xoves, 14 de maio de 2020

Historias do tren, Molgas - Ponte Ambía

Algúns recordamos a estreita relación que tivemos en tempos co tren, posiblemente por haber nacido moi preto da vía, e polo tanto telo escoitado e véndoo case dende o berce. Recordo oír a miña nai dicirme, que antes de falar ou andar, imitaba o son das maquinas do tren có mítico “chucu chuco” e que incluso facía cos brazos o movemento das bielas que conectaban as súas rodas.



Locomotora10300, no recordo
Tren dende a actual vivenda

Curiosamente cheguei a pensar que de algunha maneira o ferrocarril me persigue dende neno, pois como xa dixen nacín e vivín ata os 24 anos en Ponte Ambía, preto da vía. De neno estiven uns anos en Carlet (Valencia) onde unha tía, a súa casa estaba tamén a poucos metros da liña férrea. Ós 24 anos fun a vivir a Reboredo (San Cibrao das Viñas) e alí estivemos 13 anos ó carón do ferrocarril. Agora mesmo residimos en Ourense, na nova urbanización de Barrocanes, no edificio mais próximo a vía. Sexa ou non sexa unha persecución, temos unha vida en común e non nos coñecemos moito.


Imos facer o posible por coñecer algo mais do tramo do ferrocarril entre Baños de Molgas e Ponte Ambía. Este pequeno anaco, concentra tal cantidade de elementos que cando menos e digno de mención. En escasos 3kms temos a estación de Molgas, dous túneles (Molgas e San Pedro), o viaduto ou Ponte das Cepas, o apeadeiro de Ponte Ambía e unha media ducia de pontes de distinta tipoloxía.






O tramo de ferrocarril que pasa polo noso concello, foi inaugurado oficialmente o dia 01 de Xullo de 1957.
A nosa vía pertence ó segundo tramo da liña “Zamora - La Coruña” que ten unha lonxitude total de 453,425 Kms, que foi dividida en catro tramos:
- Primeiro tramo Zamora - Puebla de Sanabria inaugurado o 24 de Setembro de 1952.
- Segundo tramo Puebla de Sanabria – Ourense inaugurado o 01 de Xullo de 1957.
- Terceiro tramo Ourense - Santiago de Compostela inaugurado o 08 de Setembro de 1958.
- Cuarto tramo Santiago de Compostela - A Coruña inaugurado o 14 de Abril de 1943.

O 1 de xullo de 1957 inaugurouse a segunda sección da Liña “Zamora - La Coruña”, entre a cidade Zamorá de Poboa de Sanabria e a cidade de Ourense, prolongándoo ata Carballiño.


Inauguración


Todos os veciños estaban “invitados” a xuntarse na estación de Baños de Molgas para saudar ó tren inaugural, onde viaxaba Franco. Ós de Ponte Ambía tamén lle tocou desprazarse a Molgas, pois o apeadeiro aínda tardaría uns anos en ser construído.
Ese día fora declarado festivo, para que todo o mundo acudise ás estacións de liña para recibir a Franco ao seu paso co tren inaugural. Ese Tren consistía nunha locomotora Mikado 1-4-1 e un furgón de madeira; unha sala con aire acondicionado para Franco e os seus familiares; un coche - restaurante; un coche para as autoridades e 4 coches máis para os hóspedes.
Días antes, o Gobernador Civil e o xefe do movemento en Ourense, redactaron un aviso para que todas a xente das aldeas e vilas acudise a coñecer a Franco:

<<.. A todos cuantos habitan en las Comarcas, como un solo hombre y al frente de sus Alcaldes, Párrocos y Jerarquías, han de estar en las Estaciones desde las 3:30 de la tarde para saludar al Caudillo. Orensanos todos de la ciudad y del campo:  El Generalísimo viene a Orense en revista a la provincia. Que nadie falte a la hora de su triunfo ¡Viva Franco! ¡Arriba España! ..>>


Portada do diario El Pueblo Gallego o día da inauguración


A situación política e social da época na que se desenvolven estes acontecementos foi moi difícil e estrita, sendo todo o mundo obrigado a participar nestes eventos, que ademais do revulsivo propagandístico, para todos foi finalmente un motivo festivo, polo que practicamente ninguén perdeu a cita.













Ao longo de toda a Liña todos os habitantes estaban ao pé da pista ou nas Estacións con pancartas e bandeiras, saudando o paso do Tren. En Campobecerros o convoi inaugural detívose sete minutos, no resto das estacións a parada era de un minuto, o xusto para o saúdo, entrega de ramo de flores e os “vivas” de rigor.

O “guión” repetíase en tódalas estacións, nenos colocados en primeiro termo axitando freneticamente as bandeiriñas que fixeran na escola para a ocasión, rapazas ataviadas co traxe rexional entregaba a muller de Franco, Carmen Polo, ramos de flores e cestiños con produtos locais, o tempo que todas escrutaban á Primeira Dama na procura do seu famoso colar de perlas, que convertíase en protagonista por uns instantes, Franco coa man saudaba a multitude. Mentres polos altofalantes soaba o himno nacional a vez que unha voz sentenciaba: “¡Viva Franco, el mejor caudillo del mundo!”.


Franco na estación de Molgas -Foto propiedade da Deputación Ourense
Franco na estación de Baños de Molgas






















Pasadas as 18 horas o tren está xa en Baños de Molgas onde se repiten as mesmas escenas que no resto das estacións.





Non obstante, a posta en marcha real tería lugar meses antes para o uso de mercadorías, concretamente o 14 de abril de 1957.
Tren de inspección da vía 16-xaneiro 1957 









Ás 11:10 minutos, na estación Ourense - Empalme, tomou a saída este primeiro tren a Zamora. A súa velocidade media era de 40 km / h, polo que foi necesario pasar máis de 9 horas, contando as paradas, para completar o percorrido.

A expectativa creada polo paso desta primeira circulación oficial foi grande. En varias localidades, persoas e autoridades foron testemuñas do pasamento do tren como algo festivo. Na Estación de Baños de Molgas, incluso prepararon unha pequena merenda para o persoal do tren, que foi agasallado con pastas e bebidas no anden da estación.

Sobre e cuño conmemorativos da efeméride

                                              (Nodo inauguración- A estación de Molgas sae no min 1:45)

Historia do noso tren

Na segunda metade do século XIX  co inicio do ferrocarril en España, e debido a un interese mutuo, estaba a considerarse a posibilidade de establecer unha Liña Ferroviaria que enlazara Madrid co Porto de Vigo. Nun primeiro momento, construíuse a liña Madrid - Medina del Campo, que logo se estendeu a Zamora. Unha vez que chegou o ferrocarril a Zamora, volveuse a plantexar a posibilidade de seguir ata Ourense e Vigo. Non obstante, unha Comisión de Enxeñeiros creada para estudar as Liñas recentemente creadas, elaborou un Proxecto Preliminar o 25 de abril de 1864, ante esta idea inicial de unir a Zamora con Vigo, e referíndose especificamente á Sección 2, de Puebla de Sanabria a Ourense, deciden:

       " ...Otra Línea se ha estudiado para ir directamente de Zamora a Orense por las Portillas, acortando la distancia de Vigo al interior del País.  La Comisión no la incluye  porque, en su concepto, no tiene ahora razón de ser. Con una longitud de 323 kilómetros en los que hay que vencer dificultades enormísimas, atraviesa entre Zamora y Orense una comarca donde no se encuentra una sola población que supere las dos mil almas. Su interés está reducido, por tanto al acortamiento de la comunicación entre Madrid y Vigo, y este acortamiento, construido que sea el trozo de Zamora á Astorga, y modificado el empalme del ramal de Vigo en la línea de La Coruña, no llegará a 20 kilómetros, cantidad insignificante que no merece la construcción de 323 kilómetros que quizá serán los mas difíciles de España, incluyendo los de la bajada del puerto de Pajares en el ferrocarril de Asturias ".  
        
O devandito proxecto queda aprazado e, mentres tanto, está rematada a construción da Liña Ourense - Vigo 131.61 km, inaugurada o 18 de xullo de 1881.
Estación de Canedo (Ourense)


Estación de Canedo (Ourense)


Pasan 50 anos antes de que se poida retomar o Proxecto, en 1927 cando o goberno de Primo de Rivera decide construír novas liñas ferroviarias, aprobouse o plan de Guadalhorce, que buscaba mellorar a malla ferroviaria creando novas liñas ferroviarias, e de paso, reducir o paro grazas ás obras públicas.  Cargando así o Proxecto Zamora-Ourense incluído no chamado "Plan preferente de construción urxente" onde tamén se contempla que desde Ourense continúen ata Santiago e Coruña. Este é o traballo máis grande e custoso de todos os proxectados neste Plan.

En 1926 aparece A "Variante de André". Luis Eloy André, intelectual verinense, publica un libro titulado “El Sistema Ferroviario de Galicia y León” no que defende a necesidade dunha comunicación rápida e eficaz entre Galicia, Madrid, Portugal e Europa. A súa proposta, a diferenza da de Quintero Villamil que pasa polo macizo central de Ourense, desvía polo sur da provincia para dar servizo ás principais vilas da zona: Verín, Xinzo de Limia, Allariz e Celanova, seguindo pola ribeira do Arnoia cara Vigo. A súa defensa desta vía foi moi activa e obtivo un gran apoio, o que obrigou ao goberno a ordenar á empresa MZOV, que realizase un estudo en profundidade desta. Tras unha loita de intereses, elixiuse o actual trazado.
O tramo de Puebla de Sanabria a Ourense incluíuse cun orzamento en 1929, para a execución de obras de terra e fábrica, de 161.527.659 pesetas, e un prazo de execución de 5 anos, a súa construción foi confiada á empresa MZOV.

Cando se proclamou a II República, o 14 de abril de 1931, e as consecuencias da crise económica de 1929, os traballadores e a clase humilde mostrábanse optimistas coa situación política, con todo, Indalecio Prieto, non consideraba rendible o ferrocarril Zamora-Coruña e decidiu non gastar máis cartos nas obras. Polo tanto, os postos de traballo de máis de 12.000 persoas que estaban ocupadas nestas obras, quedan no paro. Como resultado destes acontecementos, comezan as protestas.
Manifestacións e protestas moi violentas teñen lugar en Ourense. 


Protestas polo cese das obras (galizalivre.com)
Hai un día de folga xeral e a situación chega ao límite. O Goberno ante esta presión decide que o ferrocarril sexa pagado polas deputacións e concellos por onde cruza. O traballo retómase a un ritmo moi inferior ao inicial. Entón estalou a Guerra Civil, o que empeorou a situación, parando completamente as obras.
Unha vez rematada a Guerra Civil, co novo réxime retomáronse as obras, que a partir de entón tamén foron realizadas por presos políticos. A súa misión é fundamentalmente perforar os túneles nesta complicada ruta, onde as condicións de traballo son infrahumanas. Foi na segunda sección onde a construción da liña foi máis dura e cara, debido á natureza do terreo, xa que foi necesario perforar máis de 80 túneles. Pero non só os presos políticos sufriron as consecuencias dun traballo doloroso e insalubre e sen medidas de seguridade.


Estación San Francisco 1958(Skyscrapercity.com)
Practicamente todo o traballo realizouse de xeito manual. Dende as aldeas próximas á liña moita xente acudiu ás obras para traballar, houbo moitas mortes por silicose, enfermidade descoñecida na época.






Este traballo complicado, de longa duración e condicionado polos acontecementos políticos, foi moi esperado pola sociedade da época, xa que se tivo en conta o progreso da conexión entre Madrid e Galicia a través de Zamora.

Diario El Pueblo Gallego o día da inauguración

O prazo inicialmente estimado para executar as obras de toda a Liña Zamora - La Coruña foi de 5 anos; Non obstante, esta tremenda obra ten que pasar por dúas ditaduras, unha república e unha guerra civil. Case 30 anos de obras e o traballo de máis de 15.000 persoas.


Chegouse ó remate ca inauguración do terceiro tramo Ourense - Santiago de Compostela o 08 de Setembro de 1958.





Estación de Baños de Molgas


O día 01 de xullo de 1957 foi inaugurada a estación de Baños de Molgas, ó mesmo tempo que o resto do segundo tramo da Liña Zamora – La Coruña, entre a localidade Zamorana de Puebla de Sanabria e a cidade de Ourense.
Día da inauguración na estación de Bamos de Molgas
Foto Revista Ferroviaria Nº 4

Foi moita a expectación creada ante o paso da primeira circulación oficial. Nesta estación, as persoas e as autoridades testemuñan o paso do tren como algo festivo. Ese día foi declarado festa, para que acudisen todos á estación  para recibir a Franco no seu paso co tren inaugural.
Meses antes, xa se acercara bastante xente para ver o primeiro tren de mercancías que percorría a liña, na estación de Baños de Molgas ata se preparou un refrixerio para o persoal do tren.

O edificio de pasaxeiros da estación de Baños de Molgas, como os outros da liña, está inspirado na arquitectura tradicional da rexión pola que discorre, ou iso dixeron os seus creadores. Así, tamén din que ten unha clara inspiración na arquitectura popular galega, con elementos decorativos a miúdo extraídos de pazos galegos, onde as grandes chemineas ou as torres con elementos do barroco, tamén nos recordan aos edificios do concello. tendo na maioría dos casos un dos elementos máis característicos da nosa arquitectura, que son as "arcadas" con arcos. Todas as estacións son diferentes entre si, aínda que se combinaron algúns elementos comúns, variando a súa situación dun a outro.


Estación Baños de Molgas (Foto  verpueblos.com)
Os materiais empregados son sempre autóctonos da zona, neste caso granito do "país", traballado por expertos canteiros pontevedreses. En Baños de Molgas, empregouse nas súas fachadas enfuscado ocre vermello, típico da arquitectura urbana ourensá.

A distribución de vías é similar en todas as estacións, contando na maioría dos casos con catro, para estacionamento e paso, que dan servicio a dous andes, cunha lonxitude media de 500 m. Para a transferencia de mercadorías adoitan ter entre unha e tres vías para aparcar vagóns, cargar e descargar.


Estación Baños de Molgas (Foto revista Ferroviaria nº 4) 

Nalgúns casos, como en Baños de Molgas, teñen unha vía de escape que permite realizar manobras de clasificación. O servizo de mercadorías está situado nunha zona lateral da estación. As súas vías teñen un almacén de carga e un peirao aberto equipado cunha grúa estática. Estes guindastres estándar para todas as estacións foron fabricados polos talleres Rogelio Fernández de Ourense.






Tanto o patio de mercadoría como o dos viaxeiros están pavimentados na súa totalidade, ambas de dimensións considerables, incluso nalgúns casos desproporcionadas polo uso que se lles ía dar. 


Estación Foto Voz de Galicia 2019 
O perímetro completo da estación está pechado por paredes de cantería que adoitan ter algunha decoración na zona de entrada, ademais de excelentes traballos de forxa nas portas de peche do recinto.


Para a iluminación contaban con farois especialmente deseñados para esta liña. Instalando tres tipos, de báculo con brazos superiores para os peiraos, de parede para iluminación dos edificios e para a iluminación das vías, empregáronse lámpadas sobre torres metálicas.
Construíuse vivenda para os ferroviarios en todas as estacións. Todas son do mesmo tipo e estilo. Están situadas nos arredores das estacións ou no propio recinto ferroviario. Son edificios de planta baixa, con dúas vivendas cada unha. Teñen un pequeno xardín na parte traseira. A súa distribución consta de tres dormitorios, unha sala de estar, cociña, baño e un trasteiro baixo cuberta. Tamén tiñan un pequeno soportal na entrada. Todos eles teñen calefacción e auga quente. Este tipo de edificios supuxeron unha gran mellora para a vida dos ferroviarios da época. Algúns deles aínda están en uso hoxe.

Outro edificio esencial nas estacións son os almacéns ou peiraos cubertos para o traslado de mercadorías. Na liña que nos ocupa utilizáronse dous modelos estándar nas súas características e medicións. Teñen a cada un dos lados entre dúas e catro grandes aberturas con portas corredoiras de madeira, e na parte dianteira que dá ao peirao, dúas portas de servizo con dúas fiestras e un lucernario na parte superior. No lado oposto só ten o lucernario.
Están construídos enteiramente de pedra, que en moitos casos foi cuberta con xeso. A cuberta de tella na zona galega. As súas medidas oscilan entre os 20 por 10 m. e 35 por 10 m. No interior albergaba unha pequena oficina pechada cunha partición, co fin de servir ao público.

Peirao da estación. Foto Revista Ferroviaria Nº 12 


A maioría das estacións teñen un peirao específico para cargar o gando. As súas medidas normalízanse coas do resto da rede. Carecían de tellado e tiñan tres alturas ás que se accedía por unha rampla común situada na parte traseira. Accedíanse ós vagóns pola parte frontal a través de catro vans.





A estación tal como remataba o século XX, foi deixando de ser útil para a finalidade que fora feita, xa que a xente vai cambiando o tren polo coche de liña ou o particular, para os seos desprazamentos cara a capital. E cada vez menos clientes do balneario se achegaban por este medio.




A antiga estación de tren foi recuperada e restaurada grazas a un proxecto do Inorde no 2010.
A nova finalidade do edificio é acoller o museo de Moncho Borrajo, versátil artista nacido no pobo, o fillo do xastre.








A rehabilitación transformou unha estación en ruínas nun museo con dúas salas de exposicións, e ademais un albergue con capacidade para 48 persoas. Das dúas salas, unha de diversa temática e outra para o Museo Moncho Borrajo. Aquí o visitante pode ver o legado do artista orixinario de Baños de Molgas, vitrinas que mostran a súa traxectoria artística, fotografías de amigos do mundo do espectáculo e diversas curiosidades como unha colección de case 1000 aneis do artista.

Na súa planta baixa ten unha cantina decorada con motivos do ferrocarril.


                                                  Paso do tren pola estación de Baños de Molgas

A Ponte Das Cepas

Foto que aparece na “Revista de Obras Públicas/Febrero 2007/Nº 3.474”
Temos no concello de Baños de Molgas un elemento da enxeñaría civil ferroviaria de primeiro nivel, non obstante dende sempre foi un “pequeno gran esquecido” quizais por atoparse nunha zona un pouco retirada. Trátase do que coñecemos como Ponte das Cepas ou “Viaducto del Arnoya”, segundo aparece na memoria da construción do tramo de liña ferroviaria “Puebla de Sanabria - Orense”


Así e todo, pouco despois da súa construción nos folletos publicitarios do noso concello, aparecía como o mais “alto” viaduto da liña, algo non real. Era o segundo de mais altura da liña, que non era pouco, pois ten unha altura de 48m dous por enriba do de Ourense, e solo superado polo viaduto de Gundián sobre o río Ulla. Iso si, era o primeiro da provincia.

Recorte da revista “Ferroviaria – Nº 7”
Sitúase no Pk. 216,930, atravesando o val do río Arnoia. Ten una lonxitude de 167m. e una altura de 48m. está formado por 5 arcos parabólicos de 20m. de luz, carecendo de tramos de aceso.
Ó longo de 452 km. que ten a liña que comunica a Zamora con A Coruña, fíxose preciso construír trece viadutos e dúas pontes, ademais de numerosos pasos superiores e inferiores, dado que en toda a liña non se instalou un solo paso a nivel. Comezando a súa construción en 1927.
Ai que ter en conta que o ferrocarril Zamora Coruña foi deseñado baixo uns parámetros moi avanzados para a súa época, onde ademais da inexistencia de pasos a nivel, mencionado anteriormente, toda infraestrutura foi construída para dobre vía; os radios de curvatura mínimos eran de 400m. (na maioría das liñas existentes nese momento era de 250-300m.), o tramo mínimo de recta entre contracurvas era de 100m. e as pendentes máximas non sobre pasaban as 16 milésimas. Isto danos unha idea do avanzado nivel técnico que se lle aplicou a liña.
Caben destacar dúas etapas construtivas nas pontes ferroviarias, a primeira corresponde a os anos iniciais da posta en marcha da obra (1912 a 1936), en onde a utilización da cantería para o levantamento dos estribos e piares está xeneralizada, deixando o formigón para os arcos de medio punto. Na segunda etapa (1939 a 1958), substitúese a cantería por bloques de formigón, conseguíndose así un abaratamento tanto no material coma no tempo empregado, en algúns casos cubríase o formigón con lousas de pedra co fin de darlle unha aparencia mais estética.

Sistema construtivo do viaduto

Despois de efectuar as medicións pertinentes en canto a resistencia do terreo, e finalizado o deseño definitivo do viaduto, comezan os traballos da construción dos alicerces encargados de transmitir o peso de toda a construción a o terreo. Estes alicerces están feitos a base de zapatas de formigón armado.
Unha vez feita a cimentación, inícianse os traballos de izado dos estribos, encargados de soportar os empuxes lonxitudinais da obra. Seguíndose cas pías, comezando polas dos viadutos de avenida ou acceso. Estas pías constrúense con sillería na parte exterior, enchendo o interior con area e cachotería. Unha vez construídas as pías e o momento de facer os arcos, colocando primeiro un encofrado de madeira ca forma do arco para despois poñer a armadura metálica e finalmente formigonalo. Neste caso primeiro foi a armadura metálica e despois o encofrado.
A continuación remátanse os tímpanos, neste caso de viadutos con grandes arcos a técnica empregada é a das cerchas ríxidas embutidas en formigón. Ademais diferéncianse do resto en que posúen tímpanos alixeirados a base de cabaletes de formigón co gallo de transmitir o peso do taboleiro a o arco.
Unha vez establecida a rasante do viaduto, e o momento de colocar o taboleiro co seu correspondente encofrado e formigón armado. Solo queda colocar as varandas e a superestrutura.

(Información na Revista “Ferroviaria – Nº 7”)



Álbum MZOV 
En 1861 concedeuse unha concesión ferroviaria para crear a empresa que acabaría sendo a construtora da liña férrea que cruza o noso concello.

As actividades ferroviarias da Compañía dos Ferrocarrís de Medina del Campo a Zamora y de Orense a Vigo (MZOV)” pasaron, en 1928 á “Compañía Nacional de los Ferrocarriles del Oeste de España”. A razón social MZOV seguiu  como 
empresa construtora que no ano 1978 fusionaríase cá empresa "Cubiertas y Tejados, S.A.", pasando a formar a empresa "Cubiertas y MZOV", que en 1997 acabaría integrándose na empresa “Acciona”.
Foto da “Revista de Obras Públicas /Xaneiro 2007/Nº 3.473”
Tamén aparece na web de Acciona: https://www.acciona.com/es/sobre-acciona/historia/

                                           (Video de Xavier Oviedo)

Os dous túneles

O “viaducto del Arnoya” ou Ponte das Cepas, atopase entre dous túneles. Do lado da estación está o “tunel del Arnoya” sito no pk. 216,5 e ten 240m de lonxitude, do outro lado do río sitúase o “tunel del Molino” no pk. 217,1 tendo 326m de longo.

Foto Google Maps 



Na foto do Google Maps vemos a situación dos dous túneles, a ambos lados da Ponte das Cepas ou “Viaducto del Arnoya”.










Boca oeste do “Tunel Arnoya” dende o viaduto (en Google Maps) 



Ademais de estes dous túneles, no concello temos dous túneles mais, son o da Devesa e o de Guamíl. Sendo o da Devesa o mais longo con 425m



Os traballos nos túneles, esixían un esforzo extraordinario nun momento no que os medios técnicos eran moi escasos e o traballo tiña que realizarse principalmente de forma manual. As condicións de traballo e os medios materiais para a súa construción eran moi precarios.
Varia xente da Comarca dedicouse a traballar sobre todo na construción dos túneles, a oportunidade de gañar un pequeno salario. Varias xeracións de familias da zona traballaron nas obras ferroviarias (1927-1957).

Foto traballo no túnel  Alzamorana.es 
A súa construción era practicamente a única opción para levar algún diñeiro para a casa, aínda que en moitos casos a dificultade e a falta de seguridade debido ás condicións de traballo, acabaron coa vida dos traballadores. Aínda se recorda a chamada "mal de la vía" a causa da morte de tantas persoas, que naquel momento non se sabía que era realmente a silicoses. Esta enfermidade tivo un impacto particular nos barreneiros e foi causada pola exposición continua ao po e ás partículas de rocha producidas pola perforación. Ao non ser recoñecida como enfermidade profesional, os parentes dos falecidos por este motivo non tiñan dereito a ningunha compensación. Os desprendementos e a imprudencia pola falta de adestramento adecuado foron tamén a causa de moitos terribles e mortais accidentes, como podemos ver na prensa da época.

Eco de Santiago anos 30 
Correo Gallego 1930 
Dura e case épica foi a vida dos que traballaban na construción dos túneles, en condicións infrahumanas que moitos pagaron ca súa vida, como foi o caso dos carrilanos que traballaron na construción dos túneles da liña Zamora-Ourense-Coruña, e que maxistralmente amosou o periodista Rafael Cid (TVE) no seu documental e posterior libro “Carrilanos, os túneles dun tempo”.

(Parte 1)

(Parte 2)

 (Parte 3)

 (Parte 4)



A técnica construtiva dos túneles

Podemos definir un túnel como unha galería subterránea destinada ó paso dunha vía de comunicación. A construción deste tipo de obra faise necesaria cando a profundidade dunha trincheira por onde ten que pasar a vía resulta excesiva, polo que en lugar de cortar o terreo hai que perforalo.
Na perforación da galería dos túneles empréganse diferentes métodos, os mais correntes son o método inglés e o método belga, este último foi empregado comunmente nas liñas ourensás. O método belga consiste en perforar primeiramente a parte central e superior preto da clave, duna galería de pequena sección (2,00x 1,50 m.) chamada GALERIA de AVANCE, que dependendo da dureza do terreo utilizábanse distintas técnicas. Se este era brando facíase a pico e pala, se polo contrario era rocha dura había que empregar dinamita.
A continuación vaise ensanchando e sacando o cascallo de ambos os dous lados ata ter escavada a parte superior do túnel, logo encofrábase con madeira e colocábanse as cimbras
de ferro para facer os aneis de formigón que constituirían a bóveda, esta acción denominase ensanche. Despois efectúase a chamada destroza, que consiste en escavar a parte

central inferior debaixo da galería de avance ata a base do túnel, deixando os laterais chamados bataches sen perforar ca finalidade de apoiar neles os aneis de formigón da bóveda. Continuase coa eliminación dos bataches para construír as paredes do túnel que sustentan a bóveda.

Foto afzamorana.es 
O paso seguinte era facer as cunetas para dar saída a auga que se podía filtrar no interior do túnel. Por último facíanse as bocas, normalmente de cantería mais ou menos artística segundo a categoría da obra. Agora xa solo queda colocar o balastro e a vía.
Nos casos en que o túnel atravesara unha formación rochosa de notable dureza, deixábase o interior en “rocha viva” sen aplicarlle formigón, o que abarataba considerablemente o seu custo.
Temos que imaxinar as penurias dos traballadores dos túneles, tendo en conta que todo isto facíano alumeados por un candil de carburo.






Apeadeiro de Ponte Ambía

Despois de ser inaugurado o tramo Puebla de Sanabria – Ourense en 1957, os veciños da zona de Ponte Ambia, déronse conta que realmente a eles este ferrocarril solo lles trouxo problemas, sendo os beneficios bastante poucos. Pasáballe o tren ó lado da casa, e non podían utilizalo, a estación mais próxima era a do “Baño” pero era moi complicado trasladarse a ela naqueles anos.

Apeadeiro Ponte Ambía


Esta inquedanza chegou ata os oídos dun veciño de San Pedro de Ribeira que se atopaba, debido ó seu traballo, en León. El era o Pai Amable Lorenzo Fernández, profesor nos Salesianos, e sendo mestre de varios fillos de directivos de Renfe na cidade castelá, contactou con estes.





Apeadeiro visto dende a Ponte



Fixo a solicitude para conseguilo, suponse que tivo un bo nivel de persuasión, pois conseguiu aquelo que os seus veciños desexaban dende facía tempo.
Por todo iso, e como de ben nacidos e ser agradecidos, temos que recoñecerllo, aínda que sexa a modo póstumo, pois deixounos no 2017.





O apeadeiro dende que comezou a funcionar como tal, foi probablemente o que mellor rendemento tivo, de todas as estacións da zona. O tren recollía ou deixaba mais viaxeiros que nas outras, sen dúbida a isto contribuíu á falta de outros medios de comunicacións en Ponte Ambía. Tanto en Molgas como en Cantoña, a xente podía combinar o tren ou o coche de liña a conveniencia.
Anteriormente á súa existencia, os nosos veciños ou camiñaban 2km cara o Viñal ou cara salgueiros para poder coller o autobús. Tamén podían achegarse cara a estación de Baños de Molgas andando ó carón da vía (camiño cheo de coios e cruzar dous túneles) uns 3km, ou algo mais lonxe, baixar cara Cantoña e serían uns 5km, para coller o tren.
Polo que creo non facemos moito se recoñecemos ó Pai Amable a súa gran aportación para facilitar a vida dos seus conveciños. "Al cesar lo que es del cesar".



Inauguración do apeadeiro (Foto propiedade Genaro Cid)

No centro da foto do día da inauguración do apeadeiro, vemos a Alfredo (o fillo da Brasileira de Ponte Ambía de Arriba) que traballara nas obras da vía e quedou co despacho dos billetes, que non era outra cousa que (o “caixón” que vemos no chan), un maletín no que se gardaba o necesario para despachar os billetes ós viaxeiros que o solicitaban na súa casa. Pouco despois morreu (1968) e “o caixón” pasou a mans do Francisco Guede, quen dende entón tivo o despacho na taberna.





Escoltando a Alfredo están, á súa esquerda Antonio Cid (o barbeiro de Cachagonza)alcalde pedáneo naquel momento e na súa dereita está o Cachaceira do Pazo. Os tres personaxes están situados diante do apeadeiro, na súa estrea.

O Caixón dos billetes (Foto Toño Guede) 




Vemos o caixón con documentos de aquela época.
Onde se pode comprobar como Renfe obrigaba á concesionaria do apeadeiro de Ponte Ambía a vender un número suficiente de billetes, para cubrir o prezo por parada do tren, que en 1969 estaba fixado en 45.000pts anuais. Ou tería que cubrir a diferencia.


Apeadeiro e Ponte ó fondo

















O apeadeiro era pouco mais que un pequeno refuxio(4x3m aprox.) de tres paredes de formigón aberto na fronte, con un tellado a unha auga recuberto de lousa. No seu interior tiña un asento corrido de formigón. Situábase sobre unha plataforma de uns 100m. Carecia de calquera outro servizo ou infraestrutura. Estaba ó final da rampla da ponte que saía cara a Castiñeira. Esta ponte unía as dúas Ponte Ambías, a de Arriba e a de Abaixo.



Co remate do século XX este apeadeiro foi deixando de ter viaxeiros, debido ó despoboamento da zona e a facilidade para o desprazamento nos  automóbiles particulares e así evitar os horarios restritivos do tren.
No ano 2010 e debido ás obras do AVE, desapareceu, substituíuse, por outro uns 170m en dirección Ourense, cambiándoo de lado da vía. Deixando de ser unha parada do tren definitivamente no 2013, cando Fomento decide deixar sen tren a dez estacións da liña entre Puebla de Sanabria e Ourense.
Debemos recordalo como outro ben patrimonial desaparecido, que no seu momento fixo un gran cambio real na nosa zona, ó revés que o resto do trazado, que solo foi un cambio físico na nosa xeografía. Logrou que a nosa parroquia “saíse no mapa” e se escoitara falar de ela, algo non moi común naquela época.

Dende a súa construción ata os anos 90 do século XX, as mocidades  da zona acostumaban a facer o magosto (cando o tempo non acompañaba), protexidos pola súa cuberta. Xa que era unha das escasas zonas para usar como acubillo que existían na parroquia, xunto ca escola do Cruceiro. 

                                            (Tren por Ponte Ambía)


A Ponte

De todo o tramo de vía que pasa pola zona da Pònte Ambía, o que mais chamaba a atención era a obra que deseñaron no seu tempo para non facer un paso a nivel no camiño que unía a Ponte Ambía de Arriba con a Ponte Ambía de Abaixo, “A Ponte do tren”. A vía pasa xusto á mesma altura que o antigo camiño, polo que tiveron que facer unha gran obra de enxeñaría, con carácter rexo e robusto.   

Ponte en Ponte Ambía


Ó longo da liña construíronse multitude de pasos a distinto nivel, dada a gran cantidade de camiños veciñais que existen sobre todo no tramo galego, a causa da dispersión do hábitat nesta comunidade.
O modelo adoptado é único para todo o percorrido, con un ancho de 4,60m. A única diferencia son os acceso do paso, así pode ser con planta en U cando as ramplas sitúanse paralelamente e no mesmo sentido. En H cando os accesos teñen ramplas en ambos sentidos polos dous lados. E en árbore cando existen varias ramplas que conflúen no paso. Existe outro modelo que soamente posúe unha rampla dun lado o estar apoiado un dos estribos nunha pendente. 
Ponte dende o lado contrario




Están todos construídos en pedra agás o arco que é de formigón, moitas veces recuberto de perpiaño co fin de enriquecelo esteticamente. Teñen un aire rústico que os integra perfectamente na paisaxe, as súas varandas tamén en perpiaño, e as beirarrúas en lousas de granito, danlle un aspecto antigo moi en consonancia ca arquitectura que os rodea.


A Ponte no Google Maps

Este de Ponte Ambía, pola forma dos accesos, estaría dentro da clasificación en H.
Un dos ramais sairía cara Ponte Ambía de Arriba, outro cara Ponte Ambía de Abaixo. Das dúas ramplas que saen paralelas á vía, a do lado norte iría cara o apeadeiro e o camiño da Castiñeira, saíndo o do sur cara as Trepas e a Presa.
Nos anos 60 e ata os 90 do século XX, as xuventudes da zona, adoitaban facer o magosto na cima de esta ponte, por ser unha zona onde eran visibles as fogueiras dende bastante lonxe, debido a súa altura.



Nos anos 80, formigonouse o paso entre as aldeas, polo que comezaron a pasar automóbiles, pese a que tiña un xiro a 90 grados que se facía un pouco complicado, se o coche era moi longo.
No 2010 e debido as obras do AVE, desapareceu, converténdose noutro dos elementos patrimoniais que deixaron de selo. Cambiando notablemente a fisionomía da zona, e o que e mais grave, que as dúas aldeas quedaron sen comunicación entre elas, tendo que dar un rodeo para pasar de unha á outra.  

Antonio e Gerardo



Nesta estampa podemos ver a dous mozos dos anos 50 (Antonio Guede e meu pai Gerardo Gavilanes) en bicicleta pola derrota da vía, á altura da ponte. Eles dous tiveron mais de unha historia neste tramo de vía, que se fosen neste tempo, non poderían nin contarse.





Benite e Gumersindo



Aquí vemos ós meus padriños (Benita Gavilanes e Gumersindo Gavilanes) baixando pola rampla da ponte cara a casa, distínguese a zona central moito mais baixa que as beirarrúas, o que facía que fora moi estreita para o paso dos automóbiles ata que se formigonou pola zona máis alta, gañando moito en anchura.  




Rampa sur da Ponte nevada


Unha vez remodelada, daba unha aparencia de ser moito máis ancha que antes.
Dende esta ponte ata a estación de Baños de Molgas existían barios pasos superiores e algún inferior. Entre os superiores estaban as pontes da Castiñeira (tamén desaparecida) a da Fontela, por onde baixaban os de San Pedro cara o muiño, e outro xa preto da estación de Molgas. Inferiores temos en Ponte Ambía o de Mondelos e na presa outro máis sinxelo.




En resumo

Con esta mostra, podemos facernos unha idea da importancia de esta liña ferroviaria. Sobre todo a nivel de país, pois permitiu unir Galicia con Madrid, isto fixo que prevalecera o interese xeral e non o dos lugares por onde pasou.
En principio parecía que podería supor un pulo para Baños de Molgas, por favorecer a chegada das xentes do exterior cara o concello, e en especial atraelos cara o balneario para tomar as augas. Ese pequeno empuxe, igual funcionou uns anos, pero a modernidade avanzou máis rápido que a adaptación do tren a ela.
No referido a Ponte Ambía, durante uns anos foi clave na comunicación do pobo con Ourense capital, pasando tamén nos últimos anos a ser algo testemuñal. Posiblemente as penurias que pasaron os nosos antepasados na súa construción, con perdas de vidas incluídas, non foran contrarrestados polas melloras que viñeron tras da posta en marcha no 1957.


Outra vantaxe que deixou a vía na parroquia, foi a experiencia adquirida polos veciños que traballaron nas obras, que logo puxeron en práctica cando tocou arranxar un camiño ou facer unha pista. A partir de esas datas comezaron a facerse accesos ós pobos, aformigonar as aldeas. Obras que como en moitos sitios, eran feitas polos propios habitantes. 

Avó José Gavilanes

Se tivera vido uns 30 anos antes, de seguro que a vida de moitos como a do meu avó José Gavilanes, tería sido algo mellor. Cantas penurias el pasou levando cara Madrid os bois e cabalerías para vendelas, por eses camiños andando. E durmindo ó acollido se a sorte era boa, e ca mesma sorte dar chegado a casa sen que o asaltaran, (a punta de navalla, como lle pasou algunha vez) para sacarlle os cartiños que tanto lle custara facer. Non quero nin imaxinar como chegaría a casa de volta, case que un mes despois, sen o gando nin os cartos.




Aínda que como xa dixemos antes, esta obra faraónica  para aquel entón, fixo localizar a Baños de Molgas e sobre todo a Ponte Ambía no mapa, deixando un cambio físico que perdura. Máis cando se está, digamos modernizando co paso no novo tramo do AVE, que algún día chegará.

Agradecementos

Esta pequena historia non podería ser contada sen a inestimable axuda de varios colaboradores, que me puxeron na dirección do camiño correcto. Especialmente a Paco Boluda que me cedeu desinteresadamente varios traballos seus (Revista Ferroviaria), así como fotos particulares. Tamén debo mencionar a meu tío Arturo Gavilanes que tamén tivo a súa parte comentándome cousas que descoñecía. Como non o sempre voluntario Ambrosio Borrajo, que puxo a súa parte como aqueles que cederon algunha foto ou historia, como Genaro Cid, que cedeu a foto da inauguración do apeadeiro. Toño Guede polas fotos do caixón e documentos.

Non podio esquecer a gran colaboración da miña prima Josefa Gavilanes, sempre investigando en prol de cada historia.

Espero fose do voso agrado, espero ver os comentarios abaixo.

Saúdos e grazas

Referencias bibliográficas:

Revista “Ferroviaria – nº 4, nº 6, nº7, nº12 ”
http://patrimoniogalego.net/index.php/52979/2013/12/ponte-das-cepas/
http://ropdigital.ciccp.es/pdf/publico/2007/2007_enero_3473_05.pdf (Foto viaduto)
http://ropdigital.ciccp.es/pdf/publico/2007/2007_febrero_3474_05.pdf (Foto viaduto)
https://www.spanishrailway.com/puebla-de-sanabria-a-orense/ (Foto viaduto)
http://www.afzamorana.es/linea_orense_intro.htm  (Historia)
http://www.afzamorana.es/linea_orense.htm#segundo_tramo (Historia)
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2019/09/21/falta-dinamita-retrasa-obras-ferrocarril/0003_201909O21C10991.htm (falta dinamita 1934)
http://www.escalan.es/thread-3632-post-89174.html#pid89174  (Fotos apeadeiro)
https://mapio.net/wiki/Q5560274-gl/ (Fotos Ponte)
http://ferropedia.es/mediawiki/index.php/Renfe_Serie_303 (Foto 303)
https://www.galizalivre.com/2018/06/25/cumpre-fazer-a-revolucom-na-rua-e-por-todos-os-meios-87-anos-da-republica-galega/ (Foto Folga)




xoves, 16 de abril de 2020

Patrimonio esquecido en Ponte Ambía de Abaixo



En Ponte AmbÍa de Abaixo, xa son poucos os veciños que recordan a existencia dun Peto de Ánimas e unha Capela, entre as súas escasas vivendas. O primeiro situábase na pequena praza que se forma na encrucillada do camiño principal que cruzaba o pobo de norte a sor có camiño que sae cara o Penedo, hoxe convertida na entrada principal.
O Peto perdurou un pouco mais no tempo. Pero pasada a metade da década dos 60 do século XX, xa comezaban a circular algún que outro pequeno camión, e chegou un momento no que non podían coexistir patrimonio e modernidade, pois os vehículos non podían rousar na pequena praza onde estaba situado o peto.


Foto de 1965 aproximadamente (ver ángulo inf. esquerdo)



Da existencia de este peto solo nos queda a confirmación por medio de esta foto do álbum familiar dos meus pais, así como algunha das pedras que o formaban, que se atopan re utilizadas polas inmediacións.





Mesma localización na actualidade


Detalle ampliado do Peto


Podemos ver (non sen dificultade) que se trataba de unha composición sinxela, feita con pezas de granito traballadas non con unha excelente calidade, pero si para manter unha aliñación exterior das distintas pedras.


Mesmo lugar actualmente


Tiña unha base formada por unha pedra de 1,10m x 0,80m aprox. e un espesor entre 25 cm e 30cm, esta base estaba calzada con pequenas pedras, para mantela a nivel, pois o piso de peneda era bastante irregular. Sobre esta base tiña colocados dous perpiaños de 1m de longo por 65cm de alto e un espesor de 30cm (unha de estas pezas conservase, polo que temos as medidas e podemos extrapolalas ó resto da construción), estas dúas pezas estaban colocadas en paralelo.




Sobre estas estaba o corpo central, formado por base horizontal de 1m x 60cm por 25cm de altura, sobre a que descansaban tres pedras que entre elas deixaban un oco en forma de fornela cadrada, onde en algún tempo debeu aloxar algunha figura ou pequeno retablo, ademais do esmoleiro de rigor.
A continuación volvía a ter outras dúas pedras colocadas en paralelo de 1m de longo por 50cm de alto e entre as dúas facían un ancho de 60cm. O conxunto estaba rematado por pedra semellante á da base 1,10m por 0,80m  aprox. e un espesor entre 25 cm. Esta peza aparentemente tiña unha pequena moldura decorativa arredor.

Sobre esta pedra, situábase unha especie de pináculo, no seu centro, formado por catro caras de 25cm aproximadamente e estaría arredor dos 50cm de altura, rematado en punta.

Detalle de pedras re utilizadas


Pódense ver algunha das pedras que o formaron, re utilizadas nas proximidades.



Foto modificada dixitalmente

Se permanecera no seu lugar orixinal, camparía así como se ve na foto (modificada no paint)


Dende logo que se puido arranxar o problema de outro xeito mellor, que nos permitira seguir desfrutando de este escaso patrimonio na nosa aldea. Algo tan sinxelo como desprazalo a unha zona que non molestase tanto, posiblemente o pensaran, pero a que llo arrimaban? Un problema que igual ningún dos veciños próximos quixo asumir, nunha época en que eran outros os problemas que preocupaban ás nosas xentes naquel intre.



Outro caso semellante, atopámolo a escasos 60m cara o sur, algo que aínda menos xente recorda ou oíu falar. Trátase de unha antiga capela que estaría situada no centro da aldea.

Entre finais do século XIX e comezos do XX, a igrexa desfíxose de esta pequena posesión, trataríase de unha pequena capela xa en desuso que pasou a ser de propiedade privada, sendo “adquirida” polo propio cura, que despois deixaría en herdanza a unha sobriña, se non me traizoa a memoria.

Antiga capela, agora palleira






Iso si, o cura antes de nada, o primeiro que fixo foi sacar a pedra que facía de altar e enterrala nun eido da súa propiedade (que penso estragaron as obras do AVE), ben fondo para que as rellas dos arados non chegaran a ela.







Parede lado norte





Despois nos anos 20 do século XX foi modificada, dándolle mais altura e habilitándoa para ser unha común palleira, eliminando no seu interior a maioría de elementos que permanecían da súa anterior  función






Detalle pedras orixinais da antiga capela


Na parede norte localízase un anaco de muro orixinal que non foi tocado. O actual dono asegúrame que no interior, coincidindo con esa zona, ten o arranque de un arco, semellante ós que ten a próxima capela de Santa Eufemia de Ambía, pero tena chea de apetrenchos e non se consegue ver.

Esta antiga capela, posiblemente estivera baixo a advocación de San Ramón.



Pedra de ferrar os carros


Esta capela-palleira foi utilizada polo ferreiro do pobo, pódese ver ó carón da porta principal a pedra onde se domeaba a ferra ata conseguir curvala co diámetro exterior da roda do carro. Posteriormente na aira que se encontra na parte traseira era onde se facía o lume para dilatar a ferra e posteriormente colocala na roda de madeira e así ferrala ó lume.







Espero que este pequeno resumo, nos serva para ademais de manter no recordo estes dous elementos do noso esquecido patrimonio, para que en outras posibles oportunidades, resolvamos de mellor xeito e podamos manter o xa escaso inventario existente na zona.






venres, 14 de setembro de 2018

Petróglifos de Baños de Molgas, historia breve II







Dende a anterior publicación do (05/07/2017)   http://asherdanzasdotempo.blogspot.com/2017/07/petroglifos-de-banos-de-molgas-historia.html, seguiu aumentando a cifra de petróglifos no concello.
Retomando a numeración que fixemos a anterior vez, seguiría da seguinte forma, con unha
pequena aclaración.

Na posición 58 citáramos o Petróglifo da Laxe de Carrás e na posición
59 o Petróglifo da Laxe do Cervo,  aínda que estas dúas posibles
gravuras  actualmente permanecen desaparecidas, seguirémolas
tendo en conta en canto a numeración.
Queda dito, que non estando localizadas, sabemos da súa existencia e en
algún momento poden ser amosadas.

Desta xeira tocoulle a Benxamín ser o primeiro descubridor.


Benxamín Blanco


Como anteriormente, fixo a súa achega, amosándonos este extraordinario gravado.

        60 - Petróglifo do Martelo

Atopouno nas proximidades de Guamil e Meamán, situado na zona coñecida como o Martelo.
En penedo de uns 8m de longo, 5,5m de ancho e 1,70m de altura, no que se atopan varios tipos de gravuras inéditas ata o de agora.


O Martelo (detalle figura central)



Pola súa superficie podemos ver mais de 30 coviñas de tamaño medio, a maioría entre 4cm e 6cm de diámetro, algunhas de elas unidas con canles.
Na parte mais elevada sitúanse o que en principio semellaban uns taboleiros de xogo, logo de un exame mais exhaustivo, esgotamos esa posibilidade. 


O Martelo (penedo)
Realmente o que se aprecia e un suco que marca un contorno alongado e pechado que polo lado norte está redondeado. Esta figura ten uns 90cm de longo por uns 40cm de ancho, o seu interior semella estar dividido en dúas ou tres zonas diferenciadas, tendo no interior varios sucos, uns en cruz e outros horizontais. Todos estes sucos, os do perfil exterior mais os do interior, están moi desgastados, polo que a súa interpretación non e doada.
Descoñecemos de que se trata, aínda que o que parece claro e que esta figura e posterior ós gravados das coviñas e sucos entre elas.

 http://patrimoniogalego.net/index.php/97709/2017/12/petroglifo-do-martelo/






Gavilanes67

Seguimos achando novos petroglifos que iremos amosando segundo foron aparecendo, en orden cronolóxico.

        61 - Petróglifo da Peneda 


A Peneda (detalle coviña)


Pequena peneda con superficie superior esférica, 
sobre a que se aprecian varias coviñas.
Estas son de un tamaño medio, aproximado de 
4cm de diámetro, algunha de elas aparece 
repicada.









A Peneda



A zona onde está localizada, coñécese como A Peneda, posiblemente en referencia a esta ou outras formacións rochosas, que poderían estar no interior das construcións próximas ou desaparecidas cando se fixeron estas. 

 http://patrimoniogalego.net/index.php/100617/2018/09/petroglifo-do-penedo/


        62 - Petróglifo Penedo da Margarida 



A Margarida (parte superior)


Gran bolo granítico de 4m de longo por 3m de ancho e unha altura de uns 2m, con gravuras na súa parte superior, así como algunha no lateral.

Posible lugar de culto que foi reaproveitado na idade media para marcar os lindes entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía. Actualmente non coincide xustamente cos limites, estando uns metros adentrado no terreo de Xunqueira. Ademais marcaría o punto común ás parroquias de Armariz (San Salvador  ) e a de Xunqueira de Ambía (Santa María a Real), as dúas no concello de Xunqueira de Ambía xunto á de Ponte Ambía (Santa María), esta do concello de Baños de Molgas.

A Margarida (bolo)

No Catastro de Ensenada aparece citado “y sigue subiendo al outeiro llamado do aforcado, y deeste al Penedo dela Margarida, y deaqui al Marco da Portela”
Na superficie superior do penedo conta con polo menos 60 coviñas, con uns diámetros que van dende os 4cm ós 7cm. Tamén se distinguen varios canles, dous de eles cruzados a 90º formando o que pode ser unha cruz, posiblemente non contemporánea do resto da gravura, que puido ser feita no medievo ou polo menos retocada para convertela en cruz de termo.
Unha das cazoletas mais grande fixérona aproveitando un saínte que ten a rocha polo lado de nacente.
Tanto polo lado sur como por poñente aparecen varias coviñas aliñadas, que baixan ata a altura do terreo.







63 - Petróglifo dos Piñeiros




Na zona de os Piñeiros, na parroquia de Presqueira (San Martiño), en lameira de escasa pendente, atopamos na súa parte alta un grupo de pedras, nas que vemos varias cazoletas dun tamaño considerable.
Están orientadas de nacente a poñente, as tres maiores teñen un tamaño entre 8cm e 11cm de diámetro. Aprécianse polo menos outras dúas de menor tamaño.


Faría falta unha limpeza das penedas para comprobar o tamaño e cantidade de gravuras.









 64 - Petróglifo Bouza da Pena I

Na parroquia de Poedo (Santa María), en penedo próximo o pobo e con unhas medidas de 10m de longo por 7 de ancho e 2m de alto, sitúanse varios motivos gravados maiormente na superficie superior.
Bouza da Pena I(sup. superior)

Trátase de preto de un cento de coviñas espalladas pola superficie da peneda. En algunha zona entre o lado sur e poñente, baixan varias cazoletas pola superficie lateral ata chegar a altura do terreo.
Estas coviñas teñen unhas medidas de entre 3 e 6cm de diámetro e unha fondura de 1 a 3cm. Varias de estas cazoletas están unidas con sucos de entre 2 e 3cm de ancho por 1,5 aproximadamente de fondos. Tamén se distingue unha figura feita con varios sucos, sen mediar coviña algunha.



Bouza da Pena I



A figura que mais nos chama a atención e a formada por un circulo de uns 10cm de diámetro que no seu interior ten unha de estas pequenas pías, da que sae unha canle de uns 30cm en dirección a poñente.

Atópase na chamada Bouza da Pena, topónimo en clara alusión a esta pedra, aínda que a zona ten outras penedas con gravuras, non sendo tan espectaculares como esta.



http://patrimoniogalego.net/index.php/99256/2018/03/petroglifo-bouza-da-pena-i/




        65 - Petróglifo Bouza da Pena II


Bouza da Pena II (coviñas e sucos)


Trátase de unha longa peneda que no seu lado sur, que dispón dunha zona próxima xa a altura do terreo, na que aparecen as gravuras.
Estas están formadas por varias cazoletas, unhas 20, a metade aproximadamente nun tamaño de 2,5 a 3cm de diámetro e o resto con un diámetro de 5 a 6cm.
Entre estas caviñas adivíñase algún suco que une varias de elas.





Bouza da Pena II




Atópase na chamada Bouza da Pena, topónimo en clara alusión a unha pedra próxima a esta, con unhas gravuras mais “grandiosas” , a (Bouza da Pena I).

Unha limpeza do penedo poderíanos amosar parte do gravado oculto polo musgo e broza que cubre o granito.







        66 - Petróglifo Bouza da Pena III


Bouza da Pena III (coviñas)



Peneda semi-enterrada, que na súa parte visible, distínguense varias coviñas, unha ducia. Estas cazoletas teñen un tamaño entre 3 e 6cm de diámetro, algunha de elas con moi pouca profundidade.









Bouza da Pena III



Atópase na chamada Bouza da Pena, topónimo en clara alusión a unha pedra próxima a esta, con unhas gravuras mais “grandiosas”

Unha limpeza do penedo poderíanos amosar parte do gravado oculto pola terra pedras e broza que cubre o granito.







        67- Petróglifo Bouza da Pena IV


Bouza da Pena IV (coviñas)

Bolo granítico alongado, no que se localizan máis de unha ducia de coviñas, na súa parte superior. Estas coviñas, de tamaño variado entre 3 e 8cm de diámetro atópanse agrupadas en dúas zonas.

Polo lado sur e poñente, este penedo ten unha parte plana onde xa se mete no terreo, por esta zona divisase algunha coviña máis, espallada. En algunha de elas intúese un circulo arredor, pero moi desgastado.



Bouza da Pena I



Unha limpeza do penedo poderíanos amosar parte do gravado oculto polo musgo e broza que cubre o granito.

Atópase na chamada Bouza da Pena, topónimo en clara alusión a unha pedra próxima a esta, con unhas gravuras mais “grandiosas”, a (Bouza da Pena I).






68- Petróglifo do Portiño
O Portiño


Peneda de uns 4,5m de longo por 2,5 de ancho con pouca altura, con superficie superior aplanada, na que aparecen dúas pías naturais acompañada de varias coviñas artificiais.
Estas coviñas, unhas oito, teñen un diámetro de entre 3 e 5cm de diámetro e unha fondura de entre 1 e 2cm








O Portiño


O desgaste da pedra impide ver con claridade as cazoletas espalladas pola superficie da peneda.
Atopámola na zona do Portiño, parroquia de Poedo (Santa María), próxima ó regueiro do lugar.








69- Petróglifo da Seixosa


A Seixosa (coviña)

Outra gravura da parroquia de Poedo (Santa María)

Pequeno afloramento granítico, no que destaca un pequeno saínte alongado e aparentemente exento, en posición horizontal, no que se localizan as gravuras.







A Seixosa


Estas gravuras están formadas por 9 coviñas que oscilan entre os 3cm e os 5cm de diámetro, ten outra cazoleta de maior diámetro, que podería ter orixe natural.
Localízanse espalladas pola superficie superior da peneda.


A poucos metros, descorre un pequeno regueiro, demostrándose outra vez mais que esta situación e unha das condicións e axudaba  para que os nosos antigos fixeran estes símbolos na pedra.





70- Petróglifo na laxe do canastro


Coviña na Laxe do Canastro
Ata non fai moitos anos, comezos do século XXI, situábase un canastro dentro da aldea de Poedo, empoleirado nun penedo existente en cruce de camiños.

Para a colocación de este canastro, foron necesarias obras de cantearía para o seu asentamento, rebaixando o granito onde coincidían as bases dos pés. A esta operación debese sumar os continuos rebaixes para favorecer o paso dos carros por todo o perfil exterior. Estas operacións fixeron que se estragaran probablemente en gran parte as gravuras existentes sobre esta rocha.


Laxe do Canastro



Na actualidade mantéñense unhas catro coviñas dispersas pola súa superficie superior, son cazoletas ben definidas con uns 4 ou 5cm de diámetro e unha fondura superior a 2cm.








Canastro sobre a rocha (Foto web)


71- Petróglifo de Canceliñas
Pequeno afloramento granítico no que destacan dous tipos de gravuras, na parte alta varias coviñas repartidas maiormente en dúas zonas, e unha especie de estrías verticais feitas nunha especie de espolón que sae do grupo granítico en dirección a nacente.

Canceliñas (detalle sucos)

As coviñas teñen unhas dimensión aproximadas entre 4 e 6cm de diámetro.
As estrías verticais, están feitas con sucos de uns 3cm de ancho e 2cm de fondo, como medidas medias, sendo maiores na cresta superior onde teñen algún de estes sucos uns 5cm de ancho. Estes canles teñen unha separación de entre 15 e 20cm, decrecendo esa medida cando se aproximan a zona onde o granito tamén decrece e desaparece no terreo.


Canceliñas

Estes sucos ascenden pola cresta de esta parte da pedra e baixan pola outra beira, pasando desde o terreo na parte sur ata o terreo na parte norte.

Este afloramento coincide con un dos vértices da liña divisoria entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía.





          72 - Petróglifo da Cabadiña




Cabadiña (detalle coviñas con sucos)

Pequeno afloramento granítico no que destacan dous tipos de gravuras, na parte alta varias coviñas repartidas maiormente en dúas zonas, e unha especie de estrías verticais feitas nunha especie de espolón que sae do grupo granítico en dirección a nacente.

As coviñas teñen unhas dimensión aproximadas entre 4 e 6cm de diámetro.






Cabadiña

As estrías verticais, están feitas con sucos de uns 3cm de ancho e 2cm de fondo, como medidas medias, sendo maiores na cresta superior onde teñen algún de estes sucos uns 5cm de ancho. Estes canles teñen unha separación de entre 15 e 20cm, decrecendo esa medida cando se aproximan a zona onde o granito tamén decrece e desaparece no terreo.
Estes sucos ascenden pola cresta de esta parte da pedra e baixan pola outra beira, pasando desde o terreo na parte sur ata o terreo na parte norte.


Este afloramento coincide con un dos vértices da liña divisoria entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía.



          73- Petróglifo de Peixón
Peixón (detalle coviñas)


Preto da cima do outeiro de Peixón, e tamén a escasos 2m da cruz de Peixón, localízase esta gravura.
Sobre a superficie superior de unha peneda, sitúanse algo mais de unha ducia de coviñas con unhas medidas medias de entre 3cm e 4cm de diámetro.
A base granítica onde se atopa, está protexida do norte por unha rocha mais alta, a modo de abrigo.





Peixón

No Catastro de Ensenada, no marxeo do Couto de Poedo, aparece unha referencia a este outeiro e á cruz en cuestión, sendo así:
“y de allí sigue al Peñasco que se dice da Corga de Apeixón y de este a otro Peñasco que se llama da Cavadiña Longa en los cuales ay Cruces que demuestra ser señal de demarcación ......”

Con isto confirmamos que se atopa na liña divisoria dos concellos de Xunqueira de Ambía e Baños de Molgas e á súa vez das parroquias de Bobadela a Pinta (Santa Mariña), Sobradelo (San Román) e Poedo (Santa María).







74- Petróglifo do Agro

O Agro (detalle coviñas naviformes)

Peneda con orientación cara o nacente, con unhas medidas de 6m de longo por 3,5 de ancho e pouca altura sobre o terreo. Pola espiña central sitúanse unhas dúas ducias de coviñas, de moi distintos tamaños.

As mais pequenas teñen entre 2cm e 4cm de diámetro, as maiores teñen unha forma alongada (naviforme) de 20cm de longo por 9cm de ancho aproximadamente, con algún canle uníndoas. Parecen orientadas para poder traballar dende os dous lados do penedo, machucando algún froito ou cereal.




O Agro, vista xeral


Atopámolo situado sobre a liña que delimita os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía, así como as parroquias de Guamil (Santa María) e Sobradelo (San Román)












         75 - Petróglifo de Romeu


Romeu (detalle coviñas)



Gran afloramento no que se localizan dúas zonas con gravuras. Unha de estas zonas está formada por 3 coviñas de un diámetro aproximado de 6cm, tamén se aprecia un suco.








Romeu (detalle canle con coviña)



A outra zona,  esta formada por outras 3 coviñas e varios sucos estre elas, na intersección entre dous de estes canles, aparece outra coviña que non é de unha forma tan regular como as outras, pode que estea repicada.







Con estas achegas, deixamos ó noso concello Baños de Molgas, con 75 gravados, non moitos poden dicir tal.

Como sempre espero que sexa do voso interese, e sobre todo que chegue a aqueles que os deben coidar e por en valor.


Seguiremos informando..............Saúdos