o terreo.
Sementamos a finais de
marzo ou primeiros de abril. A mellor fase da lúa para a plantación das patacas
é finais de lúa chea e, sobre todo, a minguante. Deixando uns 40 centímetros
entre patacas e entre 60 e 70 centímetros entre liñas. A separación é
importante para evitar a propagación de enfermidades e para que a pataca teña
espazo para desenvolver as súas raíces.
A sementeira tamén se realiza
de xeito similar á do millo. Quizais a maior diferencia sexa. que cando se
botan as patacas no fondo do suco, adoita acompañarse con unha capa de “mineral” (fertilizante granulado de orixe mineral).
Pataca comezando a saír (Sindo Sorga) |
A sementeira propiamente dita, comézase facendo os sucos (Asucar)
co arado de pau ou “romano”, mentres que outra persoa deposita as pequenas
patacas da semente, arroxándoas ó fondo do suco de unha forma mais ou menos
ordenada. Segundo as bota, trepa cada unha co pé, para que non se mova do
sitio. Logo dáselle outra pasada co arado, mais casqueira, cá que cubrimos as
sementes. Esta operación e a asoma.
3- Procurar:
Patacas acabadas de arar – (Toño Ferreira) |
Pasados uns días as
patacas comezan a saír, entón toca baixar o suco.
Isto consiste en dar unha arada co arado de pau, deixando as patacas
entre dous sucos e protexidas ca terra, logo pásase o canizo ou carrasco
para baixar a terra das partes elevadas do suco, achanzando a terra, pero sen
cubrir as pequenas plantas. Esta operación da baixada do suco, pódese facer
solo co canizo ou carrasco, deixando a primeira arada para mais adiante.
Podendo ser no momento en que as
plantas sobresaen da terra uns centímetros, faise unha arada, co arado de pau, para
arrincar as malas herbas e arrimar a terra ás plantas recen brotadas. Deixando
os brotes da pataca no centro de dous sucos. Dando unha primeira cava arredor
das plantas, con sacho ou aixada, eliminando as pequenas herbas
que intentan medrar máis que as propias patacas.
Cando a planta xa teña a
altura suficiente, faise co arado de mosquito a segunda arada, a arica.
Logo manualmente elimínanse as malas herbas axudados do sacho ou eixada,
arrimando a terra ó pé das patacas. Esta operación chámase arrendar as
patacas.
Se fose necesario aínda
se faría outra cava, para volver quitar as malas herbas e arrimar terra ó pe da
planta.
Apañando Patacas- (Aldeia Vila Nova) |
A colleita realízase
podendo ser na lúa minguante de setembro, aínda que cada vez se adianta mais a
data, por mor do cambio climático. Unha vez aberto o rego que ou ben se fai a
man con eixadas ou con un arado acondicionado con unha rella a tal fin, que faga
que as patacas queden na superficie. Logo recóllense con cestos, normalmente
separando as de maior tamaño, destinadas ó consumo humano e as pequenas ou as
mancadas que se apartan para os animais.
5- Manipular e almacenar:
Rella do mosquito, específica paracoller as patacas |
Recóllense en sacos e apáñanse cara á casa no carro das vacas. En ocasións as patacas levábanse entre os ladrais, sen sacos logo apáñanse con cestos ata o lugar destinado para almacenalas.
De xeito tradicional o
almacenamento da pataca faise en zonas secas e sen humidade, a resgardo da luz,
nun proceso chamado conservación por deshidratación.
Unha vez ou dúas ó ano
débense repasar as patacas almacenadas para sacarlle os gromos que poden
comezar a querer saír, para evitar que lle medren e estraguen as patacas.
6- Procesar:
A pataca dende a súa
introdución, foi de grande axuda para a alimentación dos nosos antepasados.
Dende sempre consumíronse de dous xeitos principalmente, cocidas en cachelos,
ou fritidas na tixola. Pero ben certo e que combinan con calquera
comida, ben sexa integradas con outro ingrediente ou como acompañamento de
este.
O único traballo de preparación e o de pelalas,
aínda que ás veces se preparen ca pel, sobre todo se son asadas. Ultimamente
proliferan os negocios en torno á pataca, arredor da zona da Limia, as patacas
fritas de bolsa, utilizando para elo a variedade agria.
A pataca é un cultivo
esixente que detrae moitos nutrientes do solo. Por iso require un terreo ben
aboado con materia orgánica, ben cavado e non encharcadizo.
Patacas novas recen arrincadas (Sindo Sorga) |
Desde 1996 existe en
Galicia a Denominación Específica Pataca de Galicia, que ampara a producida nas
zonas de Bergantiños (A Coruña), Terra Chá-A Mariña (Lugo), Lemos (Lugo) e A
Limia (Ourense).
A pataca galega é de
carne branca e ten unha presenza de ollos superficiais e unha pel fina e lisa
de cor amarelo. Unha característica importante é que ten un textura en boca
firme, lixeiramente fariñenta. Esta consistencia fai que a pataca galega sexa
moi apreciada para cocer, son os populares ‘cachelos’. En cocido, esta pataca
acada unha calidade excelente que a diferencia doutras, aínda que tamén é
apropiada para consumir doutros xeitos. Ademais, a pataca galega cando se
cociña mantén intactas as súas calidades de cor, aroma e sabor.
As variedades que se
cultivan na nosa zona son, principalmente kennebec en carne branca e Baraka
e Agria en carne marela.
Pataca madurando |
Sendo un cultivo de raíz
é unha planta que demanda tamén potasio, o que favorecerá o crecemento dos
tubérculos e unha boa colleita. Agora recoméndase aplicalo como fertilizante granulado, máis efectivo e doado de
aplicar e que está permitido en agricultura ecolóxica.
Ó igual que o resto de
vexetais, non é recomendable repetir o cultivo da pataca no mesmo terreo dous
anos seguidos.
Escaravello da pataca – (Wikipedia) |
Un dos maiores esforzos
que ten o labrego cá pataca e a loita co escaravello
da pataca, que estraga as colleitas se non se combaten. Xunto a este, a
outra gran besta negra de calquera campo de cultivo da pataca e o mildio.
Este fungo foi importado de México alá pola década dos corenta no século vinte.
A súa chegada a Europa causou, principalmente na Irlanda un éxodo masivo de
xente fuxindo da fame. Esta enfermidade aféctalle tamén a outros vexetais,
principalmente ó tomate e á vide.
A pataca na cultura
popular galega.
Pataca xusto antes de florecer. |
Non se deben poñer as
patacas en martes e con lúa de forza en cuarto crecente, porque senón grelan. Tampouco
se deben almacenar nun sitio onde dea a lúa porque poranse verdes.
Unha moza pode adiviñar o
nome do futuro marido deixando na ventá unha pela de pataca durante a noite de
San Xoán. Á mañá estará engurrada debuxando a letra pola que comeza o seu nome.
Os gromos novos da
rama da pataca, aplicados en cataplasmas, alivian a dor das escordaduras dos
pés ou mans, así como nas queimaduras. Tamén resulta eficaz con este mesmo fin
a polpa cocida da pataca. A fécula, seca e en po, alivia o proído da pel nos
nenos.
O zume de pataca é
lixeiramente espasmolítico e antiácido, polo que tamén se emprega na medicina
tradicional contra as gastrites e úlceras.
Levar unha pataca crúa no
peto serve para previr a reuma
Para aliviar a dor das
queimaduras ou das cortaduras dos pés ou mans, é bo poñer cataplasmas feitas
cos vástagos (gromos) novos da rama da pataca ou feitas coa polpa cocida.
Termos relacionados cá
pataca para non esquecer.
Arrendar: cavar por segunda vez as patacas, arrimando terra ao pé de estas.
Gromo: vástago ou pequeno vulto que lle sae ós vexetais
no talo ou nas pólas e que se transformará en novas pólas follas raíces ou
flores.
Mineral: fertilizante granulado de orixe mineral, achega
principalmente potasio ó terreo.
Baixar o suco, baixar o rego, baixar a terra: acción de
protexer as patacas recen saídas, arrimándolle a terra para protexelas e
deixándoas de paso centradas no medio de dous sucos.
Esta operación pódese facer con arado de pau máis
o carrasco ou canizo, ou soamente con isto último. Cando se sementaron as
patacas, estas quedaron nun lateral e na zona baixa do rego, cando se asomou. Ó
baixar o suco, estas pasan a estar na zona elevada e protexidas ca terra. Con
esta operación tamén se eliminan as primeiras herbas que intentan medrar máis
que as propias patacas.
Ladrais: táboas delgadas e curvas que se colocan unha
enriba de cada cheda do carro galego, por entre os estadullos e que se emprega
para soster a carga, cando esta é pequena, sendo complicado suxeitala de outra
maneira.
Cesta ou cesto, segundo a zona |
Cesto ou cesta: recipiente feito de vimbios, vergas ou varas entretecidos de distintas formas e tamaños segundo os usos, que pode ter ou non asas ou un aro polo medio. Serve para transportar obxectos pequenos. Utilízase tanto para sementar como para colleitar.
Cocidas en cachelos: patacas cortadas en anacos grandes, que se cocen
en auga con sal.
Fritidas na tixola: son patacas cortadas en anacos e cociñadas en
aceite quente nunha tixola.
Sacho |
Sacho: instrumento de labranza formado por unha pa de
ferro unida a un mango de madeira mediante un ollo circular e formando un
ángulo recto ou oblicuo, pode ter unha crista na parte de atrás, úsase para
cavar.
Escaravello da pataca: o escaravello da pataca (Leptinotarsa decemlineata) é un insecto coleóptero da familia dos crisomélidos. É un praga importante para os cultivos de pataca. Mide uns 10 mm, ten un dorso de cor amarela/laranxa con cinco raias negras lonxitudinais en cada unha das ás.
Mildio: a enfermidade coñecida como tizón da pataca ou mildio é causada polo fungo Phytophtora infestans. É a enfermidade criptogámica máis importante que afecta ao cultivo da pataca, producindo grandes perdas económicas en todo o mundo.Aixada de dúas gallas |
Aixada: utensilio de labranza
para remover a terra, que ten formas e tamaños diversos segundo os lugares,
formada por un mango de madeira unido mediante un ollo circular e que pode ter dúas
ou tres gallas e unha crista ou
peta na parte de atrás.
Arado de mosquito: arado que
ten boa parte de ferro excepto o temón, e que ten a mesma forma que o de pau,
podendo axustar a profundidade da rella con un torno, así como tamén a anchura
das abiecas.
Arica, abica ou
achega: operación de arar
superficialmente o centeo, o trigo ou o millo, para arrincar as malas herbas.
Acumulando a terra arredor do tronco dos cereais, conseguindo ao mesmo tempo
eliminar as herbas perniciosas. No millo faise co arado de mosquito.
Carrasco ou canizo: estrutura rectangular con canas, varas ou vimbios
entretecidos que se usa para achaiar a terra arada.
Arado de pau: aparello agrícola movido por tracción animal ou mecánica, que se utiliza para arar ou labrar a terra e que se caracteriza fundamentalmente por levar unha prancha de ferro ou rella que se crava na terra e abre regos.
Este arado consta das seguintes partes: rabela, cano, temón, chavella, rella, teiroá, abieca, ameixelo, cuñas.
O arado de pau ou romano, foi o máis empregado ata que se deixou de utilizar a xugada.
A pataca no refraneiro:
- As patacas de xaneiro van na cesta e veñen no sombreiro.
- Bótesme tarde, bótesme cedo, ata o maio non me ves o pelo.
- Entre Loiro i Ventraces, patacas novas.
- Goberna Saturno, ano de patacas.
- Se queres comer patacas por San Xoán, seméntaas cando o pan.
- Val máis bocado de vaca que catro de pataca.
- Onde non hai mata non hai pataca.
- Canta a bubela, pataca a terra, canta o cuco, pataca ó suco.
Nabos:
Burro con nabos, (Exp. A vida lenta) |
O nabo (Brassica rapa
L.), é unha planta da familia das crucíferas ou brasicáceas (a familia das
coles e os repolos) cultivada comunmente como hortaliza nos países de climas
temperados de todo o mundo pola súa suculenta raíz napiforme (nos chamámoslle
“perola”), e tamén para o consumo das súas follas.
Esta parte superior
desenvólvese e permanece soldada á raíz, que é practicamente esférica, de ó
redor de 5–15 cm de diámetro, chamada perola. A raíz principal (que se
encontra por debaixo da raíz engrosada) é delgada e duns 10 cm de lonxitude.
Nabos na súa primeira fase, a nabiza |
Nabos na súa segunda fasede crecemento |
Como hortaliza típica de Galicia, é un dos ingredientes básicos para a realización dalgúns dos pratos máis representativos da nosa cociña, como o caldo, o pote galego, o cocido e o lacón con grelos e constitúe un elemento diferenciado con respecto da cociña tradicional doutras rexións. Ademais, os grelos son unha referencia continua na cultura popular, a través de cantigas, refráns, frases feitas e adiviñanzas.
Poucos produtos da horta
están tan arraigados na cultura galega coma os grelos. Debido á súa adecuación
a climas fríos e húmidos, adaptáronse á perfección ás características de Galiza
e, ó longo dos séculos, as referencias ó seu cultivo e consumo son numerosas.
A nabiza, é a folla tenra do nabo, son as primeiras follas, tenras,
que produce o nabo.
O grelo chámase exclusivamente
ó gromo do nabo. O grelo é comestíbel mentres está tenro. Cando abrocha a flor,
o grelo endurécese e xa non é posible o seu consumo, pois non amolece por moito
que se coza.
Un bo sistema para saber
se o grelo está bo, consiste en darlle un corte transversal no seu extremo. Se
o centro está moi branco o grelo xa non é comestíbel pola súa dureza.
Ademais de posuír un alto
contido en vitaminas, os grelos axudan a previr o cancro.
Nabos na súa terceira fase, o grelo (lahuertoteca.es) |
Empréganse como cultivo
de cobertura para as terras logo de recoller outras colleitas. Seméntase
primeiramente entre o millo nas zonas de regadío. Nas terras onde se segou o
centeo ou recolleron as patacas, son aquelas onde se adoitan a sementar os
nabos. Polo tanto seméntase entre xullo e agosto, en secaño ou regadío, previo
arado e estercado, a semente chámase nabiña.
Ó sementalo entre o
millo, a única preparación e ter a terra sen moita herba, para darlle unha cava
lixeira e así cubrir a semente. Nos outros casos, das restrebes ou ó coller as
patacas, a preparación da terra non e moi diferente á de outros cultivos,
arando primeiramente co arado de pau e estercando, logo volvería ararse para
atugar o esterco. Isto podería variar, ás veces estercase antes de arar e así
poderíase aforrar unha arada. Dependendo da condición da terra e da herba que
tivera.
Seguidamente pasaríamos a
agrade, que puidera ser antes da primeira arada ou no caso de estar a terra moi
traballada, sería o carrasco ou canizo para achanzar a terra.
2- Sementar:
Como xa dixemos
anteriormente, o nabo seméntase en agosto cando se fai na restrebe do centeo ou
entre o millo. Preferiblemente na lúa chea para que
non se saian pronto. Ou en setembro onde collemos as patacas.
A sementeira do nabo
realizase segundo a maneira de sementar de dúas formas, “á manta” ou “ó
rego”, distintas maneiras de sementar as sementes, chamadas nabiña.
Á manta: as sementes son espalladas no chan en terreo
aberto, libre de outros cultivos. Adóitase facer a man e en forma de abanico, lanzando
a un lado e ó outro, procurando que sexa o máis uniforme posible. Para ter
controlada a zona onde xa sementamos, sóese riscar a terra con un
mangado de palla centea, dividindo o terreo en parcelas do ancho que nos dan as
brazadas ó ir sementando.
Cando xa teñamos a
semente estendida, quedan na superficie, polo que hai que cubrila axiña cunha
capa de terra para que non sexan movidas polo vento nin pola choiva. Esa
operación faise co carrasco ou canizo.
Ó rego: e unha variante da anterior, a diferencia está en
que en vez de ser en terreo aberto e libre de outros cultivos, esta faise entre
os regos do millo ou patacas.
Así mesmo os tres
principais escenarios da sementeira do nabo, diferéncianse drasticamente na
forma en que se realiza dita sementeira, ben sexa á manta ou ó rego.
-Na restrebe do centeo, primeiramente debese agradar para romper o terrón, logo pasamos a romper o rego onde se segou o centeo, arando co arado de pau. Pódese estercar antes ou despois de arar. Chegados a este punto decidimos se xa botamos á manta a nabiza ou non, dependendo do estado da terra. Se a sementamos, solo nos quedaría pasar o carrasco para cubrir a semente. Se non o facemos, debemos volver a arar ou pasar a agrade e sería nese momento no que ciscamos a nabiña e despois pasamos o carrasco para cubrila. Polo que este sería un caso dos supostos nos que se sementa á manta.
- Na terra
que deu a pataca, se a pataca e
de cedo, seméntanse os nabos de xeito semellante ó dito no punto anterior,
diferenciando en que solo se faría unha arada a mais da propia do levantamento
do tubérculo, en algún caso solo se pasaría o carrasco ou canizo. Polo que
sería tamén unha sementeira á manta.
Se a pataca e de tarde, poderíase sementar incluso antes da súa colleita, arando ou cavando polo medio dos dous sucos, entre os pés das patacas. Por iso este sería un caso de sementeira ó rego. Se esperamos a recollelas, faríamos algo semellante ó feito para as patacas do cedo.
-Entre o
millo, no mes de agosto xa non e
posible arar ca xugada, polo grande do millo, o que nos obriga a facer a
sementeira cavando a mao con sacho ou eixada, para cubrir a semente, despois de
tela botado á manta como nos casos anteriores. Sería un caso de
sementeira ó rego.
Sementeira á vóeo, á manta ou ó chou |
Para os dous tipos de
sementeira descritas anteriormente, a nabiza espállase sobre toda a superficie
da leira, lanzadas ó aire a puñados para que se estendan por unha superficie o
máis ampla posible, en calquera dos casos anteriores.
Dependendo da zona a esta
operación chámase sementar á vóeo
sementar á manta ou sementar ó chou, o mesmo pasa cá
sementeira do centeo ou pan.
Cando os nabos xa son
grandiños, fáiselle unha arada lixeira para facer uns sucos moi espraiados
entre os nabos, conseguindo desaugar o exceso de auga de chuvia e que os nabos
ó seu arredor fosen de mellor calidade. Esta operación e a resaca ou arroiado.
O nabo posiblemente sexa
un dos cultivos que precise de menos coidados para lograr unha boa colleita,
mais ben depende de outros factores como a climatoloxía
que pode alterar a lentura do terreo no momento da sementeira. Se
cando sementamos a terra está moi seca, iso impedirá que moita da semente
xermine e non cheguen a nacer moitas de elas.
4- Colleitar:
Consúmese, toda a planta,
durante os meses de novembro a maio, tanto para alimento da xente como para o
gando. As nabizas ou os grelos úsanse para facer o caldo, ou ben se cocen con
patacas e lacón. A raíz ou perola, o nabo propiamente dito, o máis usual
é darllo ós porcos ou a outro gando, cocidos con fariña.
Pote no que se cocían os nabos |
Nos últimos meses da ceba
do porco, os nabos son o alimento fundamental. Estes cócense no pote,
e acompáñanse con fariña. Algunha cociña de ferro
tiña nun dos seus laterais un pote interior ó que se lle facía lume por debaixo
para cocer.
Nabos floridos |
Normalmente as nabizas,
consúmense dende outubro a decembro. Estas teñen un sabor máis suave mentres
que nos grelos e máis forte e peculiar, dificilmente comparable ó de outras
verduras que consumimos de forma habitual. Os grelos témolos nos meses mais
fríos, dende decembro a marzo.
Unha vez que o nabo
florece o seu consumo pasa a ser exclusivamente animal.
5- Manipular e almacenar:
Nabos reservados para a nabiña |
É de costume resgardar
uns cantos exemplares dos mellores nabos cando florecen, para procurar a nabiña
e poder sementar no vindeiro ano.
Cando se recollen, ponse
a secar e despois mállase, ou trépase, para sacar os pequenos grans da súa
funda. Finalmente límpanse ó vento, axudados da peneira ou cribo. Para
eliminar as partículas de muiña.
6- Procesar:
O procesado que ten o
nabo nas súas diferentes versións (nabiza, nabo, grelo) para consumilos sería o
cociñado (cocido).
Para poder desfrutar
sobre todo do grelo durante todo o ano, pódese conservar no conxelador, previo
cocido lixeiro para quitarlle o exceso de acidez. Tamén se comercializa en
conserva, ven sexa o grelo soamente ou o nabo enteiro.
O nabo no refraneiro
- As nabizas piden unto; e os grelos, lacón ao punto.
- As nabizas queren unto, aceite e allos, todo xunto.
- Cada cousa no seu tempo, e os nabos no advento.
- Nabo, nabiza e grelo, trindade do galego.
- Nabos e coles, comer de señores.
Os grelos na cultura popular galega
Nabo,
nabiza e grelo,
trindade do galego.
Probou a vella os grelos
e lambeuse os dedos.
Non chas quero, non chas quero,
nabizas do teu nabal;
non chas quero, non chas quero,
que me poden facer mal.
Patacas novas,
lacón con grelos,
repolo de Betanzos
e máis xurelos.
Do nabo sal a nabiza,
Da nabiza sal o grelo,
son tres persoas distintas
e un solo Dios verdadeiro.
Carro de nabos (Facebook - PazoSabadelle) |
En Galiza xogábase ao
arríncate-nabo ou arrinca nabos.
Aproveitábanse as perolas
mais grandes para facer carros, cortando porcións da forma axeitada e uníndoas
con caxatos, para xogar os rapaces nas noitiñas en que no inverno non había que
facer.
Nomes a non esquecer
relativos ó nabo:
Nabiza: son as primeiras follas, tenras, que produce o
nabo.
Grelo: follas e talos tenros e comestibles do nabo antes de florecer e sacar a semente.
Resaca ou arroiado: facer uns sucos moi espraiados entre os nabos,
conseguindo desaugar o exceso de auga de chuvia e que os nabos se osixenen ó
seu arredor e fosen de mellor calidade.
Nabiña: Semente do nabo.
Perola:
Á vóeo, á manta ou ó chou: modo
de sementeira na que as sementes son lanzadas ó aire a
puñados para que se estendan por unha superficie o máis ampla posible.
Faise con sementes pequenas como o centeo, o trigo ou os nabos.
Agrade: é un instrumento agrícola tradicional constituído por unha armazón de trabes de madeira que se entrecruzan en ángulo recto, que está dotado de dentes metálicos, máis ou menos próximos uns ós outros, e situados na súa parte inferior, e que permite traballar a terra superficialmente, achairándoa, rompendo os terróns e recubrindo o solo, de xeito que quede preparada para a sementeira e a xerminación. Adoita ser arrastrada pola xugada e cargado con pedras.
Carrasco ou canizo: trátase do apeiro de agradar mais antigo, feito con polas trenzadas, en xeral de carballo. Utilizase para nivelar a terra despois de arada. Usado tamén para baixarlle a terra as patacas ou ó millo, cando están a punto de brotar, eliminando así as herbas que tamén están saíndo. Algún era de forma triangular.
Caldo galego: prato típico da gastronomía galega. Os seus
principais ingredientes son os grelos ou verzas ou repolo xunto con patacas,
unto ou graxa de porco, para dar substancia, fabas e ocasionalmente algún
ingrediente máis, como chourizo, lacón ou touciño entrefebrado cocido. Sérvese
moi quente, a diario como primeiro prato.
Lacón con grelos: é un dos pratos máis representativos deste país. É
unha variedade de cocido, con lacón (ás veces tamén cachucha, ou con orella de
porco, ou costelas deste animal) chourizos, patacas cocidas enteiras e grelos.
Cocerlle ós porcos: acción de cocer no pote nabos, verza, patacas
etc para darlle ó porco na época da ceba. Mestúrase con fariña milla e
centea.
Ceba do porco: alimentación que se lle dá o porco para o engorde.
Os nabos son o alimento fundamental para a ceba dos porcos.
Rego, suco: fenda que se fai na terra co arado para sementar
ou regar.
Peneira ou cribo: instrumento circular de madeira ou metal, con
fondo en trama de metal ou outro material, por onde pasa a fariña moída.
Separando as partes máis grosas, como os farelos, das máis finas. Tamén se
utiliza para limpar varios tipos de sementes, separándoas daquelas partículas
máis grosas que interesa apartar.
O liño:
Este cultivo, non sendo
como os anteriores, que de eles se dependía para dar de comer, ben fose os
humanos ou ó gando. Tivo a súa importancia en tempos anteriores ó actual, pois
grazas a el podíanse facer algunha prenda de roupa ou sacar un peso cando era
algo complicado por falta de outros medios para polo menos intentalo. Vendíase
a liñaza até un cobertor ou algunha saba para a cama, quedando o imprescindible
para cubrir as necesidades da casa.
Por estas diferencias
sobre os anteriores (centeo, trigo, millo, patacas, nabos) non o clasificaremos
como estes outros, por apartados segundo a operación, senón que o faremos
simplemente de unha forma cronolóxica. Neste caso non contaremos cas pequenas
aportacións de vivencias propias, senón utilizando esa sabedoría acumulada nos
nosos veciños mais maduros mais a información atopada “aquí e acolá”.
O liño ou liñaceira
(Linum usitatissimum) é unha planta herbácea que chega a atinxir un metro de
altura e pertence á familia das lináceas. Componse basicamente dunha substancia
fibrosa, da cal se extraen as fibras longas para a fabricación de tecidos e
dunha substancia leñosa. Produce sementes oleaxinosas e a súa fariña é
utilizada para cataplasmas, usadas con fins medicinais.
Flor do liño |
Non se coñece a data e o
lugar nos que o home utilizou por primeira vez as fibras flexíbeis do liño para
confeccionar o tecido, nin cando a planta comezou a ser cultivada. Desde 2.500
anos a.C. o liño era cultivado no Exipto, e o Libro de Moisés refírese á perda
dunha colleita de liño como unha “praga” ou desgraza, tal era a súa importancia
na vida das poboacións. As roupas de Aarón como oficiante eran en “liño fino
retorcido” e a túnica de Cristo era de liño sen costuras.
Tipos de liño
-
Liño de
fibras ou liño para debullar, para a obtención de fibras téxtiles;
-
Liño da
semente, para a obtención de aceite de liñaza, base da pintura ao óleo.
-
Liño de
cruzamento, conseguido polo cruzamento do liño de fibras co de aceite; foi
desenvolvido para dar un rendemento suficiente de fibras e aceite.
O liño foi a fibra tradicional cultivada en Galiza e aínda que o seu cultivo case desapareceu, foi recuperado nos anos oitenta por iniciativa dos deseñadores galegos, especialmente por Adolfo Domínguez, pero a súa presenza segue a ser testemuñal.
Proceso de elaboración
do Liño:
A continuación indicaremos
de forma resumida cal era o proceso tradicional da elaboración do fío do liño,
ata o momento de chegar ó tear.
Preparación da liñaza
para sementar: despois de uns
días ó sol, a bagaña ábrese deixando saír a
semente ou liñaza. Logo críbase separando o cascallo da semente,
quedando así limpa para sementala.
Sementado: a finais de abril sementase o liño. A terra
prepárase como para sementar cereais, hai que arala e agradala, sementase a liñaza
á manta ou vóeo, como se fosen os nabos ou o centeo. Despois mentres medra
débese sacar as malas herbas e regalo. As terras onde se sementa o liño,
tradicionalmente chámanse Liñar.
En Ponte Ambía de Abaixo
o liño sementábase na zona sur do pobo, na zona do Liñar, cara a Pumares, no
Carreiro e na Fabariza, así como nos Freixos. Regábase ca auga que baixaba
dende Vilar, ata que se fixo o ferrocarril e perdeuse esa auga de regadío.
Arrincado: por xullo cando o liño está xa de cor amarelo
recóllese arrincando coa man facendo pequenos mañizos tendo coidado de non
estragar a raíz quitándolle a terra batendo as plantas contra as pernas. Logo
transportase en feixes ou no carro para a casa.
Ripo propiedade de Vitorino Guede |
Ripado: ás veces faise na mesma leira e outras na eira. Quítaselle
a semente, degrañando os grans de liñaza batendo as plantas contra os dentes do
ripo ou banco de ripar para que solten os grans que se recollen nunha
tea. Logo amarrase formando feixes. Os grans gárdanse para varios usos, entre
eles, para sementar o ano seguinte.
Empozado: tamén chamado enriado. Os feixes lévanse ó río ou
a unha laga para macerar, fermentar e abrandar o liño, co obxecto de que logo
se poida separar a fibra da casca. Somérxese na auga e póñenselle pedras por
riba para que non o leve a corrente. Deixándose desta maneira entre oito e
corenta días dependendo da clase de liño ou das zonas onde se cultive.
Secado: pasado o tempo de empozado o liño sácase da auga
e ponse a secar estendéndoo nun campo ou eira durante varios días, dándolle
voltas de vez en cando para que seque ben. Unha vez seco recóllese facendo
feixes.
Mazando o liño. Beating the flax, ca. 1932 |
Mazado ou trillado: hai varias formas de facelo. Normalmente mázase á
man golpeando cun mazo de madeira sobre a pedra de mazar ou mazadoiro.
Ás veces mazábase na aira co mallo de mallar o centeo. Pódese trillar pasando
por enriba as vacas. Despois deluvase e dicir refrégase coas mans para separar
a palla ou parte leñosa da fibra. Co liño mazado fanse as estrigas ou madeixas.
Espadela propiedade de Vitorino Guede |
Espadelado ou tascado: realízase nos últimos meses do ano, consiste en separar ben a casca da febra. O liño táscase no espadeleiro ou tascón, banco que ten no medio unha táboa vertical afiada no remate, sobre el póñense as estrigas e golpéanse coa espadela ata que se separa a casca deixando o liño limpo, o resto máis basto é a estopa que aínda pode sufrir varias limpezas para usala na fabricación de teas máis bastas.
Restrelo propiedade de Vitorino Guede |
Restrelado ou asedado: polo inverno restrelase co restrelo que ten a forma de cepillo con puntas
finas de ferro. Pásanse as estrigas polo restrelo para separar totalmente as
partes grosas das finas, o cerro da estopa, e deixar o liño listo para fiar.
Hai que darlle despois un asedado (alisado). Con esta tarefa sacábanse
tres tipos de febras, unha grosa (cabezos), outra mediana (estopa) e finalmente
o liño fino. Con cada presa asedada facían unha estriga, manela, cerro
ou rocada, porción lista para suxeitar na roca e ser fiada. As
estrigas gardábanse en atados chamados afusais.
Fusos propiedade de Vitorino Guede |
Fiado: o liño hai que fialo e dicir facer o fío. Esta é
tarefa das mulleres que fían o liño coa roca e o fuso. Coller un
mañuzo de fibra de liño e polo na cabeza da roca amarrándoa para que non se
desfaga e ponse o pé da roca no lado esquerdo da cintura prendéndoa cunha cinta
que pode ser a do mandil. Logo vaise collendo a febra coa man esquerda e coa
dereita vaise retorcendo facendo o fío e envolvéndoo no fuso. Cando o fuso está
cheo o fío sácase pola parte estreita do fuso e así queda feita una mazaroca.
Sarillo propiedade de Vitorino Guede |
Ensarillar: despois de fiado, con varias mazarocas
ensarilladas faise unha madeixa (mea, meada, maraña). Vaise unindo o fío de
varias mazarocas poñéndoo no sarillo; útil
formado por catro aspas xiratorias sobre as que se van enredando o fío ata
rematar formando a madeixa.
Branqueado: o liño sae escuro e xeralmente branquease cá
operación que se chama encolada. Para branquear o liño hai que cocelo no
pote. Prepárase unha tina con auga e cinza de toxo ou pino ben cribada e xabón,
logo remóllanse ben as madeixas na tina e métense a cocer con auga ea cinza no
pote. Despois de cocidas lávanse quitándolle a cinza que poida quedar e ponse a
secar a clareo. Esta operación pódese facer varias veces ata acadar a brancura
desexada.
Debandado: antes de levar o fío ó tear fanse os nobelos.
Coa maraña ou madeixa o fío pásase pola debadoira ou debandoira que vai facendo os nobelos.
A última fase é o tecido no tear que
xa corresponde a outro proceso.
Sen dúbida a etapa máis
florecente do liño en Galicia deuse entre finais do século XVIII e principios
do XIX.
Vemos un vídeo dos
traballos de recuperación das tarefas do liño en Parada
de Outeiro en Vilar de Santos.
O liño en Parada de Outeiro (Vilar de Santos)
Como xa dixemos hai varias especies de liño, a variedade máis cultivada en Galicia é o liño manso (linun usitatissimum). Os froitos (liñaza) son as sementes, grans elipsoides de cor agrisada que teñen varios usos, entre eles, son utilizados para producir por presión aceite de liñaza de moito uso para a elaboración de pinturas, vernices, linóleo, etc. Botadas as sementes en auga, forman unha disolución de moita aplicación na industria. En medicina popular utilízanse as sementes e a fariña en cataplasmas emolientes e como remedio para diversos males. Para uns investigadores o liño é orixinario do Cáucaso europeo e para outros de Oriente Medio (Mesopotamia), créese que despois da cestería é a máis antiga febra téxtil. Foi empregado polos caldeos pero sobre todo polos exipcios que hai 3.000 anos montaron unha importante industria económica e cultural. Aparece varias veces citado na Biblia. Gregos, romanos, celtas e árabes traballaron o liño e Roma expandiu o cultivo por todo o imperio, no que o liño peninsular acadou moito renome.
Na Galicia castrexa de hai 2.000 anos quedaron testemuñas documentais de Estrabón e Plinio falando da boa sona e refinada calidade liñeira do NO, en concreto citase “Zoela que é unha cidade da Gallaecia que se atopa xunto ó Océano” e detallan ademais o proceso de elaboración da planta, a maceración, e mazado no mazadoiro de pedra onde é golpeado con martelos grosos e pesados.
Na Idade Media toda
Europa cultivaba o liño en maior ou menor proporción, pero é a finais do século
XVIII durante a Revolución Industrial (1760 - 1830) cando o liño acada un maior
desenrolo e relevancia económica mellorando as técnicas da súa elaboración. Coa
chegada do algodón, planta barata que ten moita febra e que require escasa man
de obra e cultivo moi simple; o cultivo do liño comeza a desaparecer pouco a
pouco case na súa totalidade. Na primeira metade do século XX o principal
cultivador en Europa era a antiga URSS, seguido de Holanda, Bélxica Francia,
Italia e Alemania e fora: Exipto, Canada e Arxentina. Houbo pequenos
rexurdimentos en situacións económicas precarias ou debido á escaseza de
materias primas sobre todo na I Guerra Mundial (1914), e durante a guerra civil
algunhas familias retomaron temporalmente o cultivo, pero o retroceso e
continuo ata os anos 60 (1960) no que se pode dar por rematada a cultura do
liño en Galicia.
Existen museos en moitos
países dedicados ó liño, dada a gran importancia que acadou no pasado. Hoxe en
día os veciños de algúns concellos rememoran e recuperan a tradición liñeira e
fan celebracións cultivando leiras de liño e revívense vellos tempos,
realizando todo o proceso da súa elaboración, sobre todo coa participación da
xente maior que aínda acorda outros tempos pasados. Houbo proxectos en Galicia
de cultivo para tecidos comerciais como é o caso de deseñadores de roupa
galegos de primeira liña.
No período invernal,
cando non era posible traballar os campos, era frecuente que a veciñanza das
aldeas se congregase para realizar traballos colectivos. Un de eses traballos
era o fiado do liño ou a la. Nas xuntanzas, que eran tamén un xeito de
socialización, xogábase, contábanse contos, cantábase e bailábase, o que
permitía á mocidade da contorna o cortexo e a busca de parella. Todo isto
amenizado pola escasa iluminación do candil. Así naceron os chamados fiadeiros
que se facían con regularidade. Era a denominación común das festas
populares na zona de Ourense.
A comezos do século XX as
foliadas comezaron a facerse simplemente por diversión, adoitábanse a facer nas
cortes primeiramente e logo en lugares axeitados para tal fin. Finalizada a
Guerra Civil española estas festas populares foron prohibidas polo franquismo. Este
feito, unido á migración masiva da mocidade cara as cidades, provocou o seu esmorecemento e a práctica desaparición na
década de 1960.
Relativas ó liño
temos:
Asedado: acción de pasar varias veces o liño polo restrelo,
co que se consegue asedar a madeixa ou estriga.
Sarillo: peza do para facer madeixas ou meadas de liño, formada por varias aspas de madeira que viran con rapidez accionadas por un eixe.
Liñar: terreo sementado de liño.
Liñaza: semente do liño.
Bagaña: cápsula que envolve a liñaza ou semente do liño.
Estriga: madeixa de liño que se pasa varias veces polo restrelo
para limpala da estopa. Despois ponse na roca para fiar. Tamén chamada rocada.
Fuso: instrumento, xeralmente de madeira, de forma arredondada e alongada, que estreita nas puntas e que serve para fiar facéndoo virar por un dos extremos de maneira que retorce a febra.
Espadela: utensilio de madeira con forma de coitelo, empregado para espadelar o liño separando a fibra da casca.
Estopa: parte máis grosa que queda do liño despois de limpalo co restrelo.
Restrelo: instrumento de madeira de forma máis ou menos rectangular, con dentes de ferro nun dos seus extremos ou no medio, sobre os que se pasa o liño para separarlle a estopa.
Ripo: útil como un peite, cos dentes de ferro ou de madeira, que se chanta na terra ou se encaixa nunha mesa ou banco, sobre o que se pasa o liño para quitarlle a bagaña.
Roca: Pau delgado cun extremo convexo onde se enrola a la, o liño etc., co que se vai fiar.
Mazaroca: porción de fío enrolado no fuso. Rolo de fiado que
sae do fuso para formar a meada no sarillo.
Encolada: operación de branquear a fibra do liño.
Nobelo: Bola de fío enrolado sobre si mesmo. O fío da madeixa
pásase pola debandoira que vai facendo os nobelos.
Debandoira: aparello xiratorio en que se coloca a madeixa ou meada para debandala e facer novelos. Unha armazón de aspas horizontais con listóns verticais que xirando arredor, segundo tiraban do fío, ían desembeleñando este, mentres coas mans envolvíano facendo un novelo. A miúdo, suplíase este polos brazos dos homes.
Mazadoiro ó pé da porta da casa (Pardeconde) |
Mazadoiro: pedra sobre a que se maza o liño. Tamén polo común serve de asento. Adoita estar preto da porta da casa.
Mazo ou maza: ferramenta de madeira ou doutro material, que consta dunha peza maciza de formas e tamaños diferentes, que se suxeita por un lateral cun mango, utilizada para pisar, machucar, golpear ou mazar en especial o liño.
Fiadeiro: reunión con certa frecuencia que se facía para
fiar e que remataba con cantos e bailes. Xeralmente os fiadeiros facíanse de
noite á luz dos candís.
Espadeleiro ou tascón: instrumento constituído por unha táboa cravada
perpendicularmente noutra, co bordo superior algo afiado e sobre o que se
colocan as estrigas de liño para bater nelas coa espadela.
Estriga ou rocada: madeixa de liño que se pasa por dous ou tres restrelos
para limpala da estopa. Que despois se pon na roca para fiar.
Tecer: enlazar unha serie de fíos paralelos de unha
fibra téxtil, con outra serie colocada perpendicularmente, formando un tecido
ou unha tea. Facer unha tela no tear.
Tear: aparello ou máquina para facer tecidos, tapetes,
panos, etc. Fábrica de tecidos.
Tecido: Acción de tecer. Material consistente nun
conxunto de fíos de fibra téxtil tecidos regularmente. Tela ou material
resultante da tecedura de fíos, que se emprega para a confección de roupa.
O liño no refraneiro:
- Liño bo e
liño malo florecen en maio
- O xullo e
agosto troupelear que este é o tempo do liño mazar.
- Liño de
Holanda pesa e non anda.
- Auga en
san Xoán quita liño e non dá pan.
- Liño
floreado, medio medrado.
- O liño de
san Xoán, nin é liño nin é la
- Sementa no
crecente, arranca no minguante e terás un liño como un bermante.
- Si queres
ter bo liño, bótalle a rega ó pé.
- Si se
colle o liño a carros, o pan a brazados.
- Para o
liño, sete voltas de rella e a cagalla da ovella.
Limpando o gran ca peneira ou cribo (Virxilio Vieitez) |
Isto foi o que
conseguimos “ilustrar” sobre os principais cultivos na nosa zona, sen esquecer
que outros mais minoritarios tamén tiveron a súa importancia noutrora, como
foron as fabas os garavanzos ou a remolacha. Estes cultivos foron moi
relevantes ata a chegada sobre todo da pataca, a partir de ese momento foron
reconvertidos en secundarios. Antano sementábanse leiras enteiras de estes
produtos, pasando despois a cultivarse pequenos anacos ou incluso a facerse
mesturados entre o millo e patacas.
Teríamos que ter falado
tamén de outros produtos da nosa terra, como poden ser os típicos da horta, ou
mesmo a castaña. Iso tocará noutro caixón.
Mesmo tivemos un pequeno
recordo de varios loitadores da nosa parroquia.
Todo esforzo será pouco,
para intentar preservar estas herdanzas case esquecidas, que durante séculos
foron pasando de pais a fillos, logrando así que non fosen parte do
esquecemento que agora si está a piques de chegar, se non pomos remedio para iso.
Sempre haberá quen diga “Non
entendo para que fas isto, perder tanto tempo, se non che aporta nada” será
referido a cartos, que iso xa o sabemos. Faise difícil poder explicar o motivo
que te levou a facer algo así, é como un deber cumprido, sen pedircho ninguén,
do que te sentes orgulloso. Polo menos intentarémolo, a ser posible “Que non se esquezan”.
Agradecementos:
Como non pode ser menos, teño que agradecer a axuda recibida de moitos de vos. Xa fose compartindo información para poder realizar esta achega, que fixemos con moito agarimo, cedendo fotos ou recordando aquelas cousas xa case esquecidas. En especial debo agradecer neste caso o ter topado con Juan Fernandez (Fillo do inesquecible Domicilio) que ten no seu poder autenticas xoias da memoria de Ponte Ambía en tempos pasados. Captadas ca súa cámara nos seus anos mozos.
Algunha das labores que vimos de relatar, aínda andaban pola nosa maltreita memoria, pero tivemos que botar a man da vosa inestimable axuda, para que esas cousas case esquecidas puideran tomar forma de este xeito. Tentando de esa maneira que non cheguen a esquecerse da memoria colectiva, como o está facendo na miña.
A idea orixinal de todo isto foi d eBenxamín Blanco Simón, veciño de Guamíl, que tirou a pedra e caeu no meu tellado. Como cada vez, espero os vosos comentarios, correccións e sobre todo compartir, repartir, partillar..... “Que non se esquezan”
Referencias bibliográficas:
https://omnivoraz.com/gl/artigos/curiosidades-historicas-o-solsticio-de-veran/
https://www.rios-galegos.com/venasglua.htm
https://omnivoraz.com/gl/artigos/curiosidades-historia-orixe-do-nadal/
https://www.youtube.com/watch?v=EFpCNJmUX5w Fuxan Os
Ventos - Sementeira
http://ostrebellos.blogspot.com/2012/12/para-trabajar-la-tierra.html
https://gl.wikipedia.org/wiki/Solsticio
https://gl.wikipedia.org/wiki/Barbeito_(terra)
https://www.campogalego.gal/consellos-para-o-cultivo-da-pataca/
https://gl.wikipedia.org/wiki/Solsticio_de_ver%C3%A1n
https://gl.wikipedia.org/wiki/Solsticio_de_inverno
https://gl.wikipedia.org/wiki/Noite_de_san_Xo%C3%A1n
https://gl.wikipedia.org/wiki/Semente
https://gl.wikipedia.org/wiki/Sementeira
https://galicia.swred.com/cultura_percepcion_tempo.htm
http://cronicasdearteixo.blogspot.com/2015/10/etnografia.html millo
https://www.youtube.com/watch?v=rkAydYMgR9k&ab_channel=GalefasNlcampolongo Traballo
sobre o millo
http://osdesempresalceda.blogspot.com/2009/05/sementeira.html
https://gl.wikipedia.org/wiki/Rotaci%C3%B3n_de_cultivos
http://www.fao.org/3/x3996p/x3996p14.htm
http://hortagalega.eu/lua-na-horta/
https://www.jardineriaon.com/gl/calendario-siembra-lunar.html
https://www.youtube.com/watch?v=Au1DOGg1TW0&ab_channel=Sebasti%C3%A1nArmesto
https://gl.wikipedia.org/wiki/Refraneiro_galego_sobre_o_pan
http://puxedo.gal/assets/files/img/sementeira-gal.pdf
http://museodopobo.gal/sites/default/files/2021-03/O%20pan.pdf
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipsofiacasanova/?q=system/files/MILLO.pdf
https://gl.wikipedia.org/wiki/O_millo_na_cultura_popular_galega
https://gl.wikipedia.org/wiki/Centeo
https://gl.wikipedia.org/wiki/Pataca
https://gl.wikipedia.org/wiki/Nabo
https://www.campogalego.gal/a-pataca-galega-e-excelente-para-coccion-o-que-a-diferencia-da-do-resto-de-espana/ Pataca
https://www.youtube.com/watch?v=1DpDdwQHuJk&ab_channel=AlenP%C3%A9rez
https://www.youtube.com/watch?v=w7w5fxvnVWc&ab_channel=TelevinteChantada
https://www.slowfoodcompostela.es/2020/01/o-millo-na-cultura-galega.html
https://www.wikiwand.com/gl/Malla
https://gl.wikipedia.org/wiki/Corniz%C3%B3
https://www.diariodotamega.es/articulo/a-mezquita/proximo-domingo-mezquita-realizarase-malla-maquina-do-ano-65/20200731151159009924.html
https://www.sociedadecolumba.com/articulo/o-lino-en-covas
https://www.youtube.com/watch?v=AcuxK45_IKc&ab_channel=TsompiBDN Rexosende I
https://www.youtube.com/watch?v=_M3XTvSKa30&ab_channel=TsompiBDN Rexosende II
https://www.youtube.com/watch?v=lmYjH3Nf8Qg&ab_channel=TsompiBDN Rexosende III
https://www.youtube.com/watch?v=SqxZMK5DoeA&ab_channel=AinetConsulting Queiroás
https://arumeservicios.com/alma-pan-galego/
https://www.youtube.com/watch?v=1DpDdwQHuJk&ab_channel=AlenP%C3%A9rez malla Boiro
https://www.youtube.com/watch?v=w7w5fxvnVWc&ab_channel=TelevinteChantada O Centeo Manuel María
https://www.youtube.com/watch?v=wpXMIoMNYA4&ab_channel=CasadoPatron malla Lalin
https://www.youtube.com/watch?v=laWbvmgFEJk&ab_channel=VictoriaMontenegro O liño 1
https://www.youtube.com/watch?v=sG3_8XcBpSQ&ab_channel=CasadoPatron O liño 2
https://www.youtube.com/watch?v=DpJZzNX0zqs&ab_channel=FernandoFresco O liño 3
https://gl.wikipedia.org/wiki/Li%C3%B1o Liño
http://www.fecomgalicia.com/ca/empresa/index.php?id=370
Liño
https://www.youtube.com/watch?v=uF3sPFZNFLk Galicia agrícola. 1962
https://www.youtube.com/watch?v=qPyc_I-vW2Y Galicia - Carlos Velo (1936)
https://parderrubias.com/201una/06/e27-la-manufacturacion-del-lino-en-parderrubias-por-avelino-sierra-fernandez/ Liño
http://museoetnografico.net/hilado-del-lino/ Liño
https://gl.wikipedia.org/wiki/Festa_dos_Fach%C3%B3s Os fachós
https://www.youtube.com/watch?v=2dYiQFqd3ak O ciclo do pan
https://www.campogalego.gal/o-ferrado-medida-galega-de-superficie-orixe-e-canto-mide-en-cada-concello/ Ferrado
http://www.rubillon.es/articulos/articulo/agricultura/centeno_maja_o_malla.html
https://www.youtube.com/watch?v=G4oP2juO_4s A sementeira e a lúa
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2022/10/17/mulleres/0003_202210C17C8994.htm?utm_source=facebook.com&utm_medium=referral&utm_campaign=share&utm_content=0003_202210C17C8994 Foto desgrañando millo
https://fundacionmatrix.es/cultivo-de-millo-en-galicia-importancia-estratexica-e-caracterizacion-pioneira-de-variedades-tradicionais/ Millo
https://www.lahuertinadetoni.es/lunas-para-sembrar/
https://gl.wikipedia.org/wiki/Foliada
https://gl.wikipedia.org/wiki/Lac%C3%B3n_con_grelos
https://gl.wikipedia.org/wiki/Caldo_galego
Dialnet-OCanastro-5960726.pdf
http://www.fillos.org/biblioteca/2004/05/24/especial-xocas-estrume-e-esterco/
http://www.fillos.org/biblioteca/2004/05/24/especial-xocas-castes-de-fincas/http://soteloblanco.com/index.php?option=com_content&view=article&id=271:os-traballos-agricolas-2&catid=56:entra-no-museo&Itemid=164
https://www.youtube.com/watch?v=p2B8tW6KQWQ&t=11s Muiño do Marcial
https://www.youtube.com/watch?v=SWnu1XCbZe8&t=216s Malla en Cachagonza
https://www.youtube.com/watch?v=7SuLMGLjc48&t=65s Sega en Cachagonza
Gavilanes67 _________ Setembro 2023