luns, 12 de outubro de 2020

(Caixón 1) – O Carro:


Se temos algo na Galiza labrega que nos identifica, ese algo dende logo é o carro. Aínda que con características diferenciadas de cada comarca, sempre mantén a esencia que o distingue fronte ós de outros territorios.

O carro de Gerardo Gavilanes
















Un imprescindible na vida labrega de non fai tantos anos, chegaba a ser un indicador da riqueza de cada casa, aquela que tiña dous, era un claro signo de superioridade na escala social.

O seu nome en latín “Carrus”, significa: vehículo con rodas empregado para transportar obxectos. Empregábase xa na idade do bronce, sendo, dende sempre, o medio máis usado polos labregos galegos. A súa supervivencia ata os nosos días é a proba máis irrefutable da súa extraordinaria utilidade.

O feito de que as hortas estivesen próximas ás vivendas, supoñía que a terra destinada a colleitas de maior envergadura, tiña que ocupar zonas afastadas das vivendas, e polo tanto era necesario dispoñer dun medio de transporte para mover os froitos que se obtiñan da terra.

Segundo a mitoloxía grega da unión da deusa da agricultura Deméter con Lasionte naceu Filomeleo, o inventor do carro, do arado e das xugadas. A mitoloxía parece corroborar a idea de que a orixe do carro aparece vinculada á agricultura e á domesticación de animais, actividades que a humanidade comeza a desenvolver no Próximo Oriente durante o Neolítico cara ao 6000 a.C. 

Helios era imaxinado como un fermoso deus coroado coa brillante auréola do sol, que conducía un carro polo ceo cada día ata o Océano que circundaba a terra e regresaba por este cara o leste pola noite. Homero describe o carro de Helios como tirado por touros solares.

Carro na palleira
O home chegou á conclusión de que tiña que utilizar a axuda dos animais para transportar os produtos do campo, pois facelo el só, era moito traballo. Para elo utilizou vacas, bois, burros, mulas e cabalos, todos de gran utilidade, que non só axudan neste traballo concreto senón que ademais dan carne, leite e esterco para as leiras. En particular para o noso carro, quedouse cas xugadas de bois e vacas, deixando as cabalarías para outro tipo de carro.


Este conxunto, carro e animal, ten as súas peculiaridades, como un baixo mantemento, pero tense que ter a precaución e previsión de cambiar a peza que o reclame. As súas rodas xiran ó mesmo tempo xa que se atopan fixas ó eixe (noutras zonas teñen carros con rodas independentes).

Chegou un momento na antigüidade, en que se fixo o maior cambio na robustez do carro. Este cambio foi dotalo da ferra nas rodas, sendo así mais resistente ó desgaste, de aí que os camiños que teñen peneda no seu camiñar, están marcados pola súa rodaxe. É un feito que a incorporación do ferro ó carro, veo a mellorar o seu funcionamento, facéndollo máis resistente e duradeiro e quedando mellor adaptado para determinados terreos moi difíciles. O ferro fixo que as tarefas de mantemento foran mais espaciadas no tempo, como cambios ou reparación de rodas, e que o carro tivera unha vida máis longa.


Rodeiras de carro no camiño

Dependendo da ruta a recorrer, costa arriba ou abaixo, a súa carga facíase dianteira ou traseira, para facilitarlle o traballo á xugada.

Cando os animais non podían co peso, xa fose por exceso ou pola dificultade do camiño. Utilizábase outra xugada, situándoa por adiante da outra, esta operación denominábase dar cambón

O carro está ao servizo dos labores propios do campo, transporte de materiais para arranxos nas leiras, levar a colleita á palleira ou canastro. Nos carros veñen as gavelas dos toxos rozados para facer a cama dos animais, carrétase a herba, a leña, os mollos de centeo ou trigo cara a aira. Tráense as patacas entre os ladrais así como a folla para as cortes.

Das cortes saen os carros de esterco para as terras nas que logo se sementarán o millo, o centeo os nabos etc.

O carro é un medio indispensable para a realización de tarefas non agrarias que precisa, en moitas ocasións da colaboración e axuda dos veciños. 

Rodeira na peneda
Como poden ser os traballos para a construción de vivendas, transportar a pedra dende as canteiras, traer as trabes dende as touzas, que servían para as construcións rurais. Ou transportar materiais para a reparación de camiños veciñais, para o que se xuntaban os usuarios de eses camiños. Adoitaban reunirse para tomar ese tipo de decisións ó saír da misa, sendo o encargado de convocalos, o pedáneo da parroquia.

Era normal que varios veciños se xuntaran para facer esas carretas, así como para algunha das operacións agrarias, como pode ser o transporte de mollos, despois da seitura, para o que se puñan de acordo un grupo de dous ou tres veciños. Facendo as súas carretas, unha despois da outra.

Cando eran por un motivo fora do común, acostumábase a facer polo “hoxe por ti e mañá por min” polo que non se cobraba, soamente a “mantida”. Comían tanto o veciño como a súa xugada.

O carreteiro era o adicado a facer transportes para os demais, có seu propio carro, e para elo estipulábase un valor monetario. Como unidade de medida úsase o módio, que dependendo do material a cargar, son necesarios tantos para encher un carro dunha xugada.

https://www.facebook.com/O.Ciclo.do.Pan.

Na enquisa realizada polo Catastro do Marqués da Ensenada, a mediados do XVIII, a estimación da produción de leña, de herba ou toxo dunha superficie calcúlase por carros. Nas respostas xerais á pregunta 12ª sobre a cantidade de froitos de cada xénero que produce, unha medida de terra, á que contestan os veciños que segundo a calidade producen tantos carros, en canto espazo de tempo. O valor monetario tamén se lle estipula a cada carrada dependendo do produto que carrexa, o valor que teñen ordinariamente, un carro de herba, un carro de leña ou toxo, costa tantos “reales de vellón”.


Foto de Ruth M. Anderson

Como medio de transporte que foi, o carro serviulle ós nosos devanceiros para carrexar aqueles produtos que podía vender para conseguir os escasos cartiños cos que poder subsistir en tempos de penuria. Chegaban a baixar dende a nosa zona a vender os produtos ata a capital. Na seguinte foto de Ruth M. Anderson, vemos os carros na rúa do Progreso nos anos 20 de século XX, neste caso trátase de unha carretada de madeira.

Recordo oír comentar a meu pai, que durante as obras do ferrocarril, que remataron no 1957, na nosa zona aumentou moito o consumo de viño. Debido a isto tiñan que baixar ata a zona de San Cibrán das Viñas a mercar o viño que logo subían nos carros, cargando as pipas da mellor forma posible. Chegando no momento de maior intensidade das obras, a ter que carretar case cada semana. O avó baixada o domingo a mercar e o luns saía meu pai co carro a por el.

O meu avó materno tamén me contaba que cando tiñan algunha parte sobrante das colleitas, baixaban cara Ourense no carro a vendela, tendo que pagar o Fialato na entrada da capital.


Outras funcións, non agrícolas do carro eran as propias da matanza. Ademais de servir para a mata propiamente dita, na que se deitaba o porco ó longo do chedeiro. Utilízase como mesado para estremar as tripas, ir colocando as pezas que irán ó saleiro e depositar os chourizos antes de atalos nos lareiros. Nas festas das aldeas podíanse ver acondicionados como expositores para as lambetadas dos rapaces ou como mostrador para as copas dos maiores.

Filgueira, o tiro do carro. 

Son moitas as aldeas que nas súas festas sacan as rúas os carros. Próximos a nós, en Guamil, a noite do 14 de Agosto sacan un carro que debe cantar, a el van subindo os rapaces e as mulleres, mentres os mozos turran del. No pobo de Filgueira en Pontevedra, a maior atracción das festas e a carreira de tiro do carro. Trátase de unha carreira de 120m por parellas, que turran do carro xunguidos co xugo nos ombreiros como se fosen unha parella de bois ou vacas de antano.

En Chantada teñen o Folión de carros. No arranque das festas patronais, o sábado pola noite ten lugar un desfile de carros do país tirados por bois, sobre os que se representan diversas escenas de oficios tradicionais e de labores agrícolas.

No entroido de Laza, no domingo de estrea, teñen a subida da bica, antigamente realizábase nun carro tradicional, o luns de entroido tamén se facía o reparto da cachucha sobre un carro.

O Santo Cristo de Laza é a segunda festa en interese no pobo de Laza. Trátase dunha celebración relixiosa, si ben puidera ter un orixe pagán, segundo os historiadores. Desenvólvese a carón da festividade dos maios, da exaltación da primavera e da fertilidade da terra, tan tradicional celebración en toda a provincia de Ourense. A celebración comeza o 27 de abril. Os veciños, ataviados con un carro de vacas, saen durante a noite cara o monte á procura dun Maio. Este, tratarase dunha árbore de grandes dimensións, xeralmente un pino ou eucalipto. O Maio será transportado desde o monte ata un lugar simbólico do pobo de Laza durante a noite, coa sempre forza humana e a axuda do carro.

O Meco no carro, nas Teixugueiras 

Nas Teixugueiras (Cartelle) o carro do meco fai un percorrido portando ó meco que representa un antigo cobrador de impostos, que recibe golpes de todos os veciños. O meco adoita levar o nome dun político ou personaxe do que se fai sátira. O luns é a feitura e bautizo do meco. Os veciños van o monte do Outeiro da Choza a cortar o tronco e a labrar o meco. 

E o martes paséase ó meco nun carro que se lanza polos carreiros nunha festa na que participa todo o pobo, na “turra da corda”, loita entre os partidarios de levalo cara un lado e os que o queren levar cara o outro.


Todos escoitamos algunha vez a historias referida a lendas de tesouros que se atopan por toda Galicia; esta consiste a veces en dúas trabes ou vigas, unha de ouro e outra de alcatrán ou veleno. É frecuente que a trabe de ouro deba ser posta ó descuberto polas rodas dun carro ó ir afondando as carrilleiras, entón o que leva o carro pasa a ser dono do tesouro.

As lendas medievais recorren a el para explicar acontecementos que xustifiquen a presenza de santos dun determinado lugar. Así, San Rosendo foi bautizado en San Miguel de Celanova porque foi neste lugar onde rompeu a roda do carro que transportaba a pía bautismal.

O corpo de Santa Eufemia acabou na Catedral de Ourense porque ó ser achado na fronteira, xurdiu un conflito entre galegos e lusitanos, xa que ambos os dous querían para si os sagrados restos. En bo acordo, decidiron que a sorte decidise e, para o efecto, puxeron o corpo nun carro, ó que xunguiron dous bois bravos e os deixaron marchar libremente. Os animais camiñaron ata que se detiveron á entrada da cidade de Ourense.



A Franqueira (www.turismo.gal)


Da mesma maneira han de ser dous bois tirando dun carro quen diriman as disputas entre pobos veciños para levantar as ermidas nunha chea de lugares de Galiza, como a Virxe da Franqueira (a Cañiza) ou a Virxe do Monte (Loña do Monte). 




E serán novamente os bois bravos da raíña Lupa os encargados de trasladar o corpo do apóstolo Santiago unha vez que este chegue a Padrón por vía marítima.

Unha lenda popular conta que San Mamede retirouse ao cume da serra que hoxe leva o seu nome e alí construíu unha ermida. Para levar a pedra serviuse dun carro tirado por dous corzos e como o lobo comeu un deles o santo castigouno a apañar pedra facendo xugada co corzo que quedara vivo.

Outra costume arraigada en varios lugares e a noite das trasnadas. Esta consiste en recorrer o lugar collendo das casas os carros, arados e mesmo as cancelas para deixalas en calquera lugar de difícil acceso pero ben visibles, para maior vergonza do veciño que tiña que ir recuperar a súa propiedade ó día seguinte, sen dereito a queixa.

A data varía en cada lugar, pode ser a noite de San Xoán, a noite antes do domingo de Pascua, a noite do San Pedro e moitas mais, En tempos que eu recorde, na Ponte Ambía de Abaixo, case sempre lle tocaba o señor Tomás, o tío do Pepe das Peles. Adoitaban aparecerlle os carros do pobo no seu patio e as escaleiras de subida ó corredor, cheas de apetrechos, cancelas e arados.

Na Retorta (Laza) teñen unha tradición semellante, “a noite das trampas”,  na noite do sábado de Pascua. No que entre outras trasnadas, saian atrancar os camiños, sacaban os carros fora e deixábanos nalgún lugar do pobo, intercambiaban os burros de corte, colgaban os arados nas árbores ou nos balcóns. 


Sábado Longo www.facebook.com/OsXuncos

En Xunqueira de Espadañedo, esta tradición chámase o “Sábado longo”, dende sempre, os mozos pola noite van buscar os carros as palleiras e lévanos para o Sagrado a noite anterior ó Domingo de Pascua. Colócanos cos cabezallos levantados e enfrontados dous a dous, facendo unha especie de ponte, e decóranos.  A xente que vai a misa ten que pasar por debaixo. Hoxe esta tradición uniuse ca música tradicional dando resultado a unha interesante mestura.


Roda do carro 

Os carros cantan porque o eixo ao xirar refrega con forza contra outras pezas de madeira. O seu son causa unha fonda emoción nas xentes, por outra banda, buscaban e desexaban que o seu carro emitise ese inefable e característico renxer. Este son é definido tradicionalmente como “canto” e non como ruído, o que xa é suficientemente demostrativo, pero incluso unha das pezas do carro que intervén na emisión do son, denominase cantadeira. Deste xeito, achamos que para os galegos o carro ten, a parte do seu uso funcional, outro claramente musical que se busca deliberadamente.

Os carros adoitan cantar cando van cargados, aínda que tamén algúns o fan de baleiro. Chegando a apertar os apeladoiros para que o canto fose mais notorio. Chegando a escoitarse “O meu canta máis que o teu” nunha clara loita por ter o carro máis cantarín.

O cantar dos carros tiña varias funcións na nosa cultura tradicional. Temos escoitado en moitas aldeas que polo cantar característico de cada carro identificábase o seu dono; en algures din que o canto arreda aos malos espíritos, pero a función máis evidente é eminentemente práctica: avisaba da entrada dun carro nunha corredoira, evitando así a incómoda situación de atoparse con outro que viñese en dirección contraria. Outra función é simplemente ornamental, pois o seu fondo e penetrante lamento casa á perfección co gusto morriñento dos galegos, e a xente gustaba de escoitar este curioso son, tan abundante ata non hai moito nas tardes de primavera e verán, e por iso o buscaba e provocaba intencionadamente. Ó mesmo tempo que o carro cantaba, quen o levaba tamén o facía, poñendo letra ó canto do carro.



www.quepasanacosta.gal 


Os carpinteiros encargados de facer os carros, eran os chamados fragueiros, que comezaban a tarefa elixindo a arbore mais adecuada, para cada peza, no monte. Na Ponte Ambía quen os facía era o “Ferreiro”


Pedra para dobrar a ferra das rodas 






Recordamos como ferraba os carros ó lume na aira, despois de dobrar a ferra na pedra que tiña ca forma na porta da palleira.






Dependendo da zona as madeiras utilizadas na construción do carro podían variar. As máis utilizadas na nosa comarca en cada unha das pezas principais do carro son:

-          Calouqueiras: amieiro e bidueiro

-          Apeladoiros ou Treitoiras: carballo

-          Eixe: freixo, amieiro, bidueiro, carballo, sendo o de cerdeira o mais desexado.

-          - Rodas: carballo

-         Chedeiro: carballo ou bidueiro

-          - Cadeas: carballo

-          - Chavellas: carballo e salgueiro

-          Latas: castiñeiro, bidueiro, carballo ou pino.


Partes do carro 

O carro divídese en dúas partes ou conxuntos de elementos, o chedeiro e o rodeiro.





Chedeiro é a plataforma na que se deposita a carga, formado polas seguintes pezas, cuxos nomes varían un pouco segundo a zona, vémolas segundo a nosa denominación.

-          Chedas: son os largueiros que dan forma ao carro e sobre as que se arman as restantes pezas do chedeiro. A súa constitución varía dunhas zonas a outras dando lugar a diferentes tipos de carros.

-          Pinallo ou cabezallo: parte dianteira do carro na que van inseridas as chavellas que serven para amarrar o xugo. Nalgúns tipos de carro o cabezallo é independente das chedas, noutros está formado pola unión das dúas chedas, formando unha peza única.

-          Cadeas: son as travesas que unen as dúas chedas conformando, xunto con elas, a estrutura do chedeiro. O seu número pode variar dependendo da lonxitude e a robustez do carro.

Chavellas no cabezallo.


-                  Chavella: peza estreita de madeira que atravesa o cabezallo e serve para suxeitar o carro ó xugo, por medio do temoeiro. Tamén se chama así unha peza para suxeitar igualmente o arado e o cambón.













-            Calouqueira: Peza alongada que vai debaixo de cada unha das chedas do carro, sobre a que xira o eixe, nun rebaixe semicircular feito para tal fin, chamado cantadeira.

-            Latado, piso ou sollado: a estrutura formada polas chedas e as cadeas vai cuberta por unhas táboas, chamadas latas, que forman o piso do carro.


-            Apeladoiro: Cada unha das dúas pezas que descenden dende as chedas, cruzan a calouqueira e suxeitan o eixe. O traseiro e fixo, sendo o dianteiro móbil,  para apertar o eixe contra a traseira e a calouqueira. Impedindo que se desencarre o carro e facilitar que cante, ó forzar o roce entre eixe e estas tres pezas. 

Apeladoiro dianteiro
Apeladoiro traseiro


-            Cuñas: Cada unha das pezas que apertan os apeladoiros contra o eixe do carro. Foron substituídas polo torno, nos carros mais actuais.




-              Bios: Especie de pivotes rectangulares postos debaixo das chedas do carro para tensionar o sedeño co que se ata a carga. Leva catro a cada lado, dous adiante e dous atrás da roda, e son de carballo. Tamén se chaman bios, a uns tacos circulares de madeira a modo de pernos, que se utilizan para fixar a calouqueira e as cadeas sobre a cheda.

-                Furas: cada cheda leva cinco furos pasantes de sección rectangular, nos que se meten os estadullos e logo tamén levan outros polas que entran os apeladoiros ou treitoiras.

   

-              Torno: último e polo tanto o mais moderno elemento engadido ó carro, sería un elemento que substituiría as cuñas dos apeladoiros. Trátase de un soporte metálico en L con un paso para un parafuso tamén metálico. Con el apertase o apeladoiro contra o eixe, ben sexa para que cante ou para que funcione como freo en descensos moi pronunciados.


         Cubre-eixe: peza a modo se telladiño que fai de protección para a zona onde roda o eixe, evitando que lle entre sucidade que cae da carga, sobre todo líquidos que caen de unha carrada de esterco.




Rodeiro e a parte que permite que o carro rode, está formado polas seguintes pezas, así chamadas na nosa zona (nos últimos tempos do carro, fixéronse moitos con rodas integramente metálicas).

Rodeiro do Manolo de Pumares 



          Eixe: está constituído por unha sola peza, por ser móbil é un dos elementos di ferenciadores do carro con respecto a outros sistemas de transporte. Debe ser moi robusto e resistente ao desgaste. É o responsable do cantar característico dos carros, para o que se lle facía unha rañura lonxitudinal central, na que se metería un coio virolo para afinar o canto. Pode ter sección redonda, octogonal, hexagonal ou incluso cadrado.


         
Mión: peza central da roda, que vai no medio das dúas cambas, na que encaixa o eixe. Trátase da peza mais robusta, para aguantar o esforzo sufrido cando rousa o rodeiro. Por este motivo as rodas estaban contrapeadas, si unha ten o mión vertical, a outra roda debe estar horizontal.


-              Camba: cada unha das dúas pezas semicirculares de madeira que forman parte da roda. Encaixan no mión por medio de dúas pezas chamadas rellas, que fan de guías para a montaxe.

-             Ollal: burato de forma cadrada e cónica que ten aberta no mión a roda do carro, por onde pasa o espigo do eixe.

-             Relleiras: son a alma da roda, actúan como unión e reforzo entre as pezas que a forman mión e cambas. Teñen aproximadamente 60 cm de lonxitude e están rematadas en forma de cuña. Móntanse dúas en cada roda atravesando o mión e ensartándose a presión nas cambas, facendo de guía para a súa montaxe.


-            Ferra: lámina de ferro que recobre a roda todo o arredor, pode ser enteira ou partida. Se fose partida, iría amarrada con cravos. Cando é enteiro, está ferrado ó lume, esta operación realizaríase, primeiramente facendo esa ferra de unha medida uns milímetros mais pequena en diámetro que o da madeira. Quentaríase con lume para que dilatase, a continuación colocaríase sobre a madeira e enfrearíase con auga, quedando cinguida á madeira, non precisando cravos.

-            Sobrerrellas: son uns ferros fortes curvados que van sobre a cara da camba e serven de reforzo.

-            Ollo, galga ou ceo: burato entre as cambas e o mión da roda do carro. Normalmente  de forma semiesférica. Estaba deseñado para alixeirar o peso da roda e para reducir a presión que exerce a auga cando se cruzaba un regueiro ou unha corrente de auga.

-            Lamias ou vincallos: son unhas cintas de ferro que van amarradas ó mión con cravos de cabeza. A súa misión é que o mión non fenda polo esforzo, leva dúas polo lado exterior e outras dúas polo interior da roda.

-            Espigo: extremo do eixe polos dous lados, ten sección cadrada ou rectangular, sendo cónica e encaixa no ollal da roda.


-            Borrós: leva dous, un a cada lado e son de salgueiro ou de freixo, que cruzan o eixe e suxeitan á roda, a modo de pasador. Ten sección cadrada, pero a cara exterior ten un pequeno ángulo para apertar ben, tendo cabeza por un dos extremos. Polo outro lado, na parte que sae do eixe, suxéitase con un pequeno perno. Nos carros mais modernos esta peza e de ferro.


-            Artello: cadrado metálico para protexer a cabeza do eixe do rozamento contra as pedras das paredes nos camiños.



-Complementos

 

-            Estadullos: feitos normalmente de carballo leva cinco en cada cheda. Poden ser de diferentes formas e tamaños, dependendo da carga que suxeiten. Principalmente son de tres tamaños e formas.

Os mais longos, de sección redonda, utilízanse maiormente para a leña o millo ou a folla, este ultimo caso estarían combinados cos ladrais. Os de tamaño medio, con sección piramidal rematados en punta, usábanse principalmente para a herba e os mollos. Os mais pequenos, de sección redonda empregábanse para o esterco e as patacas, se estas viñan en sacos. Se polo contrario se traían soltas, poríanse os ladrais.




-             Ladrais: táboa delgada e curva que se coloca unha enriba de cada cheda, por entre os estadullos e que se emprega para soster a carga, cando esta é pequena, sendo complicado suxeitala de outra maneira.



-            Sedeño: Corda para suxeitar a carga do carro, cruzábase de un lado ó outro da carga, enganchando por debaixo do chedeiro nos bios tensando en cada paso e volvéndoo para o outro lado. Rematando ó final de adiante atrás.

Poden ser de diferentes formas e tamaños, dependendo da carga que suxeiten, se a carga fose moi voluminosa, faría falta mais grande que para unha carga mais pequena. Inicialmente facíanse trenzando xuncas, ou serdas, logo evolucionou facéndose de cáñamo.



Dependendo da zona, a xugada que levaba o carro, ía xunguida con un xugo, segundo a estrutura, podía ser o xugo da canga, o xugo de cancís ou o xugo de mulida, que era o mais utilizado na nosa zona e ten unha variante, o xugo da arica. (Os xugos verémolos con mais detalle noutro caixón).


Un gran coñecedor e estudoso do noso carro e Elixio Rivas Quintas, que no seu libro “O carro e a carreira” fálanos del e o seu léxico.



Un dos maiores investigadores sobre o carro galego foi Xoaquín Lourenzo Fernández “O Xocas” Dise que o carro constituíu o seu tema preferido de estudio, e que foi a este aparello de transporte ó que Xaquín Lorenzo ten dedicado máis tempo e esforzo investigador. E que representa o mellor do seu talento en todas as súas habilidades.

Publicou a “Nomenclatura do carro galego”, onde se pode ver a riqueza do vocabulario do idioma galego, ca diversidade de nomes para unha mesma peza. 


Publicou “O carro galego no folclore”, no que recolle un gran número de refráns, lendas, contos e cancións que teñen como obxecto común ó carro.  E fixo un estudio específico sobre a roda do carro galego. 


“O carro e o home” é un filme documental en branco e negro dirixido por Antonio Román (director entre outras de “Los últimos de Filipinas”) e guionizado entre Xaquín Lorenzo e o propio Antonio Román. Foi rodado en 1940 e estreado en 1945. Finalizada a rodaxe, o filme quedou sen sonorizar. Xaquín Lorenzo gardou unha copia en Ourense que se restaurou e sonorizou en 1980, cá propia voz do “Xocas” en galego, grazas ó impulso de Eloy Lozano e a colaboración co Museo do Pobo Galego. Carlos Serrano de Osma sonorizou en castelán outra copia pola súa conta en 1945.

O Carro e o Home -Fotograma 

É un relato da vida do carro galego, na cal interveñen veciños da aldea de Facós, no concello ourensán de Lobeira. Xaquín Lorenzo e Antonio Román achéganse á vida no rural a través do carro, un símbolo da cultura material galega.

O filme fíxose con poucos medios, aproveitando que Antonio Román tiña a súa propia cámara e unha pequena moviola na casa. Tiña un orzamento de 8.000 ptas (48 euros) que se investiron para levar ó laboratorio os 100 planos dos que se compón.




O carro e o home - Documental de Antonio Román e Xoaquín Lorenzo (1941).



O carro non só está presente fisicamente no día a día do labrego, senón que aparece de forma inmaterial en varios aspectos da nosa cultura.

Podémolo atopar no refraneiro propio:

-          Abril quente e mollado, carga o carro i engorda o gando.

-          A muller i o home honrado, polo camiño do carro.

-          Auga de abril enche o carro i o carril.

-          Carro derradeiro, ben cargado, ben baleiro.

-          Marzo airoso, abril chuvioso, maio pardo e san Xoán claro valen máis que os bois e o carro.

-          Arrieiros somos e no camiño nos atoparemos.

-          Nin por arrodeo nin por atallo deixalo camiño do carro.

-          0 millo mesto vai no cesto; o millo raro vai no carro.

-          Home parado non carga o carro.



Vexamos algúns exemplos dentro da nosa lírica tradicional:



Carriño, que cando cantas

é cando levas máis peso

moita carga levar debe

meu corazón cantareiro.



Se queres que o carro cante

mételle o eixo no río

despois co eixo mollado

canta coma un asubío.

No galego temos varias frases feitas que empregan o carro para darnos explicación sobre temas diversos:

-          Por o carro por diante dos bois. (Cando nos referimos a algo que non está ben feito, ou que nos adiantamos a algo).

-          Tira mais un pelo de c... que un carro de bois. (Cando se fala do verdadeiramente importante para o home, a muller).

-          Anda atrás do carro. (refírese á persoa que se deixa levar por calquera).

-          Fágoche menos caso que se cantara un carro! (Cando non nos interesa aquelo que nos din).

-          Tirar a pedra despois que pasou o carro. (Cando facemos algo a destempo).

-          O mellor carro pode torcer. (Non por toda a confianza en nada).

-          Nin por arrodeo nin por atallo deixalo camiño do carro. (Para non ter dificultades e ir sobre seguro).

-          Dar cheda. (Refírese a axudar á xugada empuxando no carro, aplicable na vida a acción de axudar ós demais).

Ás veces o calor desprendido do rozamento do eixe, facíao quecer en demasía, de aí o sonado dito “árdelle o eixe!” ou a copla:

Árdelle o eixe,

árdelle o carro,

para Manolo,

que hai que mollalo.

A recomendación de cortar a arbore para o eixe, con algo de sobre medida, para non levar unha sorpresa:
 -  0 longo do eixe, de nove cortado e de oito botado. (Medida en cuartas).





Fuxan os Ventos e mais concretamente Mero, púxolle música a un poema de Manuel María e de esa unión saíu “O Carro” no disco “Tequeletequele” en 1977.

Fuxan os Ventos – O carro




Como complemento, facemos un pequeno índice toponímico da contorna de Ourense relacionado, directa ou indirectamente coas designacións das pezas do carro, aínda que a súa etimoloxía non sempre corresponda estritamente a este indispensable elemento na vida dos nosos devanceiros:

Río Camba (Rúa de Ourense), Camba (San Salvador), Cambatoria (San Pedro de Allariz), Cambela (Santa María de Vilardá), Cambela (Santa María), Camgas (Santa María), Carril (San Pedro de Trasalba), Carrilleiras (San Xoán de Barrio), Carrofeito ((San Pedro de Espiñeiro), Roda (San Salvador de Vilanova dos Infantes), Rodas (San Xulián de Astureses), Rodeiro (Santa María de Avelenda), Xugueiros (San Pedro de Allariz).

www.edu.xunta.gal



Arredor do carro, e da súa utilización, podemos atopar varias palabras relacionadas con el. 

-   Carrada ou carretada: cantidade que un carro pode transportar de unha soa vez. 

-   Carreta: xuntanza de varios veciños cós seus carros, que se unían para transportar material, principalmente para obras comunitarias ou en vivendas particulares. 

-   Cambón: aparello co que se unen dúas xugadas de bois ou vacas ao mesmo carro, para axudar a tirar cando a pendente e moi excesiva. Tamén se utiliza para turrar da agrade, o carrasco ou a corza. 

-   Xugo: instrumento consistente nun largueiro de madeira que serve para xunguir as xugadas de bois ou vacas e utilizalas para os traballos de tracción que lle son propios: arar, carretar, agradar. Temos tres tipos de xugos: dous de pescozo, o xugo da canga, e o xugo de cancís, e outro cornal, chamado de mulida ca súa variante o xugo da arica. 

-   Temoeiro: Peza de coiro có que se amarra o cabezallo do carro, o temón do arado ou o cambón, ó xugo. 

-   Módio: medida de orixe romana e medieval de capacidade para cereais de medida variable segundo os lugares. Dependendo do material a cargar, son necesarios tantos para encher un carro dunha xugada. 

-   Gavela: feixe de estrume, toxos, xestas que se fan na roza e que se cargan con unha forquita. 

-   Mollo: feixe de centeo, trigo ou cebada que se fan na sega, xúntanse no eido en medoucos. Logo lévanse á aira e fanse as medas, quedando á espera de facer a malla.

Cando tocaba cargar o carro, dependendo da carga, tíñanse que ter en conta varios condicionantes. As carradas mais voluminosas eran as da herba, o centeo e a leña, cando esta se traía sen tronzar.


A herba, debido a o seu menor peso, facía que se intentase cargar a máxima posible, sempre que o recorrido o permitise. As dúas condicións que nos podían obrigar a cargar menos, serían: que o camiño ata a casa fose moi pendente ou que non estivera ben limpo. Si no percorrido, que normalmente era por camiños do ancho xusto para o carro, nos atopábamos con arbores que o pecharan, tanto en altura como lateralmente, isto facíanos ser mais precavidos á hora de cargar. 



www.cobodelaherranz.blogspot.com



                                   https://www.facebook.com/O.Ciclo.do.Pan. 

Había auténticos especialista para cargar estas carradas tan voluminosas, distribuíndo correctamente a carga nas partes correctas do carro. O mellor valorado era aquel que cargaba un carro de herba, metendo a maior cantidade posible e sen que se lle escorrera. Cada forcanzada que lle botaban desde abaixo, el iría dándolle forma para colocala no lugar preciso, sabendo onde tiña que trepar, anchear ou estreitar a conveniencia. Posto que cando se superaba a altura dos estadullos, xa non tiñas o seu amparo. 

Outras cargas que tamén precisaban de unha mínima técnica para facela, eran os mollos e o esterco, os primeiros pola súa colocación no carro e o segundo sobre todo por ir arrincando debidamente as capelas na corte, e facer a rastrada correcta para cada posición dentro do carro.

Tamén cumpría afinar á hora de ir cargando a folla, mais de unha vez nos pasou que subiamos demasiado os ladrais antes de encalcar ben, e víñasenos abaixo parte da carga xa colocada.


Carro podrecendo







Nos seus últimos tempos, os carros esmorecen podrecendo nas palleiras ou decorando os xardíns, solo se salvan aqueles que teñen sorte e caen nalgún museo ou similar. Son poucos os conservados en perfecto estado, como antano. Mantidos en condicións por auténticos namorados das herdanzas do tempo.







Lonxe queda aquel cantar que mantiña limpos os camiños, xa solo queda unha tristura no corazón, en aqueles que tivemos a honra de escoitalo. Eses tempos non volverán como fai a andoriña, eses carros.... non volverán.

Temos que conformarnos con recordalo con ledicia, sabendo que foi tan importante para os nosos devanceiros, xa que sen a súa axuda a historia non tería sido o mesmo.


Xardín particular en Mira de Cima (Coles)


Vemos uns vídeos sobre os carros:

O carro desaparece do rural galego.



"Construción dun Carro do País" - Por Manuel Olmo.



Carro en Requián (Parada do Sil).



Carro en Requián (Parada do Sil).



O carro galego na TVG (fragmento de "no bico un cantar")



O carro galego. Proceso de montaxe.



Canta o carro.






Que non deixe de cantar o carro na nosa vida.

Non esquezamos aquelo que nos fixo ser o que somos.

Teñamos presente aquelo que fomos.

Sexamos agradecidos ca historia construída.

Foto de Javier Torres





Unha mágoa ver así este indispensable elemento na vida dos nosos devanceiros, que sendo un símbolo da cultura material galega, non fomos quen de adaptalo á modernidade de agora.











Conto que fose do voso agrado. 







Agradecementos

Como non pode ser menos, teño que agradecer a axuda recibida de moitos de vos. Xa fose compartindo información para poder realizar este traballiño, que fixemos con moito agarimo, cedendo fotos ou recordando aquelas cousas xa case esquecidas.

O principal causante de todo isto foi Benxamín Blanco Simón, que tirou a pedra e caeu no meu tellado.

Referencias bibliográficas:

https://www.cope.es/emisoras/galicia/pontevedra-provincia/pontevedra/noticias/carrera-tiro-del-carro-filgueira-prepara-una-version-infantil-para-2020-20190910_494132

http://www.woodmodels.es/gl/product-detail/carro-romano-galego/

https://www.largallegosevilla.com/2012/10/05/un-carro-cargado-de-historia/

http://www.rubillon.es/articulos/articulo/tadicion_de_rubillon/caminos_transporte_carro_en_rubillon.html

http://www.tecnoloxia.com/carro//carro_gal/index.html

http://www.consellodacultura.gal/asg/instrumentos/os-idiofonos/o-carro/

http://www.sociedadecolumba.com/articulo/o-carro-do-pais

https://gl.m.wikipedia.org/wiki/Xugo

 X. LORENZO FERNÁNDEZ: O carro no folclore de Galicia. Museo do Pobo Galego.

Xosé Antonio Fidalgo Santamariña - XAQUÍN LORENZO FERNÁNDEZ: Comentario a unha entrevista.

Centro Ramón Piñeiro – Refraneiro galego

https://gl.wikipedia.org/wiki/O_carro_e_o_home

https://www.facebook.com/O.Ciclo.do.Pan.en.Allariz

http://25aniversarioiespraiabarrana.blogspot.com/2011/12/o-carro-e-o-ghando-en-cures-seghunda.html

https://ourense-natural.es/carnaval_ourense/pro1501.htm

https://gl.wikipedia.org/wiki/Helios



Espero os comentarios, correccións ou dúbidas.





14 comentarios:

  1. Un grandísimo traballo, e de de logo moi completo. Parabens.

    ResponderEliminar
  2. Moi bo e moi completo traballo. Noraboa.

    ResponderEliminar
  3. Moi bo artigo e ben explicado.parabens

    ResponderEliminar
  4. Parabéns. Unha pasada e un estupendo traballo de investigación, como todos os que fas. Mais esto precisaba dunha edición en papel.

    ResponderEliminar
  5. Excelente traballo, non so polo contido técnico-que tamén- senón polo sensitivo e emocional, difícil de apreciar sen telo experimentado.
    Pasei parte da miña infancia na aldea de O Mato, preto de Allariz, cos avós e entre carros. Sei o que ir dar cabón ao vecino que se lle atugara o carro no regueiro, mais tamén unir dous carros para levar cunha soa xugada carga voluminosa, pouco pesada e por bo camiño.
    Na matanza tamén utilizabamos o carro aínda que desmontado do eixo para que tivera menos altura.
    Coñezo ao dono da xugada do ciclo do pan:é de Queiroás, mais hoxe xa non se podería facer esa foto.
    Aínda participei en algunha trangallada ou trasnada acompañando aos maiores.
    Moi interesante o das lendas: sobre algunha teño traballado recentemente
    Os carros cantan.Nos tivemos un alcalde que prohibiu mediante bando que entrasen na vila "chirriando" e lembro ao meu avó tirar do peto unha pequena pela de xabrón e untar o eixo para non molestar aos señoritos vilegos. O noso can daba conta da cercanía do carro polo canto deste
    Tamén presenciei como se puñan as ferras ao lume: aquelas eran eternas.
    Alusións imprescindibles ao Elixio e o Xocas.
    Interesante refraneiro. Eu tamén teño escoitado que os carros non volcan nos sitios difíciles.
    Dous dos topónimos son da miña zona: Cambatoria e Xugueiros, mais tamén temos un Rodicio.
    Sei ben o que significa conquerir a rastrada de esterco axeitada para segundo que parte do carro.
    Moi de agradecer os enlaces de videos e a bibliografía.
    En resumo, parabéns e agardando polo seguinte caixón.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas Toño, seguiremos logo neste camiño. Do carro poderíanse engadir aínda moitas cousas, pero alargábase moito.
      O Rodicio eu interpreto como do muíño.
      Graciñas de novo.

      Eliminar
  6. EU vin algún na miña xuventude. Nuns anos serán pezas de museo. Excelente traballo de investigación

    ResponderEliminar
  7. Maravillosas imaxes...un traballo de síntesis espectacular...cuando persoa ama o que fai, nótase!!!!...os meus paravens compañeiro!!!!

    ResponderEliminar
  8. Grazas por ensinarme mais sobre o transporte mais empregado da historia humana( despois dos pes).
    Recordame que aquelas marcas nas pedras deixadas por centos e centos de rodas son parte do noso patrimonio.

    ResponderEliminar
  9. No teu tellado caen moitas pedras, e todas recolles aínda que traian atrás moitas horas de traballo e dedicación.

    Moi bosque traballo, un gusto poder lelo, esperamos o próximo

    ResponderEliminar