martes, 7 de febreiro de 2017

Outra desfeita impune do noso patrimonio, 
(Parte II, o desenlace).

Non todo tiñan que ser malas novas, embora iso parecera cando fai aproximadamente dous anos denunciei os efectos das obras do AVE ao seu paso por Ponte Ambía nunha peneda con cruces de termo centenarias. Unha mostra mais da impunidade e falta de respeito cá que neste pais se pode pasar por enriba do patrimonio, da natureza e tradicións.


Vémola nos seguintes links:



Nese caso referíame á nosa obriga de intentar facer o posible por evitar estas desfeitas... 
No seguinte párrafo:

“Esperemos que amosando as continuas desfeitas que imos vendo, se lle poida por freo a tanto despropósito, e os responsables fagan respectar este noso patrimonio malferido.
Que os responsables de tanta “cafrada”, rectifiquen e que nas vindeiras ocasións tomen medidas para evitar esta cisma por atacar os maltreitos bens patrimoniais, e mais sendo evitables como esta, na que se puido facer un soporte provisional, durante o tempo que durase a obra e non estragar algo que leva moitos anos alí feito.

Estamos acabando ca herdanza que nos deixaron os nosos antergos, eles encomendáronnos a obriga de mantela e respectala para que vindeiras xeracións poidan gozar de ela”

Así deixabamos a peneda na visita anterior.
Chapa metálica con parafusos

Pois ben, nunha visita que fixen recentemente, levei unha grata sorpresa, fíxose algo para mitigar o impacto da tropelía sobre a peneda.

Pedra sen o aparello metálico



Retiraron o aparello metálico e taponaron os buratos dos parafusos con un cemento de cor semellante á pedra.


Apreciamos a marca da chapa






Na pedra apreciase a pegada que deixou a chapa, xa que esta zona está limpa de musgo e liques. 
Sobre ela distinguimos claramente a cruz de termo mais afectada, que anteriormente intuíamos por estar practicamente oculta polo armatoste metálico.


A cruz de termo máis afectada
A escasos centímetros de coincidir nos sucos que debuxan a cruz, aparecen os restos da reparación dos buratos feitos para a suxeición da devandita chapa.


Cemento taponando o burato preto da cruz.















Outra das reparacións



Vemos o resto dos ocos taponados, ata un total de seis, espallados pola superficie da rocha.







                                                                                                                                                                  
Tamén vemos outra das cruces de termo sitas na pedra















Descoñezo quen fixo o arranxo, se a empresa concesionaria da obra ou algún organismo público como patrimonio. O que si sabemos e que o motivo da denuncia, que non era outro que chamar a atención sobre os culpables desta falcatruada e obrigalos a rectificar a súa mala praxe, cumpriuse.

Por todo isto, quero celebrar con esta breve nota unha pequena vitoria que de ánimo a persoas e colectivos a seguir perseguindo e denunciando este tipo agresións ao noso malferido patrimonio e facelas públicas para protexer as herdanzas do tempo.

Tendo tamén en conta que vencer nesta loita non quere dicir que estea gañado o combate.

Ningún comentario:

Publicar un comentario