xoves, 16 de abril de 2020

Patrimonio esquecido en Ponte Ambía de Abaixo



En Ponte AmbÍa de Abaixo, xa son poucos os veciños que recordan a existencia dun Peto de Ánimas e unha Capela, entre as súas escasas vivendas. O primeiro situábase na pequena praza que se forma na encrucillada do camiño principal que cruzaba o pobo de norte a sor có camiño que sae cara o Penedo, hoxe convertida na entrada principal.
O Peto perdurou un pouco mais no tempo. Pero pasada a metade da década dos 60 do século XX, xa comezaban a circular algún que outro pequeno camión, e chegou un momento no que non podían coexistir patrimonio e modernidade, pois os vehículos non podían rousar na pequena praza onde estaba situado o peto.


Foto de 1965 aproximadamente (ver ángulo inf. esquerdo)



Da existencia de este peto solo nos queda a confirmación por medio de esta foto do álbum familiar dos meus pais, así como algunha das pedras que o formaban, que se atopan re utilizadas polas inmediacións.





Mesma localización na actualidade


Detalle ampliado do Peto


Podemos ver (non sen dificultade) que se trataba de unha composición sinxela, feita con pezas de granito traballadas non con unha excelente calidade, pero si para manter unha aliñación exterior das distintas pedras.


Mesmo lugar actualmente


Tiña unha base formada por unha pedra de 1,10m x 0,80m aprox. e un espesor entre 25 cm e 30cm, esta base estaba calzada con pequenas pedras, para mantela a nivel, pois o piso de peneda era bastante irregular. Sobre esta base tiña colocados dous perpiaños de 1m de longo por 65cm de alto e un espesor de 30cm (unha de estas pezas conservase, polo que temos as medidas e podemos extrapolalas ó resto da construción), estas dúas pezas estaban colocadas en paralelo.




Sobre estas estaba o corpo central, formado por base horizontal de 1m x 60cm por 25cm de altura, sobre a que descansaban tres pedras que entre elas deixaban un oco en forma de fornela cadrada, onde en algún tempo debeu aloxar algunha figura ou pequeno retablo, ademais do esmoleiro de rigor.
A continuación volvía a ter outras dúas pedras colocadas en paralelo de 1m de longo por 50cm de alto e entre as dúas facían un ancho de 60cm. O conxunto estaba rematado por pedra semellante á da base 1,10m por 0,80m  aprox. e un espesor entre 25 cm. Esta peza aparentemente tiña unha pequena moldura decorativa arredor.

Sobre esta pedra, situábase unha especie de pináculo, no seu centro, formado por catro caras de 25cm aproximadamente e estaría arredor dos 50cm de altura, rematado en punta.

Detalle de pedras re utilizadas


Pódense ver algunha das pedras que o formaron, re utilizadas nas proximidades.



Foto modificada dixitalmente

Se permanecera no seu lugar orixinal, camparía así como se ve na foto (modificada no paint)


Dende logo que se puido arranxar o problema de outro xeito mellor, que nos permitira seguir desfrutando de este escaso patrimonio na nosa aldea. Algo tan sinxelo como desprazalo a unha zona que non molestase tanto, posiblemente o pensaran, pero a que llo arrimaban? Un problema que igual ningún dos veciños próximos quixo asumir, nunha época en que eran outros os problemas que preocupaban ás nosas xentes naquel intre.



Outro caso semellante, atopámolo a escasos 60m cara o sur, algo que aínda menos xente recorda ou oíu falar. Trátase de unha antiga capela que estaría situada no centro da aldea.

Entre finais do século XIX e comezos do XX, a igrexa desfíxose de esta pequena posesión, trataríase de unha pequena capela xa en desuso que pasou a ser de propiedade privada, sendo “adquirida” polo propio cura, que despois deixaría en herdanza a unha sobriña, se non me traizoa a memoria.

Antiga capela, agora palleira






Iso si, o cura antes de nada, o primeiro que fixo foi sacar a pedra que facía de altar e enterrala nun eido da súa propiedade (que penso estragaron as obras do AVE), ben fondo para que as rellas dos arados non chegaran a ela.







Parede lado norte





Despois nos anos 20 do século XX foi modificada, dándolle mais altura e habilitándoa para ser unha común palleira, eliminando no seu interior a maioría de elementos que permanecían da súa anterior  función






Detalle pedras orixinais da antiga capela


Na parede norte localízase un anaco de muro orixinal que non foi tocado. O actual dono asegúrame que no interior, coincidindo con esa zona, ten o arranque de un arco, semellante ós que ten a próxima capela de Santa Eufemia de Ambía, pero tena chea de apetrenchos e non se consegue ver.

Esta antiga capela, posiblemente estivera baixo a advocación de San Ramón.



Pedra de ferrar os carros


Esta capela-palleira foi utilizada polo ferreiro do pobo, pódese ver ó carón da porta principal a pedra onde se domeaba a ferra ata conseguir curvala co diámetro exterior da roda do carro. Posteriormente na aira que se encontra na parte traseira era onde se facía o lume para dilatar a ferra e posteriormente colocala na roda de madeira e así ferrala ó lume.







Espero que este pequeno resumo, nos serva para ademais de manter no recordo estes dous elementos do noso esquecido patrimonio, para que en outras posibles oportunidades, resolvamos de mellor xeito e podamos manter o xa escaso inventario existente na zona.






Ningún comentario:

Publicar un comentario