mércores, 13 de xaneiro de 2016

O Muiño do "Piepito"


Tanto Pepe como Pepita, non se imaxinaban que o seu alcume “Piepitos” chegara tan lonxe no tempo.

O muiño do Piepito, antes de deixar de ser tal.



A invención das maquinarias para a moenda de cereais foi unha das conquistas tecnolóxicas máis significativas na historia do ser humano. Inicialmente comezouse con máquinas movidas a man, logo aproveitouse o traballo físico dos animais, e posteriormente foi substituído pola enerxía da auga ou do vento. 

A nosa zona xeográfica, aproveitando o paso do Arnoia e os diversos regueiros que a el van a dar, era bastante rica neste tipo de industria transformadora, e practicamente un dos únicos negocios existentes, aparte dos arrieiros, carreteiros e pouco mais.


Presa chea



Os descendentes dos “Piepitos”, que xa tiñan algún negocio, ávidos de amplialos, fixáronse neste muíño, que estaba medio en ruinas. Finalmente mércano, en Abril de 1939 entréganlles as chaves, comezando un arduo traballo de restauración, póndolle trabes novas e tendo que facer as rodas pois as anteriores estragáranse. As pedras do pé do millo trouxéronas do monte Cubreiro. As do pan ou centeo, mais finas, viñeron da zona de Vilar de Barrio, en carros de bois. As moas superiores de pedra branca foron mercadas en Francia. Como na familia non se tiña a experiencia necesaria, botouse mao de algún profesional da época, como o señor Domingos do Pazo e o señor Matulete da Esperela. 



A comporta para desviar a auga cara o rodicio.


O bisavó Antonio foi deixando as cousas en maos dos seus fillos, sendo Xosé o novo “Piepito”, o que se foi quedando con el comprando a parte dos irmaos. Pero a seguinte xeración viña puxando con forza e Manolo, que era moi emprendedor e decidido, dedicouse de pleno a este cometido, e aínda sendo moi novo, conseguiu afianzarse a fronte do muíño, logrando unha gran clientela e chegando a moer de noite.



A vaira, véndose o muiño e presa no fondo.

O muíño por herdanza, pasaría a maos de Benita á quen mais tarde llo compraría Manolo, que xa andaba polo Brasil, sendo Gerardo quen o atendería finalmente ata o peche definitivo cando deixou de ser xa un negocio rendible, pondo sempre en practica a súa habilidade para mellorar os diversos mecanismos.






Manolo e Gerardo saíndo do muiño.



Despois da mili, tiña xa novos horizontes, polo que foi pondo ao tanto a súa irmá Benita e a o seu irmao Gerardo, sendo este quen, pola marcha dos seus irmaos Manolo e Arturo, pasaría a herdar o sobrenome da familia. 


Manolo con Rosa Elena e "Venus" no camiño do
muiño, na súa ultima visita o muiño dos seus amores.


Tralo paso inicial de Benita, Gerardo tomou o coidado da herdanza do seu irmán, como se fose a propia, conseguindo mellorar aínda mais algunha das usuais tarefas do muiñeiro, facéndoa mais doada.






Manolo con un saúdo que parece premonitorio.


No ano 1984, Manolo fixo a última parada no seu muiño, pouco antes de deixarnos pola súa inesperada e prematura marcha cara o mais alá.  






Gerardo axudando a recoller a fariña

Aínda recordo cando de neno me mandaba a nai co xantar na tarteira para que o pai puidera aproveitar a escasa auga que xuntaba a presa neses meses en que era escasa.

A auga que soltaba o rodicio do Marcial, tiña que ser empregada xusto despois, non deixando que marchara en balde e poder moer unha saqueta mais para algún cliente da Esperela, quizais de Pumares ou da Pousa.


Gerardo durante a entrevista do xornal



Ou aquelas noitiñas que aproveitaba para picar a roda a luz do candil de carburo, xa que comezaba a tempada do millo verde e tiña que estar a punto.
E cando me mandaba baixar a xirar o rodicio lentiño para poder aliñar ben o eixo ca pedra.


Aquelas épocas que queríamos ser “grandes” demostrando que podíamos xuntar a fariña de todas as artesas e cargar algún burro con un saco que nos costaba levantar do chan. 




Foto no xornal "La Voz de Galicia" 2 de maio de 1993
No ano 1993 a Gerardo como coñecedor do que era un muiño, ofreceuselle facer de guía no restaurado muiño alaricano do Burato. Mostrando a súa maquinaria aos visitantes e pondo a moer de vez en cando.






Cando a rendibilidade do muiño caeu en picado e a Gerardo as forzas non lle permitiron continuar co seo labor, comezou o declive de este muiño. 


Unha vez que quedou pechado, converteuse nunha presa fácil para os amigos do axeno, rompendo portas e ventás, comezando a ser lugar habitual para malas costumes, chegándose a detectar a presenza de xiringas no interior....


Visto que podería ser un problema, buscouse unha solución alternativa para evitar o seu deterioro, xa que cada dia que pasaba mais precisaba un mantemento para que non se caera. 
Nesta época, anos 90, era xa o seu irmao Arturo o que se afanaba en buscar unha saída digna para este muíño, que tanto traballo dera aos seus devanceiros para polo a funcionar.

Interior do muiño antes de estragarse

Despois de petar nas portas de políticos e institucións, incluso coa finalidade de cedelo ao concello para a súa restauración e aproveitamento, e dadas tantas negativas como intentos, para non sufrir mais vendo que se podía vir abaixo, decidiuse a vendelo ou case regalalo, xa que os herdeiros de Manolo non podían facerse cargo.

Chegouse a un acordo de venta para restauración, pero non chegou a bo fin, por problemas familiares dos compradores. Isto fixo que todo se complicara e fose pasando por distintas vicisitudes ata que acabou en outras mans. 

Unha das rodas do "Pan" Centeo


O destino fixo que este pasase as maos de alguén, que ao non ser da familia, non lle ten o cariño necesario nin o respecto polo traballo dos nosos antepasados, destruíndo totalmente a alma de este ben ao que todos debéramos honrar, en lembranza ao traballiño e sufrimento que outros pasaron para mantelo en pé, este símbolo da bisbarra, o chamado Muíño da Ponte da Pedra, o muíño do “Piepito”.









Este muíño tiña 4 rodas para a moenda, 2 para o millo e outras 2 para o “pan” centeo, trigo ou cebada. Ademais tamén dispoñía dunha peneira mecánica para separar a fariña dos farelos que podía ser accionada mecánica ou manualmente.


Rodas ciscadas




Os que aínda sentiamos algo pola "alma" de este ben que se estaba perdendo, sentiamos unha grande dor cada vez que nos pasábamos polo seu arredor. Viamos como se estragaba todo aquelo co que conviviramos poucos anos atras.
Aquelas rodas que vimos picar unha e outra vez, sementadas polo inferno e arredores ou os rodicios dando voltas pola contorna.




As rodas "francesas" enriba do rodicio.






Serva esta pequena mostra para que cousas como estas deixen de ser algo cotiá, e nos concienciemos de coidar aquelo que outros nos deixaron.




Tamén quixera que serva de homenaxe ós meus devanceiros que tanto loitaron para polo en camiño, especialmente ó "PIEPITO" Gerardo que me toca mais preto.



mércores, 9 de setembro de 2015

Presentación da 2ª monografía da SAGA en Ponte Ambía (Baños de Molgas)

Presentación no Local Social "O Cruceiro"  o  29 de agosto 2015


Cartaz da presentación
Desta vez tocounos amosar o noso humilde traballo, diante dos nosos veciños, na parroquia que nos viu nacer, Ponte Ambía.

Animados polo novo goberno municipal, especialmente polo propio alcalde Xaime Iglesias, a quen queremos dar as grazas polo seu interese e facilitarnos as cousas.



Que mellor lugar se puido escoller que a antiga escola do cruceiro, reconvertida en local social.


O Cruceiro

Preparándonos e tendo todo listo


Chegamos ó Cruceiro, unha hora antes, para ter todo listo encanto aparecera a pouca xente ca que contábamos, mentres os aprendices de reporteiros se preparaban.







O técnico de son arranxando os últimos 
atrancos.
A xente comezou a chegar.

Achegábase o comezo, xa estaban as bolboretas 
revolucionadas no estómago.






                                                                                                                                 
O alcalde Xaime Iglesias.
Primeiros momentos.


Abriu a “sesión” Xaime, demostrando a implicación do concello co patrimonio e intentando a concienciación dos veciños na súa conservación.


Así mesmo fíxonos entender o gran potencial turístico que puidera ter Baños de Molgas, dada a súa riqueza, referíndose ó seu patrimonio.



Tomou o relevo Miguel, que tras darnos unhas 
pequenas referencias sobre a SAGA, comezou a
 informarnos do que é un petróglifo.
Miguel sorprendeunos con un petróglifo "portatil"
Coñecidos xa os petróglifos, Comezamos a falar 
dos de Baños de Molgas.
Primeira imaxe do proxector.































A nosa participación.




Fomos vendo as distintas tipoloxías de Petróglifos e comparando cos existentes no concello.









Petróglifos de Baños de Molgas
San Vitoiro



Demos un repaso o San Vitoiro no que se observan coviñas, composicións circulares e cruces. Todo isto na laxe que está debaixo do cruceiro.

Seguidamente pudemos ver un vídeo de esta zona.

Vídeo do petróglifo do San Vitoiro







Fixemos unha comparación dos nosos petróglifos cos de outras zonas afastadas, vendo a gran semellanza entre eles.






Petróglifos modernos



Tivemos a oportunidade de comprobar que aínda se seguen a facer petróglifos na actualidade, aínda que con tipoloxías diferentes.








Momento da exposición


E comezamos a presentación en si da Monografía nº2 da SAGA, “Petróglifos inéditos das comarcas de Ourense e Allariz-Maceda”, guía de petróglifos inéditos atopados polo autor, entre outros no noso concello.

Primeira imaxe da presentación
Expuxemos como chegamos a decidirnos a facelo libro
Como clasificamos os achados, por concellos 
e dentro de estes, por parroquias.
Asistentes concentrados
Miguel Losada en plena participación



















Démoslle un repaso o petróglifo da portada, 
incluido un vídeo
















Petróglifo en San Cibrao das Viñas




Repasamos as distintas gravuras atopadas en varios concellos das comarcas de Ourense e de Allariz-Maceda, ata que chegamos ó concello de Baños de Molgas.








Concello de Baños de Molgas




Falamos da evolución dos petróglifos documentados no concello. Dende que en 2009 solo dispoñiamos de 4, pasando polos 12 atopados por José Paz e chegando a actualidade con case 40.







Alquerque de Ambía




Repasamos algunha anécdota como a do alquerque de Ambía, do que se descoñecía a localización, e que logramos atopar, así como a súa errada definición.








Finalización da presentación.

Pepe Oliva dando o seu parecer



Dende a finalización da presentación, os asistentes demostráronnos o interese que espertou neles o falar de esta nosa riqueza patrimonial.









Vemos o interese dos asistentes nos temas debatidos,
 participando ó remate da presentación.


Deixámosvos un vídeo cun anaco do comezo 
de esta presentación.



Non nos queda mais que agradecer a todos os que vos tomastes a molestia de sacrificar un momento do voso tempo, para interesarvos polo legado que nos deixaron os nosos antepasados, e que nós intentamos amosalo para loitar contra o esquecemento a que temos exposto o noso patrimonio.

Espero fose do voso interese e que vos gustase.

Graciñas a todos.












sábado, 10 de xaneiro de 2015

Outra desfeita impune do noso patrimonio

Con estas liñas quero informar de algo do que prefería non ter feito, o novo achado de unha desfeita do patrimonio, que de seguro quedará impune.
Como case sempre que se realiza una obra como esta do eterno AVE a Galicia, as construtoras deixan as súas pegadas nas malferidas herdanzas dos nosos antergos.
O pasado dia 5 de Decembro achegueime a unha zona afectada polas obras onde, onde miña familia tiña uns cachos de monte, que esta xente destrozou no largo facer desfacer de esta faraónica obra. Afanado en intentar adiviñar o que quedara de estes terreos, chamoume a atención o aparello metálico colocado sobre unha peneda, supostamente para medición na construción da ponte que se construíu para que a alta velocidade no tramo Meamán-Ponte Ambía atravesara o río Arnoia, nesta zona entre as aldeas de Ponte Ambía e Santa Eufemia, no concello de Baños de Molgas.

Ponte xa rematada
Imaxe de goolzoom.com





Peneda ó lonxe

Foto dende a outra beira do Arnoia


















































Como se pode ver parece un soporte para colocar enriba algún aparello para ir medindo a exactitude da construción. Xa está cheo de óxido.
Foron elixir a peneda que mellor se lle axeitaba para a súa necesidade, nesta elección foron dar con esta pedra que estando no límite común das parroquias de Ponte Ambía (Santa María) e San Pedro de Ribeira (San Pedro), tiña as pertinentes cruces de termo cas que na antigüidade marcaban estes “Marcos” divisorios.
Trátanse aparentemente de catro cruces, de distinta factura e polo tanto supostamente distinta data de construción. Digo aparentemente, xa que como se observa nas fotos, a base do aparello tapa parcialmente a case todas as cruces, e puidera que ocultara totalmente a algunha mais.


Soporte amarrado con parafusos na rocha




Esta foi a placa que estragou as gravuras na rocha, como se pode ver ten seis parafusos de diámetro considerable perforados na pedra.
Esperemos que cando se retire, os buratos non afectaran ás cruces en demasía.






Amarre para tirante






Ademais da placa tamén aparece algún parafuso mais pola superficie da rocha.








Cruz nº 1



Cruz número 1 situada polo lado noreste é de tipoloxía cristiá con terminacións en forma de pequena pía nos catro extremos dos dous sucos que a forman. Aparece parcialmente oculta debaixo da chapa.








Cruz nº2



A que supoño é a cruz número 2, solo se aprecia o que semella ser a base de esta. Aparentemente esta é mais moderna que a anterior, o suco non está tan redondeado como na anterior, e está menos erosionada.
Situada polo lado norte da peneda, xa no borde de esta.






Cruz nº3


No lado suroeste atopamos a cruz número 3, semioculta debaixo do metal invasor. Un dos sucos aparece xusto na esquina da devandita chapa, estando a metade do outro suco debaixo, e calculamos que o parafuso próximo puidera estar atuado no seu extremo.
Esta é a típica cruz de termo que atopamos por estas terras, a formada por dous trazos da mesma dimensión cruzados a 90º pola súa zona central.




Cruz nº4




A última das cruces de termo visibles é esta que na foto non se aprecia a penas. Trátase de unha semellante a anterior pero os seus sucos están pouco marcados e moi redondeados, posiblemente pola erosión, xa que se sitúa polo noroeste, e a antigüidade de esta.







Esperemos que amosando as continuas desfeitas que imos vendo, se lle poida por freo a tanto despropósito, e os responsables fagan respectar este noso patrimonio malferido.
Que os responsables de tanta “cafrada”, rectifiquen e que nas vindeiras ocasións tomen medidas para evitar esta cisma por atacar os maltreitos bens patrimoniais, e mais sendo evitables como esta, na que se pudo facer un soporte provisional, durante o tempo que durase a obra e non estragar algo que leva moitos anos alí feito.

Estamos acabando ca herdanza que nos deixaron os nosos antergos, eles encomendáronnos a obriga de mantela e respectala para que vindeiras xeracións poidan gozar de ela.

A localización e coordenadas da peneda é a seguinte: 42.228014, -7.708672 (PREME)

A zona onde se localiza, actualmente coñecese como Presa, no Catastro de Ensenada vendo o marqueo da feligresia de Ponte Ambía, atopamos unha referencia que ben poidera ser este “marco” “....y sigue bajando al que se dice Penas Altas y de este sigue al Rio Arnoya y Presa llamada do Cereiro y por dicho Rio.....”

Conto con que esta pequena queixa chegue a quen teña na súa man poder tomar medidas e concienciar da nosa obriga de dar o testigo de estas "herdanzas do tempo" a aqueles que deberán continuar en tempos vindeiros con esta encomenda.