Presentación


Desde fai xa un tempo veño recibindo ánimos para compartir nun espazo propio na rede tanto os elementos inéditos como os que non das pedras que dan forma as comarcas polas que me movo, principalmente as comarcas de Ourense e Allariz-Maceda. Territorios da nosa xeografía descoñecidos e esquecidos con relación ás historias agochadas detrás de cada pedra.

Polo tanto, despois de moito pensalo, aqueles que me animaban a emprender este novo e pequeno reto, convencéronme por fin.

Inauguro este medio co que intentarei dar a coñecer e compartir as grandes cousas que temos por estas terras e así evitar o esquecemento da nosa Historia e combater o desleixo das administracións. Faremos incursións no mundo dos petróglifos, polo que sinto unha gran paixón, e igualmente amosaremos outros elementos que nos deixaron os nosos antergos para coidar e protexer, ademais do desfrute deles,  como son as mámoas, pedrafitas, castros, e outros bens da arquitectura de períodos mais modernos, como pode ser a relixiosa. Se o tempo o permite, tamén intentarei achegar algún dos bens inmateriais como poden ser aquelas lendas que están unidas a moitas zonas da nosas bisbarras. 

Quero agradecer as persoas que me animaron a continuar este traballo divulgativo e que coa súa experiencia e sabedoría completaron o meu humilde traballo de campo. Todos aqueles que sempre estivestes dispostos a axudar naquelas dubidas que se foron presentando ao longo do camiño.
Xente coma ......(Mellor non nomearei a ningún, pois seguro me queda algún no tinteiro e non sería lóxico).

Fago coincidir este inicio de actividade ca presentación da “Monografía nº 2 da SAGA” – “Petróglifos inéditos das comarcas de Ourense e Maceda-Allariz”


Graciñas pola colaboración. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario