domingo, 22 de novembro de 2020

(Caixón 2) - A xugada


 

Dise que a xugada é a parella de bois ou de vacas xunguidos baixo o mesmo xugo. Xugada é sinónimo de xunta, Sendo o mesmo significado orixinal có que tivo no seu tempo o étimo latino iugum, de onde procede.

Xugada arando - Gerardo Gavilanes

A imaxe do xugo simboliza a unión das forzas nunha tarefa común. Así, en heráldica, o xugo foi o emblema de Fernando II de Aragón, foi adoptado pola Falange Española. O escudo de España adoptado trala guerra civil, en vigor ata 1981, tamén incluía este símbolo.

www.facebook.com/orgullosergalego/photos

O mesmo concepto de unión, de xunguir dúas entidades nunha soa, aparece tamén noutros contextos. Así, en diversas rexións, incluída Galicia, existiu o ritual matrimonial de unir á parella de noivos cun pano ou estola sobre os ombreiros. O mesmo acto do casar dúas 
persoas (e unirse dúas familias) denomínase tamén como xunguir.



www.facebook.com/O.Ciclo.do.Pan.
(Dereitos Concello Allariz)




  Pero tamén simboliza a opresión, o sometemento da    vontade dunha persoa ou dun pobo á vontade allea.

  Arredor da xugada, xiraba a maior parte do traballo    do labrego, que a usaba principalmente para tirar do    carro e para labrar a terra. Ben fose arando, con          distintos tipos de arado, ou con cambón agradando      acarrascando ou turrando da corza.







www.facebook.com/O.Ciclo.do.Pan.

(Dereitos Concello Allariz)





Como xa sabemos, para xunguir unha parella 
de bois ou vacas, precisamos dun xugo, que xa vimos nun caixón anterior (O carro), dependendo da zona, a xugada ía xunguida con un xugo que segundo a súa estrutura, podía ser o xugo da canga, o xugo de cancís ou o xugo 
de mulida, que era o mais utilizado na nosa zona e ten unha variante, o xugo da arica. A principal característica que os define e diferencia e que tanto o da canga como o de cancís, xunguen os animais polo pescozo e os de mulida fano polos cornos.

Xugo de mulida

O xugo é un apeiro que posibilita a tracción animal no traballo do campo. Une os bois ou vacas co pinallo do carro, co temón do arado, ou o cambón, turrando de varias maneiras en distintos apeiros.

O xugo está feito xeralmente dunha peza de madeira, xeralmente de bidueiro, freixo, salgueiro  ou oliveira, de sección prismática ou cilíndrica cunha lonxitude que varía entre 100 e 230 cm. A esta peza de madeira fánselle determinadas manipulacións (rebaixes, recortes, furas, etc) que serviran para unir e asegurar o resto dos elementos necesarios.

O xugo foi sempre un apeiro moi coidado polos labregos e os carreteiros. Tratábase moitas veces do meirande expoñente da riqueza dunha casa, xunto ó carro.

Algúns xugos son verdadeiras obras de arte, xa que os seus donos puxeron moito interese en decoralos con diferentes motivos: cruces, grecas, debuxos xeométricos en xeral e normalmente as iniciais do dono, en diferentes caligrafías. Os portugueses foron sempre mestres no arte de ornamentar os xugos.

Na nosa zona o mais común e o xugo mulida, recibe tamén o nome de xugo cornal ou xugo castelán. Atópase na provincia de Ourense, agás no val do Miño, e na parte occidental de Lugo.

A principal característica deste xugo é que se apoia sobre a cabeza do animal e para amarralo úsanse unhas correas de coiro chamadas sogas, duns 6 metros de longo.

O xugo na parte central superior, ten uns rebaixes ou mosas e uns saíntes ou castelos para suxeitar o temoeiro. Na zona inferior ten un rebaixe onde encaixa o pinallo do carro ou o temón do arado, que se suxeita co temoeiro trabando nas chavellas. Na zona que coincide cas cabezas dos animais, ten o asento das mulidas con forma cóncava, na parte superior leva varios rebaixes e castelos para paso das sogas cando se amarra nos cornos.

Mulida con pelico de can



  Entre a cabeza do animal e o xugo colócase a mulida          para que non se manque. As mulidas son de coiro e              poden ir cheas de palla, herba seca, etc. algunhas teñen        unha pel de can, año ou vacún, xa curtida, para cubrir as      sogas e protexelas da intemperie. Esta cuberta de pel          pode levar tamén milfeiras, que serven para espantar as      moscas xa que o animal, ó ter a cabeza amarrada, non          pode facelo. No caso de que a pel sexa de can as    milfeiras son acompañadas das propias patas e rabo do      animal.




O temoeiro é unha correa de coiro máis forte que a soga e duns 3m de lonxitude. A súa finalidade é amarrar ó xugo o carro, o arado ou o cambón. Unha vez suxeito trábase co caxato, a modo de pasador, para que non se afrouxe.

Existen diferentes variantes do xugo de mulida:

  • Xugo do carro: para o carro, arar, agradar, etc. O mais empregado na nosa zona.

Xugo de mulida (Genaro Cid)

  • Xugo de arica, de corredoira ou xuga: de maior lonxitude, permite que os animais vaian máis separados e poidan camiñar polo fondo da quelle, evitando trepar as plantas. Úsase para arar as patacas ou o millo. Ademais facilita a separación das bestas do xugo sen necesidade de quitarlle as mulidas para que vaian pacer. Algún modelo dobraba nos extremos, para que collese mellor polos estreitos camiños de carro. A parte onde están suxeitos os animais, deslízase ó longo da guía, adaptándose ó ancho do suco dos cultivos.

Logo coñécense outros menos usados na Ponte Ambía, que si se empregaron, pero en menor medida.

  • Xugo de refender: de menor lonxitude. Usado para arar, nas restreves e para rachar o suco das patacas. Facilitaba que o gando fose por regos contiguos, de forma máis cómoda.

  • Xugo trampón: é o xugo que ten unha entalla máis do normal. Usábase cando un animal era máis potente que o outro. Pasábase o temoeiro para o rebaixe do lado do máis forte e así tiña que tirar máis. Deste xeito compensábanse as forzas das dúas vacas ou bois.

  • Dobre trampón: é o xugo que ten dous rebaixes máis do normal. Cumpría as funcións de xugo normal ou xugo trampón segundo a necesidade. E a adaptación mais común do xugo normal.

  • Xugo da feira: xugo moi sinxelo e de escasa consistencia que permitía simplemente levar ós animais xunguidos ás feiras ou mercados.

En referencia ó xugo temos estes termos:

  • Xugo: instrumento consistente nun largueiro de madeira que serve para xunguir as xugadas de bois ou vacas e utilizalas para os traballos de tracción que lle son propios: arar, carretar, agradar ou dar cambón. Temos tres tipos de xugos: dous de pescozo, o xugo da canga, e o xugo de cancís, e outro cornal, chamado de mulida ca súa variante o xugo da arica.

  • Xunguir: suxeitar ó xugo unha parella de animais de tiro, normalmente vacas ou bois, para enganchalos ó carro ó arado ou ó cambón.

Xugo da Canga (https://gl.wikipedia.org/wiki/Xugo)

  • Xugo da canga: O xugo de canga denomínase así polas dúas varas laterais que atravesan o xugo e pasan a cada lado do pescozo do animal. O simple nome canga substitúe, nalgunhas comarcas, á palabra xugo. Neste tipo de xugo, como no seguinte, os animais fan tracción co pescozo e a cruz, de onde lle vén o nome de xugo xugular. As cangas son, normalmente, rectas pero tamén hai modelos que as presentan lixeiramente curvadas para abrazar mellor o pescozo. O extremo inferior presenta uns recortes, nos que se ata unha correa de coiro ou corda coa que se pecha o espazo aberto as piogas ou apeares. Habitualmente, os extremos superiores das cangallas interiores están unidos por unha cadea, arame ou corda, a trenla, ladrizo ou piogón, que axuda a manter vertical o aparello ó engancharse na chavella.



Xugo de Cancís (https://gl.wikipedia.org/wiki/Xugo)



  • Xugo de cancís: Neste tipo, as cangallas son substituídas por cadanseu pau curvado en forma de U, extraíble, e no que se mete o pescozo do animal; hainos tamén de ferro. O cancil suxéitase ó xugo cunha caravilla por riba deste, a espicha ou bio. Como no tipo anterior, a tracción exércese co pescozo.







  •           Xugo de mulida: O xugo de mulida está deseñado para que o animal efectúe a tracción coa testa ou fronte, para o cal posúe uns saíntes nos extremos que se atan ós cornos mediante unha correa de coiro, a soga. De aí a designación alternativa de xugo cornal. Este xugo caracterízase por levar unha especie de almofada entre o xugo e a caluga do animal, chamada mulida, feita de coiro e con la, pelo ou palla no interior. A mulida ten como función evitar o roce do xugo ca pel do animal.

Xugo de mulida (partes) 


     Outras pezas accesorias deste tipo de xugo son as cubertas, feitas de pel e que cobren e protexen as corneiras do sol e da chuvia. Adoitan rematar nuns flocos, as milfeiras, que se moven segundo camiña o animal, e espantan as moscas. O conxunto de estes elementos fan a mulida.

 

  •           Xugo da arica, de corredoira ou xuga: xugo de mulida que permite variar a distancia entre os animais da xugada, adaptándose ó ancho do suco das patacas ou millo sementado, para que non o trepasen.


Xugo da arica de Antonio Cid 




  • Temoeiro: Peza de coiro co que se amarra o cabezallo do carro, o temón do arado ou o cambón ó xugo. Trabábase con unha pequena peza de madeira de uz, o caxato, a modo de pasador.
  • Caxato: pequena peza de madeira de uz, para trabar o temoeiro, a modo de pasador.
  • Chavella: peza de madeira con que se suxeita o cabezallo do carro, o temón do arado ou o cambón ó xugo. Tanto no carro como no cambón adoita ser fixa, sen embargo no arado e móbil e sóese gardar nun lugar adoitado para tal fin na rabela.
  • Mulida: almofada de coiro cheo de palla que se pon entre os cornos da vaca ou boi da xugada, para que non a dane o xugo. Ten a cuberta para protexer do sol e chuvia e as milfeiras para tornar as moscas e ademais como decoración.
  • Cubertas: pelexo de can curtido que serve de protección para a mulida, ante a intemperie. Tamén pode ser de pelexo de año ou de coiro de vacún.
  • Milfeiras: adorno a modo de flocos, compostos de un conxunto de serdas ou fíos de coiro que colgan no frontal da mulida. Ademais son útiles para espantarlle as moscas ós animais.




  • Xuntura: conxunto que forman o xugo, as mulidas, as sogas e o temoeiro.
  • Aguillada: Vara con punta de ferro que se emprega para picar os animais da xugada a fin de dirixilos ou de estimulalos no traballo.

Bozos   -   www.ogalego.eu



  • Bozo: Especie de pequeno cesto de rede de arame ou cestería que se adapta ó fociño dos animais, especialmente para que estes non poidan danar os cultivos. Adoitaba usarse na xugada, cando araba por exemplo no millo, para que non o comeran. Tamén se lle puñan a xugada cando apañaban os nabos ou o millo no carro. 










  • Narigón: Argola de ferro que se pon no nariz de vacas e becerros, uníndose con unha corda coa que se turraba para que o animal manobrara. Púñase a algunha das vacas ou bois da xugada, cando esta non obedecía as ordes do dono.







Colar de esquilas.

      
  • Colar de esquila: os esquilós, chocas e axóuxeres que se penduran dos animais teñen por suposto unha clara finalidade utilitaria: saber onde está o animal. As chocas tamén son consideradas como amuletos que protexen contra os malos espíritos, o mesmo sucede cos axóuxeres e coas campás das igrexas. As campás e chocas pasan dos animais aos homes en tempos de entroido. Asociación que se documenta  por toda Galicia e tamén noutras zonas de Europa, pode que sexa pola protección que o seu son propiciás máscaras contra os espíritos convocados polo entroido.



Ferradura-vaca-asturiasjasp.blogspot.com



    
  • Ferra da vaca: Lámina de ferro, de diferentes formas, que se coloca ós bois ou as vacas nos pezuños para que non se lle desgasten. Podía empregarse nas dúas ou en solo unha das uñas. Púñanselle a aquelas vacas que adoitaban ser “blandas” dos pés.




No refraneiro galego, temos referencias ó xugo:

- Parella vella con xugo novo, tira o rego torto; parella nova con xugo vello, nin torto nin dereito.

- Bois vellos con xugo novo, rego torto.

- Auga entre maio e xuño, vale máis cós bois e o xugo.



Vemos uns vídeos relativos:

Como xunguen as vacas en Requián


Bois de tiro na TVG



Os traballos da xugada con distintos apeiros

No (caixón-1) - O carro, xa vimos as distintas operacións que se facían ca xugada cando se puñan ó carro, agora veremos as que facía esa mesma xugada cando se puñan ós distintos tipos de arado, así como outros apeiros propios da xugada.

Xugada ó carro (www.flickr.comphotos/acasadaeira)


www.facebook.com/O.Ciclo.do.Pan.(Dereitos Concello Allariz)



Arados:

O arado é un apeiro usado en agricultura para preparar a terra para sementar ou plantar. Foi un instrumento básico na historia e representou un dos maiores avances da técnica agrícola. Sobre todo dende que o home decidiu turrar de el con tracción animal. Na nosa zona utilizouse ca xugada, maiormente para traballos mais fortes, usándose unha cabalería para outras tarefas mais sinxelas.

A evolución do arado, no tempo foi moi lenta, sendo moi semellantes os primeiros dos que se teñen referencia, ós que se utilizaron ata non fai moito na nosa comarca.

gl.wikipedia.orgwikiLabrar



Arados simples son coñecidos en Mesopotamia e Exipto a través da documentación artística (pinturas, escultura etc). Tamén para a Idade de Bronce en Escandinavia. Para Mesopotamia descríbese un arado evolucionado con dental de madeira, rabiza dupla e temón



es.wikipedia.org/wiki/Arado



Arado exipcio segundo unha pintura da cámara mortuoria de Sennedyem de ca. 1250 a.C.










O arado exipcio aparece como moi simple: rabela e cano dunha única peza de madeira, o temón fixado á base da rabiza por unha corda; en tres mil anos apenas sofre evolucións.
O arado grego evolucionou máis, pero carecía de abiecas. Era de tipo composto, e estaba formado por rabela, cano e temón, cunha rella de madeira, máis esta a partir do século IV a.C. era xa de ferro.
Tivo que pasar toda a idade media, con pequenos arranxos, como o de engadirlle unha ou varias rodas, ata que xa ben entrada a idade contemporánea, en 1837 o americano John Deere creou o primeiro arado feito enteiramente de aceiro.

Tipos de arados na nosa terra.

Segundo a operación que se desexaba facer, utilizábase un tipo de arado diferente. Despois de recoller unha colleita, xa se tiña que preparar a terra para a seguinte, polo que a primeira operación era romper esa terra. Dependía do produto colleitado e da época do ano, o arado a utilizar para esta tarefa. 



Arado de vertedeira
A vertedeira 



Rematada a tempada de nabos, ferraia ou millo, a terra está en plena agromada e desenrolo de herbas que compre eliminar, a mellor forma e voltear a terra, para esa operación o arado usado era o de vertedeira.



As principais propiedades que teñen este tipo de apeiros é que desmoronan, e mesturan os restos vexetais enterrándoos en profundidade.

O arado de vertedeira, ou arado de ferro, ten unha rella curva de aceiro, é unha chapa ondulada e ovalada, que ó fincarse a reixa no terreo consegue voltear a terra, sacando á superficie o que a profundidade da arada permita e soterrando canto na superficie da terra se atope. Esta rella ten un eixe que nos permite xirala e ir cambiando e alternar para que lado volteamos a terra.

Para que toda a leira quede volteada no mesmo sentido e se aramos en sucos paralelos e continuos, indo en vindo nos dous sentidos, precisamos xirala en cada cambio de sentido. Esta maniobra realízase accionando unha panca que sube dende o eixe ata a rabela, e levantando o arado da superficie do terreo para permitirlle xirar.

Outra das utiliciación da vertedeira, e a de por a horta. Era usada para ir abrindo as gávias para o prantado das coellas, aproveitábase para ir estercando sobre estes sucos, antes de cobrir con un novo paso da vertedeira.

Vertedeira

Partes do arado de vertedeira:

  • Rabela: parte posterior do arado, por onde o arador agarra ca mao, sube dende a zona do eixe da rella, normalmente esta peza e de aceiro, pero por onde se agarra en ocasións está revestida de madeira. Pode ser única ou dobre, neste caso agarraríase cas dúas mans, para suxeitar mellor.

  • Temón: Peza alongada do arado á que se amarra o xugo para que a xugada turre do arado. Soe ser de bidueiro.

  • Panca vertedeira: panca metálica coa que se acciona o xiro da rella, sube dende o eixe ata a rabela.

  • Rella vertedeira: rella curva de aceiro, chapa ondulada e ovalada, que ó fincarse no terreo consegue voltear a terra. Ten un eixe que nos permite xirar para cambiar o lateral polo que volteamos.

  • Temón: Peza alongada do arado á que se amarra o xugo para que a xugada turre do arado. Soe ser de bidueiro.

  • Panca vertedeira: panca metálica coa que se acciona o xiro da rella, sube dende o eixe ata a rabela.

  • Rella vertedeira: rella curva de aceiro, chapa ondulada e ovalada, que ó fincarse no terreo consegue voltear a terra. Ten un eixe que nos permite xirar para cambiar o lateral polo que volteamos.

  • Temón: Peza alongada do arado á que se amarra o xugo para que a xugada turre do arado. Soe ser de bidueiro.

  • Panca vertedeira: panca metálica coa que se acciona o xiro da rella, sube dende o eixe ata a rabela.

  • Rella vertedeira: rella curva de aceiro, chapa ondulada e ovalada, que ó fincarse no terreo consegue voltear a terra. Ten un eixe que nos permite xirar para cambiar o lateral polo que volteamos. 




O arado de madeira ou arado romano:

Meu pai Gerardo na sementeira da pataca 


E o máis antigo dos arados que se empregaron ata fai relativamente pouco tempo.
Marcou  un antes e un despois na historia da agricultura por dúas razóns importantes: facilitou o duro traballo de romper a terra seca e xeada e mellorou a cantidade e a calidade dos cultivos ao penetrar máis profundamente no chan e poder sementar a maior profundidade e fóra do alcance dos roedores, os paxaros, etc.

O arado é un apeiro usado en agricultura para preparar a terra para sementar ou plantar. Foi un instrumento básico na historia e representou un dos maiores avances da técnica agrícola. O uso primordial do arado é remover as capas superficiais da terra, permitindo a entrada dos nutrientes e que se meteorice.

Inicialmente o arado era un simple madeiro, máis ou menos groso, curvo, cunha punta endurecida ó lume nun dos lados, que arrastrado por unha persoa ou un animal, mentres outra o sostén e empurra, serve para fender a terra. Este tipo simple é denominado en galego cambela, nome que deriva da raíz céltica camb- "curvo".

A evolución deste primitivo arado, conduciu para outro máis complexo, denominado como arado romano. En esencia, consta dun madeiro con punta, o cano, outro curvado para atrás, por onde se agarra, a rabela. Ambas partes poden construírse dunha peza única. No extremo do cano sitúase unha punta de ferro, denominada rella. Outra peza, o temón, alongada, une a rabela co xugo. Na parte onde xungue, o temón ten unha serie de furados, que permiten graduar a súa lonxitude con a introdución dunha chavella. O temón e o cano están unidos aínda por outra peza, vertical, denominada a teiroá, que está fixa na parte inferior ó cano, na superior por medio de cuñas permite graduar o ángulo que forman o temón e a horizontal. Desta forma gradúase a incidencia da rella no terreo. A teiroá ten outra función que e ir cortando a maleza que se acumula por adiante de ela.



Arado de madeira
 A maior innovación do arado   romano   foi a introdución de dúas   táboas que   facilitaban apartar a   terra segundo se   araba, aínda que   os primitivos arados   romanos     carecían delas. O seu nome,   abiecas e tiñan un pequeno ángulo.   Estaban suxeitas polo ameixelo.

 Cando se desexaba que o suco fose   mais ancho que o que permitían as   abiecas, amarrábaselle un fachón   de   palla ou xestas, cruzado por   enriba de elas, sobresaíndo   lateralmente á medida desexada.   Usábase normalmente cando se facía a angueira final da sementeira do centeo, para anchear o suco e que a terra cubrira o cereal sementado.

A rella precisaba de mantemento, cada certo tempo tiña que levarse ó ferreiro para apuntar, que non era outra cousa que volver a aguzar e dar punta, dado que se gastaba por mor do roce con pedras e a terra ó ir arando. Cando o desgaste xa era moito, cumpría calzala, engadirlle un anaco de ferro para reforzar e recuperar o material perdido en sucesivas operacións de apuntado.

Aínda que estas operacións verémolas con mais profundidade noutro Caixón, podemos dicir que o arado romano, utilizase durante todo o ano, nas faenas da preparación da terra antes da sementeira, para facer a sementeira e para outras funcións de mantemento das colleitas.

Entre os meses de febreiro e marzo, facíase a refenda, para eliminar as herbas na parte baixa do suco, onde estaba sementado o centeo, trigo ou cebada.

Despois da primeira arada acondicionando a terra para sementar millo e patacas, que soia facerse ca vertedeira, pasábase a realizar a entravesa co arado de madeira. A seguinte operación co arado era asucar e asomar con este mesmo apeiro na sementeira do millo ou patacas. Cando estes comezaban a agromar, facíase a decrúa, rompendo o suco co arado de madeira, eliminando as malas herbas.

Despois da seitura, tiña que romperse as restrebes co arado de madeira, comezando a preparar a terra para sementar os nabos. Xa entrados no outono, tocaba arroiar os nabos co arado romano.

Partes do arado romano


Arado de madeira ou romano.



  • Cano: parte do arado feita de carballo que arrastra polo chan e na que encaixa a rella.

  • Temón: Peza alongada do arado á que se amarra o xugo para que a xugada turre do arado. Soe ser de bidueiro.


  • Chavella do arado: peza solta de carballo ca que se prende o arado ó xugo, trabando no temoeiro. Adoitase gardala en lugar axeitado para tal fin na rabela, feita de chapa metálica.







  • Rella: ferro do arado, largo e de punta afiada, que serve para abrir a terra.

  • Teiroá: peza do arado, de madeira de carballo ou ferro, amarrado en perpendicular ó cano,  por medio de cuñas permite graduar o ángulo que forman o temón e o cano.

  • Abieca: pezas do arado que, colocadas nas beiras a seguir da rella, serven para afastar a terra do rego, alargar o suco e voltear a terra.

  • Ameixelo: traveseiro de carballo que atravesa o cano, suxeita as abiecas do arado nos dous laterais.

  •         Cuñas: pequenas pezas triangulares, utilizadas para regular o ángulo entre o temón e o cano, variando así a profundidade do suco.




Relativas ó arado temos algún termo que non debemos esquecer:

Rella do arado


  • Apuntar: aguzar, dar punta a rella do arado.

  • Calzar: reforzar con aceiro a punta desgastada da rella do arado.

  • Asucar: facer sucos para a sementeira, normalmente das patacas, do millo, centeo, trigo ou cebada.

  • Asomar: forma especial de arar na sementeira do centeo, trigo ou cebada, deixando o suco reforzado. Na sementeira do millo ou patacas era a forma e cubrir as sementes, xa que era unha arada menos profunda, soterrando a semente mais casqueira.

  • Arica, abica ou achega: operación de arar superficialmente o centeo, o millo ou patacas, para arrincar as malas herbas. Acumulando a terra arredor do tronco dos cereais, conseguindo ao mesmo tempo eliminar as herbas perniciosas.

  • Arroiar: facer uns sucos moi espraiados entre os nabos, conseguindo desaugar o exceso de auga de chuvia e que os nabos ó seu arredor fosen de mellor calidade.

  • Quelle: A parte mais fonda do rego.


O arado de mosquito:

O arado de mosquito e unha mellora do arado de madeira, engadíndolle varias das partes en aceiro. As únicas que se mantén de madeira soen ser o temón e non sempre a rabela.



Neste tipo de arado, era mais doado cambiar o ángulo de entrada da rella no terreo, pois normalmente posúe un torno para esta función. Tamén ten mais facilidade para cambiar o ángulo das abiecas, polo que se soe utilizar para aricar o millo e as patacas. Outra das utilidades que ten este arado, e a de ser usado para arrincar as patacas, cambiándolle a rella e póndolle outra con uns engadidos que axudan a que as patacas queden arriba da terra.  



Mosquito sen temón (Genaro Cid) 

 Este tipo de arado integrouse rapidamente a   actividade dos nosos devanceiros, debido a   gran facilidade para adaptalo as necesidades   de cada traballo no que se utilizaba. Era moi   doado modificar o ángulo de entrada da   rella, simplemente xirando unha panca que   movía un parafuso para acomodalo ó terreo.

 As abiecas tamén se podían variar con   facilidade, simplemente afrouxando unha   porca, e adaptándoas ás necesidades. Sendo   de ferro, tiña menos mantemento, todo isto   engadido ó anterior, fixo que cada casa se fixese con el en canto puido.

O temón sempre era de madeira, a rabela unhas veces era madeira e outras de pau. Todo o resto era de ferro, con lixeiras variacións en cada zona.

O refraneiro e o arado:

O arado, rabudo; o labrador, barbudo.
Turra o boi polo arado; mal do seu grado.
O boi vello puxa do arado e o novo deprende ao seu cabo.
Ó boi que ara, por detrás a aguillada.
Aran as vacas e tiran os bois.
Onde non hai vacas aran os bois, e despois, solta-las vacas e xunguir os bois.



Outros apeiros usados pola xugada:



  •     Cambón: aparello co que se unen dúas xugadas de bois ou vacas ó mesmo carro, para axudar a tirar cando a pendente e moi excesiva (Acamboar). Tamén se utiliza para turrar da agrade o carrasco ou a corza.




Cambón (Genareo Cid)


  •       Cadea do cambón: cadea metálica de pequenas dimensións coa que se unía o cambón ó carro, agrade, carrasco ou corza. Nun dos extremos ten unha argola e no outro un gancho, para agarrar na argola.
      
    •        Agrade: é un instrumento agrícola tradicional constituído por unha armazón de trabes de madeira que se entrecruzan en ángulo recto, que está dotado de dentes metálicos, máis ou menos próximos uns ós outros, e situados na súa parte inferior, e que permite traballar a terra superficialmente, achairándoa, rompendo os terróns e recubrindo o solo, de xeito que quede preparada para a sementeira e a xerminación.
      Adoita ser arrastrada pola xugada e cargado con pedras. O enganche efectúase cun pau denominado cambón e a cadea. Soe ser usada inicialmente para desfacer a acumulación de herbas e romper a terra, ou na terra unha vez arada ca vertedeira, para romper os terrons que deixou ese arado de ferro e nivelando o terreo para facilitar as seguintes operacións para unha sementeira. Léxicamente emparentada coa do portugués grade ou mesmo coa do inglés grate, as tres orixinarias do étimo latín cratis que tiña o significado xenérico de ‘enreixado’.

      A agrade semella ser unha evolución do primitivo canizo, un simple entrelazado de canas ou varas, que se empregou en principio, cargado de pedras, coa mesma finalidade, e de feito subsistía, no século XX aínda, no mundo rural galego.

    •      Carrasco ou canizo: trátase do apeiro de agradar mais antigo, feito  con polas trenzadas, en xeral de carballo. Buscábase unha carballeira nova con varas todas do mesmo grosor, para que quedara  toda por igual. Utilizase   para nivelar a terra despois de arada. Usado tamén para baixarlle a terra as patacas  ou ó millo, cando están a punto de brotar, eliminando así as herbas que tamén  están saíndo. Algún era de forma triangular.


    •       Corza: Apeiro en forma de V de grandes dimensións e potente estrutura de madeira, que se utiliza para transportar pesos grandes a pequena distancia. Normalmente para transportar grandes pedras, situábanse enriba da corza e a xugada turraba de esta, arrastrándoa polo chan, prendida do cambón ca cadea.



    Resumo das faenas feitas pola xugada nun ano, no ciclo continuo de sementeira e colleita dos produtos cotiás do noso campo, e o emprego de distintos apeiros:

    Podemos comezar o ciclo, unha vez rematada a colleita dos produtos do outono e inverno, preparando para sementar as patacas e o millo.

    •         Primeira pasada coa agrade, para romper a terra e eliminar herbas como a muruxa.
    •         Romper e voltear a terra coa vertedeira.
    •         Pasar a agrade tirada co cambón para romper os terróns e nivelar a terra.
    •         Apañar o esterco no carro.
    •         Entravesar co arado de madeira.
    •         Asucar e asomar co arado de madeira e sementar millo ou patacas.
    •         Facer a decrúa, romper o suco co arado de madeira, cando está brotando o millo e as patacas, eliminando as malas herbas.
    •         Pasar o carrasco para nivelar e baixarlle a terra cando están brotando tanto ó millo como as patacas.
    •         Aricar co arado de mosquito para eliminar as herbas e arrimar a terra as plantas cando son pequenas.
    •        Volver facer a mesma operación co arado de mosquito, xa con plantas mais grandes.
    •         Levar a herba seca cara a palleira no carro.
    •         Apañar os mollos no carro para levalos á aira para a malla.
    •         Romper as restrebes co arado de madeira, para sementar os nabos.
    •         Arrancar as patacas co arado de mosquito.
    •         Sacar esterco no carro para os nabos.
    •         Apañar cabazos, remolacha etc. no carro para alimentar o gando na casa.
    •         Pasar o carrasco tirado co cambón para nivelar a terra onde sairán os nabos.
    •         Levar as patacas no carro para a casa.
    •         Arroiar os nabos co arado de madeira.
    •         Recoller o millo no carro para esfollalo na casa.
    •         Carretar no carro os nabos de eidos afastados da vivenda, xunto coa ferraia.
    •         Despois da corta da leña, apañala no carro cara o pendello ou a aira.
    •         Apañar no carro as gavelas despois de rozar o estrume. Esta operación realízase periodicamente durante todo o ano, para ter a corte do gando en bo estado e facer o esterco.
    •         Xuntamos a folla que logo levaremos no carro cara a corte.
    •         Cando nun eido temos que usar varios apeiros no mesmo dia, aproveitamos e transportámolos no carro.
    •         Se os veciños deciden reparar un camiño, algún de eles aporta o carro para transportar o material pedras ou sábrego.
    •         Para algunha das labores onde se utiliza o carro, pode ser necesario axudarlle á xugada, dándolle cambón con outra xugada.
    •         Nalgunha obra na que se teñan que mover pedras grandes, emprégase a corza para transportalas.


    Non podía ser de outra forma, que sendo o arado de pau un dos elementos mais característicos da labranza, tiña que estar presente de algunha forma na cultura non material da nosa terra. Así aparecen no cancioneiro tradicional galego.




    Cancioneiro popular de Galicia

    EU BEN VIN ESTA-LO CUCO      






    Eu ben vin esta-lo cuco

    na rabela do arado;

    as mulleres entre os homes

    é gando moi mal gardado.


    Canta, paxariño, canta

    na rabela do arado;

    os mociños que hai agora

    teñen muxicas no rabo.



    RAPAZA, SE VAS ARAR

    Rapaza, se vas arar,

    prestareiche o meu arado;

    tenche gueifas e penedos,

    tache moi aparellado.


    Rapaza se vas arar

    a aquela leira do souto

    prestareiche o meu arado

    e mailos bois por un pouco.




    Sei arar cun bo arado

    poñer dereita a rabela;

    atrás Roxa máis un pouco

    báixate ó rego Marela.



    Fuxan os Ventos tamén lle dedicou un tema:

    Fuxan os Ventos – O aradiño



    Uns vídeos onde vemos varias faenas da xugada:

    A última xugada Lucenza (Cualedro) 



    Luisa Arando 


    Arando con vertedeira





    A xugada foi empregada ademais das súas propias funcións, en outras non tan propias.

    A vaca é un mamífero co corpo de aspecto macizo e pesado cuberto por pelo curto de cor variable segundo a raza. A vaca é un animal ligado á vida e o traballo das persoas desde a antigüidade, especialmente nas comunidades agrícolas. É o mamífero máis abundante no mundo e críase pola súa utilidade. Das vacas obtense a maior parte da carne que se come, o leite e os seus produtos derivados (queixos, iogur, manteiga, ...). A súa pel curtida, o coiro, úsase para facer roupa, calzado e outros obxectos.

    Nas nosas casas todas as vacas tiñan nome , os nomes mais empregados eran Castaña, Ratina, Marela, Viana, Xuvenca, Parda, Rubia, Pinta, Linda, Barrosa, Toura ou Xata. Antano traballábase todo con elas, eran imprescindibles para case todo.

    Eran a calefacción das antigas casas de labranza, quentando as cortes que se situaban por debaixo dos cuartos de durmir, subindo a calor cara estes.

    Cando algunha vaca estaba doente ou recen parida, en época de mal tempo, adoitaba poñérselle a coroza, para protexela sobre todo da auga fría da chuvia.

    Coroza: Protección feita de xuncos ou palla, a modo de tellado para protexer a vaca recen parida, das inclemencias do tempo.

    COROZA-vaca(adelaleiro.com)





    Batalla de flores. 1930. Blog (Ourensenotempo.blogspot.com) 




    En Ourense ata pasados os años 30 do século pasado, as festas da cidade contaban con tradicións que hoxe serían complicadas, podíamos ver na batalla de flores a carrozas que eran turradas por xugadas de vacas ou bois. Na imaxe, de Foto Pacheco, vemos unha carroza á altura da Alameda en 1930.






    Xunto ó carro, a xugada era un dos bens mais apreciados polos nosos devanceiros. Intentaban guiar aquela becerra que lle tiña boa planta dende que nacía para conseguir substituta da vaca que xa entraba en anos, tendo así continuidade nese tesouro que era a boa xugada.

    Así o reflicte o refraneiro.

    - Que non morran as vacas, que os homes hainos a manadas.

    - Amigos, si, pero a vaca polo que vale.

    - O que ten vaca e porco, non cobiza tesouro.

    - Quen non ten vacas nin bois, ou antes ou despois. 

    - Labrego sen gando vive sempre empeñado.

    - Máis val unha vaquiña miña, que tódalas da corte veciña.



    Era importante ensinar a unha becerra a ser xunguida e traballar ás dúas mans, pois eran as mais procuradas. A maioría de elas traballa só a unha man, e se algunha vez era inevitable xunguila cambiada de man, adoitaban ter problemas para ir dereitas, sobre todo na arada.

    - A vaca do pobre ten que andar ás dúas mans.

    - De pequeno verás o boi que terás.

    - De xatiña verás a vaquiña que terás.

    - Touriña de vaca brava sempre turra.

    - Xunto da vaca vella deprende a arar a xovenca


    Intentábase que a parella de vacas ou bois foran o máis parellas posible. Se un dos animais era moito mais potente que o compañeiro, a hora de ter que facer moita forza, debían de “botarlle as tres” a ese para compensar o esforzo. Isto facíase pasando o temoeiro tres veces polo rebaixe para tal fin no xugo, polo lado do mais forte, e unha só polo lado do mais frouxo. Tamén podía utilizarse o xugo trampón, xa construído con unha compensación para tal fin.

    - O boi que alza e o boi que baixa non fan boa xugada.

    - Boi grande, are ou non are.

    - O boi vello puxa do arado e o novo deprende ó seu cabo.

    - Parella vella con xugo novo, tira o rego torto e parella nova con xugo vello, nin torto nin dereito.



    Xugada e aguillada – (pt.wikiloc.com/trilhas-trekking/ruta-ribeira-sacra-nogueira-linares-248048/photo-52483)




    A importancia da xugada nas casas labregas ten unha clara explicación, vendo todo o que axudaban no traballo diario. Eran un apoio completo, facían a sementeira, recollían as colleitas, apañaban todo o necesario (leña, forraxes, estrume) facían o esterco, daban leite e carne, ademais quentaban a casa...

    Moito máis non se lle podía pedir!

    Adoitaba dicirse que a xugada reflexaba o carácter do dono. Se o dono era nervioso e de temperamento, a xugada tamén tería unha personalidade semellante. O mesmo que se o labrego era mais afable e leriante, a súa xugada sería máis tranquila e pausada.


    - Falando ás vacas, sácase avante a xugada.

    - Ó boi que ara, por detrás a aguillada.

    - Con pequena aguillada non se guía ben a xugada.

    - Falando ós bois, ándase camiño.

    - Ó boi de boa andada, máis lle fai falando que coa aguillada.


    Vemos o que nos di o refraneiro sobre a xugada:

    - Ben come a xugada en marzo, pero ha de sualo.

    - Nin vaca de moito ubre nin home de moito fume.

    - Se o arco da vella se pon a poñente, colle os bois e vente; se o arco da vella se pon a raiante, pica os bois para diante.

    - Falando ás vacas, sácase avante a xugada.

    - Con pequena aguillada non se guía ben a xugada.

    - Nubes roxas ó poñente, desapón os bois e vente.

    - Si non é boi é vaca.


    Rematamos con un aplicado ós nosos veciños de Marzás:

    - Os de Marzás venden os bois e aran cos cas.





    Vendo todo o anteriormente exposto, ven podemos recoñecer a grande importancia da xugada na vida labrega, ata tempos relativamente recentes. E imaxinar o que podía ser a vida sen a súa participación.

    A gran dificultade para poder vivir do campo, levou a que a partir dos anos 60 do século XX, os labregos vanse ver obrigados a reorientarse cara a especialización produtiva, migrar na procura dun traballo asalariado non agrario. Isto levou ó abandono paulatino do campo, perdéndose todo aquelo polo que tanto traballaron os nosos antecesores.

    Loitemos nós para non perder todo aquelo polo que eles lidaron, e que os nosos descendentes poidan gozar e desfrutar de esas herdanzas case esquecidas. Entre todos podemos conseguilo.

    Como sempre, espero os vosos comentarios con correccións ou engadidos. Que vos guste!






    Agradementos:

    Como non pode ser menos, teño que agradecer a axuda recibida de moitos de vos. Xa fose compartindo información para poder realizar este traballiño, que fixemos con moito agarimo, cedendo fotos ou recordando aquelas cousas xa case esquecidas.

    O principal causante de todo isto foi Benxamín Blanco Simón, que tirou a pedra e caeu no meu tellado.

    Referencias bibliográficas:

    https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/verbas/xugo.html

    https://www.quepasanacosta.gal/articulo/cee/o-modesto-patrimonio-o-arado-de-madeira-ou-tamen-chamado-romano/20161008062007082140.html 

    https://gl.wikipedia.org/wiki/Xugo 

    https://gl.wikipedia.org/wiki/Arado 

    http://www.edu.xunta.gal/centros/iesmariasarmiento/system/files/OProvisional56.pdf

    http://www.sociedadecolumba.com/articulo/o-arado

    http://www.consellodacultura.gal/asg/instrumentos/os-idiofonos/campas/

    https://www.facebook.com/O.Ciclo.do.Pan.en.Allariz (Dereitos fotos Concello Allariz).

    www.facebook.comorgullosergalegophotos

    http://ovrense.blogspot.com/2020/10/las-cachenas-en-las-fiestas-de-ourense.html

    https://www.facebook.com/Rufriyu/posts/la-siega-de-la-hierba-como-principio-de-las-faenas-del-verano-en-junio-se-presen/3045414128910304/

    https://ourensenotempo.blogspot.com/

    http://xanelas.com/tempos/oxugo/oxugo.html

    https://www.slideshare.net/MonContos/manuel-mara-etnografa

    http://www.adelaleiro.com/index.aspx

    http://www.flickr.comphotos/acasadaeira